Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2022 Páx. 18270

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Cervo

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de protección do xacemento da Atalaia, asentamento de carácter histórico e de singular valor arquitectónico en San Cibrao.

Mediante o acordo do Pleno do 17 de febreiro de 2022, en sesión ordinaria, aprobouse definitivamente o Plan especial de protección do xacemento da Atalaia, asentamento de carácter histórico e de singular valor arquitectónico en San Cibrao, concello de Cervo, o que se publica para os efectos dos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 199 e 208 do seu regulamento. O acordo literal é o seguinte:

«Acordo:

Primeiro. Estimar as alegacións presentadas por Manuel Rego Bermúdez, con NIF 33784922S en nome e representación de Norcapital Inversiones, S.L. con CIF B27468826, con rexistros de entrada 2020-E-RC-220 e 2020-E-RC-254, en relación co expediente de aprobación de plan especial, polos motivos expresados no informe dos servizos técnicos municipais do 26 de marzo de 2021 e do equipo redactor, do 22 de outubro de 2020 e, en consecuencia, introducir no proxecto as modificacións indicadas no devandito informe.

Segundo. Aprobar definitivamente o Plan especial de protección do xacemento da Atalaia, asentamento de carácter histórico e de singular valor arquitectónico, coas modificacións resultantes das alegacións formuladas e dos informes emitidos.

Terceiro. Publicar a aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, para os efectos do establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Esta publicación deberá realizarse no prazo dun mes desde a adopción da aprobación definitiva.

Cuarto. Comunicar o acordo de aprobación definitiva, en virtude do artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, á consellería competente en materia de urbanismo, para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, unindo un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado.

Quinto. Publicar no Boletín Oficial da provincia o documento que conteña a normativa e as ordenanzas.

Sexto. Remitir o expediente completo á Dirección Xeral da Costa e o Mar, a través do Servizo Provincial de Costas en Lugo.

Sétimo. Notificar individualmente este acordo a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales xa se lles tivese notificado a aprobación inicial deste plan».

Para os efectos do disposto no punto terceiro da parte dispositiva deste acordo, a ligazón en que se poderá consultar a documentación íntegra aprobada definitivamente é a seguinte: http:/cervo.sedelectronica.es

• Extracto ambiental.

I. Xustificación da integración no documento de planeamento dos aspectos ambientais.

Co PEP preténdese ordenar un ámbito de solo urbano ocupado polo xacemento arqueolóxico da Atalaia e a súa contorna creando un parque arqueolóxico e definindo unha serie de actuacións de acondicionamento e normas de protección.

O Plan supón unha diminución da superficie edificable prevista no planeamento vixente, xa que non se prevén usos edificatorios no ámbito e, ademais, propón a demolición das edificacións en desuso, o que se representa un efecto positivo sobre o consumo de solo, a paisaxe e a protección do patrimonio natural e do patrimonio cultural.

A alternativa escollida permite integrar de xeito harmónico a protección do patrimonio natural, da paisaxe e do patrimonio cultural coa súa posta en valor.

A proposta non afecta áreas estratéxicas de conservación, polo que non se ven afectados directa nin indirectamente xa que non provocan efectos negativos.

Por outra banda, ben que os terreos obxecto do PEP poderían considerarse estritamente fóra do ámbito do POL por tratarse de solo urbano, a proposta resulta compatible cos seus criterios, especialmente no que atinxe á limitación para establecer novas edificacións na área e pola proposta de demolición das existentes.

As ordenanzas reguladoras propostas inclúen as medidas necesarias para garantir a integridade da beira litoral, do consumo de recursos e do patrimonio arqueolóxico e etnográfico.

O PEP incorpora nas súas determinacións a lexislación comunitaria, estatal e autonómica de carácter básico e sectorial vixente que, xunto coa progresiva introdución de criterios de sustentabilidade nas diferentes normativas sectoriais de aplicación na ordenación do territorio, froito dunha maior preocupación pola tutela ambiental e territorial da sociedade, asegura a adopción de eficaces medidas de prevención dos posibles efectos negativos significativos sobre o ambiente derivados do desenvolvemento do PEP.

II. Xustificación de como se tomaron en consideración no documento de planeamento o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica, así como, de ser o caso, as discrepancias xurdidas no proceso.

No 20 de xullo de 2018 iníciase o procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PEP. O 24 de xullo de 2018 iniciouse un período de consultas previas á formulación do informe ambiental estratéxico por un prazo de dous meses e fixéronse públicos os documentos na súa sede electrónica. Ao mesmo tempo, consultouse a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, entre outras administracións públicas.

Mediante Resolución do 30 de outubro, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe ambiental estratéxico en que propón non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o PEP, ao considerar que non se producirán efectos significativos no ambiente.

Todos as observacións contidas nos informes sectoriais recibidos durante as diferentes fases da tramitación e os resultados da información pública foron incorporadas ao documento do PEP nos termos que se recollen no número 4 da memoria xustificativa.

III. Razóns da elección da alternativa seleccionada en relación coas alternativas consideradas.

III.1. Análise das alternativas:

Alternativa 0:

Vantaxes: -

Inconvenientes: o planeamento vixente delimita na zona unha unidade urbana (u.U.1) e estable nela unha ordenanza residencial mixta destinada a vivenda e usos complementarios, polo que permite a construción e baleiramento de soares coa posibilidade de alteración do xacemento como ten acontecido ata a actualidade.

– Alternativa 1:

Vantaxes: conservación do patrimonio e da paisaxe.

Optimización do consumo do solo.

Beneficio público ao crear dotacións de calidade.

Fomentar o seu valor como referentes cultural, didáctico e turístico.

Inconvenientes: obtención dos terreos.

– Alternativa 2:

Vantaxes: Conservación do patrimonio e da paisaxe.

Optimización do consumo do solo.

Mellor accesibilidade ao incorporar percorrido peonil.

Beneficio público ao crear dotacións de calidade.

Fomentar o seu valor como referente cultural, didáctico e turístico.

Inconvenientes: obtención dos terreos.

III.2. Xustificación da elección.

As diferentes alternativas propostas valoráronse segundo a súa adecuación aos obxectivos pretendidos para cada unha das variables de sustentabilidade analizadas (paisaxe, patrimonio natural e cultural, ocupación do territorio, sociedade, economía e mobilidade). Da valoración realizada, a alternativa 2 resultou como seleccionada. Esta alternativa busca poñer en valor o enclave mediante a estabilización e restitución das estruturas, a organización dos accesos e percorridos no ámbito e a divulgación dos valores antropolóxicos e culturais que presenta.

Tras o procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada e realizadas as consultas e exposición pública do PEP aprobado inicialmente, a alternativa proposta sufriu modificacións para a súa mellora consistentes na ampliación do ámbito de protección e a incorporación de edificacións existentes en desuso para a súa demolición.

• Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos da aplicación do plan no ambiente.

Tendo en conta a natureza e as actuacións consideradas na presente proposta, o seguimento ambiental deberá controlar os seguintes aspectos ambientais, coa finalidade de comprobar se o planeamento é coherente cos obxectivos pretendidos:

– Patrimonio: verificación do estado e evolución das medidas de restauración e conservación das estruturas. Farase seguimento de variables como superficie restaurada, superficie de recuperación etc.

– Actividade turística: farase un seguimento do fluxo de visitantes e, dadas as características do ámbito, poderá avaliarse o número de folletos explicativos do enclave, charlas informativos, visitas escolares etc.

Contra este acordo, como disposición administrativa de carácter xeral, pódese interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (artigo 84.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 201.1 do seu regulamento), no prazo de dous meses que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

Cervo, 22 de febreiro de 2022

Alfonso Villares Bermúdez
Alcalde