Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 14 de marzo de 2022 Páx. 17357

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 4 de marzo de 2022 pola que se modifica a Orde do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR500A), susceptible de ser financiado parcialmente polo Fondo Social Europeo (FSE), e o Programa II de microempresas (TR500B), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

O 18 de febreiro de 2021, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería de Emprego e Igualdade, do 17 de febreiro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR500A), susceptible de ser financiado parcialmente polo Fondo Social Europeo (FSE), e o Programa II de microempresas (TR500B), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Nas referidas bases recóllense as axudas do Programa I, que ten por obxecto contribuír ao mantemento das persoas traballadoras autónomas e dos seus negocios como parte esencial do tecido produtivo e da economía de Galicia, contribuíndo deste xeito á reconstrución da nosa sociedade na era poscovid, e as axudas do Programa II que teñen por obxecto apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia que desenvolven a súa actividade económica nos sectores máis afectados pola COVID-19 que teñen traballadores ao seu cargo, como elementos esenciais do tecido produtivo e da economía de Galicia, contribuíndo igualmente á reconstrución da nosa sociedade na era poscovid.

Inicialmente, as axudas do Programa II, apoio ao mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas, contaban con financiamento de fondos propios da Comunidade Autónoma, así como de fondos finalistas do Estado, pero unha vez xa publicada a convocatoria e avaliada a situación, considerouse conveniente asignar ao mencionado Programa de apoio ás microempresas 21.000.000 € de fondos REACT-UE no marco do PO FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

Dadas as obrigas que leva consigo este financiamento REACT-UE, modifícase a orde de convocatoria co fin de adecuala ás ditas obrigas; modifícanse as referencias aos fondos propios ou finalistas contidas nas bases da convocatoria, substituíndoas, cando procede, pola mención aos fondos REACT-UE no marco do PO FSE Galicia 2014-2020.

Igualmente, e para os efectos de identificar a orixe do financiamento, modifícase o título da norma para incluír nel a mención a que o Programa II de microempresas (TR500B) é tamén financiado con fondos REACT-UE no marco do PO FSE Galicia 2014-2020.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada da Comunidade Autónoma, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR500A), susceptible de ser financiado parcialmente polo Fondo Social Europeo (FSE), e o Programa II de microempresas (TR500B), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021

Modifícase a Orde do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR500A), susceptible de ser financiado parcialmente polo Fondo Social Europeo (FSE), e o Programa II de microempresas (TR500B), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, que queda modificada como segue:

Un. O título da orde queda redactado como segue:

«ORDE do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR500A) e o Programa II de microempresas (TR500B), financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do PO FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021».

Dous. O parágrafo dez da exposición de motivos queda redactado do seguinte xeito:

«– Programa II microempresas: axudas ás microempresas, persoas traballadoras autónomas con persoal a cargo. Este programa está financiado con 21.000.000,00 de €, financiados polo FSE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19 e con 5.109.000,00 € de fondo finalista e propios da Comunidade Autónoma, para aqueles sectores cuxa actividade estivese especialmente paralizada».

Tres. Engádese un novo parágrafo na exposición de motivos, co seguinte texto:

«A convocatoria está financiada parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19».

Catro. O artigo 2 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021; no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Así mesmo, por tratarse de axudas financiadas polo FSE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, é de aplicación e darase debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello; na redacción dada polo Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT UE); no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello, ambos os dous modificados polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018; así como na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020; Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimentos europeos en resposta ao gromo da COVID-19, e no Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria nos Estados membros e noutros sectores das súas economías en resposta ao gromo da COVID-19 (iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus)».

Cinco. O artigo 6 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 6. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

a) Programa I. Persoas traballadoras autónomas.

A subvención regulada nesta orde para o exercicio económico de 2021 ten un orzamento de 30.000.000 de €, que se financiarán do seguinte xeito:

Axuda

Aplicación

Proxecto

Crédito

Axuda xeral

11.04.322C.470.8

2021 00070

25.000.000 €-Fondos REACT-UE

Actividades especialmente paralizadas

11.04.322C.470.10

2021 00070

5.000.000 €-Fondos REACT-UE

b) Programa II. Microempresas.

A subvención regulada nesta orde para o exercicio económico de 2021 ten un orzamento de 26.109.000 €, que se financiarán do seguinte xeito:

Axuda

Aplicación

Proxecto

Crédito

Axuda xeral

11.04.322C.470.8

2021 00098

16.200.000 €-Fondos REACT-UE

Axuda xeral

11.04.322C.470.8

2021 00098

4.909.000 €-Fondos propios/finalistas

Actividades especialmente paralizadas

11.04.322C.470.10

2021 00098

4.800.000 €-Fondos REACT-UE

Actividades especialmente paralizadas

11.04.322C.470.10

2021 00098

200.000 €-Fondos propios/finalistas

Consideraranse especialmente paralizadas aquelas actividades que tivesen un descenso de facturación do 70 % nos termos establecidos nesta orde.

2. Tendo en conta que as persoas solicitantes da axuda dos sectores especialmente paralizados, para seren beneficiarias deben cumprir tamén os requisitos para recibir a axuda xeral, de remataren os créditos da aplicación 11.04.322C.470.10, estas persoas poderán ser beneficiarias da axuda da aplicación 11.04.322C.470.8 e polos importes establecidos nos artigos 19.1 e 31.1, respectivamente.

Se hai créditos sobrantes na aplicación que financia unha das liñas de axuda, poderanse empregar no financiamento da outra liña e, de ser o caso, tamén se poderán facer redistribucións do crédito entre os programas I e II da convocatoria. Dado que ambos os programas son obxecto de financiamento polo FSE, é necesario o informe favorable previo do organismo intermedio (actualmente Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos), sobre a modificación orzamentaria que corresponda, se é o caso».

3. As axudas obxecto de financiamento con fondos REACT-UE no marco do PO FSE Galicia 2014-2020 nunha porcentaxe do 100 %, teñen encaixe no obxectivo temático 13: «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía»; prioridade de investimento 13.1: «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía»; obxectivo específico 13.1.1: «Apoiar o acceso ao mercado de traballo, a creación de postos de traballo e o emprego de calidade, así como o mantemento do emprego, incluído o emprego xuvenil, e o apoio aos traballadores por conta propia e aos emprendedores» e liña de actuación 500 «Rescate autónomos».

Seis. A alínea d) do punto 1 do artigo 13 queda redactada do seguinte xeito:

«d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade e do seu financiamento polo Fondo Social Europeo como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de COVID-19».

Sete. Os puntos 5 e 6 do artigo 16 quedan redactados do seguinte xeito:

«5. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar con antelación ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles.

6. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida, no caso do incumprimento da obriga de comunicar con antelación ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles».

Oito. Engádese un novo punto 8 ao artigo 37, coa seguinte redacción:

«8. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo».

Nove. O artigo 39 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 39. Obrigas específicas das persoas beneficiarias dos programas II

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións, ademais das recollidas con carácter xeral no artigo 13, as seguintes:

a) Manter a actividade económica e o emprego durante 6 meses desde a data de publicación desta orde de axudas no Diario Oficial de Galicia.

Non se considerará incumprido o devandito compromiso cando o contrato de traballo se extinga por despedimento disciplinario declarado como procedente, dimisión, morte, xubilación ou incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, nin polo fin do chamamento das persoas con contrato fixo-descontinuo, cando este non supoña un despedimento senón unha interrupción del. En particular, no caso de contratos temporais, o compromiso de mantemento do emprego non se entenderá incumprido cando o contrato se extinga por expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto ou cando non se poida realizar de forma inmediata a actividade obxecto de contratación.

Para a xustificación do mantemento de emprego da obriga do parágrafo anterior, á persoa ou entidade solicitante comprobarase mediante o informe de vida laboral de código conta cotización que comprenda o período do mes da solicitude e dos seis meses de mantemento do emprego, unha vez cumprido este.

b) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

c) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 e polo Regulamento (UE) 2020/2221.

d) Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, das operacións e da cantidade de fondos públicos asignada a cada operación, así como outra información prevista no anexo XII, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 e polo Regulamento (UE) 2020/2221, en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

e) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os dous anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

f) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do FSE, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores».

Dez. O artigo 40 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 40. Incompatibilidades e concorrencia

As axudas previstas nesta orde serán compatibles coa axuda do programa I e coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas co límite establecido no marco temporal.

As persoas beneficiarias teñen a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude e concesión doutras axudas para a mesma finalidade».

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2022

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade