Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 14 de marzo de 2022 Páx. 17340

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 24 de febreiro de 2022 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas, na ordenanza O-7 das normas urbanísticas.

O Concello de San Cibrao das Viñas, conforme o disposto nos artigos 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e 144.13 do seu regulamento (RLSG) remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.

Analizada a documentación achegada; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de San Cibrao das Viñas dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 30.12.2004, que tivo ata o momento tres modificacións puntuais.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• O 20.4.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático ditou resolución, publicada no DOG do 5.5.2021, na que resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación puntual, e acompaña os informes correspondentes ás consultas previas do Instituto de Estudos do Territorio e da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

• Consta informe favorable, do 1.6.2021, da Dirección Xeneral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

• Constan informes municipais: técnico do 14.6.2021; e xurídico, do 15.6.2021.

• O Pleno do Concello, en sesión do 12.7.2021, aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no diario La Región o 27.7.2021 e no DOG do 29.7.2021.

• Durante o período de exposición presentouse unha alegación, da que desistiu a entidade que a formulou segundo informe do técnico municipal do 14.12.2021.

• O 30.7.2021 deuse audiencia aos concellos limítrofes de Barbadás, A Merca, Ourense, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar e Taboadela. Unicamente contestou o Concello de Ourense o 28.10.2021, sen observacións.

• Consta informe favorable, do 6.8.2021, da Subdirección de Administración Industrial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

• Consta informe, do 10.8.2021 da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, no que se sinala que non procede a emisión de informe.

• Consta informe, do 19.8.2021, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustixa, no que se sinala que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Consta informe favorable, do 23.8.2021, da Deputación Provincial de Ourense.

• Consta comunicación, do 9.9.2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da CMATV.

• Consta informe favorable, do 22.10.2021, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

• Consta informe favorable, do 28.10.2021, do Instituto de Estudos do Territorio (IET).

• Consta informe favorable, do 21.12.2021, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Consta solicitude de informe, do 30.7.2021, a Augas de Galicia.

• Consta informe, do 11.11.2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo relativo ao resultado do trámite previsto no artigo 60.7 da LSG.

• Consta informe favorable, do 6.8.2021, da Dirección Xeneral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

• Consta informe favorable, do 10.8.2021, da Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidad y Agenda Urbana do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.

• Consta informe favorable, do 22.9.2021, da Dirección Xeneral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

• Consta informe favorable, do 21.10.2021 da Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia.

• Consta informe favorable, do 23.11.2021, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

• Constan informes municipais técnico e xurídico, do 14.12.2021.

• O Pleno Municipal do 23.12.2021 aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 4 do PXOM de San Cibrao das Viñas coas modificacións resultantes dos informes emitidos.

II. Análise da modificación puntual.

II.1. O ámbito de actuación da modificación puntual é a redacción da ordenanza O-7
–Edificación de uso industrial terciario– (artigo 176 do PXOM), que é de aplicación en todo o municipio, afectando a algúns lugares illados e dispersos no termo municipal, e, sobre todo, ao solo urbano consolidado do Polígono Industrial David Ferrer Garrido.

II.2.O obxectivo da modificación puntual é mellorar a regulación da ordenanza O-7, sobre todo, no referente ao réxime xeral de autorización de uso e á regulación da liña de edificación exterior. Os obxectivos específicos son:

– Unha mellora na complexidade de usos no Polígono Industrial David Ferrer Garrido, aumentando a eficiencia deste ámbito industrial.

– Unha mellora na seguridade viaria peonil nas súas beirarrúas.

II.3. A xustificación da modificación baséase nas seguintes cuestións:

– A modificación do réxime de usos do ano 2013 co fin de fomentar a implantación de empresas na área empresarial lindante «Cidade do Transporte», especializada no uso loxístico, prohibiu este uso no ámbito de aplicación desta ordenanza. Na actualidade, estando practicamente colmatada a Cidade do Transporte, existen empresas do sector loxístico que buscan localizacións no Polígono de San Cibrao.

– No réxime de usos desta ordenanza non se inclúen certos usos de espectáculos e recreativos que na actualidade son comúns nas áreas empresariais: parques multiocio (camas elásticas, tirolinas, salto libre, escalada…), centros de ocio infantil...

– A modificación do ano 2017 incorpora disposicións normativas en relación coa obrigatoriedade da liña de edificación exterior grafada nos planos, que na súa aplicación práctica supuxeron graves conflitos coa utilización do espazo público nas manobras de carga e descarga de vehículos pesados.

II.4. O alcance concreto desta modificación inclúe, en termos xerais:

– Dentro do uso global terciario, substitúese o uso pormenorizado «hostaleiro» coas súas dúas categorías (C-1ª, establecementos hostaleiros de tamaño medio e C-2ª, establecementos hostaleiros de tamaño pequeno) polo uso pormenorizado «espectáculos, recreativo e hostaleiro» establecendo unha única categoría.

– Dentro do uso terciario-almacén elimínase a prohibición de que os novos almacéns de loxística deben implantarse no Centro de Transportes.

– Cambios puntuais nas normas de edificación, basicamente as liñas de edificación grafadas nos planos como obrigatorias, que pasan a ter a consideración de máximas.

II.5. No documento corrixido modificouse o título da MP indicando que afecta a ordenanza O-7 das normas urbanísticas do PXOM de San Cibrao das Viñas.

II.6. Incorporáronse á modificación puntual os planos O-002 e O-003 da modificación puntual do PXOM de San Cibrao das Viñas no ámbito do polígono industrial David Ferrer Garrido e das normas urbanísticas do Plan xeral aprobada o 23.11.2017, coa súa lenda corrixida conforme a presente modificación puntual.

II.7. Na ficha de vixencia do planeamento tras a aprobación do documento en tramitación a MP do réxime de usos do polígono industrial do PXOM aprobada o 22.10.2013 pasouse do punto de planeamento vixente ao de planeamento histórico.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas na ordenanza O-7 das normas urbanísticas.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda