Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 14 de marzo de 2022 Páx. 17334

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 19 de xaneiro de 2022 de aprobación definitiva da modificación puntual sétima das normas subsidiarias de planeamento municipais de Bergondo (A Coruña), para corrección de erros materiais.

O Concello de Bergondo remite a modificación puntual referida para os efectos previstos no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Bergondo dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 28 de outubro de 1992 (texto refundido do 2 de decembro).

2. O arquitecto municipal emitiu un informe sobre a documentación ambiental o 3 de novembro de 2016.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu, o 18 de xaneiro de 2017, informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico con data do 1 de febreiro de 2017 (Diario Oficial de Galicia do 23 de febreiro) resolvendo non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco das consultas, contestaron:

a) Instituto de Estudos do Territorio: contestación do 10 de xaneiro de 2017, sen impacto significativo.

b) Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do 5 de xaneiro de 2017, con observacións.

c) Servizo de Montes da Consellería de Medio Rural: informe do 2 de decembro de 2016, sen obxeccións.

5. No expediente constan informes do arquitecto municipal do 22 de febreiro de 2017 e 10 de novembro de 2017; e da xurista de urbanismo municipal do 15 de novembro de 2017.

6. O Concello solicitou con carácter previo á aprobación inicial os seguintes informes:

a) Delegación de Patrimonio e Urbanismo Noroeste do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias: informe do 28 de novembro de 2017, favorable.

b) Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 26 de decembro de 2017 sobre afeccións acústicas, con observacións.

c) Dirección Xeral de Aviación Civil: informe do 29 de decembro de 2017, con observacións.

d) Demarcación de Estradas do Estado en Galicia: informe do 1 de agosto de 2018, favorable.

e) Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar: informe do 6 de xuño de 2018, con observacións.

f) Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas: informe do 5 de decembro de 2017, con observacións.

7. Constan informes do arquitecto municipal do 1 de febreiro de 2019 e 6 de febreiro de 2019, con indicacións; e da xurista de urbanismo municipal do 15 de febreiro de 2019, coa conformidade da secretaria e a interventora municipais, en que propón a aprobación inicial.

8. O Concello pleno aprobou inicialmente a modificación en sesión do 28 de febreiro de 2019. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 9 de abril de 2019 e Diario Oficial de Galicia do 9 de abril) sen que se presentasen alegacións segundo o informe do 27 de agosto de 2019.

9. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu informe sobre o resultado o 20 de xaneiro de 2020. Foron emitidos:

• Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 21 de xuño de 2019, favorable.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 13 de setembro de 2019, favorable.

• Consellería de Economía, Emprego e Industria: informe do 25 de xuño de 2019, sobre os dereitos mineiros.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 1 de agosto de 2019, sen obxeccións.

a) Foron solicitados informes á: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e de Augas de Galicia, que non foron emitidos en prazo.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Abegondo, Betanzos, Cambre, Paderne e Sada. Recibiuse resposta do Concello de Cambre (do 14 de xuño de 2019, sen obxeccións).

10. En materia de informes sectoriais non autonómicos, constan:

a) Área de Fomento da Subdelegación do Goberno na Coruña: informe do 22 de xullo de 2019.

b) Deputación Provincial da Coruña: informe da Xunta de Goberno do 2 de agosto de 2019, favorable.

c) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Economía e Empresa: informe do 25 de xuño de 2019, favorable.

d) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica: informe do 17 de xuño de 2019, con observacións.

11. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu un informe o 10 de febreiro de 2020, con observacións.

12. O arquitecto e a xurista de urbanismo municipais emitiron o 16 de abril de 2020 e o 17 de abril de 2020 cadanseus informes sobre os informes emitidos.

13. O arquitecto municipal emitiu o 30 de xuño de 2020 informe sobre o proxecto de modificación con data de xuño de 2020, favorable. A xurista de urbanismo municipal emitiu o 13 de xuño de 2020, coa conformidade da secretaria e a interventora municipais, informe xurídico sobre a modificación e a súa tramitación.

14. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello en pleno do 30 de xuño de 2020.

15. A redactora presentou un documento de aprobación provisional con data de novembro de 2020 (asinado o 16 de novembro) e un novo informe da mesma data sobre o período de información pública.

16. A xurista municipal de urbanismo e o arquitecto municipal, coa conformidade da secretaria e da interventora municipais, emitiron un informe conxunto o 17 de novembro de 2020, favorable ao novo documento achegado para a adaptación ás normas técnicas de planeamento.

17. O Concello pleno, en sesión do 26 de novembro de 2020, aprobou a adaptación formal ás normas técnicas de planeamento do proxecto de modificación.

18. O Concello remitiu o expediente á Xunta de Galicia o 11 de decembro de 2020. O Servizo de Urbanismo da Coruña requiriu a emenda de deficiencias o 30 de decembro de 2020. O Concello remitiu, o 26 de outubro de 2021, certificados dos acordos plenarios do 30 de xullo de 2020 de aprobación provisional da modificación puntual; e do 26 de novembro de 2020, da súa adaptación ás normas técnicas de planeamento.

a) Informes do arquitecto municipal do 10 de xaneiro de 2021 e 11 de xaneiro de 2021, sobre o cumprimento dos informes da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar (6 de xuño de 2018) e da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (5 de decembro de 2017) en materia de costas.

b) Informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 15 de xaneiro de 2021, favorable en materia de costas.

c) Informe da Dirección Xeral da Costa e do Mar do 2 de marzo de 2021, favorable.

d) Informe do arquitecto municipal do 4 de maio de 2021, sobre o contido da modificación.

e) Informe xurídico municipal do 20 de outubro de 2021, sobre o requirimento efectuado.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación puntual ten por obxecto realizar os cambios pertinentes das normas subsidiarias de planeamento para corrixir unha serie de erros materiais detectados na revisión das normas subsidiarias que dificultan a aplicación de determinados artigos.

2. A modificación afecta os artigos 5, 50, 51, 54, 59, 60, 64, 85 e 103 da normativa (no borrador prevíase a modificación tamén do artigo 108, pero foi eliminada), así como unha corrección, que non figuraba no borrador, do plano O.2 Sistema de núcleos de poboación, en que se corrixe a clase de solo que corresponde á parte nordés do núcleo de Gandarío, que pasa de solo non urbanizable (en núcleo rural) a solo urbano (en núcleo rural) como o resto do núcleo de Gandarío.

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG).

A eliminación de incoherencias e erros no texto normativo do planeamento pode ser conceptuada como de interese público para os efectos da formulación dunha modificación do plan xeral.

2. Cómpre corrixir o artigo 11 da normativa da modificación, que dá nova redacción ao artigo 59 da normativa, que contén por erro a referencia ao artigo 54 da normativa no canto de ao artigo 59.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 7 das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Bergondo, de corrección de erros materiais, con suxeición á observación formulada no punto III.2 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda