Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 4 de marzo de 2022 Páx. 15502

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ANUNCIO do 24 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se somete a información pública o documento de modificación do anexo do Plan de transporte público de Galicia sobre a Área de Transporte de Galicia.

O Plan de transporte público de Galicia foi aprobado, logo de deliberación, polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 29 de novembro de 2018.

Posteriormente, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade elaborou unha modificación do devandito Plan de transporte público de Galicia, mediante a incorporación a este dun anexo relativo á Área de Transporte de Galicia, cuxo documento base foi redactado pola Dirección Xeral de Mobilidade.

O dito anexo foi sometido a información pública mediante o Anuncio do 27 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se somete a información pública o documento base do anexo do Plan de transporte público de Galicia sobre a Área de Transporte de Galicia, publicado no DOG núm. 230, do 13 de novembro.

Con data do 25 de febreiro de 2021, o Consello da Xunta aprobou a Área de Transporte de Galicia e mediante o Anuncio do 3 de marzo de 2021 publicouse o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de febreiro de 2021, polo que se aproba o anexo do Plan de transporte de Galicia sobre a Área de Transporte de Galicia (DOG núm. 55, do 23 de marzo).

Neste momento, considérase preciso realizar unha actualización do dito anexo coa finalidade de incorporar novas previsións dirixidas a favorecer a integración das entidades locais e facilitar a integración dos concellos rurais de reducida poboación, en liña coas accións de loita contra o despoboamento de ámbitos rurais promovidas pola Xunta de Galicia; adicionalmente, introdúcense diferentes modificacións puntuais dirixidas a acadar unha maior eficiencia nas actuacións administrativas precisas tanto para a súa implantación como para o posterior seguimento.

Así, ao abeiro do previsto no primeiro parágrafo do número 3 do artigo 2 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, e no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sométese a información pública o documento de modificación do anexo do Plan de transporte público de Galicia sobre a Área de Transporte de Galicia, por un período dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, co fin de que calquera persoa física ou xurídica poida examinalo e formular as alegacións que coide pertinentes, que deberán ser remitidas á Dirección Xeral de Mobilidade.

Documentación que se expón:

– Modificación do anexo ao Plan de transporte público de Galicia sobre a Área de Transporte de Galicia.

– Memoria explicativa e xustificativa.

A documentación estará dispoñible para a súa consulta no seguinte sitio web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/transparencia/procedementos-informacion-publica/outros-expedientes

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade