Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 2 de marzo de 2022 Páx. 14926

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 22 de febreiro de 2022 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para o curso 2021/22.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e a supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de ser autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. O incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación, a non impartición da titulación oficial autorizada, a extinción do plan de estudos ou a supresión da ensinanza son causas suficientes para revogar a autorización.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na súa sesión do 8 de febreiro de 2022, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou emitir informe favorable sobre a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos universitarios que se relacionan a continuación.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se revogue a autorización á Universidade da Coruña para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Tecnoloxías Mariñas, autorizado polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro (DOG do 17 de novembro), e que figura inscrito no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT) co código 2502211.

2. Máster universitario en Asesoramento Xurídico Empresarial, autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4311050.

3. Máster universitario en Enxeñaría da Auga pola Universidade da Coruña e a Universidade Hochschule Magdeburg-Stendal de Alemaña, autorizado pola Orde do 1 de febreiro de 2013 (DOG do 12 de febreiro) e que figura inscrito no RUCT co código 4313657.

4. Máster universitario en Xerontoloxía pola Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo (DOG do 28 de marzo), e que figura inscrito no RUCT co código 4310400.

5. Programa de doutoramento en Nanomedicina pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, autorizado pola Orde do 21 de xaneiro de 2014 (DOG do 31 de xaneiro) e que figura inscrito no RUTC co código 5600178.

Artigo 2

Que se revogue a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro de 2010 (DOG do 23 de setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 2502440.

2. Máster universitario en Márketing, Consultoría e Comunicación Política, autorizado pola Orde do 1 de febreiro de 2013 (DOG do 12 de febreiro) e que figura inscrito no RUCT co código 4313707.

3. Máster universitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, autorizado pola Orde do 13 de xuño de 2018 (DOG do 29 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 4316696.

4. Máster universitario en Xerontoloxía pola Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo (DOG do 28 de marzo), e que figura inscrito no RUCT co código 4310400.

5. Máster universitario en Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento, autorizado pola Orde do 28 de xuño de 2016 (DOG do 13 de xullo) e que figura inscrito no RUCT co código 4315656.

6. Programa de doutoramento en Ciencias Agrícolas e Ambientais pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade San Carlos de Guatemala, autorizado pola Orde do 6 de xuño de 2013 (DOG do 18 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 5600120.

7. Programa de doutoramento en Nanomedicina pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, autorizado pola Orde do 21 de xaneiro de 2014 (DOG do 31 de xaneiro) e que figura inscrito no RUTC co código 5600178.

8. Programa de doutoramento Erasmus Mundus en Nanomedicina e Innovación Farmacéutica pola Universidade de Santiago de Compostela; a University of Nottingham (Reino Unido); a Université Catholique de Louvain (Bélgica); a Université D’Angers (Francia); a Université de Liège (Bélgica) e a Université de Nantes (Francia). Foi autorizado pola Orde do 23 de decembro de 2014 (DOG do 8 de xaneiro de 2015) e figura inscrito no RUCT co código 5601131.

9. Programa de doutoramento europeo conxunto Marie Sklodowska-Curie en Inhibición de Receptores de Adhesión Plaquetaria en Trombose pola Universidade de Santiago de Compostela; a Bayerische Julius-Maximilians-Universität de Würzburg (Alemaña); a University of Reading (Reino Unido); a Universiteit de Maastricht (Países Baixos) e a University of Birmingham (Reino Unido). Foi autorizado pola Orde do 13 de xuño de 2018 (DOG do 29 de xuño) e figura inscrito no RUCT co código 5601374.

Artigo 3

Que se revogue a autorización á Universidade de Vigo para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, autorizado pola Orde do 24 de outubro de 2014 (DOG do 6 de novembro) e que figura inscrito no RUCT co código 2503097.

2. Máster universitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, autorizado pola Orde do 13 de xuño de 2018 (DOG do 29 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 4316696.

3. Programa de doutoramento en Nanomedicina pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Foi autorizado pola Orde do 21 de xaneiro de 2014 (DOG do 31 de xaneiro) e figura inscrito no RUTC co código 5600178.

Artigo 4. Garantías académicas

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación, de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade