Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 2 de marzo de 2022 Páx. 14930

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se fai público o esgotamento do crédito orzamentario destinado ao financiamento das axudas establecidas na Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2021.

Mediante a Orde do 31 de decembro de 2020 da Consellería de Emprego e Igualdade (DOG núm. 25, do 8 de febreiro de 2021) establecéronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e se procedeu á súa convocatoria para o ano 2021.

Mediante a Orde do 10 de decembro de 2021 amplíase a dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 31 de decembro de 2020.

A citada Orde do 31 de decembro de 2020 establece no seu artigo 12 que a concesión das subvencións se realizará en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Pola súa parte, o artigo 34.2 da mesma orde establece que no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería.

Unha vez esgotados os recursos económicos destinados a estas axudas previstas na Orde do 31 de decembro de 2020, da Consellería de Emprego e Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2021,

DISPOÑO:

Primeiro. Facer público que o crédito orzamentario asignado ao financiamento das axudas recollidas na devandita Orde do 31 de decembro de 2020 quedou esgotado nas seguintes datas:

– Programa I: 24 de setembro de 2021 coa solicitude presentada ás 14.43 horas.

– Programa II: 27 de setembro de 2021 coa solicitude presentada ás 18.07 horas.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde a mesma data. En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2022

Covadonga Toca Carús
Directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social