Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 24 de febreiro de 2022 Páx. 13332

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ACORDO do 12 de xaneiro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, de levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados por unha instalación industrial no concello de Culleredo.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 29 de outubro de 2021 (publicado no DOG do 22 de novembro), aprobouse definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de ampliación das instalacións da sede central do Grupo Caamaño no lugar de Alvedro, concello de Culleredo, e declarouse a súa utilidade pública para os efectos expropiatorios.

A mercantil Lots, Land & Rent, S.L. (pertencente ao Grupo Caamaño), con enderezo no parque empresarial de Alvedro, rúa E, nave 22, 15189 Culleredo, A Coruña, como entidade beneficiaria, solicitou o inicio do procedemento expropiatorio polo trámite de urxencia que regula o artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, así como o sinalamento de datas para o acto de levantamento das actas previas á ocupación.

Esta xefatura territorial, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu Regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar os días 17 e 18 de marzo de 2022 para o levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se describirán os bens ou dereitos expropiables, contidos na relación de predios que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Culleredo, deducida da que se someteu a información pública no DOG do 28 de setembro de 2020, no BOP do 30 de setembro e no diario La Voz de Galicia do 24 de setembro, e que de forma definitiva se publicou no DOG do 22 de novembro de 2021. Ao acto deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostas como afectadas, ás cales se lles efectuará notificación individual sinalándolles os horarios de toma de datos sobre o terreo e posterior levantamento efectivo das actas nas oficinas da súa casa do concello.

Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, publicarase un anuncio desta convocatoria no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado.

A Coruña, 12 de xaneiro de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña