Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 23 de febreiro de 2022 Páx. 13032

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2022 pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento de xestión patrimonial desta universidade.

O Consello Social da USC, na súa sesión do 22 de decembro de 2021, aprobou o Regulamento de xestión patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela.

Por isto, esta reitoría

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento de xestión patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello Social da USC na súa sesión do 22 de decembro de 2021, nos termos do anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Regulamento de xestión patrimonial da Universidade
de Santiago de Compostela

Exposición de motivos

A primeira regulación do patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela provén dunha Resolución reitoral do 6 de setembro do ano 1991, que se limitou basicamente a establecer criterios de uso dos bens patrimoniais. Posteriormente, por proposta da daquela Xunta de Goberno e aprobación posterior polo Consello Social, con data do 31 de maio de 1993, aprobouse unha nova normativa que abranguía outros aspectos da xestión patrimonial ademais do uso, relacionados coa adquisición, alleamento, así como algunha referencia á explotación dos bens e ao seu inventario.

O período de tempo transcorrido, ademais da regulación do réxime patrimonial vixente e aprobada ao longo dese período sobre o conxunto das administracións públicas, tanto no ámbito estatal como autonómico, determinan a obsolescencia das disposicións indicadas no parágrafo anterior e fan necesaria unha actualización, desde o pleno respecto á autonomía de xestión que corresponde aos diferentes titulares de bens públicos en sentido amplo, entre eles as universidades.

Esa autonomía dedúcese da propia Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, que no seu artigo 2º contén os diversos ámbitos e potestades en que se concreta, entre eles a elaboración, aprobación e xestións dos seus orzamentos e a administración dos seus bens. Este último aspecto, que agora interesa salientar, está presente tamén no título VII dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que regula conxuntamente o patrimonio nos seus artigos 163 a 166, xunto co réxime económico e o orzamentario.

Este regulamento actualizado pretende establecer unha ordenación máis estruturada e integradora do réxime patrimonial, centrada na esfera da xestión dos bens e dereitos titularidade da USC e acorde coas regulacións estatal e autonómica vixentes. Dunha parte, a Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, contén preceptos tanto de alcance xeral como de carácter básico aplicables á totalidade de administracións públicas; por outro lado, a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre a base dese regulamento estatal, establece unha ampla regulación do réxime patrimonial autonómico, de xeito que no presente regulamento se prevé a súa aplicación supletoria ou remisión directa nalgúns aspectos.

A norma abrangue un total de 42 artigos, estruturados en catro títulos, xunto cunha disposición adicional e as oportunas disposicións derradeiras. No seu título preliminar recóllense as disposicións xerais relativas ao concepto de patrimonio, réxime normativo aplicable, clasificación dos bens ou a distribución de competencias; ademais, sublíñanse os principios xurídicos esenciais que rexen nesta materia.

O título I refírese ao réxime xurídico e á utilización dos bens e dereitos de dominio público, ou demaniais, que se caracterizan pola súa afectación ou destino a fins concretos de uso xeral ou servizo público, ademais da súa adscrición aos diversos centros, servizos ou dependencias da Universidade para a realización efectiva deses fins. Sobre as tipoloxías de uso de que poden ser obxecto os bens demaniais, recollidas no capítulo II deste título, permítese a súa posible utilización por terceiras persoas físicas ou xurídicas alleas á comunidade universitaria, logo de obtención de autorización ou concesión segundo o uso ou ocupación de que se trate, particularidades das instalacións e a duración prevista.

A ordenación do que é propiamente a xestión dos bens e dereitos patrimoniais abórdase no título II, en canto categoría de bens que, a diferenza dos demaniais, se encadra no tráfico xurídico privado. Nos dous capítulos que conforman este segundo título regúlanse tanto os modos de adquisición dos referidos bens como os negocios patrimoniais de que poden ser obxecto, con especial incidencia no alleamento de mobles e inmobles e na súa posibilidade de cesión. Faise mención, así mesmo, doutros posibles contratos que se poden formalizar, que terán igualmente a condición de contratos privados, como é o caso dos arrendamentos ou as permutas de bens.

Por último, no título III e último regúlanse distintos aspectos relacionados coa protección e defensa do patrimonio, destacando as potestades públicas de investigación, deslindamento, recuperación de oficio e desafiuzamento, o alcance da obriga de inscribir nos rexistros os bens e dereitos, así como a formación dun inventario xeral que sirva de complemento necesario e apoio á xestión patrimonial.

Por todo o indicado, de conformidade coa previsión contida no artigo 165.2 dos estatutos da USC e de acordo co artigo 75.3, letra k), da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, dítanse as seguintes normas regulamentarias relativas á administración e xestión dos bens e dereitos de titularidade da USC, tanto os de dominio público coma os patrimoniais, por proposta do Consello de Goberno e posterior aprobación polo Consello Social.

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente norma ten por obxecto establecer o réxime xurídico sobre a titularidade e uso, así como a administración e xestión dos bens e dereitos que integran o patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela (en diante, USC), de acordo coa previsión contida no artigo 165.2 dos seus estatutos.

2. Dentro do patrimonio da Universidade entenderase incluído igualmente o pertencente ás entidades ou persoas xurídicas vinculadas a ela, xa existentes ou que poidan crearse en réxime de dereito público, para a promoción e o desenvolvemento dos fins e obxectivos que lle son propios, agás no caso de consorcios de que forme parte a USC.

Artigo 2. Concepto e clasificación

1. O patrimonio da USC está integrado polo conxunto dos bens e dereitos da súa titularidade, calquera que sexa a súa natureza e o título da súa adquisición ou aquel en virtude do cal lle fosen atribuídos.

Tamén formarán parte do patrimonio da Universidade os dereitos de propiedade industrial e propiedade intelectual de que esta sexa titular como consecuencia do desempeño polo seu persoal das funcións que lle son propias. A administración e xestión patrimonial deses dereitos axustarase ao previsto igualmente, para estes efectos, na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

2. Non se entenden incluídos no concepto de patrimonio, para os efectos deste regulamento, o diñeiro, valores, créditos e demais recursos financeiros da Universidade nin, en canto ás entidades vinculadas, de ser o caso, os recursos que conformen a súa tesouraría.

3. Os bens e dereitos que integran o patrimonio da USC, segundo o réxime xurídico a que estean suxeitos, poderán ser demaniais ou de dominio público e patrimoniais.

4. Son bens e dereitos de dominio público os que, sendo de titularidade da Universidade e formando parte do seu patrimonio, se encontren afectos ao uso xeral ou á prestación do servizo público da educación superior, así como aqueles aos que unha lei lles outorgue expresamente o carácter de demaniais.

Os inmobles de titularidade da USC ou das súas entidades vinculadas en que se realicen actividades docentes, de investigación, de extensión universitaria, ou se aloxen servizos universitarios, oficinas ou dependencias dos seus órganos, consideraranse, en todo caso, bens de dominio público.

5. Son bens e dereitos patrimoniais os que, sendo de titularidade da USC, non teñan o carácter de demaniais pola súa natureza ou por estaren desafectados de forma expresa. Non obstante, terán a condición de patrimoniais, agás que se encontren nalgún dos supostos indicados no parágrafo anterior, os seguintes bens e dereitos:

a) Os dereitos de arrendamento e outros de carácter persoal.

b) Os valores e títulos representativos de accións e participacións no capital de sociedades mercantís ou de obrigas emitidas por estas, así como contratos de futuros e opcións cun activo subxacente constituído por accións ou participacións en sociedades mercantís.

c) Os dereitos de propiedade incorporal.

d) Os dereitos de calquera natureza que deriven da titularidade de bens e dereitos patrimoniais.

Artigo 3. Réxime xurídico

1.O réxime patrimonial da USC rexerase polo establecido na lexislación estatal sobre patrimonio, tanto de aplicación xeral como de carácter básico, para o conxunto das administracións públicas, polo disposto na Lei orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades, na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, nos seus estatutos e neste regulamento, así como polas disposicións ditadas no desenvolvemento destas normas.

Con carácter supletorio, aplicarase o previsto na lexislación autonómica sobre patrimonio vixente, nas normas do dereito administrativo para todas as cuestións relacionadas co procedemento e adopción de actos nesta materia e, na súa falta, nas normas do dereito privado, civil ou mercantil, no que afecte os restantes aspectos do seu réxime xurídico.

2. Os bens afectos ao cumprimento dos fins da USC e os actos que deriven da súa realización para o desenvolvemento inmediato de tales fins, así como os seus rendementos, gozarán de exención tributaria, sempre que os tributos e exencións recaian directamente sobre a Universidade en concepto legal de contribuínte, a non ser que sexa posible legalmente a translación da carga tributaria.

3. As propiedades administrativas especiais, así como o patrimonio cultural, rexeranse pola súa lexislación específica.

Artigo 4. Competencias

1. Corresponden ao Consello Social en materia patrimonial, de acordo coa normativa autonómica e logo de proposta do Consello de Goberno, as seguintes competencias:

– Aprobar a afectación ao dominio público dos bens e dereitos da Universidade e a súa desafectación, así como, se é o caso, a súa afectación secundaria ou mutación demanial.

– Adoptar e aprobar calquera acto de adquisición ou disposición sobre bens inmobles e sobre os bens mobles por valor superior a 60.000 euros ou aqueles de extraordinario valor.

– Decidir sobre a aceptación pola USC das herdanzas, legados ou doazóns ao seu favor, sen prexuízo da competencia atribuída ao/á reitor/a no parágrafo terceiro deste artigo.

– Calquera outra prevista na normativa sobre patrimonio ou neste regulamento.

2. É competencia do Consello de Goberno en materia patrimonial:

– Adoptar os acordos relacionados coa proposta ao Consello Social da afectación ao dominio público dos bens e dereitos da Universidade, así como a súa desafectación.

– Adoptar os acordos que correspondan nos procedementos de adquisición e alleamento de bens patrimoniais.

– Calquera outra prevista na normativa sobre patrimonio ou neste regulamento.

3. Son competencias patrimoniais do reitor ou reitora:

– A representación xurídica da Universidade nos negocios relacionados co seu patrimonio que se subscriban.

– A formalización de contratos patrimoniais, agás delegación expresa noutros órganos de goberno unipersoais.

– A resolución dos expedientes relativos á administración, xestión, disposición, defensa e conservación do patrimonio universitario, sen prexuízo da delegación de funcións e actos na tramitación deses expedientes noutros órganos de goberno unipersoais.

– Adoptar e aprobar calquera acto de disposición sobre bens mobles por un valor non superior a 60.000 euros, do que se dará conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social.

– A aceptación de doazóns de bens mobles, equipamentos ou patrimonio bibliográfico ata un valor de 60.000 euros, do que se dará conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social.

– A sinatura de convenios, acordos e protocolos xerais de actuación de carácter patrimonial con outras administracións públicas.

– Calquera outra que non estea asignada a outro órgano de goberno universitario.

4. Corresponden ao/á xerente/a as seguintes competencias en materia patrimonial:

– A xestión ordinaria do patrimonio da Universidade.

– A elaboración, supervisión e actualización do catálogo de bens inmobles e do inventario de bens e dereitos incluídos no patrimonio universitario.

– Calquera outra que lle sexa asignada polos órganos de goberno da Universidade, ou prevista nos estatutos, na normativa patrimonial vixente ou neste regulamento.

5. Correspóndelles aos/ás decanos/as e directores/as de centro ou de escola de doutoramento, así como doutras estruturas universitarias de docencia e investigación, o control adecuado do uso e mantemento do patrimonio que teñan adscrito.

Artigo 5. Principios

1. Os bens e dereitos demaniais titularidade da USC son inalienables, imprescritibles e inembargables, e non poderán ser obxecto de carga, gravame ou afección.

2. A xestión e administración dos bens e dereitos patrimoniais da USC axustarase aos principios de eficacia, eficiencia, economía e rendibilidade na súa explotación. Na súa adquisición, explotación e alleamento teranse en conta os principios de publicidade, transparencia, concorrencia e obxectividade.

Por razón do seu destino, os ditos bens e dereitos patrimoniais excluiranse das providencias de embargo e dos mandamentos de execución que diten os órganos xurisdicionais e administrativos cando se encontren materialmente afectados a un uso, servizo ou función pública, cando os seus rendementos ou o produto do seu alleamento estean legalmente afectados aos fins propios da Universidade e naqueles supostos en que así se determine na normativa patrimonial.

Artigo 6. Transaccións e sometemento a arbitraxe

Non se poderá transixir xudicial nin extraxudicialmente sobre os bens e dereitos do patrimonio da USC, nin someter a arbitraxe as controversias que xurdan sobre eles, salvo autorización realizada polo Consello Social, logo de proposta e acordo do Consello de Goberno.

TÍTULO I

Réxime xurídico e utilización dos bens e dereitos demaniais

CAPÍTULO I

Titularidade, afectación e adscrición

Artigo 7. Titularidade de bens e dereitos

1. A USC asume a titularidade dos bens e dereitos de dominio público afectos ao cumprimento das súas funcións, así como os que, nun futuro, destine a estes mesmos fins o Estado ou a Comunidade Autónoma de Galicia.

As restantes administracións públicas poderán adscribir bens da súa titularidade á Universidade para a súa utilización nas súas funcións propias.

2. En canto á titularidade, afectación ou adscrición dos bens que integren o patrimonio histórico, observarase o previsto na súa normativa específica, debendo a USC establecer a súa catalogación.

Artigo 8. Cambio de titularidade de bens inmobles e dereitos demaniais

1. A titularidade dos bens inmobles e dereitos demaniais sobre eles que formen parte do patrimonio da USC poderá ser transmitida a outras administracións ou entidades públicas, para os mesmos fins determinantes da afectación ou para outros fins de uso xeral ou de servizo público de competencia dos entes receptores dos bens ou dereitos.

2. Unha vez efectuada a petición da Administración ou entidade interesada sobre os bens inmobles ou dereitos, o procedemento para acordar o cambio de titularidade realizarase de acordo co previsto para o alleamento dos bens ou dereitos patrimoniais, e corresponderá ao Consello de Goberno adoptar o acordo subseguinte, do cal se dará conta ao Consello Social.

3. O cambio de titularidade formalizarase nun documento administrativo que asinarán o/a reitor/a en representación da USC e un representante da Administración ou entidade beneficiaria.

4. No suposto de que os bens ou dereitos obxecto da transmisión de titularidade deixen de estar destinados ao fin de uso xeral ou de servizo público determinante da transmisión, producirase a súa reversión ao patrimonio da USC.

Artigo 9. Afectación e desafectación de bens e dereitos patrimoniais

1. A afectación dos bens e dereitos patrimoniais vén determinada pola súa vinculación a un uso xeral ou a un servizo público de competencia da USC, e a súa conseguinte integración no dominio público.

2. A afectación realizaraa o órgano competente de acordo co previsto no artigo 4 deste regulamento, en virtude de acto expreso, agás que derive dunha norma con rango de lei.

3. Producirá os mesmos efectos que a afectación expresa a concorrencia dalgún destes supostos:

a) A utilización pública, notoria e continuada durante un ano, por parte da USC ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, de bens e dereitos da súa titularidade para un uso xeral ou para un servizo público da súa competencia.

b) A adquisición de bens e dereitos por prescrición adquisitiva, de conformidade coas regras de dereito privado, cando os actos posesorios vinculen o ben ou dereito ao uso xeral ou a un servizo público.

c) A adquisición de bens e dereitos a título oneroso para o cumprimento dun fin de uso xeral ou de servizo público de competencia da Universidade.

d) A adquisición de bens e dereitos a título gratuíto baixo condición ou modo da súa afectación a un fin determinado de uso xeral ou de servizo público.

e) A aprobación de programas ou plans de actuación xeral, ou de proxectos de obras ou servizos, cando deles resulte a vinculación de bens ou dereitos determinados a fins de uso xeral ou de servizo público de competencia da USC.

f) A adquisición dos bens mobles precisos para o desenvolvemento dos servizos públicos ou para a decoración e o ornamento de dependencias oficiais.

4. A desafectación dos bens de dominio público de titularidade da USC implicará a súa consideración como patrimoniais. Agás nos supostos previstos por lei, a desafectación deberá realizarse sempre de forma expresa.

Artigo 10. Afectacións secundarias

1. Os bens e dereitos afectados ao cumprimento dos fins ou servizos propios da Universidade poderán ser obxecto dunha ou varias afectacións secundarias, sempre que os fins concorrentes sexan compatibles entre si.

2. A concorrencia de diversas afectacións respecto dun mesmo ben ou dereito non alterará a súa adscrición ao centro, estrutura, servizo, dependencia ou inmoble en que recaia a súa afectación principal.

Artigo 11. Mutacións demaniais

1. A mutación demanial implica a desafectación dun ben ou dereito do patrimonio da USC con simultánea afectación a outro uso xeral, finalidade ou servizo público, sen que se produza transferencia de titularidade nin cambio da súa cualificación xurídica.

2. As mutacións demaniais efectuaranse mediante acto expreso, logo de instrución do oportuno expediente, e teranse en conta as previsións establecidas a este respecto pola normativa de aplicación xeral e de carácter básico ditada polo Estado ou, de ser o caso, pola lexislación patrimonial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12. Adscricións e desadscricións de bens e dereitos

1. Enténdese por adscrición o acto polo que se atribúe a un centro, estrutura, servizo, dependencia ou inmoble titularidade da USC o uso, administración, xestión e conservación de bens e dereitos que xa posúan a condición de demaniais, ou ben daqueles que, sendo patrimoniais, se vinculen directamente a un servizo competencia da Universidade, ou para o cumprimento dos seus fins propios.

Neste último caso, de se tratar de bens patrimoniais, a adscrición levará implícita a afectación do ben ou dereito, que pasará a integrarse no dominio público.

2. Por parte da USC adoptaranse as medidas que se consideren necesarias para a adecuada conservación dos bens ou dereitos adscritos, e a súa efectiva aplicación aos fins expresados, se é o caso, no acordo de adscrición.

3. Os bens e dereitos do patrimonio da USC poderán ser igualmente adscritos a outras administracións e entidades públicas para os mesmos fins determinantes da afectación, e sen cambio de titularidade nin da cualificación xurídica deles.

4. Cando os bens ou dereitos adscritos deixen de ser necesarios para o cumprimento dos fins que motivaron a adscrición, ou non sexan destinados aos fins previstos, iniciarase o procedemento para a súa desadscrición. Esta levará implícita a desafectación.

CAPÍTULO II

Utilización dos bens e dereitos de dominio público

Artigo 13. Principio xeral

1. Ninguén pode, sen título que o habilite, outorgado pola autoridade universitaria correspondente, ocupar bens de dominio público do patrimonio da USC ou utilizalos en forma que exceda o dereito de uso que, de ser o caso, corresponde a toda a comunidade universitaria.

2. As autoridades universitarias con responsabilidades na tutela e defensa do dominio público vixiarán o cumprimento do establecido no punto anterior e, de ser o caso, actuarán contra aqueles que ocupen bens de dominio público ou se beneficien dun aproveitamento especial en uso das facultades e prerrogativas previstas na lexislación patrimonial.

3. Non será preciso contar coa autorización pertinente de uso cando se trate da ocupación dun ben demanial como medio instrumental necesario para o cumprimento e execución de contratos, de acordo coa lexislación de contratos do sector público.

Artigo 14. Tipoloxía de usos dos bens demaniais

1. Os bens e dereitos de carácter demanial de titularidade da USC destinaranse a un uso xeral ou ao servizo público de ensino superior universitario, de acordo co disposto nas súas normas e disposicións reguladoras.

2. Na utilización dos bens destinados a un uso xeral consideraranse as seguintes tipoloxías de uso:

a) Uso común, que é o que corresponde por igual e de forma indistinta a todos os cidadáns, de modo que o uso duns non impide o das demais persoas interesadas.

Este tipo de uso cualificarase en uso común xeral, de non concorreren circunstancias singulares, ou ben en uso común especial, cando implique un aproveitamento especial do dominio público que, sen impedir o uso común, supoña a concorrencia de circunstancias tales como a existencia de perigo ou intensidade de uso, a obtención dunha rendibilidade singular, a preferencia nos supostos de escaseza ou outras semellantes, que determinen un exceso de utilización ou un menoscabo sobre o uso que lle corresponde a toda persoa.

b) Uso privativo, que implica a ocupación dunha parte do dominio público que limita ou exclúe a utilización desta por outras persoas.

3. O uso común xeral non está suxeito a autorización e levarase a cabo libremente, sen máis limitacións que as derivadas da natureza dos bens e da súa afectación e adscrición ao dominio público.

4. O uso común especial e o uso privativo de bens e dereitos demaniais requirirá o outorgamento previo do título axeitado á súa natureza, que pode estar suxeito a autorización ou concesión.

Artigo 15. Reservas demaniais

1. A USC poderá reservar para o seu uso exclusivo os bens da súa titularidade destinados a un uso xeral ou para a realización de fins da súa competencia cando existan razóns de utilidade pública ou interese social que o xustifiquen.

2. A declaración de reserva efectuarase por acordo do Consello Social e a súa duración limitarase ao tempo necesario para o cumprimento do propósito para o que se adoptou, e prevalecerá fronte a calquera outro posible uso dos bens ou dereitos sobre os que recaia.

Artigo 16. Ocupación de espazos en edificacións ou inmobles

1. A ocupación temporal por terceiros de espazos en edificacións ou inmobles do patrimonio da USC admitirase, con carácter excepcional, cando non se precisen para a actividade universitaria e poidan dar soporte a servizos dirixidos á comunidade universitaria, ao persoal destinado neles e ao público en xeral, se é o caso, como cafetarías, máquinas expendedoras, oficinas bancarias ou caixeiros automáticos, oficinas postais ou outros análogos, ou para a explotación marxinal de espazos non necesarios para os servizos universitarios.

2. Esta ocupación non pode entorpecer ou menoscabar a utilización dos inmobles e instalacións polos membros da comunidade universitaria ou polo persoal que neles se aloxe, e terá que estar amparada pola correspondente autorización, se se efectúa con bens mobles ou instalacións desmontables, ou concesión, de producirse por medio de instalacións fixas, respectándose en todo caso os prazos previstos neste regulamento.

Non será necesario obter autorización ou concesión cando un contrato administrativo habilite para a ocupación do dominio público, formalizado de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público.

Artigo 17. Autorizacións demaniais

1. O aproveitamento especial dos bens de dominio público, así como o seu uso privativo temporal, estará suxeito a autorización cando a súa ocupación se efectúe unicamente con instalacións desmontables ou bens mobles e a súa duración non exceda os catro anos.

No suposto de que se proceda á súa ocupación con obras ou instalacións, ou por prazo inicial superior a catro anos, deberá estar amparado pola correspondente concesión administrativa, nos termos indicados no artigo seguinte.

2. As autorizacións a que se refire este artigo outorgaranse aos peticionarios que reúnan as condicións requiridas, agás que por calquera circunstancia se encontre limitado o seu número, suposto en que se concederán en réxime de concorrencia e, se isto non for posible por non teren que valorarse condicións especiais nos solicitantes, mediante sorteo, se non está establecida outra cousa nas condicións polas que se rexen.

3. Non serán transmisibles as autorizacións demaniais para cuxo outorgamento se deban ter en conta circunstancias persoais do autorizado ou cuxo número se encontre limitado, agás que as condicións polas que se rexen admitan a súa transmisión.

4. O outorgamento da autorización realizarase por tempo determinado e o seu prazo máximo de duración, incluídas as prórrogas, será de catro anos. Poderán ser revogadas unilateralmente por razón de interese público ou por incumprimento das condicións de uso, sen xerar dereito a indemnización.

5. As autorizacións demaniais poderán ser gratuítas ou estar sometidas a contraprestación. Non obstante, non serán gratuítas para aqueles usos en que exista utilidade económica para o solicitante ou para as persoas alleas á comunidade universitaria. Con carácter ordinario, exixirase garantía ou seguro de responsabilidade civil ao beneficiario, agás que a actividade estea cuberta polo seguro da USC.

Artigo 18. Concesións demaniais

1. O outorgamento de concesións sobre bens de dominio público efectuarase en réxime de concorrencia. Non obstante, poderase acordar o outorgamento directo nos supostos previstos no artigo 29, parágrafo cuarto, deste regulamento, cando se dean circunstancias excepcionais, debidamente xustificadas, ou cando así veña establecido por lei.

2. En ningún caso poderán ser titulares de concesións sobre bens e dereitos demaniais as persoas que se encontren nalgunha das prohibicións de contratar previstas na normativa de contratación do sector público. Cando, posteriormente ao outorgamento da concesión, o titular incorra nas devanditas prohibicións, producirase automaticamente a extinción da concesión.

3. Calquera que fose o procedemento seguido para a adxudicación, unha vez outorgada a concesión deberá procederse á súa formalización en documento administrativo. Este documento será título suficiente para inscribir a concesión no Rexistro da Propiedade.

4. As concesións outorgaranse por tempo determinado. O seu prazo máximo de duración, incluídas as prórrogas, non poderá exceder o prazo máximo establecido pola lexislación patrimonial básica e de alcance xeral, agás que se estableza outro menor por normas especiais que sexan de aplicación.

5. As concesións demaniais poden ser gratuítas, outorgarse con contraprestación ou con condicións ou estar suxeitas á taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial de bens de dominio público.

Serán gratuítas naqueles casos en que a utilización privativa ou o aproveitamento especial non implique unha utilidade económica para o concesionario ou, mesmo existindo esa utilidade, a utilización ou o aproveitamento supoña condicións ou contraprestacións para o beneficiario que anulen ou fagan irrelevante aquela.

Artigo 19. Outorgamento de autorizacións e concesións

As autorizacións e concesións demaniais outorgaranse mediante resolución do/da reitor/a, logo de instrución do correspondente expediente patrimonial. A resolución incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:

a) O réxime de uso do ben ou dereito.

b) O réxime económico a que queda suxeita a autorización ou concesión.

c) O prazo, posibilidade de prórroga e réxime de subrogación que, en todo caso, requirirá a aprobación previa.

d) A asunción dos gastos de conservación e mantemento, impostos, taxas e demais tributos, así como o compromiso de utilizar o ben segundo a súa natureza e de entregalo no estado en que se recibe.

e) O compromiso de obtención previa e á súa custa, de cantas licenzas e permisos requira o uso do ben ou a actividade que se vaia realizar sobre el.

f) A asunción da responsabilidade derivada da ocupación, con mención, de ser o caso, da obrigatoriedade de formalizar a oportuna póliza de seguro, aval bancario ou outra garantía suficiente.

g) A aceptación da revogación unilateral, sen dereito a indemnizacións por razóns de interese público nos supostos que legal ou convencionalmente proceda.

h) A reserva por parte da USC da facultade de inspeccionar o ben obxecto de autorización ou concesión, para garantir que o seu uso realízase de acordo cos termos recollidos no título habilitante.

Artigo 20. Extinción das autorizacións e concesións

As autorizacións e concesións sobre bens e dereitos de titularidade da USC extinguiranse polos motivos e causas previstos na lexislación patrimonial estatal de carácter básico, ademais de pola renuncia expresa dos seus titulares.

Artigo 21. Uso de bens demaniais por entidades universitarias

As empresas, fundacións ou outras entidades con participación maioritaria da USC poderán utilizar, en réxime de cesión de uso, bens de dominio público da USC. Neste caso non será necesaria a autorización ou a concesión expresa, sen prexuízo da formalización dos deberes das partes nun documento administrativo.

A USC poderá dar por finalizada a cesión de forma unilateral e sen indemnización por razóns de interese público ou por perda da condición de membro/socio maioritario da entidade.

TÍTULO II

Xestión do patrimonio

CAPÍTULO I

Adquisición de bens e dereitos

Artigo 22. Modos de adquirir e contratos privados

1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá adquirir bens e dereitos por calquera dos medios previstos para as administracións públicas no ordenamento xurídico, en particular, os seguintes:

a) Por atribución da lei.

b) A título oneroso.

c) A título gratuíto.

d) Por prescrición.

e) Por ocupación.

2. As adquisicións realizadas ao abeiro deste capítulo terán a consideración de contratos privados. Cando se trate de adquisicións a título oneroso, efectuaranse libres de toda carga, gravame ou afectación, se así o exixe o cumprimento directo dos fins determinantes da súa adquisición. Con todo, poderán subsistir aquelas limitación a título de autorización ou concesión que teñan un exercicio que resulte compatible coa finalidade da adquisición.

3. De acordo coas previsións contidas no artigo 4, a competencia xeral para celebrar os contratos corresponderalle ao/á reitor/a ou órgano unipersoal en quen delegue. A súa preparación exixirá elaborar o oportuno expediente e materializarase nun documento administrativo ou notarial, segundo proceda.

4. A xurisdición civil será a competente para resolver as controversias que xurdan entre as partes nos contratos que estean suxeitos ao dereito privado. Os actos de preparación, aceptación ou adxudicación rexeranse, en todo caso, pola lexislación administrativa aplicable e poderán ser impugnados ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 23. Adquisicións a título gratuíto

1. Nas disposicións a título gratuíto realizadas a favor da USC respectarase, en todo caso, a vontade do dispoñente, e os bens e dereitos destinaranse aos fins e servizos propios da Universidade, sen prexuízo das condicións ou cargas modais a que puidese estar supeditada a disposición.

2. A aceptación das herdanzas, legados ou doazóns a favor da USC entenderase sempre feita a beneficio de inventario.

Cando unha herdanza, legado ou doazón implique incorrer en custos ou ben estea sometida a condición ou modo oneroso, só poderá aceptarse se o valor do gravame imposto non excede o valor do que se adquire segundo taxación pericial ou informe que xustifique o interese público ou beneficio para a Universidade.

3. Se un ben se adquire baixo a condición da súa afectación permanente a un determinado destino, entenderase que esta condición foi cumprida e consumada tras servir ao devandito destino durante 20 anos, aínda que logo deixen de facelo por outras circunstancias sobrevidas de interese público, agás que unha disposición legal ou o título de cesión dispoña un prazo diferente.

Artigo 24. Adquisición de inmobles a título oneroso

1. A adquisición de bens inmobles ou dereitos sobre eles realizadas a título oneroso instrumentarase a través do correspondente expediente, tramitado polo servizo competente en materia de xestión patrimonial, con respecto dos principios de igualdade, publicidade e concorrencia, agás cando sexa posible acudir á adquisición directa sen publicidade, nalgún dos seguintes supostos:

a) Peculiaridades ou singularidades do ben, que se xustificarán expresamente no expediente de adquisición.

b) Existencia de limitacións no mercado.

c) Cando o vendedor sexa outra Administración pública ou, en xeral, calquera persoa xurídica de dereito público ou privado pertencente ao sector público.

d) Cando sexa declarado deserto o procedemento promovido con publicidade para a adquisición, e sempre que non se modifiquen as condicións orixinais do contrato, agás o prezo e a superficie, que poderán alterarse nun 10 %.

e) Para adquisicións efectuadas en virtude do exercicio dun dereito de adquisición preferente.

f) Para adquisicións realizadas no estranxeiro.

g) Cando o valor de taxación do ben ou dereito sexa inferior a 50.000 euros.

h) Cando, pola localización ou situación do ben, ou ben por motivos de urxencia declarada, se considere preciso autorizar a adquisición directa.

2. A adquisición nos supostos excepcionais do punto anterior deberá estar precedida de resolución motivada que se fará pública e deberá acreditarse mediante os correspondentes informes técnicos. No caso de que o criterio determinante sexa a limitación do mercado, o valor do inmoble sexa inferior á contía indicada na letra g), por motivos da localización ou situación do ben ou polo carácter de urxencia, deberase solicitar, sempre que sexa posible, un mínimo de tres ofertas.

3. O acordo de iniciación do expediente de adquisición será adoptado polo reitor ou reitora, ou órgano en que se deleguen competencias en materia de patrimonio. En todo expediente de adquisición de inmobles a título oneroso deberán constar informes dos servizos responsables da xestión de infraestruturas e de control interno; respecto do gasto, observarase o disposto na lexislación vixente que resulte de aplicación.

4. O importe das adquisicións poderá ser obxecto de aprazamento, de acordo co disposto na normativa aplicable en materia económico-financeira.

Artigo 25. Adquisición de bens mobles

1. As adquisicións a título oneroso de bens mobles patrimoniais axustaranse á lexislación de contratos do sector público.

2. En todo caso poderase acordar a adquisición centralizada para determinados bens tanto desde a USC como a través do Consorcio Interuniversitario.

3. Os acordos sobre adquisición, de conformidade co disposto nos estatutos da USC, serán executados polo/a reitor/a ou órgano en que se deleguen as competencias en materia de patrimonio.

Artigo 26. Adquisicións mediante expropiación forzosa

As adquisicións por expropiación forzosa realizadas por outras administracións ou entes públicos, en que a beneficiaria sexa a USC, axustaranse ao previsto na súa normativa específica e levarán implícita a afectación dos bens aos fins determinantes da súa declaración pública ou interese social.

CAPÍTULO II

Negocios patrimoniais sobre bens e dereitos

Artigo 27. Réxime xurídico e liberdade de pactos

1. A administración e disposición dos bens patrimoniais axustarase, en canto á súa preparación e adxudicación, á normativa básica e de aplicación xeral que dite o Estado, ás previsións contidas no presente regulamento e, subsidiariamente, terase en conta a regulación contida na normativa autonómica sobre patrimonio. En canto aos seus efectos e extinción, rexeranse pola mencionada lexislación e polas normas de dereito privado.

2. Na consecución dos seus obxectivos e fins propios, os contratos, convenios e demais negocios xurídicos privados sobre os bens e dereitos patrimoniais están suxeitos ao principio de liberdade de pactos. A USC poderá concertar os negocios patrimoniais que considere convenientes, ademais de estipular as cláusulas e condicións precisas, sempre que todos eles non sexan contrarios ao ordenamento xurídico ou aos principios de boa administración.

3. Os actos de disposición sobre os bens e dereitos de titularidade universitaria, tendo en conta a distribución de competencias efectuada polo artigo 4 deste regulamento, acordaraos o Consello de Goberno coa aprobación do Consello Social, ou ben o reitor ou reitora, quen deberá informar os ditos órganos colexiados.

Non se poderán efectuar actos de disposición sobre bens demaniais sen a súa desafectación previa, nos termos indicados neste regulamento.

4. A xestión e alleamento de propiedades incorporais, de conformidade coa lexislación orgánica de universidades, producirase consonte o disposto na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Corresponderán ao reitor os actos de disposición relativos á transmisión a terceiros de dereitos sobre os resultados da actividade investigadora, sempre que non excedan a cantidade de 60.000 euros, e deberase dar conta igualmente ao Consello de Goberno e Consello Social.

5. Os acordos de disposición recollerán a correspondente baixa no inventario da Universidade e adoptaranse logo de que o servizo competente en materia de xestión patrimonial instrúa o oportuno expediente administrativo.

Artigo 28. Bens e dereitos alleables

1. Os bens e dereitos patrimoniais da USC que non sexan necesarios para o exercicio das competencias e funcións propias da Universidade poderán ser alleados, logo de taxación pericial para determinar o seu valor de mercado.

2. Porén, non poderán declararse alleables:

a) Os bens en litixio.

b) Os non deslindados ou non inscritos no Rexistro da Propiedade.

c) Os non descritos ou non identificables.

3. Con carácter previo ao alleamento dun ben inmoble ou dereito real, depurarase a súa situación física e xurídica, se resultar necesario. A depuración da situación física suporá a práctica do deslindamento, recuperación de oficio ou acción que proceda para a clarificación do estado do inmoble. En canto á depuración xurídica, implicará a súa inscrición no Rexistro da Propiedade, se aínda non o estiver.

Artigo 29. Alleamento de bens inmobles ou dereitos reais

1. O alleamento de bens inmobles ou dereitos reais levarase a cabo a través do correspondente expediente, e nel xustificarase debidamente que o ben ou dereito non é necesario para o uso xeral ou o servizo público que presta a Universidade, nin resulta conveniente a súa explotación.

2. No procedemento respectaranse os principios de publicidade e concorrencia e requirirase a declaración previa de alleabilidade por parte do Consello Social, logo de proposta do Consello de Goberno da USC, e logo do informe do servizo competente en materia de patrimonio. Esta declaración de alleabilidade publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. O alleamento realizarase ordinariamente polo procedemento de poxa pública, efectuada á alza e empregando, se é o caso, medios electrónicos. Non obstante, poderase efectuar por concurso cando pola situación dos bens, a súa natureza ou características, resulten adecuados para atender as directrices derivadas das políticas públicas.

4. Malia o establecido no parágrafo anterior, poderase acordar a adxudicación directa nos seguintes supostos:

a) Cando, unha vez celebrado o procedemento de adxudicación que proceda, se declare deserto.

b) Cando o adquirente sexa outra Administración pública ou, en xeral, calquera persoa xurídica de dereito público ou privado pertencente ao sector público.

c) Cando o adquirente sexa unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública.

d) Cando o inmoble resulte necesario para dar cumprimento a unha función de servizo público ou a un fin de interese xeral.

e) Cando a venda se efectúe a favor de quen posúa un dereito de adquisición preferente recoñecido por disposición legal.

f) Cando o valor de taxación do ben non exceda os 50.000 euros e se incorporen tres ofertas ao procedemento, sempre que sexa posible.

5. No caso de que o ben teña a condición de demanial, deberá desafectarse previamente. Nos expedientes de desafectación poderá, ao mesmo tempo, declararse a súa alienabilidade.

6. Naqueles supostos en que o procedemento de licitación resulte deserto, e sen prexuízo do posible alleamento directo, poderá a USC realizar sucesivas licitacións, rebaixando o valor de taxación en cada unha delas, sen que en ningún caso a dita rebaixa supoña máis do vinte e cinco por cento do valor de taxación orixinario.

7. Se transcorre máis dun ano desde a primeira licitación sen que se adxudique o contrato, realizarase unha retaxación que actualice o valor do ben e poderá comezar de novo en tal caso o procedemento de licitación desde o principio, tomando como referencia o valor actualizado.

Artigo 30. Alleamento de bens mobles

1. O alleamento de bens mobles patrimoniais, que se instrumentará igualmente a través do correspondente expediente con respecto dos principios de publicidade e concorrencia, terá lugar por bens individualizados ou por lotes. No citado expediente incluirase a taxación pericial previa para determinar o valor dos bens.

2. A resolución de alleamento implica igualmente a desafectación dos bens.

3. O alleamento efectuarase ordinariamente mediante unha poxa pública á alza ou á baixa, sen prexuízo da posibilidade de acordar a adxudicación directa cando concorra algún dos supostos previstos no artigo anterior que resulten aplicables, ou ben cando se considere de forma razoable que se trata de bens obsoletos, perecedoiros ou deteriorados polo uso. Consideraranse obsoletos ou deteriorados polo uso para estes efectos aqueles bens cuxo valor no momento da taxación para a venda sexa inferior ao vinte e cinco por cento do seu prezo de adquisición.

Artigo 31. Permuta de bens patrimoniais

1. Os bens e dereitos patrimoniais poderán ser permutados cando por razóns debidamente xustificadas no expediente resulte conveniente para o interese da Universidade, e a diferenza de valor entre os bens ou dereitos que se trate de permutar, segundo taxación, non sexa superior ao cincuenta por cento dos que o teñan maior. Se a diferenza for maior, o expediente tramitarase como adquisición ou alleamento segundo o caso, con pagamento de parte do prezo en especie.

2. Serán de aplicación á permuta as normas previstas para o alleamento de bens e dereitos, salvo o disposto en canto á necesidade de tramitar o correspondente procedemento para a adxudicación.

3. A diferenza de valor entre os bens que se vaian permutar pode ser aboada en metálico ou mediante a entrega doutros bens ou dereitos de natureza distinta.

Artigo 32. Arrendamentos de bens inmobles patrimoniais

1. Os arrendamentos de bens inmobles patrimoniais que a USC precise para o cumprimento dos seus fins, así como a prórroga, renovación ou resolución anticipada dos correspondentes contratos, efectuaranos o/a reitor/a ou órgano unipersoal en quen delegue, ao cal tamén corresponderá a súa formalización. O/a reitor/a dará conta do arrendamento ao Consello de Goberno e ao Consello Social, na primeira reunión dos devanditos órganos posterior ao acto.

2. Para proceder ao arrendamento de bens patrimoniais, será aplicable o procedemento previsto no artigo 24 deste regulamento. Ademais das causas previstas nos diferentes puntos do ordinal 1º do citado artigo sobre a adxudicación directa que resulten aplicables, poderá concertarse de modo directo o arrendamento cando a urxencia da contratación resulte de acontecementos imprevisibles ou cando a renda anual non supere os 15.000 euros, e a súa duración non exceda un ano.

Neste último caso, a tramitación do expediente só requirirá a aprobación do gasto e a incorporación a este do contrato.

Artigo 33. Cesión gratuíta de bens patrimoniais

1. Os bens e dereitos patrimoniais da USC poderán ser cedidos gratuitamente a outras administracións públicas ou institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para fins de utilidade pública ou interese social, sempre e cando a propia Universidade non xulgue previsible a súa afectación, utilización ou explotación, e non fose posible vendelos ou permutalos, ou ben se consideren obsoletos ou deteriorados polo uso.

2. O acordo de cesión incluirá, en todo caso, os seguintes aspectos:

a) Se ten por obxecto a propiedade do ben ou dereito, o seu usufruto ou só o seu uso, indicando neste último suposto o prazo polo que se acorda a cesión.

b) A finalidade a que se destinarán os bens ou dereitos cedidos.

3. A USC adoptará as medidas que considere oportunas para a verificación do cumprimento das obrigacións do cesionario. Cando os bens cedidos non se aplicasen aos fins ou condicións sinalados no acordo de cesión, ou deixen de estalo con posterioridade, ou cando se descoiden ou utilicen con grave quebrantamento para os intereses públicos, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Universidade.

Nese suposto a resolución que declare a extinción da cesión determinará, de resultar procedente, a indemnización polas deterioracións que sufrisen os bens, logo da estimación da súa contía mediante taxación pericial.

4. A cesión ou a reversión dos bens ou dereitos cedidos, se é o caso, faranse constar no Inventario Xeral da Universidade.

Artigo 34. Procedemento de cesión de bens e dereitos patrimoniais

1. A cesión de bens e dereitos patrimoniais acordarase, ordinariamente, mediante resolución reitoral, sen prexuízo da posible delegación noutros órganos de goberno unipersoais.

Porén, naqueles supostos en que o obxecto da cesión sexan inmobles, ou ben mobles ou dereitos cuxo valor supere o importe de 60.000 euros, a competencia para a proposta de acordo da cesión corresponderá ao Consello Social, por proposta do Consello de Goberno.

2. No acordo de cesión, ademais dos aspectos indicados no parágrafo segundo do artigo anterior, recolleranse as condicións e a forma en que se levará a cabo, o tempo ou duración dela e, no caso de inmobles, a obriga de devolvelos nas condicións en que foron entregados.

3. O procedemento iniciarase mediante solicitude da persoa ou entidade interesada dirixida ao reitor ou reitora, en que deberá constar:

a) A identidade de quen asina ou a acreditación da súa representación, se é o caso.

b) O ben ou dereito cuxa cesión se solicita.

c) O fin ou fins aos que se destinará, e que se conta cos medios necesarios para o seu cumprimento.

d) Os compromisos de carácter xeral que, en virtude da lexislación vixente, asumen os cesionarios de bens públicos sinalados no parágrafo seguinte, así como os que se acorden con carácter particular.

4. Os compromisos de carácter xeral asumidos polos cesionarios serán, polo menos, os seguintes:

– Destinar o ben ou dereito á finalidade mencionada na solicitude que xustifica a cesión.

– Aceptar que se o ben ou dereito cedido gratuitamente non fose destinado ao uso previsto, ou deixase de destinarse posteriormente, se considerará resolta a cesión e aquel reverterá á USC.

– Asumir a obriga de facer fronte aos gastos e impostos necesarios para o bo uso dos bens ou dereitos cedidos.

– Efectuar declaración expresa, se é o caso, de que a única vinculación xurídica e laboral do persoal que poida ocupar as dependencias obxecto da cesión será coa persoa ou entidade beneficiada por ela, excluíndose calquera tipo de vínculo posterior coa USC.

– Efectuar declaración expresa de coñecer a prohibición de realizar arrendamentos ou cesións a terceiros sobre o ben ou dereito cedido.

Artigo 35. Cesión de bens mobles obsoletos

1. Os bens mobles obsoletos e que non sexan de utilidade a outra unidade docente, investigadora ou administrativa da USC poderán ser cedidos a outras entidades sen fin de lucro, logo da súa baixa no inventario. En ningún caso poderán ser cedidos a particulares.

2. As solicitudes serán acordadas polo reitor, tendo en conta a dispoñibilidade dos bens que se vaian ceder, coa seguinte orde de prioridade:

a) Administracións e entidades de carácter público dedicadas á educación.

b) Outras administracións e entidades de carácter público.

c) Organizacións non gobernamentais e entidades privadas sen ánimo de lucro cuxa finalidade principal sexa a educación.

d) Outras organizacións non gobernamentais e entidades privadas sen ánimo de lucro.

Dentro de cada grupo, as solicitudes serán atendidas por orde de recepción.

3. As cesións de bens mobles obsoletos formalizaranse mediante un convenio ou unha resolución reitoral.

TÍTULO III

Protección e defensa do patrimonio

Artigo 36. Obriga de protección e defensa

1. A USC está obrigada a protexer e defender o seu patrimonio por calquera dos medios previstos na normativa patrimonial vixente e, en particular, investigando e inventariando os bens e dereitos que o integran, promovendo as anotacións a inscricións nos rexistros que procedan, exercendo as correspondentes potestades administrativas e interpoñendo as accións administrativas e xudiciais, que coide oportunas.

2. Os responsables das instalacións, estruturas ou dependencias administrativas da Universidade que teñan ao seu cargo bens ou dereitos do patrimonio da USC velarán pola custodia, conservación e defensa, así como pola súa adecuada utilización e cumprimento dos fins para os que foron destinados.

3. Os membros da comunidade universitaria e as restantes persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, estarán obrigados a conservar e respectar os bens e dereitos de que resulten usuarios ou beneficiarios e, se é o caso, responderán dos danos, prexuízos ou incumprimento sobrevidos pola súa perda, deterioración ou uso inadecuado.

Artigo 37. Prerrogativas para a defensa do patrimonio

1. Para a defensa do seu patrimonio, a Universidade disporá das seguintes facultades e potestades administrativas:

a) Inspeccionar os bens e dereitos do seu patrimonio e investigar a situación xurídica daqueles que presumiblemente lle pertenzan.

b) Deslindar en vía administrativa os inmobles da súa titularidade.

c) Recuperar de oficio a posesión indebidamente perdida sobre os seus bens e dereitos.

d) Desafiuzar en vía administrativa os posuidores dos inmobles demaniais, unha vez extinguido o título que amparaba a súa tenza.

2. Contra os actos administrativos ditados en exercicio das prerrogativas indicadas non se admitirá a interposición de accións para a tutela sumaria da posesión ou interditos, previstas na Lei de axuizamento civil, e só poderán ser obxecto de recurso ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa por infracción das normas sobre competencia e procedemento, logo de esgotar a vía administrativa.

Artigo 38. Exercicio das prerrogativas para a defensa

1. As facultades e potestades descritas no artigo anterior serán exercidas logo da instrución dun expediente administrativo, que se tramitará conforme as normas estatais de procedemento establecidas con carácter básico ou xeral, ademais das ditadas para estes efectos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Corresponde á Xerencia, por medio do servizo ou unidade administrativa responsable da xestión patrimonial, tramitar este procedemento e ao reitor ou reitora a súa resolución, agás delegación expresa noutros órganos unipersoais.

Artigo 39. Inscrición

1. A USC deberá inscribir nos correspondentes rexistros os bens e dereitos do seu patrimonio susceptibles de inscrición, tanto demaniais como patrimoniais, así como os actos e contratos que poidan ser rexistrados.

2. A inscrición no Rexistro da Propiedade realizarase conforme o establecido na lexislación hipotecaria e na lexislación de patrimonio das administracións públicas.

3. As certificacións que se emitan deberán estar asinadas polo/a secretario/a xeral da USC, logo de comprobación dos datos que se pretende certificar.

4. A USC tamén deberá inscribir ao seu nome os dereitos de propiedade industrial inscritibles cando procedan dos resultados de investigación do seu persoal no exercicio das súas funcións e os derivados de contratos do artigo 83 da LOU, cando non se pactase outra titularidade.

5. Serán tamén inscritibles no Rexistro de Propiedade Intelectual aqueles programas informáticos, bases de datos e outros dereitos de propiedade intelectual realizados na USC polo persoal ao seu servizo no exercicio das súas funcións, sen prexuízo do recoñecemento dos dereitos morais dos autores.

Artigo 40. Inventario xeral de bens e dereitos

1. A USC contará cun Inventario xeral de bens e dereitos como instrumento de apoio á xestión patrimonial, no cal quede constancia dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio, incorporando os datos que permitan a súa identificación, situación xurídica, limitacións e o destino ou uso a que se dedican.

A Universidade elaborará, ademais, un catálogo de bens do seu patrimonio histórico-artístico, debidamente coordinado co inventario.

2. O seguimento e a administración do inventario realizaraos a Xerencia a través do servizo competente en materia patrimonial, e deberá manterse debidamente actualizado, para o que poderán ditarse as instrucións oportunas en relación coas incorporacións, modificacións, baixas e demais aspectos relacionados coa xestión do inventario.

3. É responsabilidade de todos os centros, dependencias, estruturas e servizos universitarios, con relación aos bens que custodian, facilitar a información e documentación necesarias para manter actualizado o inventario. Esta obriga implica realizar os trámites que regulamentariamente se determinen, para que as alteracións que se produzan con relación aos devanditos bens sexan debidamente reflectidas no inventario. A falta de información ou a realizada intencionadamente como errónea poderá ser obxecto de responsabilidade disciplinaria.

Artigo 41. Consulta de datos

1. O inventario de bens non ten a consideración de rexistro público. Os datos reflectidos nel, así como os resultados da súa agregación e explotación estatística, constitúen información de apoio para a xestión interna e a toma de decisións no ámbito da USC e poderán ser consultados polos membros dos órganos de goberno da universidade.

2. A relación de bens inmobles que sexan de titularidade da USC ou sobre os que posúa algún dereito real serán obxecto de publicidade activa, conforme a lexislación de transparencia vixente.

Artigo 42. Material inventariable dos proxectos e traballos financiados externamente

1. O material inventariable adquirido a través de convenios de investigación e de apoio científico ou de contratos de carácter técnico ou artístico, así como o material adquirido para o desenvolvemento de cursos de especialización, serán propiedade da USC e engrosarán o seu patrimonio, agás pacto expreso que figure no contrato ou na resolución de concesión.

2. Este material deberase incluír no inventario do centro, departamento ou estrutura correspondente. Unha vez rematados os traballos, continuará adscrito ás citadas instalacións universitarias, agás que necesidades docentes e investigadoras debidamente xustificadas aconsellen o seu uso noutras dependencias. Estes bens estarán sometidos ao mesmo réxime de utilización que o resto do material adscrito ás unidades correspondentes, e o seu alleamento ou cesión ás normas xerais nesta materia.

Disposición adicional. Cesión temporal de uso de espazos en instalacións universitarias

As cesións de uso dos bens de titularidade da USC relacionadas coa autorización temporal ou aluguer de espazos para a organización de conferencias, seminarios, presentacións ou outros eventos e actividades extra académicas, alleas ou complementarias aos fins propios da Universidade, rexeranse pola normativa específica aprobada pola USC.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as normas de xestión patrimonial aprobadas polo Consello Social do 31 de maio de 1993 (DOG do 11 de agosto), e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente regulamento.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Habilítase o xerente ou a xerenta da USC para ditar as instrucións oportunas e aprobar cantas medidas se requiran no desenvolvemento normativo e para a execución do presente regulamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor, logo da súa aprobación polo Consello Social, por proposta do Consello de Goberno, o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.