Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 23 de febreiro de 2022 Páx. 13065

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre supresión do posto de traballo de colaboración denominado oficialía maior, clase terceira, do Concello das Pontes de García Rodríguez, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría-intervención.

Vista a solicitude presentada polo Concello das Pontes de García Rodríguez de supresión do posto de traballo de colaboración denominado oficialía maior, clase 3ª, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, emítese resolución con base aos seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O Concello das Pontes de García Rodríguez presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (2021/2204241) solicitude de supresión do posto de traballo de oficialía maior, de colaboración coas funcións de secretaría, reservado á escala de funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría-intervención, clase terceira, ao abeiro do disposto no artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (en diante, D. 49/2009). Acompaña a esta solicitude a seguinte documentación:

– Proposta de supresión do citado posto de traballo reservado da Concellaría delegada de Recursos Humanos dirixida ao Pleno corporativo.

– Certificación da Secretaría municipal do acordo do Pleno do Concello das Pontes de García Rodríguez do 17.9.2021 polo que se adoptan os acordos de aprobación definitiva do orzamento xeral para o exercicio económico 2021, do cadro de persoal e da supresión do posto de traballo de oficialía maior.

Segundo. Examinadas a solicitude formulada e a documentación remitida polo Concello das Pontes de García Rodríguez, esta dirección xeral comprobou que a documentación achegada está incompleta, xa que non incluía os datos nin se acompañaba de todos os documentos exixidos no artigo 10 do D. 49/2009. Por esta razón, remitiuse á citada entidade local requirimento de emenda da súa solicitude inicial, co obxecto de que remita a documentación completa referida no artigo 10.2 do citado D. 49/2009 para poder seguir coa tramitación do procedemento.

Terceiro. O Concello das Pontes de García Rodríguez presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (2021/2763746), en contestación ao requirimento efectuado, a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica xustificativa da supresión do posto de colaboración denominado oficialía maior, clase 3ª.

– Certificación da Intervención municipal acreditativa dos recursos de que dispón a entidade local segundo o último orzamento aprobado, polo importe de 15.273.091,99 €.

– Anuncio de aprobación definitiva do orzamento xeral do Concello das Pontes de García Rodríguez para o exercicio económico 2021 (que inclúe o cadro de persoal), publicado no Boletín Oficial da provincia da Coruña nº 182, do 23.9.2021.

– Certificación da Secretaría municipal relativa á última cifra do padrón municipal, que ascende a un total de 10.068 habitantes.

– Certificación da Secretaría municipal do acordo do Pleno do Concello das Pontes de García Rodríguez do 17.9.2021 polo que se acorda, entre outros aspectos, aprobar definitivamente o cadro de persoal, comprensivo de todos os postos de traballo reservados a funcionarios e persoal laboral, e a supresión do posto de traballo de oficialía maior.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 92.bis, punto 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (en diante, LRBRL), dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.

As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, RD 128/2018).

Segundo. O artigo 6 do RD 128/2018 establece que son postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional os que teñan expresamente atribuída, segundo corresponda, a responsabilidade administrativa das funcións reservadas de fe pública e asesoramento legal preceptivo, control e fiscalización interna da xestión económico financeira e orzamentaria e a contabilidade, tesouraría e recadación, e deberá ser a relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local onde queden reflectidas a denominación e características esenciais dos citados postos de traballo reservados.

Terceiro. Pola súa banda, o artigo 15 do RD 128/2018 regula a posibilidade das entidades locais de crear e suprimir discrecionalmente outros postos de traballo que teñan atribuídas funcións de colaboración inmediata e auxilio ás de secretaría, intervención e tesouraría. Estes postos de traballo estarán reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional e exercerán as súas funcións baixo a dependencia funcional e xerárquica dos titulares dos últimos postos de traballo mencionados.

A estes postos de colaboración corresponderanlles as funcións reservadas que, logo de autorización do alcalde ou presidente da Corporación, lles encomenden os titulares dos postos reservados de secretaría, intervención e tesouraría e a substitución destes últimos nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou concorrencia de causa de abstención ou recusación legal ou regulamentaria deles.

A creación e supresión destes postos de traballo de colaboración (como o de oficialía maior, clase 3ª, do Concello das Pontes de García Rodríguez) constitúe unha manifestación do exercicio dunha potestade discrecional que a normativa estatal atribúe ás entidades locais, enmarcada nas súas potestades de autorganización, exteriorizándose a través do acto de modificación do cadro de persoal e/ou relación de postos de traballo, e cuxa eficacia queda condicionada ao exercicio da competencia autonómica en materia de clasificación de postos reservados, de acordo co artigo 92.bis, punto 4, da LRBRL.

O Concello das Pontes de García Rodríguez xustifica a supresión do dito posto de colaboración de oficialía maior baseándose en que se encontra vacante desde o 9.3.2021, como consecuencia da xubilación da persoa funcionaria de Administración local con habilitación de carácter nacional titular del e que, ademais, ten creados, clasificados e cubertos de forma definitiva os postos de traballo reservados de secretaría, intervención e tesouraría. Polo que non considera procedente manter o posto de traballo de colaboración de oficialía maior, clase 3ª.

Cuarto. O artigo 10 do Decreto 49/2009 establece as normas xerais de clasificación de postos, indicando no seu punto 6 que a supresión de postos reservados seguirá o procedemento regulado no presente artigo para a súa clasificación.

O artigo 22.3.g) do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, atribúe á Dirección Xeral de Administración Local a execución das competencias que, con respecto ao persoal funcionario con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido polo subdirector xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Suprimir, por instancia do Concello das Pontes de García Rodríguez, o posto de colaboración denominado oficialía maior, clase 3ª, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría-intervención.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local