Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2022 Páx. 10993

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 10 de febreiro de 2022 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga do persoal da empresa Esteve Teijin Healthcare, S.L., que presta o servizo de terapias respiratorias a domicilio do Servizo Galego de Saúde nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e A Barbanza, de Pontevedra e O Salnés e de Vigo, os días 14 e 21 de febreiro de 2022.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito tanto na Administración como nas empresas privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

O Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema nacional de saúde e o procedemento para a súa actualización, inclúe no contido da carteira de servizos comúns de atención especializada a aplicación das técnicas de terapia respiratoria a domicilio que necesite o/a paciente. Estas terapias tamén están reguladas, no ámbito do Servizo Galego de Saúde, na Orde da Consellería de Sanidade do 17 de outubro de 2007 (DOG núm. 219, do 13 de novembro).

As técnicas de terapia respiratoria a domicilio teñen como finalidade o mantemento dun correcto estado ventilatorio dos pacientes, mellorar a súa calidade e esperanza de vida, favorecer a súa integración social e diminuír as estadías hospitalarias.

O Servizo Galego de Saúde ten contratada coa empresa Esteve Teijin Healthcare, S.L. a prestación do servizo de terapias respiratorias a domicilio nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e A Barbanza, de Pontevedra e O Salnés e de Vigo.

En concreto, o obxecto desta contratación é a realización, no domicilio de cada paciente adscrito ás devanditas áreas, das técnicas de terapia respiratoria seguintes: oxixenoterapia con fontes fixas e móbiles, ventilación mecánica a domicilio, tratamento ventilatorio da síndrome de apnea-hipopnea do sono (SAHS) e aerosolterapia, ademais de equipamentos adicionais complementarios.

A representación do persoal de Esteve Teijin Healthcare, S.L. na provincia da Coruña, por unha banda, e o comité de empresa da provincia de Pontevedra, pola outra, comunicaron cadansúa convocatoria de folga que se desenvolverá en ambos os casos durante as xornadas do 14 e o 21 de febreiro de 2022, desde as 0.00 horas ata as 24.00 horas dos citados días, e que afectará todo o persoal da empresa que realiza o servizo de terapias respiratorias a domicilio contratado pola Administración sanitaria para as áreas de Santiago de Compostela e A Barbanza, de Pontevedra e O Salnés e de Vigo, respectivamente.

Con base no que antecede,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos segundo os criterios que se establecen nesta orde.

Os servizos mínimos resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de terapia respiratoria a domicilio, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía usuaria, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características da prestación e a imposibilidade de desenvolvela agora con recursos sanitarios públicos propios.

A folga convocada afecta todo o persoal da empresa Esteve Teijin Healthcare, S.L. que presta o servizo de terapias respiratorias a domicilio no ámbito territorial das áreas sanitarias de Santiago de Compostela e A Barbanza, de Pontevedra e O Salnés e de Vigo, e desenvolverase durante toda a xornada dos días 14 e 21 de febreiro de 2022, das 0.00 ás 24.00 horas.

O servizo contratado dá cobertura global á atención domiciliaria de pacientes demandantes das devanditas técnicas nas tres áreas do Servizo Galego de Saúde a que afecta a folga, no seguinte dobre plano:

– No ámbito hospitalario, a actividade desenvolvida vai ligada ao diagnóstico, altas e xestión de pacientes de alta complexidade, de xeito coordinado coas indicacións do persoal médico especialista ou das unidades especializadas de cada área sanitaria, consonte os protocolos establecidos para o efecto.

– No ámbito domiciliario, a dita actividade debe asegurar as altas diarias de subministracións de todos os lotes de materiais e produtos vinculados a estes tratamentos, a resolución de todo tipo de incidencias no mesmo día e as reposicións de oxíxeno líquido e botellas necesarias, así como un servizo de gardas inherente a esta prestación.

2. As citadas circunstancias, unidas á necesidade de determinar a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible neses ámbitos, determinan que se adopten os seguintes criterios para a fixación dos servizos mínimos, entendidos como criterios reitores da actividade que en todo caso debe quedar garantida e asegurada durante esta folga:

‒ Atención das urxencias, incidencias domiciliarias e altas de servizo.

‒ Servizo de reposición de oxíxeno líquido.

‒ Servizo asistencial para pacientes demandantes de ventilación mecánica e monitorización infantil.

‒ Loxística de materiais e oxíxeno para poder aprovisionar o persoal sanitario que realice os anteditos servizos.

3. Atendendo ao anterior, establécese o seguinte número de efectivos para cubrir os servizos mínimos, por debaixo dos cales se considera que podería comprometerse o estado de saúde ou a propia vida das persoas afectadas, en particular nos casos de insuficiencia respiratoria en fase aguda, crítica ou cuxa terapéutica estea indicada para pacientes que presenten unha importante dependencia do tratamento para a súa supervivencia, así como nos coidados paliativos:

a) Na Área Sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza:

‒ 2 diplomados/as universitarios/as sanitarios, no ámbito hospitalario.

‒ 2 técnicos/as asistenciais no ámbito domiciliario.

‒ 2 diplomados/as universitarios/as sanitarios no ámbito domiciliario.

En todo caso, deberán quedar cubertas as incidencias que teñan carácter urxente ou que requiran a súa atención inmediata nos dous distritos sanitarios que abrangue esta área.

b) Na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés:

‒ 1 diplomado/a universitario/a sanitario, no ámbito hospitalario.

‒ 2 técnicos/as asistenciais no ámbito domiciliario.

‒ 2 diplomados/as universitarios/as sanitarios no ámbito domiciliario.

En todo caso, deberán quedar cubertas as incidencias que teñan carácter urxente ou que requiran a súa atención inmediata nos dous distritos sanitarios que abrangue esta área.

c) Na Área Sanitaria de Vigo:

‒ 2 diplomados/as universitarios/as sanitarios, no ámbito hospitalario.

‒ 2 técnicos/as asistenciais no ámbito domiciliario.

‒ 2 diplomados/as universitarios/as sanitarios no ámbito domiciliario.

En todo caso, deberán quedar cubertas as incidencias que teñan carácter urxente ou que requiran a súa atención inmediata nesta área sanitaria.

4. A determinación do persoal necesario con base nos puntos anteriores faraa a dirección da empresa, e a súa fixación debe estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario, reflectindo naquel os factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios dos centros de traballo afectados con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

5. Sen prexuízo do que establecen os puntos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade