Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 8 de febreiro de 2022 Páx. 9522

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2022 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2022 (códigos de procedemento VI422F e VI406A).

O artigo 91 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. O artigo 94 da citada lei establece que os programas de rehabilitación poderán dispor para a súa execución de medidas específicas de fomento, de axudas ao financiamento, de préstamos subsidiados, de anticipos, de incentivos fiscais e de calquera outro instrumento nos termos que se establezan nas correspondentes normas de desenvolvemento.

Neste contexto, o Instituto Galego da Vivenda e Solo puxo en marcha un conxunto de medidas encamiñadas a fomentar a rehabilitación de edificios e vivendas, de carácter exclusivamente autonómico, entre as que teñen especial relevancia os diferentes programas dirixidos a fomentar o acceso á vivenda e á rehabilitación e á renovación urbana, como son o Programa para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal e o Programa de infravivenda para o seu destino ao alugueiro social.

O Programa de axudas para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal para o seu destino ao alugueiro social implantouno o Instituto Galego da Vivenda e Solo coa finalidade de prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para rehabilitar edificacións de titularidade municipal susceptibles dun uso residencial.

O Programa de infravivenda ten como obxectivo outorgar axudas aos concellos de menos de 10.000 habitantes para acometer actuacións urxentes e imprescindibles, para os efectos de mellorar o estado das edificacións ou vivendas propiedade dos concellos ou de persoas propietarias en risco de exclusión residencial.

A variedade das axudas destinadas a concellos para actuacións de rehabilitación xestionadas por este organismo aconsella efectuar, nun único texto, unha convocatoria conxunta deste tipo de subvencións para facilitar, deste xeito, o seu coñecemento polos seus potenciais destinatarios.

Esta resolución ten por obxecto convocar as seguintes subvencións para a anualidade 2022:

– Subvencións do Programa de subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social.

– Subvencións do Programa de infravivenda.

A tramitación desta convocatoria axústase á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 habilítanse os créditos para o financiamento destas axudas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2022 as subvencións dos seguintes programas para actuacións de rehabilitación:

a) Programa de subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social, con carácter plurianual, que se tramitará co código de procedemento VI422F.

b) Programa de infravivenda, que se tramitará co código de procedemento VI406A.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas nas seguintes disposicións:

1. Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021).

2. Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro de 2020).

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións obxecto desta convocatoria faranse efectivas con cargo ás aplicacións dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia que se especifican nesta resolución.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nestas convocatorias poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. No suposto de existir remanente nalgunha das convocatorias incluídas nesta resolución, poderase utilizar para financiar solicitudes das outras convocatorias, de acordo co previsto no artigo 31 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cuarto. Solicitudes e documentación complementaria

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e que se incorporan como anexo a esta resolución. Deberán dirixirse ao órgano que se especifique para cada tipo de subvención.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No formulario de solicitude, a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Declaración responsable de que non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria da axuda que solicita.

g) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son correctos.

5. As solicitudes de subvención deberán ir xunto coa documentación complementaria especificada nesta resolución, en función do tipo de axuda solicitada.

6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa ou entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa ou entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa ou entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa ou entidade interesada a súa achega.

7. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que for realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

9. No caso de que algún dos documentos que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexto. Órganos competentes

1. A instrución do procedemento é competencia da Área Provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda en que se realicen as actuacións.

2. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Sétimo. Procedemento

1. Sen prexuízo das especialidades establecidas para cada programa de axudas, os procedementos de concesión iniciaranse de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da presente resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude presentada non reunise algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na presente convocatoria, requirirase o concello solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, a persoa solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. O órgano instrutor, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos, elevará todas as propostas de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

5. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, en vista da proposta efectuada e tendo en conta a dispoñibilidade orzamentaria, resolverá o que en dereito proceda.

Oitavo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Noveno. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

II. Convocatoria das subvencións do Programa para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social,
con carácter plurianual (código de procedemento VI422F)

Décimo segundo. Convocatoria das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social, con carácter plurianual (código de procedemento VI422F)

Un. Obxecto

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal e as adxudiquen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Dous. Crédito orzamentario

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 630.000 euros para a anualidade 2022 e por importe de 1.470.000 euros para a anualidade 2023.

Tres. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Entre as condicións de habitabilidade poderanse contemplar a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén serán subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Non obstante o anterior, non se aboarán as facturas correspondentes as obras executadas con anterioridade ao ano natural en que se publique a resolución de convocatoria. Exceptúanse as facturas correspondentes a actuacións preparatorias, as referidas a amoreamentos de material previos e/ou a pagamentos anticipados nos que a execución de obra se realice, igualmente, no ano natural en que se publique a resolución de convocatoria.

3. Para o caso de actuacións plurianuais é necesario que o inicio das actuacións se realice no exercicio 2022 e o importe do orzamento a executar nesa anualidade non supere o 15 % do orzamento total da actuación.

Catro. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística á data de publicación da presente convocatoria.

b) Contar cun número de demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello, cando menos igual ao de vivendas para as que se solicita a axuda.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano desta convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivera vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cinco. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no DOG e rematará o día 1 de xuño de 2022 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicada no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Seis. Solicitudes e documentación complementaria

1. A solicitude realizarase conforme ao formulario que se incorpora como anexo I desta resolución (código de procedemento VI422F). Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da Alcaldía ou a persoa en que esta delegue.

4. Coa solicitude deberá achegar a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a subvención ao IGVS, aceptando os termos da convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se acompaña á solicitude.

b) Certificado da Secretaría municipal no que se acredite que a edificación ou a vivenda obxecto de rehabilitación é de titularidade municipal e de que se cumpren os requisitos recollidos no ordinal quinto da Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social.

c) Proxecto técnico ou memoria relativa á actuación que se vai realizar na edificación ou na vivenda. Deberá vir acompañado da seguinte documentación:

– Informe asinado polo/a correspondente técnico/a municipal relativo á localización da edificación ou da vivenda, ao ámbito no que se inclúe, ás súas características e ao seu estado de deterioración. Este informe conterá unha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou da vivenda e unha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

– Memoria da actuación proposta, do orzamento de execución material e do calendario de execución. Este calendario é necesario para establecer a repartición das anualidades no momento da concesión da subvención.

– Informe do/da técnico/a municipal de que a actuación proposta cumpre coa lexislación vixente.

Sete. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF do concello.

2. No caso de que os concellos interesados se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I (código de procedemento VI422F) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso do concello interesado para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Oito. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que deberanse cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida que, de ser o caso, poderá ter carácter plurianual.

2. Para a concesión das axudas, atenderase á orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela na que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras deste programa e nesta resolución.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, os concellos solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación.

Nove. Xustificación da subvención

A xustificación da execución das obras subvencionadas realizarase conforme ao seguinte procedemento:

1. O concello beneficiario deberá comunicar á correspondente Área Provincial do IGVS o remate das obras nun prazo máximo de quince (15) días. Este prazo comezará a contar desde a súa finalización ou desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación das obras. A comunicación deberá facerse por vía electrónica, conforme ao anexo II (código de procedemento VI422F), no que se deberá facer unha declaración de estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, para poder proceder ao pagamento de acordo co artigo 60.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Xunto co citado anexo deberá xuntarse, segundo os casos, a seguinte documentación:

A. Para o caso de xustificar a comunicación parcial das obras:

– Certificación expedida pola Secretaría do concello, co visto e prace da persoa titular da Alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da parte executada da subvención, na que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que se certifica, así como os conceptos e contías relativos aos gastos totais soportados polo concello e imputables a esta certificación, coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e recoñecemento da obriga polo órgano competente.

A citada conta xustificativa incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención, de acordo co establecido no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións a entidades locais galegas.

O importe xustificado á conta non poderá ser superior, en ningún caso, ao 80 % do total da subvención concedida.

– Memoria explicativa das obras realizadas.

– Fotografías que mostren as obras realizadas.

– Documentos acreditativos dos gastos realizados con medios e recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia no apartado anterior.

– Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.

– Copia de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

B. Para o caso de xustificar a comunicación final das obras:

1. Co remate das obras deberá presentarse, ademais da documentación sinalada no apartado anterior, unha certificación da Secretaría do concello acreditativa desta circunstancia, acompañada da súa acta de recepción, indicando que se cumpriu a finalidade da subvención. Non será necesario achegar a copia das tres ofertas sinaladas no parágrafo anterior, no caso de telas presentado con anterioridade.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o Concello beneficiario presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo de dez (10) días.

3. En ningún caso admitirase a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao 30 de outubro da anualidade a xustificar, salvo que o requirimento sinalado no apartado anterior se fixera dentro dos dez (10) días anteriores a esa data.

4. No caso de que o ritmo de execución das obras fora diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, previa solicitude do concello, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

5. No caso de non terse presentado a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados nin terse procedido a un reaxuste das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que lle será notificado ao concello interesado a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

6. Presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Dez. Obrigas dos concellos beneficiarios

Os concellos beneficiarios terán as obrigas recollidas no ordinal décimo noveno da Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social.

III. Convocatoria das subvencións para o Programa de infravivenda
(código de procedemento VI406A)

Décimo terceiro. Convocatoria das subvencións para o Programa de infravivenda (código de procedemento VI406A)

Un. Obxecto

1. Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente ás unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

2. Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nas bases reguladoras.

Dous. Crédito orzamentario

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.760.0, por importe de 370.000 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2022.

Tres. Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.

En concreto, serán subvencionables con cargo a este programa as actuacións que teñan por obxecto:

– A reforma ou rehabilitación de elementos exteriores.

– A mellora das condicións estruturais e de seguranza.

– A mellora da accesibilidade da edificación ou das vivendas.

– A mellora da habitabilidade. Dentro destas últimas, será subvencionable a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Catro. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación da presente convocatoria.

2. Para poder ser beneficiarios destas subvencións os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivera vencido.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cinco. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no DOG e rematará o día 1 de xuño de 2022 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicada no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Seis. Solicitudes e documentación complementaria

1. A solicitude de concesión realizarase conforme ao formulario que se incorpora como anexo III (código de procedemento VI406A) desta convocatoria. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude para a mesma infravivenda nin poderá solicitar unha subvención para traballos correspondentes a actuacións xa subvencionadas en convocatorias anteriores na mesma infravivenda.

3. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da Alcaldía ou a persoa en que esta delegue.

4. Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a subvención ao IGVS, aceptando os termos da convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se acompaña á solicitude.

b) Para o suposto de que a vivenda sexa de titularidade privada, o anexo IV (código de procedemento VI406A) de autorización das persoas propietarias do inmoble, membros da unidade de convivencia, para que o concello execute as obras de rehabilitación, así como o compromiso de dedicar a vivenda a domicilio habitual e permanente da unidade de convivencia durante un prazo non inferior a cinco anos, contado desde a finalización das obras.

c) Certificado da Secretaría municipal no que se acredite terse cumprido os requisitos recollidos no artigo 7 da Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda.

d) Proxecto técnico ou memoria relativa á infravivenda obxecto das actuacións. Deberá vir acompañado da seguinte documentación:

– Informe social sobre as circunstancias persoais, así como das económico-sociais de cada un dos membros da unidade de convivencia. No caso de tratarse dunha infravivenda de titularidade municipal, que aínda non estea ocupada por unha unidade de convivencia, non se presentará este informe.

– Informe asinado pola persoa técnica municipal relativo á localización da infravivenda, das súas características e do seu estado de deterioración. Este informe deberá ir acompañado dunha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou vivenda e dunha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

– Memoria da actuación proposta, do orzamento de execución material e do calendario de execución.

– Informe da persoa técnica municipal de que as actuacións propostas cumpren coa lexislación vixente.

– Informe municipal sobre o financiamento da actuación que xustifique a súa viabilidade.

– Certificado do correspondente órgano do concello de que o nivel de renda da unidade de convivencia das persoas beneficiarias entra dentro dos criterios establecidos nesta resolución. No caso de tratarse dunha infravivenda de titularidade municipal, que aínda non estea ocupada por unha unidade de convivencia, non se presentará este certificado.

– No caso de tratarse dunha vivenda de titularidade municipal, certificado da Secretaría municipal no que se acredite que a edificación ou vivenda obxecto de rehabilitación é de titularidade municipal.

– No caso de que a edificación ou vivenda pertenza a algunha das persoas membro da unidade de convivencia, certificado da Secretaría municipal no que se acredite a propiedade da edificación ou da vivenda obxecto de rehabilitación.

Sete. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF do concello.

2. No caso de que os concellos interesados se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo III (código de procedemento VI406A) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso do concello interesado para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Oito. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que deberanse cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida.

2. Para a concesión das axudas atenderase á orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela na que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras deste programa e nesta resolución.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, os concellos solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Nove. Xustificación da subvención

A xustificación da execución das obras subvencionadas realizarase conforme ao seguinte procedemento:

1. O concello beneficiario deberá comunicar á correspondente Área Provincial do IGVS o remate das obras nun prazo máximo de quince (15) días. Este prazo comezará a contar desde a súa finalización ou desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación das obras. A comunicación deberá facerse por vía electrónica, conforme ao anexo V (código de procedemento VI406A), no que se deberá facer unha declaración de estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para poder proceder ao pagamento de acordo co artigo 60.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Xunto co citado anexo deberá xuntarse, segundo os casos, a seguinte documentación:

– Certificación expedida pola Secretaría do concello, co visto e prace da persoa titular da Alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na que se faga constar de forma detallada o cumprimento da finalidade da subvención, así como os conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados polo concello e imputables a esta actuación, coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e recoñecemento da obriga polo órgano competente.

A citada conta xustificativa incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención, de acordo co establecido no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións a entidades locais galegas.

– Memoria explicativa das obras realizadas.

– Fotografías que mostren as obras realizadas.

– Documentos acreditativos dos gastos realizados con medios e recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia no apartado anterior.

– Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.

– Copia de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o concello beneficiario presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo de dez (10) días.

3. En ningún caso admitirase a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao 30 de novembro do ano da convocatoria, salvo que o requirimento sinalado no apartado anterior se fixera dentro dos dez (10) días anteriores a esa data.

4. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Dez. Obrigas dos concellos

Os concellos beneficiarios terán as obrigas recollidas no artigo 21 da Orde 23 do decembro de 2019 pola que se establecen as súas bases reguladoras deste programa.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file