Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 8 de febreiro de 2022 Páx. 9552

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 19 de xaneiro de 2022 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2022, Programa de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social (código de procedemento VI422F).

BDNS (Identif.): 608930.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do Padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación da presente convocatoria.

b) Contar cun número de demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu concello, cando menos igual ao de vivendas para as cales se solicita a axuda.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano desta convocatoria no que o seu prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal e que as adxudiquen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021).

Cuarto. Crédito orzamentario e contía das axudas

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 630.000 euros para a anualidade 2022 e por importe de 1.470.000 euros para a anualidade 2023.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no DOG e rematará o día 1 de xuño de 2022 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicada no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo