Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 27 de xaneiro de 2022 Páx. 5452

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR331B).

BDNS (Identif.): 606918.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente resolución os membros dos grupos operativos da AEI constituídos para o efecto do desenvolvemento dun proxecto innovador. Segundo a redacción do artigo 35 do Regulamento 1305/2013, do 17 de decembro de 2013, na iniciativa de cooperación deberán intervir, como mínimo, dous actores. Os grupos operativos estarán formados, polo menos, por unha entidade relacionada coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector. Terá preferencia a participación dun centro de innovación, investigación ou tecnolóxico de natureza pública ou privada. Tanto as ditas entidades como os centros mencionados anteriormente poderán acceder á condición de beneficiarios.

2. Poderán incorporarse tamén e acceder á condición de beneficiarios:

a) Entidades ou persoas físicas relacionadas coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector.

b) Centros de innovación, investigación ou tecnolóxicos de natureza pública ou privada.

c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.

d) Entidades asesoras na conservación ou uso sustentables dos recursos naturais.

e) Outras entidades asesoras con intereses recoñecidos no ámbito rural.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a execución de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2022. O seu código de procedemento é MR331B.

En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental nin investigacións independentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR331B).

Cuarto. Importe

1. O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 14.A2.561A.770.0, código de proxecto 201600417, por un valor total de 6.127.330,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 919.099,50 € en 2022, 3.676.398,00 € en 2023 e 1.531.832,50 € na anualidade 2024.

De acordo co artigo 25.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión das subvencións.

2. De acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 30.2 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 2,5 %.

A determinación da contía das axudas realizarase en función do número de solicitudes presentadas e da dispoñibilidade orzamentaria, de acordo cos criterios de priorización establecidos no artigo 18 da resolución.

A intensidade da axuda á execución de proxectos de grupos operativos da AEI será do 100 % dos gastos subvencionables.

A contía máxima subvencionada en cada iniciativa de cooperación será de 180.000 euros. A contía máxima por entidade beneficiaria non poderá exceder os 180.000 euros.

Quinto. Obriga de relacionarse electronicamente

Tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes remata no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria