Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 24 de xaneiro de 2022 Páx. 3845

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, pola que se declara de interese galego a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, e con base nos seguintes:

Feitos:

Primeiro. A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas foi constituída por Tomás Notario Vacas e a entidade Caixa Rural Galega, S.C.C.L.G., representada polo presidente do seu consello reitor, Manuel Varela López, mediante escritura pública outorgada en Lugo o 23 de setembro de 2021 ante a notaria Natalia Nieto Alba, co número de protocolo 1.569.

Segundo. Consonte o artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– Promover a investigación nos ámbitos científico, cultural e educativo, con especial dedicación aos estudos de agroalimentación, veterinaria e forestal.

– Fomentar a educación da poboación do seu ámbito de referencia, con especial atención aos estudos superiores, en prol de conseguir a excelencia e a especialización en ámbitos que poidan reverter na mellora das actividades produtivas e do progreso das materias específicas dos seus estudos.

Terceiro. O Padroado inicial da Fundación está formado por Tomás Notario Vacas, como presidente; Manuel Varela López, como vicepresidente; Antonio Riveira Requeijo, como secretario, e Salvador Manuel Diz Cerviño e Alberto Cepeda Sáez, como vogais.

Cuarto. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

Quinto. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 20 de decembro de 2021 (DOG núm. 7, do 12 de xaneiro) clasificouse de interese educativo a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Universidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segunda. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no citado regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e presentar anualmente a documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución poderá interporse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2022

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de
Cultura, Educación e Universidade