Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 21 de xaneiro de 2022 Páx. 3747

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 11 de xaneiro de 2022 pola que se convocan para o ano 2022 as axudas para a adquisición de vivendas protexidas (código de procedemento VI420C).

BDNS (Identif.): 606925.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.

b) Ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.

c) Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 un contrato privado de compravenda visado pola Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda protexida ao abeiro da Resolución do 5 de xullo de 2021 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados neste ordinal, agás o relativo á data prevista no punto 1.c).

3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no primeiro parágrafo para poder ser beneficiaria da axuda.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2022 as subvencións para a adquisición de vivendas protexidas, que se tramitarán co código de procedemento VI420C.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivendas protexidas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 140, do 23 de xullo).

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.780.4, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, por un importe total de 2.000.000 euros e financiaranse con fondos propios da comunidade autónoma.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2022 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022

Heriberto García Porto
Director Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo