Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2022 Páx. 2212

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 7 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as táboas de avaliación documental de determinadas series documentais do patrimonio documental de Galicia e se dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, determina no seu artigo 19 que os documentos de titularidade pública serán avaliados e seleccionados para determinar a súa conservación ou eliminación, de acordo co interese que presenten desde o punto de vista administrativo, xurídico, legal e histórico e os seus prazos de vixencia, acceso e conservación.

Os documentos de titularidade pública son patrimonio documental de Galicia desde a súa creación ou a súa acumulación, tal como establecen a citada Lei de arquivos e documentos de Galicia e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A xestión, custodia e acceso aos documentos de titularidade pública réxense polos principios desta normativa e son responsabilidade directa dos seus titulares.

A Lei de arquivos e documentos establece que non poderá eliminarse ningún documento público se antes non foi avaliado e seleccionado de acordo co procedemento que se estableza para tal fin. Con este obxectivo, o Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula a composición do Consello de Avaliación Documental de Galicia, establece o procedemento que hai que seguir na avaliación para a selección de documentos.

No procedemento de avaliación, regulado no título II do Decreto 15/2016, establécese que as propostas de avaliación serán sometidas a ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia, que elaborará as táboas de avaliación documental. Aprobadas, de ser o caso, as táboas de avaliación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental, disporá a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, mediante un extracto, sen prexuízo de facelas públicas na páxina web da consellería.

Así mesmo, mediante Resolución do 18 de abril de 2017, da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se aproban e se fan públicos os criterios de avaliación para a selección, transferencia de custodia e acceso aos documentos, así como o formulario normalizado para a elaboración dos estudos de identificación e avaliación de series documentais propostos polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 15 de marzo de 2017 (DOG núm. 90, do 11 de maio), con carácter xeral, no ámbito da Administración autonómica, os documentos anteriores ao ano 1990 considéranse de conservación permanente e, polo tanto, non serán eliminados.

De acordo con esta normativa e procedemento, as series documentais que se mencionan nesta orde foron presentadas ao Consello de Avaliación Documental de Galicia que, na súa sesión de 26 de outubro de 2021, emitiu o seu ditame a través das táboas de avaliación documental elevadas para a súa aprobación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental.

Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as táboas de avaliación documental cuxos extractos se recollen no anexo a esta resolución e que corresponden ás seguintes series documentais, procedentes da Administración autonómica, ditaminadas polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na súa sesión do 26 de outubro de 2021:

• AA92: Expedientes de comisión de servizos do persoal de administración xeral da Administración autonómica.

• AA5067: Expedientes de defensa nas impugnacións das resolución das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

Segundo. Ordenar a publicación das táboas de avaliación documental das mencionadas series, mediante un extracto, no Diario Oficial de Galicia.

Esta orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnalo ante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO I

Extractos das táboas de avaliación de series documentais

Táboa: T0074.

Código da serie: AA92.

Denominación: expedientes de comisión de servizos do persoal de administración xeral da Administración autonómica.

Procedencia: Administración xeral. Función Pública.

Datas extremas da serie: 1983-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1983-2021.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 26 de outubro de 2021.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Arquivo central ao ano seguinte da finalización da comisión de servizos.

• Arquivo intermedio aos 5 anos da finalización da comisión de servizos.

• Arquivo histórico aos 15 anos da finalización da comisión de servizos.

Selección:

Posibilidade de eliminación total aos 5 anos da finalización da comisión de servizos.

Mostraxe aleatoria de 2 expedientes por ano.

A documentación presentada polos solicitantes non adxudicatarios das prazas: posibilidade de eliminación no arquivo de xestión unha vez pasado un mes da proposta de comisión.

Táboa: T0075.

Código da serie: AA5067.

Denominación: expedientes de defensa nas impugnacións das resolución das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

Procedencia: Xustiza.

Datas extremas da serie: 1996-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1996-2017.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 26 de outubro de 2021.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Arquivo central/intermedio ao ano seguinte da finalización do expediente.

Selección:

Posibilidade de eliminación total aos 3 anos da finalización do expediente.