Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2022 Páx. 2208

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 174/2021, do 29 de decembro, polo que se adoptan medidas en relación cos plans de emerxencia exterior do polígono da Grela-Bens e do polígono dos Praceres-Lourizán.

O Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece no seu artigo 6 que as comunidades autónomas elaborarán os plans de emerxencia exterior dos establecementos de nivel superior.

O Decreto 37/2019, do 21 de marzo, polo que se determinan os órganos competentes e outras medidas para o control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece que é a consellería competente en materia de emerxencias e interior, a través da dirección xeral con competencias na devandita materia, o órgano responsable da elaboración do plan de emerxencia exterior.

O Real decreto 407/1992, do 24 de abril, polo que se aproba a norma básica de protección civil, indica que os plans que teñan como obxecto os riscos químicos terán a consideración de plans especiais.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, no artigo 33, relativo ao procedemento de aprobación e publicación, indica que lle corresponde ao Consello da Xunta, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, modificado polo Decreto 109/2004, do 27 de maio, establece, no seu artigo 76, que os plans especiais que teñan un ámbito territorial de aplicación que non exceda a Comunidade Autónoma de Galicia serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en materia de protección civil, logo do informe da Comisión Galega de Protección Civil, e serán homologados pola Comisión Nacional de Protección Civil. Segundo o artigo 77 do dito decreto, a aprobación dos plans polo Consello da Xunta de Galicia será publicada no Diario Oficial de Galicia.

O Decreto 88/2016, do 7 de xullo, polo que se aproba a actualización e revisión do Plan de emerxencia exterior do Polígono da Grela-Bens, actualizou e revisou o Plan que foi aprobado mediante a Orde do 1 de xuño de 1995 pola que se aproban os plans de emerxencia exterior do polígono industrial da Grela-Bens, situado nos concellos da Coruña e Arteixo, e das factorías Zeneca Agro, situada no concello do Porriño (Pontevedra) e Repsol Butano, S.A., situada no concello de Mos (Pontevedra). Posteriormente foi revisado nos anos 2004 e 2011.

Esta nova revisión do Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela-Bens foi sometida a un período de información pública de 20 días hábiles, mediante Resolución do 20 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, en aplicación do disposto no punto 2 do artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro. Tamén foi remitido aos concellos da Coruña e Arteixo, en cumprimento do artigo 33 da Lei 5/2007 de emerxencias de Galicia, que indica no punto 2 que lle corresponde ao Consello da Xunta, logo de informe da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais, despois de consulta ás entidades locais e entidades que regulamentariamente se establezan.

A Comisión Galega de Protección Civil, na súa reunión do 14 de decembro de 2020, emitiu informe favorable sobre este plan e acordou a súa remisión ao Consello Nacional de Protección Civil para informe.

O 17 de novembro de 2021, a Comisión Permanente do Consello Nacional de Protección Civil emitiu informe favorable o Plan de emerxencia exterior do Polígono da Grela-Bens.

Doutra banda, o Decreto 49/2011, do 17 de marzo, polo que se aproban tres novos plans de emerxencia exterior e dúas renovacións, de determinadas empresas químicas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia, aprobaba, entre outros, a segunda revisión do Plan de emerxencia exterior do polígono dos Praceres-Lourizán, que comprende os establecementos da Empresa Nacional de Celulosas (Ence) e de Electroquímica del Noroeste, S.A. (Elnosa), en Pontevedra.

O 15 de xuño de 2021, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior eleva á Comisión Galega de Protección Civil informe de proposta para que quede sen efecto o Plan de emerxencia exterior do polígono dos Praceres-Lourizán, posto que o establecemento Electroquímica del Noroeste, S.A. (Elnosa) pechou a súa actividade e mesmo foi derruído, e o establecemento Empresa Nacional de Celulosas (Ence) ten presentes cantidades de substancias clasificadas por debaixo dos limiares da columna 3 do anexo I do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, obténdose informe favorable por unanimidade.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Un. Apróbase a revisión do Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela-Bens.

Dous. Este plan de emerxencia exterior atoparase á disposición do público na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo (rúa Roma, 25-27, Santiago de Compostela), na súa páxina web, así como nos correspondentes servizos provinciais de Emerxencias.

Artigo 2

Derrógase o Plan de emerxencia exterior do polígono dos Praceres-Lourizán, aprobado polo Decreto 49/2011, do 17 de marzo.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo para realizar as modificacións de carácter técnico que procedan no Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela-Bens como resultado do avance científico-técnico e da evolución do desenvolvemento industrial que a criterio da Comisión Galega de Protección Civil non supoñan a necesidade duna nova tramitación do plan.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo