Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 13 de xaneiro de 2022 Páx. 1259

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 29 de decembro de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Meaño (Pontevedra).

O Concello de Meaño remite documentación relativa á modificación puntual sinalada de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, redactada por Urbes Gestión del Suelo, S.L., e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Meaño conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 28.12.1999 (DOG do 7.2.2000 e BOP do 17.1.2000).

2. Mediante a Resolución do 20.2.2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico da modificación e decidiu non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 26.3.2019, expediente 2018AAE2211).

3. Consta informe técnico municipal do 14.5.2019, informes de secretaría-intervención de 14.5.2019 e 7.8.2019 e informe de intervención do 14.5.2019.

4. A modificación puntual número 2 apróbase inicialmente o 29.11.2019 e someteuse a información pública polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 8.1.2020 e no xornal Faro de Vigo do 8.1.2020.

5. Desde o Concello foron solicitados informes a: Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar (constan informes do 31.5.2019 e 12.5.2021), Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (informes do 31.5.2019 e 30.4.2021), Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Axencia Galega de Infraestruturas (informes do 28.5.2019, 29.5.2019, 14.4.2020 e 22.12.2020), Augas de Galicia (informes do 27.3.2020 e 26.11.2020), Deputación de Pontevedra (acordos da Xunta de Goberno do 14.2.2020 e 27.11.2020), Ministerio de Defensa, SDX Patrimonio (informe do 21.2.2020), Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Subdirección Xeral de Planificación de Infraestruturas e Transporte (informe do 31.1.2020), Delegación do Goberno (informe do 25.6.2020 e informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 3.6.2020) e Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (informe do 6.3.2020).

6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais a: Dirección Xeral de Ordenación do Territorio en Urbanismo en materia de costas (informe do 12.2.2020), así como o informe previsto no artigo 102 do Plan de ordenación do litoral (informe do 5.8.2020), Instituto de Estudos do Territorio (informe do 6.5.2020), Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático en materia de residuos (informe do 21.2.2020), Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria (informe do 13.3.2020), Axencia Galega de Infraestruturas (informes do 14.4.2020 e 22.12.2020), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informe do 25.5.2020), Dirección Xeral de Patrimonio Natural (informes do 18.6.2020 e 19.6.2020), Deputación de Pontevedra (informe do 22.5.2020) e Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 10.2.2020).

Non contestaron ao requirimento de informe Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Cambados, Meis, Poio, Ribadumia e Sanxenxo, e recibiuse o Acordo plenario do Concello de Poio do 26.5.2020).

7. Constan informes técnico do 19.1.2021 e de secretaría-intervención do 20.1.2021.

8. O Concello Pleno aprobou provisionalmente a modificación en sesión do 19.2.2021.

II. Obxecto e descripción da modificación.

O obxecto da modificación puntual é adaptar e aclarar determinados aspectos da normativa, relativos a: medición de alturas; parcela e fronte mínimas; fondo; fóra de ordenación; caducidade das licenzas; usos posibles, autorizables ou compatibles; Ordenanza 4, industrial; aliñacións e sistema viario na Pedreira; delimitación do solo urbano axustado a límites parcelarios e/ou accidentes topográficos; e incorporación da normativa sectorial da Axencia Galega de Infraestruturas.

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público en que se xustifica a modificación, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG e 201.1 do RLSG, baséanse na necesidade de axustar a normativa do plan xeral á lexislación urbanística vixente, así como aclarar as dúbidas de interpretación detectadas na aplicación do PXOM, de cara a garantir unha maior seguridade xurídica a nivel urbanístico no concello.

2. Analizada a documentación achegada, cómpre sinalar que o documento responde ás cuestións sinaladas no informe emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

En todo caso, en relación coa modificación do artigo 8.3.21 Usos existentes da normativa, cómpre sinalar que a previsión da posibilidade de extinguir un uso desconforme co planeamento mediante expropiación ou convenio non se axusta ao marco lexislativo vixente, polo que debe eliminarse da modificación puntual.

3. En relación cos informes sectoriais emitidos na súa tramitación, son favorables ou déuselles cumprimento.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Meaño, condicionada ao cumprimento do indicado en relación co artigo 8.3.21 no punto III.2 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán dende o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda