Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2021 Páx. 65858

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2021 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno do 20 de decembro de 2021, polo que se resolve a convocatoria do II Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz.

Mediante o Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 23 de setembro de 2019 creouse o Premio Carlos G. Otero Díaz, para promover a investigación en materias relacionadas coa prevención da corrupción nas administracións públicas, e se aprobaron as súas bases reguladoras (DOG nº 215, do 12 de novembro).

Por acordo do mesmo órgano, do 18 de marzo de 2021, convocouse o II Premio Carlos G. Otero Díaz e desígnase o xurado (DOG nº 78, do 27 de abril).

Unha vez valorados os traballos presentados, o xurado emitiu a súa decisión o 26 de novembro de 2021 e elevou a súa proposta ao Pleno, que adoptou o acordo de concesión na sesión do día 20 de decembro 2021.

Dando cumprimento ao disposto na base 12 do Acordo do Pleno do 23 de setembro de 2019, polo que se crea o Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión,

RESOLVO:

Ordenar a publicación do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 20 de decembro de 2021, polo que se acorda a concesión do II Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 20 de decembro de 2021, polo que se concede o II Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz

Primeiro. Declarar desertos o primeiro e segundo premios e conceder un accésit ao traballo titulado Estudio sobre la prevención de la contratación pública del sector local: el caso del Área Metropolitana de Barcelona, presentado baixo o pseudónimo JARJ, polas seguintes razóns:

A obra destaca tanto polo marco conceptual como pola súa vertente eminentemente práctica. Achega unha metodoloxía que analiza as principais ferramentas de prevención da corrupción na contratación local, desde os códigos éticos aos conflitos de interese, pasando polas canles de denuncia, e remata cunhas propostas de actuación que marcan as liñas de traballo, prioritarias e concretas, cara ao futuro. Unha materia de alta complexidade técnica que o responsable do traballo amosa coñecer con moita solvencia.

Presenta, así mesmo, un interesante labor de campo que analiza o grao de desenvolvemento do marco de integridade nos concellos da Área Metropolitana de Barcelona, que lle permite sustentar as súas propostas en indicadores cuantitativos e cualitativos.

Finalmente, a obra seleccionada manexa a bibliografía máis oportuna e recente do contorno administrativo.

No mesmo acto procédese á apertura do sobre que contén o anexo II, coa identificación do autor do traballo que obtivo o accésit, que corresponde ao grupo de investigación formado polas seguintes persoas, coa porcentaxe de participación que se indica: Mirano Díaz, Javier (25 %); Cerrillo i Martinez, Agustí (25 %); Galindo Caldés, Ramón (25 %) e Castro Carranza, Judith (25 %).

Por último, o xurado acorda que o traballo que obtivo o accésit sexa publicado nunha obra colectiva que aborde diversos aspectos relacionados coa prevención da corrupción.

Segundo. Comunicarlles aos autores do traballo a concesión do accésit ao seu enderezo electrónico, logo de prestar o seu consentimento expreso previsto para tal efecto no anexo II da convocatoria.

Terceiro. Proceder ao pagamento do importe do accésit (1.000 euros), con cargo á partida orzamentaria 02.01.111C.481.01, mediante a tramitación do correspondente expediente de gasto, segundo o previsto na normativa económico-financeira de aplicación, de xeito que lles corresponderá o pagamento de 250 euros a cada un dos catro autores.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa consonte o artigo 91.2 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Pleno no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto nos artigos 8.2.a) e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.