Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 30 de decembro de 2021 Páx. 65172

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2021 pola que se convocan para o ano 2022, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social (código de procedemento VI482A).

O 7 de xaneiro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social, modificada pola Orde do 16 de decembro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia do 31 de decembro de 2019.

Mediante esta resolución realízase a convocatoria deste programa de axudas para o ano 2022, que se considera necesaria para paliar, na medida do posible, a actual situación de vulnerabilidade económica que afecta moitas familias de Galicia.

Esta convocatoria suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2022, habilítanse créditos para o financiamento da axuda do bono de alugueiro social.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Convocar as axudas do Programa do bono de alugueiro social, para o ano 2022, con financiamento plurianual, que se tramitarán co código de procedemento VI482A.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas na Orde do 18 de decembro de 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 4, do 7 de xaneiro de 2019, modificada pola Orde do 16 de decembro de 2019 (DOG núm. 248, do 31 de decembro).

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria correspondentes aos exercicios 2022 e 2023 faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución plurianual:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2022

08.81.451B.480.3

300.000 €

2023

100.000 €

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias deste programa as unidades de convivencia enumeradas no artigo 2 das bases reguladoras citadas no ordinal segundo desta resolución, sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 3 das devanditas bases reguladoras.

Quinto. Límites máximos de ingresos e valor do Iprem para a concesión das axudas

1. Os límites máximos de ingresos das solicitudes calcularanse tomando como base do cálculo a contía do Iprem anual en 14 pagas para o ano 2021 (7.908,60 euros) multiplicado por 1,5.

Esta contía dividirase polos seguintes factores de ponderación, en función do número de persoas que integren a unidade de convivencia:

• Familias dun membro: 1,25.

• Familias de dous membros: 0,90.

• Familias de tres membros: 0,80.

• Familias de catro membros: 0,70.

• Familias de cinco ou máis membros: 0,60.

A aplicación destes factores determina as seguintes contías:

Número de integrantes da unidade de convivencia

Límites máximos de ingresos (1,5 veces Iprem 2021 en 14 pagas ponderado. Valores mensuais)

1

790,86 €

2

1.098,42 €

3

1.235,72 €

4

1.412,25 €

5 ou máis

1.647,63 €

2. Ás unidades familiares en que algún dos seus membros sexa unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa reguladora do imposto da renda das persoas físicas, aplicaráselles o límite máximo de ingresos do tramo seguinte ao que lles correspondese, segundo o número de persoas que a integren.

No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

3. No caso de que as axudas se soliciten por unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar, computados conforme o punto primeiro, sumaranse e o resultado deberá estar comprendido dentro do límite máximo de ingresos para acceder a este programa.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día 3 de xaneiro de 2022 e terminará o día 31 de maio de 2022 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude de concesión inicial realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto (código de procedemento VI482A). As solicitudes deberán dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No modelo de solicitude de concesión inicial a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.1.g) das bases reguladoras.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugamento dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Oitavo. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de axuda inicial, anexo I, a seguinte documentación (código de procedemento VI482A):

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso.

b) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintas da persoa solicitante.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo II por cada unha delas.

c) Anexo III, de compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do Programa de bono de alugueiro social. Neste anexo indicarase tanto o número de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora en que se realizará o ingreso da subvención mensual do bono de alugueiro social como o número de conta da persoa arrendataria en que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.

d) Informe dos servizos sociais do concello en que está empadroada a persoa solicitante, co contido recollido no anexo IV. Poderá utilizarse, para tal efecto, o citado anexo.

e) Contrato de arrendamento da vivenda, cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, este deberase presentar na correspondente área provincial do IGVS no prazo de dous meses, contados desde a notificación da resolución de concesión da axuda, acompañado do certificado de empadroamento conxunto das persoas que integran a unidade de convivencia nesa vivenda e do anexo III, referido no punto c) deste ordinal.

f) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. Estes xustificantes deberán estar expedidos dentro dos tres meses anteriores á data da presentación da solicitude.

g) No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.

h) Se é o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.

i) De ser o caso, certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros que integran a unidade de convivencia, no suposto de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

j) No caso de persoas afectadas por un procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas, copia da demanda interposta.

k) No caso de vítimas de violencia de xénero, documento acreditativo desta condición. Para estes efectos, só se admitirán os seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e /ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

4º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

5º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación, respectivamente.

6º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación, respectivamente.

l) No caso das persoas privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, documento acreditativo desta situación. Para estes efectos, só se admitirán os seguintes documentos:

– Título que acredite a súa condición de persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda afectada polos danos.

– Memoria que acredite a inhabitabilidade da vivenda polos danos sufridos.

– Reportaxe fotográfica onde se reflictan os danos sufridos pola vivenda.

m) No caso dos/das mozos/as maiores de idade e que saian do réxime de tutela da Xunta de Galicia, informe do correspondente departamento da Consellería de Política Social, acreditativo da data de saída do réxime de tutela da persoa solicitante.

n) No caso de persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras, decreto de adxudicación da vivenda ou, de ser o caso, o citado acordo extraxudicial.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitatos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude de concesión inicial, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Noveno. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo II e da persoa arrendadora que figura no anexo III.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante, así como da entidade arrendadora que figura no anexo III, no caso de que sexan persoas xurídicas.

c) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, no caso de cambio de domicilio durante a vixencia do contrato, e das persoas que figuran no anexo II.

e) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

f) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.

g) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

h) Certificado acreditativo de discapacidade, no caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que figuran no anexo II faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No caso de non tratarse dun documento expedido pola Xunta de Galicia, deberase presentar a correspondente documentación.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

k) Consulta da prestación de desemprego percibida pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia, segundo o seu anexo II.

l) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia, segundo o seu anexo II.

m) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia, segundo o seu anexo II.

2. O acceso aos datos contidos nos documentos sinalados coas letras k), l) e m) do número anterior, de conformidade co artigo 155 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, poderá realizarse por aquelas administracións locais que dispoñan do correspondente convenio coa Xunta de Galicia para acceder a través das plataformas de intermediación de datos.

3. No caso de que a persoa solicitante e, de ser o caso, a persoa representante, os demais membros da unidade de convivencia ou a persoa arrendadora se opoñan expresamente a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I, anexo II e no anexo III, respectivamente, e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeiro. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo segundo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo terceiro. Xustificación da subvención

A xustificación da concesión da subvención realizarase segundo o establecido no artigo 16 das bases reguladoras.

Décimo cuarto. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento das obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xuño, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo quinto. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo sexto. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file