Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 28 de decembro de 2021 Páx. 64352

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Caldas de Reis (expediente IN407A 2021/182-4).

Feitos:

Primeiro. O 11 de agosto de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Ampliación de potencia do CT Bemil.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade un aumento de potencia de 100 kVA a 160 kVA do centro de transformación intemperie Bemil (36A025), substituíndo o transformador existente de 100 kVA, ademais do apoio existente HV-630-11 (A257RD37), por un transformador de 160 kVA que será instalado sobre o apoio proxectado HVH-11-1600-CR1 do tramo TIB8029151 LA-56 (20 kV). As obras sitúanse no lugar de Outeiro-Bemil, na parroquia de Bemil, no concello de Caldas de Reis (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Caldas de Reis e o Servizo do Patrimonio Cultural en Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado técnico emitido polo Servizo do Patrimonio Cultural. O Concello de Caldas de Reis non emitiu condicionado técnico.

Terceiro. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 25 de agosto de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG: 16 de setembro de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 2 de setembro de 2021.

Taboleiro de anuncios do Concello de Caldas de Reis: do 31 de agosto de 2021 ao 11 de outubro de 2021, conforme o certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Cuarto. Naqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, por seren descoñecidas as persoas propietarias das parcelas que figuran na relación de bens e dereitos afectados, esta xefatura territorial publicou un anuncio no Diario Oficial de Galicia do 10 de setembro de 2021 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 17 de setembro de 2021, co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio, non compareceu ningunha persoa interesada.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Substitución do transformador existente de 100 kVA por un de 160 kVA, con RT 20 kV/400 V, que se instala no apoio proxectado HVH-11-1600-CR1-CA do tramo TIB8029151, que substitúe o HV-630-11.

A instalación está situada no lugar de Outeiro, Bemil, municipio de Caldas de Reis (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Ampliación de potencia do CT Bemil (expediente IN407A 2021/182-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 1 de decembro de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra