Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 15 de decembro de 2021 Páx. 61327

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2021 pola que se aproba e se dá publicidade ao modelo de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, modificada pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e pola que se derroga a Resolución do 9 de xuño de 2020 (código de procedemento IG300D).

O título IV da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, introducido pola Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, regula os requisitos e o procedemento para a declaración das iniciativas empresariais prioritarias e os efectos vinculados a esa declaración.

O artigo 43 establece que o procedemento de declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria iniciarase por solicitude da persoa interesada, dirixida ao Instituto Galego de Promoción Económica, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos consonte o previsto no artigo 42.

O referido artigo 42 foi modificado pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que modificou os requisitos que deben cumprir os proxectos para seren declarados iniciativas empresariais prioritarias polo Consello da Xunta de Galicia, e incorporou un punto dous para acoller os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que non estean asociados ao autoconsumo industrial, dando cabida, deste xeito, a unha nova modalidade de proxectos susceptibles de seren declarados iniciativa empresarial prioritaria.

Coa finalidade de incorporar as modificacións normativas introducidas no devandito artigo 42, faise necesario publicar o novo modelo de solicitude que permita a tramitación da declaración dun proxecto como iniciativa empresarial prioritaria.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento IG300D) para a tramitación por medios electrónicos, tanto para a declaración dun proxecto como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no artigo 42.1 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, como para as previstas no artigo 42.2 da citada norma, e que recollen os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que non estean asociados ao autoconsumo industrial.

Artigo 2. Requisitos dos solicitantes

Poderán presentar a solicitude as persoas interesadas que cumpran co establecido no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia:

1. Poderán ser declaradas polo Consello da Xunta de Galicia como iniciativas empresariais prioritarias aquelas que cumpran, cando menos, dous dos seguintes requisitos:

a) Que supoñan un volume de investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros, incluídos aqueles proxectos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables en que o destino final da enerxía eléctrica producida sexa o abastecemento da industria galega.

b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, non sendo de aplicación para os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro.

c) Instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sustentable de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural.

d) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento do instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU.

2. Para o caso dos proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que non estean asociados ao autoconsumo industrial, poderán ser consideradas iniciativas empresariais prioritarias aqueles proxectos que xustifiquen un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun volume mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos en Galicia, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, así como aqueles proxectos que xustificasen a totalidade dos compromisos industriais derivados da Orde do 29 de marzo de 2010 ou aqueles proxectos que supoñan un volume de investimento, tendo en conta o valor medio anual en función da tecnoloxía de mercado, superior a vinte millóns de euros, sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente e que conten con infraestruturas de evacuación autorizadas ou executadas e en funcionamento que permitan a vertedura á rede de transporte ou distribución da enerxía eléctrica xerada.

Artigo 3. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a persoa interesada deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de declaración de iniciativa empresarial prioritaria.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá na aplicación informática: http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda; transcorrido este, considerarase que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

4. O prazo de presentación de solicitudes estenderase desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata a perda de vixencia da normativa que ampara a declaración das iniciativas empresariais prioritarias.

Artigo 4. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Proxectos encadrados no artigo 42.1:

1º. Exposición detallada do proxecto que acredite o cumprimento de, polo menos, dous dos seguintes requisitos:

i) Que supoñan un volume de investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros, incluídos aqueles proxectos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables en que o destino final da enerxía eléctrica producida sexa o abastecemento da industria galega.

ii) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, non sendo de aplicación para os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro.

iii) Instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sustentable de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural.

iv) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento do instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU.

2º. Documentación complementaria:

i) Temporalización do proxecto con cronograma de implantación.

ii) Declaración responsable do cumprimento dos requisitos indicados, conforme o artigo 42.1 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.

iii) Declaración responsable do mantemento do investimento e/ou dos vinte e cinco postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, durante un período mínimo de cinco anos desde o inicio da actividade económica ou da ampliación da existente, de ser o caso, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

3º. Deberán indicar cal das modalidades corresponde e achegar a seguinte documentación en función da modalidade indicada, para o caso de proxectos que acrediten o cumprimento do requisito do punto 1º iii):

i) Proxectos de polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta que teñan declaración de utilidade pública.

Declaración responsable de utilidade pública do polígono agroforestal ou actuación de xestión conxunta, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.

ii) Proxectos empresariais vinculados a polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta por estaren localizados no seu perímetro ou utilizar a produción agraria das terras incluídas nestes polígonos ou actuacións que deben ter a declaración de utilidade pública.

Proxecto de polígono agroforestal ou actuación de xestión conxunta, ou proxecto empresarial vinculado a polígono agroforestal, actuación de xestión conxunta ou aldea modelo.

iii) Proxectos empresariais localizados en aldeas modelo declaradas.

Declaración de aldea modelo, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

iv) Proxectos empresariais incluídos no programa de actuacións dun plan de desenvolvemento rural aprobado pola Xunta de Galicia.

Documento do Plan de desenvolvemento rural.

4º. A documentación referida nos puntos 1º e 2º deberá estar asinada polo promotor do proxecto ou, se é o caso, polo representante legal.

b) Proxectos encadrados no artigo 42.2:

1º. Exposición detallada da iniciativa proxectada, que deberá conter unha descrición do proxecto e determinar en que modalidade se encadra das indicadas no artigo 42.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e que a seguir se relacionan:

i) Proxectos que xustifiquen un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun volume mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos en Galicia, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.

ii) Proxectos que xustificasen a totalidade dos compromisos industriais derivados da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.

iii) Proxectos que supoñan un volume de investimento, tendo en conta o valor medio anual en función da tecnoloxía de mercado, superior a vinte millóns de euros, sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente e que conten con infraestruturas de evacuación autorizadas ou executadas e en funcionamento que permitan a vertedura á rede de transporte ou distribución da enerxía eléctrica xerada.

2º. Documentación complementaria.

A documentación que acredite o cumprimento das condicións relativas á modalidade de proxecto en que se encadre en función do determinado no artigo 42.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

3º. A documentación referida nos puntos 1º e 2º deberá estar asinada polo promotor do proxecto ou, se é o caso, polo representante legal.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado na solicitude (anexo I) e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos que fosen necesarios.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://tramita.igape.es

Artigo 7. Notificacións

As notificacións dos actos administrativos do procedemento efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Artigo 8. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Resolución do 9 de xuño de 2020 pola que se aproba e se dá publicidade ao modelo de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no título IV da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

missing image file
missing image file
missing image file