Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 14 de decembro de 2021 Páx. 60888

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975K).

Segundo o establecido no artigo 1 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda esta consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, co nivel de desenvolvemento que se indica neste Decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

En particular, segundo o artigo 10 do referido decreto, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático exerce as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

Inclúense aquí:

a) A elaboración e o seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

c) A realización de campañas de formación e sensibilización en materia de residuos.

d) A planificación e o fomento de accións relacionadas coa economía circular.

Pola súa banda, as entidades locais son competentes para a xestión dos residuos nos termos establecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia e na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados e demais normativa de aplicación.

De acordo co que se acaba de sinalar, e tal como se preceptúa no artigo 12, punto 5 da mencionada lei básica correspóndelles aos concellos como servizo obrigatorio a recollida, transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma en que establezan as súas respectivas ordenanzas de conformidade co marco normativo aplicable.

A Directiva 2018/851 do Parlamento Europeo e do Consello do 30 de maio de 2018 pola que se modifica a Directiva 2008/98/CE sobre residuos, establece no seu artigo 22 que os biorresiduos deberán separarse e reciclarse en orixe ou ben recollerse de forma separada como moi tarde o 31 de decembro de 2023, o que coincide co disposto na Lei 6/2021, de 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

O Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010–2022, establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia cara a un novo escenario máis sustentable e acorde coa xerarquía de residuos marcada pola normativa, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos.

O plan recolle os obxectivos marcados pola normativa vixente e establece novas metas especialmente en materia de prevención, onde por primeira vez se establece un obxectivo cuantitativo, no tocante ao incremento da recollidas selectivas, tanto en cantidade como en calidade.

A partir da diagnose realizada con ocasión da elaboración do plan, as conclusións ou prioridades detectadas incluíron, en materia de xestión de residuos domésticos e polo que atinxe ao obxecto e finalidade da presente orde, as seguintes:

a) Potenciar a xestión/recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais.

b) Minimizar a vertedura final en depósitos controlados, especialmente de fracción biodegradable e materiais recuperables.

c) Desenvolver as infraestruturas precisas para tratar os residuos xerados e para acadar os obxectivos e potenciar desta maneira a organización territorial e a capacitación de técnicos, baixo criterios de suficiencia e proximidade, viabilidade económica e ambiental.

Para tal efecto, o Plan organízase en torno a dez grandes liñas estratéxicas que aglutinan as actuacións a desenvolver no actual horizonte temporal da planificación autonómica que abrangue, tras a actualización operada en decembro de 2016, ata o ano 2022.

O plan inclúe unha liña estratéxica específica para a mellora da recollida separada da fracción orgánica (LE 3), na que se recollen diferentes modalidades de xestión dos biorresiduos, que as entidades locais deberán poñer en marcha atendendo ás características territoriais e da poboación. Para o tratamento dos biorresiduos de competencia municipal recollidos separadamente, Galicia conta, na actualidade, con 5 plantas de tratamento de biorresiduos autorizadas e outra máis en proceso de autorización, sumando instalacións públicas e privadas: planta de compostaxe de Cerceda (Sogama), planta de compostaxe e dixestión anaerobia de Nostián (A Coruña), planta de compostaxe do Barbanza (Lousame), planta de compostaxe de Compost Galicia, S.A. (Leiro), planta de compostaxe de J.A. Neira Ribadavia (A Estrada) e a planta de compostaxe do Morrazo-Urbaser (Cangas) que está pendente de obter a autorización correspondente.

Así mesmo, o Plan inclúe unha planificación de infraestruturas necesarias para dar tratamento aos biorresiduos recollidos separadamente que está a ser actualizada para incorporar as novas plantas de compostaxe que construirá Sogama e ás que as entidades locais se poderán adherir para tratar alí os seus biorresiduos, unha vez teñan implantada a recollida separada desta fracción.

Neste marco a Consellería de Medio Ambiente e a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) están a planificar un Plan loxístico de infraestruturas para dar cobertura á recollida dos biorresiduos na práctica totalidade do territorio galego. O Plan loxístico de Sogama baséase no despregamento de catro plantas de compostaxe (Cerceda, Cervo, Vilanova de Arousa e Verín), e 13 plantas de transferencia nas que se realizará o trasvasamento da fracción orgánica recollida no quinto contedor (o de cor marrón). Estas plantas de transferencia de apoio á recollida dos biorresiduos serán as seguintes: PT. Cee, PT. Curtis, PT. Ponteceso, PT. Riotorto, PT. Chantada, PT. Sarria, PT. Silleda, PT. A Cañiza, PT. Vigo, PT. A Lama, PT. A Rúa, PT. de Narón e PT. do Porriño. Con estas 13 plantas de transferencia máis as 4 plantas de compostaxe prestarase servizo a un total de 280 concellos (2.183.520 habitantes), os cales disporán dunha planta de compostaxe ou ben dunha planta de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia para poder transportar a estas a materia orgánica recollida selectivamente nas súas localidades a través do quinto contedor.

Entre os instrumentos dispoñibles para a consecución dos obxectivos propostos, o plan recolle especificamente o establecemento de liñas de subvencións dirixidas a entidades locais destinadas a impulsar medidas que contribúan á consecución dos obxectivos vixentes nesta materia, tras as novidades introducidas no contexto comunitario de conformidade coa folla de ruta cara unha Europa Eficiente no uso dos recursos, no marco da Estratexia 2020, así como tendo en conta as medidas recollidas no paquete de economía circular, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2015, piares básicos para unha xestión eficiente dos recursos e dos residuos que se sustenta, fundamentalmente, na prevención e a reciclaxe e en reforzar o principio de xerarquía nas opcións de xestión de residuos.

Aplicando esta xerarquía, a prevención é a mellor opción de xestión seguida, nesta orde, da preparación para a reutilización, da reciclaxe, doutras formas de valorización (incluída a enerxética) e, por último, da eliminación (o depósito en vertedoiro, entre outras).

Tras a realización dun estudo pormenorizado da situación actual en Galicia respecto do cumprimento das obrigas establecidas en materia de xestión de residuos municipais pola normativa comunitaria, conclúese que o procedemento de concesión da subvención regulado no artigo 19.2, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, resulta ser o máis axeitado para o cumprimento de tales obxectivos, ao promover directamente con estas subvencións as actuacións necesarias para acadar tal fin.

En consecuencia, tendo en conta as competencias asumidas por este departamento, a presente convocatoria vai destinada a apoiar ás entidades locais na procura de respostas aos retos e oportunidades asociadas ao cumprimento do actual marco normativo vixente, así como dos obxectivos que a dita planificación persegue.

Para tal fin serán obxecto de financiamento, ao abeiro da presente convocatoria, os proxectos destinados á implementación de medidas de xestión dos residuos domésticos conforme o esquema de prioridades e o principio de xerarquía aplicable en materia de residuos. En particular, englóbanse aquí actuacións destinadas a potenciar a prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos de competencia municipal coa finalidade de contribuír ao cumprimento dos obxectivos fixados polo actual marco normativo.

Cómpre sinalar que con data do 14 de abril de 2021 se aprobaron, na Conferencia sectorial de medio ambiente, as bases reguladoras das subvencións que deben convocar as comunidades autónomas e a repartición propiamente dita das axudas previstas para o Plan de apoio á implementación da normativa de residuos, Programa de economía circular e PIMA residuos.

O artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma, deberán primar, na forma en que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera forma.

Para tales efectos, as presentes bases reguladoras prevén a posibilidade de que as ditas agrupacións de entidades locais poidan acceder á condición de beneficiarios destas subvencións.

Esta orde encádrase no marco do Mecanismo de recuperación e resiliencia, dentro do eixe/compoñente 12: política industrial de España 2030, medida/investimento I3: Plan de apoio á implementación da normativa de residuos e ao fomento da economía circular (residuos e economía circular), submedida 001: residuos e economía circular, modalidade de financiamento 4620-MRR, do Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e no cumprimento da normativa autonómica, estatal e da Unión Europea que regula este tipo de investimentos, e quedan suxeitas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos fixados no devandito plan.

O investimento é coherente co obxectivo «Aumento dos residuos municipais recollidos selectivamente», tal e como se define no anexo da proposta de decisión de execución do Consello relativa á aprobación da evaluación do plan de recuperación e resiliencia de España [SWD(2021) 147 final], resultando apto para acadar un mínimo do 30 % de recollida selectiva dos residuos municipais, de conformidade coa Directiva 2008/98/CE, que constitúe o indicador correspondente a este obxectivo.

Neste marco resultan de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como o Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación, tras a crise da COVID-19 e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Resultando tamén de aplicación a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, así como a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información a proporcionar polas entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Estarán sometidas á plena aplicación dos mecanismos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e á normativa da Unión Europea aplicable á xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de reconstrución, transformación e resiliencia, así como ás específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento.

Así mesmo, todas as actuacións que se executen dentro do marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) deben cumprir o principio de «non causar prexuízo significativo» aos seguintes obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento e do Consello, do 18 de xuño, de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar investimentos sustentables (principio DNSH):

a) A mitigación do cambio climático.

b) A adaptación ao cambio climático.

c) O uso sustentable e a protección dos recursos hídricos e mariños.

d) A economía circular.

e) A prevención e control da contaminación.

f) A protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario/a e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), así como con axudas, subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outro fondo europeo, tales como o Feder, REACT-UE, FSE, Feader, HORIZONTE EUROPA, etc.

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e liñas de subvención

1. Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para a execución de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, en concreto, encamiñadas á mellora da xestión dos biorresiduos, ás entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia que teñan asumida a competencia de prestar os servizos de recollida ou de tratamento de residuos municipais (procedemento MT975K), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para os anos 2022 e 2023.

2. Son liñas subvencionables as seguintes:

a) Liña 1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia).

b) Liña 2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ).

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran os requisitos establecidos para cada unha das liñas subvencionables:

a) Liña 1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia):

1º. Concellos que se atopan dentro da área de influencia (<50 quilómetros) dalgunhas das plantas autorizadas actualmente en Galicia para o tratamento de biorresiduos de competencia municipal e/ou das plantas de compostaxe/transferencia previstas no Plan loxístico de infraestruturas de Sogama.

2º. Concellos nos que non exista a recollida separada de biorresiduos previamente.

3º. Concellos que non recibiron axudas para a implantación da recollida separada de biorresiduos previamente, ou calquera outro tipo de colaboración económico-financeira con fondos públicos para implantar esta recollida separada.

4º. Concellos que, no caso de recibir axudas ou colaboración económico-financeira previamente para a implantación da recollida separada de biorresiduos, aínda teñen pendente a extensión deste servizo a toda a súa poboación e poden completar as axudas para ditas implantacións.

5º. Quedan excluídas da posibilidade de financiamento as entidades locais que xa teñan implantada a recollida separada de biorresiduos en todo o seu territorio con destino a instalacións específicas de tratamento biolóxico.

b) Liña 2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ):

1º. Concellos que non teñen implantada a compostaxe doméstica e/ou comunitaria no seu territorio, previamente.

2º. Concellos que non recibiron axudas para a implantación da compostaxe doméstica e/ou comunitaria, ou calquera outro tipo de colaboración económico-financeira con fondos públicos para implantar estes modelos de xestión.

3º. Concellos que, no caso de recibir axudas ou colaboración económico-financeira previamente para a implantación da compostaxe doméstica e/ou comunitaria, aínda teñen pendente a extensión deste servizo a toda a súa poboación e poden completar as axudas para ditas implantacións.

4º. Concellos nos que é necesario complementar a implantación da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico, coa compostaxe in situ, naqueles ámbitos espaciais de actuación onde non se poida levar a cabo a primeira modalidade de recollida citada. De forma que neses ámbitos espaciais concretos a totalidade dos biorresiduos xerados teñen que ser xestionados mediante compostaxe doméstica, compostaxe comunitaria, ou ambas.

5º. Quedan excluídos da posibilidade de financiamento os proxectos de implantación de compostaxe doméstica en concellos cualificados de urbanos, segundo o índice de ruralidade establecido no PXRUG 2010-2022, e os proxectos de implantación de compostaxe comunitaria en concellos de menos de 3.000 habitantes, salvo que non se esgote o crédito coas solicitudes dos beneficiarios potenciais recollidos polos anteriores puntos desta liña 2.

2. Tendo en conta o anterior, as entidades locais poderán formular solicitudes de subvención ben de forma individual ou ben de forma agrupada con outras entidades locais que reúnan estes mesmos requisitos. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local, que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude, sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación na que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poder ser beneficiaria destas axudas, as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e requisitos

1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan a seguir para cada liña de axuda.

a) Liña 1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia).

Os conceptos subvencionables dentro deste tipo de proxectos, así como os requisitos que deben cumprir os mesmos, son os que se recollen na seguinte táboa:

Conceptos financiables

Requisitos

Caldeiros domésticos de biorresiduos

O caldeiro para a recollida separada de biorresiduos será de tipo aireado e de cor marrón, total ou parcialmente. Deberá incorporar, como mínimo, a identificación (cun adhesivo ou serigrafía) dos materiais que se poden depositar no seu interior. Inclúense tamén os caldeiros domésticos de achega na vía pública para a recollida separada porta a porta de biorresiduos na vía pública.

Bolsas compostables de uso doméstico

Bolsas compostables para a recollida separada da fracción orgánica que deberán cumprir coa norma UNE-EN 13432. Deberán incorporar, como mínimo, a identificación de que son bolsas compostables específicas para os residuos orgánicos.

Caldeiros comunitarios de biorresiduos

Caldeiros para as comunidades de propietarios. O caldeiro deberá incorporar, como mínimo, a identificación (cun adhesivo ou serigrafía) dos materiais que se poden depositar no seu interior, e deberán ser total ou parcialmente de cor marrón.

Sistemas de achega para o porta a porta

Colgadores e/ou compartimentos de caldeiros ou bolsas individuais ou comunitarios para a recollida porta a porta.

Sistemas de identificación de usuario e pesada

Sistemas de identificación de usuario e pesada de caldeiros e contedores e/ou de parede e os sistemas informáticos asociados necesarios (lectores, antenas, software). Non é subvencionable o mantemento, só a adquisición.

Contedores para a vía pública

Os contedores para a recollida separada de biorresiduos na vía pública deberán ser, parcial ou totalmente, de cor marrón ou incorporar unha identificación de cor marrón. A resistencia dos contedores será a equivalente ao peso do contedor cheo de materia orgánica e estes deberán permitir a incorporación de sistemas de identificación e pesado. O contedor incluirá unha impresión permanente dos materiais que poden ser depositados no seu interior.

Construción de áreas de achega e control de acceso

Construción de áreas de achega pechadas con contedores dentro destas e control de acceso de usuarios, incluíndo a tecnoloxía necesaria, mesmo para limitar a achega da fracción resto.

Sacas reutilizables para a recollida de restos vexetais

Sacas reutilizables para a recollida separada de restos vexetais. As sacas incluirán unha impresión permanente dos materiais que poden ser depositados no seu interior.

Biotrituradoras

Biotrituradoras transportables ou portátiles para a trituración in situ dos restos vexetais xerados nas podas, para facilitar o transporte destes residuos.

Caldeiros para biorresiduos de grandes xeradores (*)

Deberán ser, parcial ou totalmente, de cor marrón ou incorporar unha identificación de cor marrón. O caldeiro incluirá unha impresión permanente dos materiais que poden ser depositados no seu interior.

Bolsas e fundas compostables para biorresiduos de grandes xeradores (*)

Bolsas e fundas compostables para a recollida separada da fracción orgánica que deberán cumprir coa norma UNE-EN 13432. Deberán incorporar, como mínimo, a identificación de que son bolsas compostables específicas para os residuos orgánicos.

Camións para a recollida de biorresiduos, preferiblemente non compactadores

Limitado a entidades locais con poboación superior aos 5.000 habitantes, nas que se financiará a adquisición dun camión por proxecto nos concellos ata 60.000 habitantes, e de dous camións en concellos de máis de 60.000 habitantes. A axuda máxima para a adquisición dun camión será de 30.000 €, e terá que ser preferiblemente non compactador. O camión deberá levar serigrafiado nun lugar visible que é para a recollida separada de biorresiduos.

Campaña de información, difusión e sensibilización á poboación e seguimento do proxecto

As actuacións de formación, información, difusión do proxecto e sensibilización da poboación atendida no proxecto deberán incluír un plan de traballo e unha guía na que se detalle que biorresiduos son obxecto da recollida separada, así como a vixilancia e control.

Campaña de información, difusión e sensibilización aos grandes xeradores e seguimento do proxecto (*)

As actuacións de formación, información, difusión do proxecto e sensibilización dos grandes xeradores atendidos no proxecto deberán incluír un plan de traballo e unha guía na que se detalle que biorresiduos son obxecto da recollida separada, así como a vixilancia e o control.

Nas actuacións que comprendan diferentes fraccións, como campañas de comunicación, peche de contedores, por exemplo, só serán elixibles os custos correspondentes ás porcentaxes asociadas ás fraccións subvencionadas, o que se determinará considerando as porcentaxes da bolsa tipo considerada no PXRUG 2010-2022.

(*) Entenderanse por grandes xeradores de biorresiduos os restaurantes, maioristas, comedores, servizos de restauración colectiva e establecementos de consumo polo miúdo. A entidade solicitante só poderá solicitar financiamento para estes conceptos se xestiona os biorresiduos destes grandes xeradores de conformidade coas súas ordenanzas (conforme a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados (artigo 12, punto 5c).

Non se considerarán conceptos subvencionables os custos do servizo de recollida selectiva, o tratamento dos residuos, así como tampouco os custos de mantemento nin os alugueres.

b) Liña 2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ).

Os conceptos subvencionables dentro deste tipo de proxectos, así como os requisitos que deben cumprir estes, son os que se recollen na seguinte táboa:

Conceptos financiables

Requisitos

Caldeiros domésticos de biorresiduos

O caldeiro para a recollida separada de biorresiduos será de tipo aireado e de cor marrón, total ou parcialmente. Deberá incorporar, como mínimo, a identificación (cun adhesivo ou serigrafía) dos materiais que se poden depositar no seu interior.

Composteiros domésticos

Composteiros para vivendas unifamiliares con xardín ou horto nos que se depositen e se composten os biorresiduos.

Construción de áreas de composteiros comunitarios

Construción de áreas de composteiros comunitarios, ou a parte proporcional de áreas compartidas coa achega doutras fraccións de recollida separada.

Composteiros comunitarios

Composteiros para zonas comunitarias nas que se depositen e se composten os biorresiduos.

Na contía máxima financiable para os composteiros comunitarios considérase incluído o importe dos aireadores, termómetros e tamizadoras.

Biotrituradoras

Biotrituradoras para a trituración de material estructurante.

Aireadores, termómetros e tamizadoras para a compostaxe doméstica

Aireadores e termómetros específicos para controlar o proceso de compostaxe e tamizadoras para a cribaxe do compost obtido.

Os aireadores, termómetros e tamizadoras da compostaxe comunitaria considéranse incluídos dentro da contía do concepto «Composteiros comunitarios».

Actuacións de formación, difusión e seguimento do proxecto

As actuacións de formación, difusión e seguimento deberán incluír un plan de traballo, así como a vixilancia e o control. Entre estas actuacións incluirase unha guía para cada vivenda participante na que se detallen os biorresiduos que poden ser obxecto de compostaxe.

Carteis explicativos nas áreas de compostaxe comunitaria

Os carteis deberán incorporar, como mínimo, a identificación dos materiais que se poden compostar, así como unha explicación das accións para levar a cabo polos participantes (achega de material estructurante, proporción, etc) e un teléfono ou correo electrónico de contacto para a resolución de dúbidas dos participantes.

2. As entidades locais que opten a estas subvencións adquirirán o compromiso firme de implantar a recollida separada e/ou a compostaxe in situ dos biorresiduos, segundo a axuda concedida, como máximo antes do 30 de novembro de 2023.

3. As entidades locais que cumpran os requisitos para ser beneficiarias de acordo co establecido nos artigos precedentes poderán concorrer a esta convocatoria ao abeiro das dúas liñas subvencionables recollidas nestas bases reguladoras, e deberán presentar unha solicitude por cada liña, tendo en conta as contías máximas de axuda establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable e cumpran o establecido no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (en diante, Mecanismo).

2. En particular, non serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) O imposto sobre o valor engadido.

c) Os gastos financeiros derivados do investimento.

d) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

e) Os gastos de persoal.

f) Os premios ou agasallos non relacionados coa actuación e/ou innecesarios.

g) Os custos asociados aos servizos de recollida e o tratamento dos residuos municipais.

h) Respecto dos bens de equipo de segunda man, estes serán subvencionables cando se cumpran os requisitos seguintes:

1º. Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non teñen sido obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

2º. O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes puntos mediante certificación de taxador independente.

i) Os custos de alugamentos e pagamento de servizos a terceiros.

j) No caso de que o proxecto, ou determinados conceptos deste, afecten fluxos de residuos cubertos pola responsabilidade ampliada do produtor, non será financiable a parte atribuíble á responsabilidade ampliada do produtor.

k) Non se valorarán factores enerxéticos.

l) Así como todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

3. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se é o caso, as entidades subcontratadas deberán comprometerse a cumprir cos estándares máis exixentes en relación coas das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflictos de interese, así como respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no medio natural («DNSH» polas súas siglas en inglés «do no significant harm») na execución das actuacións levadas a cabo no marco de dito plan, así como a non incorrer en dobre financiamento e que, se é o caso, non lle conste risco de incompatibilidade co réxime de axudas de Estado. Para estes efectos, o cumprimento nestes termos acreditarase mediante declaración da subcontrata correspondente, no momento da xustificación (artigo 20.3.h), segundo o modelo incluído como anexo VIII nesta orde.

Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto de contrato menor con adxudicación directa.

O beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Artigo 5. Crédito e contía das axudas

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, segundo se indica a seguir:

a) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2022 00034) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 ata un máximo de seis millóns sete centos trinta e oito mil cento cincuenta e seis euros (6.738.156 €), procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia): 4.278.162 €.

2º. Importe para a liña 2: proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ): 2.459.994 €.

b) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2022 00034), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 ata un máximo de seis millóns sete centos trinta e oito mil cento cincuenta e seis euros (6.738.156 €), procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia): 4.278.162 €.

2º. Importe para a liña 2: proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ): 2.459.994 €.

2. O crédito establecido nas liñas 1 e 2 da subvención poderá ser redistribuído dunha a outra se nalgunha delas as solicitudes beneficiarias non resultan suficientes para esgotar os fondos dispoñibles.

3. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario/a e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vaia financiar. O financiamento achegado non é compatible cos Proxectos clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2).

Con base no estudo pormenorizado da situación actual en Galicia respecto do cumprimento das obrigas establecidas en materia de xestión de residuos municipais pola normativa comunitaria, estableceuse unha ratio de investimento por habitante en función das necesidades detectadas neste estudo, así como das características das distintas entidades locais galegas. Polo tanto, a axuda económica que se conceda a cada entidade local de forma individual poderá acadar un límite máximo por concello segundo o indicado a continuación para cada liña subvencionable. Para as entidades locais, supramunicipais e as agrupacións de entidades locais a axuda económica que se conceda poderá acadar un límite máximo, que será a suma do financiamento máximo correspondente a cada concello da entidade local supramunicipal ou da agrupación de entidades locais solicitante, segundo o indicado a continuación para cada liña subvencionable.

a) Liña 1: proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia): a contía máxima da axuda por Concello establécese en función dos seguintes tramos, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo:

1º. Concellos ata 5.000 habitantes: 5 €/habitante.

2º. Concellos ata 30.000 habitantes: 3 €/habitante + 30.000 € (dotación complementaria para o financiamento da adquisición dun camión non compactador destinado á recollida de biorresiduos a grandes xeradores).

3º. Concellos ata 60.000 habitantes: 2 €/habitante + 30.000 € (dotación complementaria para o financiamento da adquisición dun camión non compactador destinado á recollida de biorresiduos a grandes xeradores).

4º. Concellos de máis de 60.000 habitantes: 2 €/habitante + 60.000 € (dotación complementaria para o financiamento da adquisición de dous camións non compactadores destinados á recollida de biorresiduos a grandes xeradores).

No caso das entidades locais que percibiron axudas previas para este tipo de recollida separada, pero que aínda poden complementala, detraeráselle do importe da axuda máxima prevista o importe da subvención adxudicada en convocatorias previas. As convocatorias de axudas e/ou subvencións precedentes que se consideran para a detracción dos importes correspondentes, ás entidades locais beneficiarias, recóllense no anexo VII desta orde.

b) Liña 2: proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ), a contía máxima da axuda por Concello estableceuse en función dos seguintes tramos, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo:

1º. Concellos ata 5.000 habitantes: 4,5 €/habitante.

2º. Concellos ata 30.000 habitantes: 3 €/habitante.

3º. Concellos ata 60.000 habitantes: 2 €/habitante.

4º. Concellos de máis de 60.000 habitantes: 1 €/habitante.

No caso das entidades locais que percibiron axudas previas para este tipo de proxectos de compostaxe in situ, pero que aínda poden complementala, detraeráselle do importe da axuda máxima prevista o importe da subvención adxudicada en convocatorias previas. As convocatorias de axudas e/ou subvencións precedentes que se consideran para a detracción dos importes correspondentes, ás entidades locais beneficiarias, recóllense no anexo VII desta orde.

4. As entidades locais que concorran ás dúas liñas subvencionables poderán distribuír a axuda económica total da forma que mellor se adapte ás súas necesidades, segundo o modelo de tratamento de biorresiduos asumido pola entidade local ou o grao de implantación de cada un deles no seu territorio.

5. Segundo o previsto no artigo 21.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a achega pública fíxase como un importe certo e sen referencia a unha porcentaxe ou fracción do custo total, polo que non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida. Enténdese que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada, de ser o caso.

6. En aplicación do disposto nos artigos 67.1 e 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no que se recolle a tramitación anticipada de expedientes de gasto con cargo aos fondos do MRR, no caso de que os expedientes se tramiten con anterioridade á aprobación do Proxecto de Lei de presupostos da Comunidade Autónoma, o órgano xestor deberá emitir un informe no que se faga constar que existe crédito adecuado e suficiente para o gasto que se pretende efectuar. A concesión destas axudas queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución da concesión.

7. Unha vez esgotadas as contías máximas fixadas nestas bases, no punto 1 deste artigo, así como, de ser o caso, as ampliacións de crédito efectuadas, publicarase o esgotamento das contías máximas fixadas e acordarase a inadmisión das posteriores solicitudes; a dita publicación farase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web https://sirga.xunta.gal/

8. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975K). Este formulario xúntase como anexo I a estas bases.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderaas presentar individualmente un concello ou conxuntamente máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal, que pola súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, na epígrafe destinada á identificación do solicitante, a referencia a «Agrupación de» seguida da identificación das entidades de que se trate.

4. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que desempeñen a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá achegar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude.

5. No formulario de solicitude (anexo I) as entidades solicitantes indicarán as actuacións e conceptos subvencionables a que concorren nesta convocatoria, así como o investimento e a temporalidade de execución previstos.

6. O prazo de presentación de solicitudes será desde o 15 de decembro de 2021 ata o 31 de xaneiro de 2022, ambos incluídos.

7. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do enderezo de correo electrónico axudas.cmaot@xunta.gal

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Para solicitar as axudas que se regulan mediante esta orde, as entidades locais municipais e supramunicipais, así como as agrupacións de entidades locais, presentarán a documentación xeral e técnica que se indica a seguir:

a) Acreditación do nomeamento da persoa representante para as súas relacións coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

b) Certificación do/da secretario/a do concello en que conste o acordo adoptado polo órgano competente e que recolla a decisión da entidade ou entidades locais polo cal se aproba a súa participación nesta convocatoria (anexo II).

c) Declaración responsable en que se faga constar que se dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa parte, no suposto de que a entidade local achegue fondos ao proxecto/actividade/actuación para a que se solicita subvención.

d) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

e) Declaración, por parte da entidade solicitante, do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) no sentido do artigo 8, punto 2.e), da Orden HFP/1030/2021, do 29 de septembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación y resiliencia (anexo III).

f) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán achegar:

1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

2º. Relación de entidades locais participantes.

3º. Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

4º. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

5º. O importe da subvención que se vai solicitar para cada entidade membro da agrupación, tendo en conta as contías máximas e criterios de axuste que constan no artigo 5.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediario de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva recollido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Estas subvencións serán tramitadas polo procedemento abreviado regulado no artigo 22, sen que sexa necesaria a intervención dun órgano avaliador.

Consonte o establecido no artigo 6.4 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as persoas que interveñan no proceso de selección dos beneficiarios ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións, manifestarán, de forma expresa, a ausencia ou non de conflicto de intereses a través dunha Declaración de ausencia de conflicto de intereses (DACI), de acordo co modelo establecido na devandita orde.

No caso de que concorra conflicto de intereses, a persoa afectada concretará as solicitudes sobre as que recae o dito conflicto, debendo absterse de intervir na súa selección co fin de mitigar os riscos de materialización deste conflito.

Artigo 11. Órganos competentes

1. A Subdirección Xeral de Residuos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, como órgano instrutor do procedemento, revisará as solicitudes recibidas e a documentación presentada. No caso de estar incompleta, ter erros ou non presentar toda a necesaria, o defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desisten da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda, tendo que achegar nestes casos o solicitante as correspondentes certificacións ou documentos.

2. Os requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

3. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas tendo en conta os requisitos que deben de cumprir os posibles beneficiarios de cada liña. Non obstante, naqueles supostos en que, ao abeiro do establecido no parágrafo un deste artigo, se lles requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada da solicitude presentada a data en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións dos actos administrativos, distintos da resolución de concesión, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución e publicación da resolución de concesión

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático elevará as correspondentes propostas de concesión á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen resolverá.

2. Nas resolucións de concesión figurarán os seguintes aspectos:

a) O nome da entidade local beneficiaria.

b) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os cales se fai o cálculo da contía.

c) A contía da axuda.

d) Que a axuda está cofinanciada nun 90 % con cargo aos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece o Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Resultando de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

O dito financiamento queda legalmente vinculada á realización das actuacións subvencionadas.

e) Prazo para a execución do servizo.

f) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa aplicable.

3. O prazo máximo para resolver os procedementos iniciados en virtude desta orde será de cinco meses, contados a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender as súas pretensións desestimadas por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://sirga.xunta.gal/

5. De conformidade co Real decreto 130/2019, as subvencións concedidas serán incorporadas á Base de datos nacional de subvencións, con posibilidade de acceso da administración e dos órganos mencionados no artigo 22 do MRR á información contida no Rexistro de titularidades reais creado poa Orde JUS/319/2018, ou o acceso a outras bases de datos da Administración que podan subministrar os ditos datos sobre titularidades reais, así coma de cesión de información entre estes sistemas e o sistema de fondos europeos, segundo as previsións recollidas na normativa europea e nacional aplicable.

Artigo 14. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

1. A persoa representante das entidades locais municipais, supramunicipais ou agrupacións de entidades locais beneficiarios disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

2. As entidades locais beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

4. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

3. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

4. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente a través da intervención ambiental, ou a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración Xeral do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, así como ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e o Regulamento (UE, Euratrom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular, deberán autorizar á Comisión, á OLAF, ao Tribunal de Contas Europeo, e cando proceda, á Fiscalía europea a exercitar os dereitos que recoñece o artigo 129, punto 1, do referido Regulamento financeiro.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude «bandeiras vermellas»). Asegurar a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir o fraude, a corrupción e previr o conflito de interese e o dobre financiamento.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga do mantemento da documentación soporte. O aporte da información realizarase nos termos que estableza o Ministerio de Facenda de conformidade coa normativa nacional e da Unión Europea. Mantendo os requisitos de pista de auditoría de conformidade co antedito artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

10. Custodiar e conservar a documentación da actividade financiada polo Mecanismo de recuperación e resiliencia de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, durante un período de cinco anos a partir do pagamento do saldo ou, a falta do dito pagamento, da operación. Este período será de tres anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros.

11. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 15, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo IV destas bases. Así mesmo, deben cumprir coas obrigas de información e publicidade que as autoridades competentes establezan relativas ao financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións que desenvolvan os investimentos (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios, insercións en prensa, certificados, etc., onde se fará mención da orixe deste financiamento e se velará por darlle visibilidade, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», tal como se reflicte no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Todos os carteis e placas deberán colocarse nun lugar ben visible de acceso ao público.

12. Facilitar a recolla de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos, tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización e facilitar a información que permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador establecido sobre o rendemento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, consonte ao artigo 30 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, e establecido co número 188, en relación coa medida C12.I3, no anexo da proposta de decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España [SWD(2021) 147 final]. Así como facilitar a información que permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador.

13. Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

14. Respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» na execución das actuacións subvencionadas no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

15. Dispoñer das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade, así como, de ser o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable. A sinatura da solicitude comporta a realización da declaración relativa a esta disposición.

16. Someterse ás disposicións comunitarias sobre o Mecanismo de recuperación e resiliencia e ás actuacións da autoridade de control ou das entidades que actúen baixo a súa coordinación ou responsabilidade. En particular, no relativo á obrigación de aseguramento da regularidade do gasto subxacente e da adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento. Para tal efecto, establecerase un sistema eficaz e eficiente e recuperaranse os importes aboados baixo erro ou empregados de maneira incorrecta, no sentido do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo e á Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

17. Asumir calquera outra obriga comunitaria ou nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

18. Contribuir ao correcto funcionamento da Base de datos nacional de subvencións (BDNS) en cumprimento do disposto na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia como ferramenta de consulta no procedemento de concesión de axudas, cumprindo adecuadamente coas obrigacións de subministración de información a esta (Real decreto 130/2019, do 8 de marzo):

• Contribución á fiabilidade do sistema, en xeral, e do sistema de seguimento de indicadores do cumprimento de fitos e obxectivos e de seguimento do custo estimado, en particular.

• Requisitos de pista de auditoría de conformidade co antedito artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo.

• Obrigacións de comunicación sobre o financiamento das medidas incluídas nestas bases xa que se incluíron no Plan para a recuperación e resiliencia.

• Subministración de información dos datos sobre o perceptor final dos fondos, cando non sexa o mesmo, así coma dos contratistas e subcontratistas no caso de que o perceptor final sexa un poder adxudicador.

Artigo 18. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2023, ambos incluídos, ben que condicionado ao exercicio orzamentario ao que se queira imputar e tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo.

2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude. Entenderase que un proxecto está concluído materialmente cando estea implantado e en funcionamento.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e a súa xustificación consonte o establecido no parágrafo seguinte.

4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será:

a) O 30 de novembro de 2022 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2022. Incluiranse neste orzamento as actuacións executadas entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2022, se é o caso.

b) O 30 de novembro de 2023 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

Artigo 19. Xustificación

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar, no prazo máximo a que se refire o artigo anterior, a realización do proxecto subvencionado e a xustificar a totalidade do orzamento; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. A solicitude do pagamento efectuaraa o beneficiario a través de medios electrónicos, mediante a presentación do anexo V, que se xunta a título informativo, que estará accesible na carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Con esta solicitude achegarase a documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá, excepcionalmente, requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas; neste caso, o solicitante terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 20. Documentación xustificativa de investimentos

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conterá a seguinte documentación:

1. Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo V que se xunta.

2. Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, na que se identifiquen as actividades realizadas e os resultados obtidos, co seguinte contido mínimo, segundo a liña de subvención da que se trate:

a) Liña 1: proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia).

1. Ámbito de actuación do proxecto (identificar: núcleos, rúas, colexios, grandes xeradores…).

2. Escenario base, previo á implantación do proxecto (grao de implantación da recollida separada de biorresiduos existente no municipio previa á nova implantación executada, indicando os tipos de biorresiduos que se viñan recollendo -fracción verde, biorresiduos domiciliarios ou biorresiduos de grandes xeradores– e a porcentaxe de poboación atendida a dita recollida con carácter anterior á execución do proxecto).

3. Número de habitantes e número de grandes xeradores atendidos polo proxecto.

4. Sistema de recollida implantado (sistemas porta a porta, sistemas de achega mediante contedores na vía pública abertos ou con contedores na vía pública pechados).

5. Estimación da cantidade total de biorresiduos recollidos co proxecto, indicando que parte destes biorresiduos corresponde aos grandes xeradores, e estimación da cantidade de compost producido anualmente.

6. Estimación das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas e das toneladas de residuos que contribuirían ao cumprimento dos obxectivos nesta materia.

7. Indicadores e medidas de seguimento do proxecto.

8. Identificación da instalación de tratamento biolóxico de destino dos biorresiduos.

9. Actuacións de formación, información e sensibilización realizadas á poboación involucrada no proxecto, perfectamente detalladas.

10. Materiais empregados (tipo e cantidade).

11. Calendario da execución.

12. Orzamento detallado do proxecto (incluíndo a desagregación do material e das actuacións previstas -unidades e custo unitario-).

O orzamento incluirá os conceptos recollidos no artigo 3.a), así como a súa desagregación en partidas subvencionables e non subvencionables, indicando expresamente se o IVE está incluído nos seus respectivos importes.

13. Orzamento total do proxecto.

b) Liña 2: proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ).

1. Ámbito de actuación do proxecto (identificar: núcleos, rúas, colexios, asociacións,…).

2. Escenario base previo á implantación do proxecto (indicar se previamente á execución do proxecto existía compostaxe doméstica e comunitaria no municipio, e en que grao de implantación – % de poboación atendida coa compostaxe doméstica e comunitaria preexistente)

3. Descrición da preselección dos participantes levada a cabo, tendo en conta as seguintes recomendacións:

– Que dispoñan de parcela para o uso do compost obtido, xa sexa xardín ou horto, cunha superficie mínima de 25 m2.

– No caso de vivendas unifamiliares, valorarase positivamente o feito de que a vivenda sexa a súa residencia habitual, así como o maior número de membros da unidade familiar.

– Os participantes deberán estar especialmente concienciados coa importancia do proxecto e cos obxectivos que se perseguen.

– No caso de participantes colectivos (centros educativos, asociacións, comunidades de veciños, hortos colectivos, etc.), deberá designarse un responsable de levar a cabo as actuacións do proxecto.

4. Número de habitantes e de participantes colectivos involucrados no proxecto.

5. Estimación da cantidade total de biorresiduos compostada co proxecto e estimación da cantidade de compost producido anualmente.

6. Estimación das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas e das toneladas de residuos que contribuirían ao cumprimento dos obxectivos nesta materia.

7. Localización e dimensionamento das áreas de compostaxe comunitaria. Descrición da dispoñibilidade de material estruturante suficiente, procedencia e posta a disposición para os usuarios.

8. Actuacións de formación dos participantes involucrados no proxecto, con referencia expresa á estratexia desenvolvida para a formación dos participantes (por exemplo, emprego de manual de compostaxe, formación teórica e práctica, mecanismos para a resolución das dúbidas, etc.).

9. Indicadores de seguimento do proxecto.

10. Seguimento técnico do proxecto, con referencia expresa ao procedemento implantado para o seguimento deste, tanto durante a posta en marcha do proxecto (visitas periódicas a participantes, asesoramento por teléfono ou correo electrónico, etc.) como unha vez finalizada a posta en marcha deste (cunha duración, como mínimo, de 1 ano). Para este seguimento, a entidade deberá acreditar que dispuxo dun coordinador técnico coa formación adecuada para realizar o seguimento destes proxectos.

11. Materiais empregados (tipo e cantidade).

12. Calendario da execución.

13. Orzamento detallado do proxecto (incluíndo a desagregación do material e das actuacións previstas -unidades e custo unitario-).

O orzamento incluirá os conceptos recollidos no artigo 3.b), así como a súa desagregación en partidas financiables e non financiables, indicando expresamente se o IVE está incluído nos seus respectivos importes).

14. Orzamento total do proxecto.

Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento, acompañarase de calquera outro material informativo (fotografías, publicacións, reseñas en web, etc.) que se considere de interese.

3. Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

a) Tanto os xustificantes de gasto como os dos pagamentos deberán ter data comprendida dentro do período de subvencionabilidade previsto no artigo 18 destas bases.

b) A entidade beneficiaria achegará unha certificación que deberá estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar, como mínimo:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

c) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra. Tratándose de administracións públicas presentaranse facturas orixinais, ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

d) Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) en que deberán constar ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento, así como a data en que se tivesen efectuado a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) No caso de adquisición de bens de equipo de segunda man certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial e declaración do vendedor en que conste a orixe dos bens e que estes non teñen sido obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

f) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios.

g) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, na que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga constar a aprobación por parte do órgano competente da conta xustificativa da subvención. Na dita certificación, se é o caso, deberá acreditarse o cumprimento por parte das entidades subcontratadas cos estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflictos de interese, así como a respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no ambiente («DNSH» polas súas siglas en inglés «do no significant harm») na execución das actuacións levadas a cabo no marco do dito plan, así como a non incorrer en dobre financiamento e que, se é o caso, non lle conste risco de incompatibilidade co réxime de axudas de Estado. Para estes efectos, o cumprimento nestes termos acreditarase segundo o modelo do anexo VIII das presentes bases reguladoras, asinado polas subcontratas correspondentes.

i) Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

j) No caso das agrupacións de concellos, presentarase un documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda no cal se recollan expresamente todos os termos dos aspectos requiridos nas presentes bases para as solicitudes presentadas de forma conxunta.

4. Documentación de ter realizada a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia tal como reflicte o artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e segundo o que se establece no anexo IV que acompaña ás presentes bases reguladoras.

5. Para os proxectos da liña 1, cando a subvención se tivese outorgado para proxectos de implantación da recollida separada de biorresiduos: identificación da instalación ou centro de tratamento prevista para tratar os biorresiduos recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá de tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o (ou en trámite de obter a autorización) para o tratamento da fracción orgánica dos residuos municipais, con capacidade suficiente, e cunha liña separada para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, non permitíndose o tratamento conxunto con outro tipo de residuos de orixe industrial.

Artigo 21. Pagamento da axuda

1. O aboamento da subvención practicaráselle directamente ao concello beneficiario na conta bancaria indicada por este, que deberá ser da súa titularidade. En caso das entidades locais supramunicipais ou agrupacións de entidades locais, o concello que asuma a representación recibirá a axuda atribuída a este fin.

No caso de agrupacións de entidades locais, o concello que actúe como representante deberá presentar, no prazo máximo dun mes desde a recepción dos importes cobrados, xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) aos restantes concellos que constitúen a devandita agrupación.

2. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.

As entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado deberán manifestalo expresamente no prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo VI.

3. De non presentar a solicitude de pagamento anticipado, enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

4. Conforme o artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías por parte dos concellos beneficiarios.

5. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado a correspondente xustificación, entenderase que a entidade renuncia á subvención, sen prexuízo do establecido nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

6. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes en materia de inspección da consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, así como o cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no sentido do artigo 8, punto 2.e), da Orden HFP/1030/2021, do 29 de septembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Os órganos competentes da consellería concedente poderán solicitar ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, coa advertencia de que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a esixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

7. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda, pero diminuirase proporcionalmente o seu importe.

8. O pagamento realizarase, logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento da subvención e procedemento de reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

Así mesmo, o non cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no sentido do artigo 8, punto 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de septembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, dará lugar á devolución total da subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Incorrerase en causa de non pagamento ou reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases de conformidade coa gradación seguinte:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao órgano concedente desta axudas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da totalidade da subvención concedida a constatación de que non se levou a cabo a implantación da recollida separada de biorresiduos e/ou da compostaxe in situ de conformidade co obxecto subvencionado ao remate dos prazos recollidos no artigo 3.2.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención polo que a graduación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismo internacional, sempre que o importe total das axudas percibidas non supere o 100 % do investimento subvencionable do proxecto, coa excepción dos Proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), así como con axudas, subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outro fondo europeo, tales como o Feder, REACT-UE, FSE, Feader, HORIZONTE EUROPA, etc.

2. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, a axuda concedida no marco deste Mecanismo sumarase á proporcionada de acordo con outros programas e instrumentos da Unión. As reformas e os proxectos de investimento poderán recibir axuda doutros programas e instrumentos da Unión sempre que a dita axuda non cubra o mesmo custo.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo.

4. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitarase á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

5. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 25. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Medidas antifraude

A detección de feitos, que puideran ter sido constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, serán comunicados ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-
comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Nos termos establecidos na Comunicación 1/2017 do SNCA, do 6 de abril, sobre a forma na que poden proceder as persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea. A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente, tal como se establece no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 27. Réxime xurídico

Respecto de todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

b) Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

d) Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación, tras a crise da COVID-19.

e) Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

i) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

l) Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

m) Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información a proporcionar polas entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución presupostaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

Convocatorias de axudas e/ou subvencións anteriores que se consideran para a detracción dos importes adxudicados nestas sobre a contía máxima da axuda establecida

Liña 1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia).

No caso das entidades locais que percibiron axudas previas para este tipo de proxectos, pero que aínda poden complementala, o importe da axuda resulta de restar á contía máxima establecida o importe correspondente á axuda concedida previamente:

a) Convocatorias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

– Convocatorias de repartición de contedores marróns**, no marco do contrato de «Subministración de contedores para a recollida selectiva de residuos de fracción orgánica, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 % no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático 6-prioridade de investimento 06.1-obxectivo específico 06.01.1: desenvolver a separación, recollida selectiva e tratamento dos residuos, incluíndo as accións de peche de ciclo; recollendo tanto os plans de xestión como o investimento en infraestruturas-actuación 6.1.1.1» (expediente 44/2017 CA).

– Proxectos demostrativos (implantación do quinto contedor-Santa Comba) desenvolvidos ao abeiro do contrato «Servizo para o deseño e execución das actuacións para a mellora da xestión de residuos urbanos durante o ano 2018, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 % no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático 06-prioridade de investimento 06.01-obxectivo específico 06.01.01-actuación 6.1.1.1-desenvolvemento do PXRUG 2010-2022» (expediente 43/2017 CA).

– ORDE do 14 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2019, tramitadas como expediente anticipado de gasto (código de procedemento MT975I).

– Orde do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021 (código de procedemento MT975I).

b) Convocatorias do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD):

– PIMA residuos 2017 (30.3.2017).

– Axudas residuos 2018 (22.2.2018).

– Axudas residuos 2019 (4.3.2019).

– Axudas residuos 2020 (15.5.2020).

** Para efectos de valorar a axuda percibida pola dotación dos contedores marróns, aplicarase un importe unitario por contedor subministrado de 120 €/contedor (IVE incluído).

Liña 2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica e comunitaria (compostaxe in situ).

No caso das entidades locais que percibiron axudas previas para este tipo de proxectos, pero que aínda poden complementala, o importe da axuda resulta de restar á contía máxima establecida o importe correspondente á axuda concedida previamente:

a) Convocatorias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

– Proxectos demostrativos (compostaxe doméstica-As Nogais, Compostaxe comunitaria-Mondoñedo) desenvolvidos ao abeiro do contrato «Servizo para o deseño e execución das actuacións para a mellora da xestión de residuos urbanos durante o ano 2018, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 % no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático 06-prioridade de investimento 06.01-obxectivo específico 06.01.01-actuación 6.1.1.1-desenvolvemento do PXRUG 2010-2022» (expediente 43/2017 CA).

– Orde do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021 (código de procedemento MT975K).

b) Convocatorias do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD):

– PIMA residuos 2017 (30.3.2017)

– Axudas residuos 2018 (22.2.2018).

– Axudas residuos 2019 (4.3.2019).

– Axudas residuos 2020 (15.5.2020).

c) Programa de compostaxe de Sogama (dotación de composteiros domésticos)**.

d) Plan revitaliza da Deputación Provincial de Pontevedra (dotación de composteiros domésticos e comunitarios)***.

1.

** Para efectos de valorar a poboación servida con estes subministros, estímase que cada composteiro individual dá servizo a 3 habitantes.

*** Para efectos de valorar a poboación servida con estes subministros, estímase que cada composteiro individual dá servizo a 3 habitantes e cada módulo de compostaxe comunitario da servizo a 25 habitantes potenciais.

missing image file