Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 14 de decembro de 2021 Páx. 60957

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 1 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2022 (código de procedemento MT975J).

Segundo o establecido no artigo 1 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, co nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

En particular, segundo o artigo 10 do referido decreto, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático exerce as competencias e as funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

Inclúense aquí:

a) A elaboración e o seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

c) A realización de campañas de formación e sensibilización en materia de residuos.

d) A planificación e o fomento de accións relacionadas coa economía circular.

Pola súa banda, as entidades locais son competentes para a xestión dos residuos nos termos establecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, e na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, e demais normativa de aplicación.

De acordo co que se acaba de sinalar, e tal como se preceptúa no artigo 12, número 5, da mencionada lei básica, correspóndelles aos concellos, como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma en que establezan nas súas respectivas ordenanzas, de conformidade co marco normativo aplicable.

A Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008, sobre os residuos, modificada pola Directiva (UE) 2018/851, establece que como máis tarde o 1 de xaneiro de 2025 os concellos deberán establecer a recollida separada de residuos téxtiles e residuos perigosos de orixe doméstica (en que se incluiría o aceite vexetal).

O Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022 establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia cara a un novo escenario máis sustentable e acorde coa xerarquía de residuos marcada pola normativa, facendo especial fincapé na prevención e na valorización dos residuos.

O Plan recolle os obxectivos marcados pola normativa vixente e establece novas metas especialmente en materia de prevención, onde por primeira vez se establece un obxectivo cuantitativo, no tocante ao incremento da recollida selectiva, tanto en cantidade como en calidade.

A partir da diagnose realizada con ocasión da elaboración do plan, as conclusións ou prioridades detectadas incluíron, en materia de xestión de residuos domésticos, as seguintes:

a) Potenciar a xestión/recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais.

b) Minimizar a vertedura final en depósitos controlados, especialmente de fracción biodegradable e materiais recuperables.

c) Desenvolver as infraestruturas precisas para tratar os residuos xerados e para acadar os obxectivos e potenciar desta maneira a organización territorial e a capacitación de técnicos, baixo criterios de suficiencia e proximidade, viabilidade económica e ambiental.

Para tal efecto, o Plan organízase arredor de dez grandes liñas estratéxicas que aglutinan as actuacións que se desenvolverán no actual horizonte temporal da planificación autonómica que abrangue, tras a actualización operada en decembro de 2016, ata o ano 2022.

En particular, a liña estratéxica 5 do PXRUG 2010-2022 de «Fomento da prevención e a recollida selectiva da fracción Outros», fixa os seguintes obxectivos:

• Fomentar a cultura do mantemento e a reparación e reutilización dalgunhas destas fraccións, como por exemplo o téxtil.

• Aumentar a recollida selectiva destas fraccións (téxtil, aceites de cociña usados).

Entre os instrumentos dispoñibles para a consecución dos obxectivos propostos, o PXRUG prevé especificamente o establecemento de liñas de subvencións dirixidas a entidades locais destinadas a impulsar medidas que contribúan á consecución dos obxectivos vixentes nesta materia, tras as novidades introducidas no contexto comunitario, de conformidade coa folla de ruta cara a unha Europa eficiente no uso dos recursos, no marco da Estratexia 2020, así como tendo en conta das medidas recollidas no paquete de economía circular, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2015, piares básicos para unha xestión eficiente dos recursos e dos residuos que se sustenta, fundamentalmente, na prevención e na reciclaxe e en reforzar o principio de xerarquía nas opcións de xestión de residuos.

En concreto, os novos obxectivos de preparación para a reutilización e reciclaxe dos residuos domésticos municipais quedaron fixados para tres novos horizontes temporais: obxectivo do 55 % en 2025, 60 % en 2030 e 65 % en 2035; que continúan coa senda marcada xa vixente do 50 % en 2020. Estes residuos ademais teñen unha restrición máxima de vertedura do 10 % do total dos residuos municipais xerados en 2035. A estes obxectivos hai que engadir os de reciclaxe de envases e residuos de envases, globais e por materiais, fixados para 2025 e 2030.

Polo que atinxe ao obxecto e finalidade da presente orde, estas axudas contribúen ao cumprimento da normativa comunitaria neste contexto e, en particular:

• Fomentan as primeiras opcións da xerarquía de residuos.

• Favorecen a redución do depósito en vertedoiro, coas medidas relativas á preparación para a reutilización e reciclaxe dos materiais recuperables.

• Reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro, contribuíndo á loita contra o cambio climático.

• Contribúen ao alongamento da vida útil dalgúns produtos e ao incremento da dispoñibilidade de materias primas secundarias para os procesos industriais, reducindo o consumo de materias primas virxes, en definitiva, a facer un uso más eficiente dos recursos dispoñibles.

Ademais da contribución en materia de xestión de residuos, de uso eficiente de recursos e da loita contra o cambio climático, súmanse outros beneficios asociados á xeración de emprego como consecuencia da promoción de actividades de recollida, preparación para a reutilización e reciclaxe.

Seguindo o principio de xerarquía de residuos, a prevención é a mellor opción de xestión, seguida nesta orde, da preparación para a reutilización, da reciclaxe, doutras formas de valorización (incluída a enerxética) e, por último, da eliminación (o depósito en vertedoiro, entre outras).

En consecuencia, tendo en conta as competencias asumidas por este departamento, a presente convocatoria vai destinada a apoiar as entidades locais na procura de respostas aos retos e oportunidades asociadas ao cumprimento do actual marco normativo vixente, así como dos obxectivos que a dita planificación persegue.

Para tal fin, serán obxecto de financiamento ao abeiro da presente convocatoria os proxectos destinados á implementación de medidas de xestión dos residuos domésticos conforme o esquema de prioridades e o principio de xerarquía aplicable en materia de residuos. En particular, serán susceptibles de englobarse aquí actuacións destinadas a:

a) Favorecer a prevención, recollida adecuada, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos.

b) Potenciar a prevención, a recollida separada e a valorización dos residuos de aceite de cociña usado de orixe doméstica, do comercio e servizos.

c) Potenciar a prevención, a recollida separada e a valorización dos residuos téxtiles de competencia municipal.

Cómpre sinalar que con data do 14 de abril de 2021 aprobáronse, na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, as bases reguladoras das subvencións que deben convocar as comunidades autónomas e a repartición propiamente dita das axudas previstas para o Plan de apoio á implementación da normativa de residuos, Programa de economía circular e PIMA residuos.

O artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma deberán primar, na forma en que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera forma.

Para tales efectos, as presentes bases reguladoras prevén a posibilidade de que as ditas agrupacións de entidades locais poidan acceder á condición de beneficiarias destas subvencións.

Esta orde enmárcase no plan de apoio á implementación da normativa de residuos, dentro das actuacións incluídas no Mecanismo de recuperación e resiliencia, no eixe/compoñente 12: Política industrial de España 2030; medida/Investimento I3: apoio á implementación da normativa de residuos e ao fomento da economía circular (residuos e economía circular); submedida 001: Residuos e economía circular; modalidade de financiamento 4620-MRR do Plan estatal de recuperación, transformación e resilencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, polo que, en todo caso, esta actuación queda sometida á plena aplicación dos mecanismos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e á normativa da UE, nacional e autonómica aplicable a estes fondos na xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de reconstrución, transformación e resiliencia, así como ás específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa europea, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento, quedando suxeitas as actuacións contempladas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos fixados no devandito plan.

O investimento é coherente co obxectivo «Aumento dos residuos municipais recollidos selectivamente», tal e como se define no anexo da proposta de Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España [SWD(2021) 147 final], e resulta apto para acadar un mínimo do 30 % de recollida selectiva dos residuos municipais, de conformidade coa Directiva 2008/98/CE, que constitúe o indicador correspondente a este obxectivo.

Neste marco resultan de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como o Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Resultan tamén de aplicación a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, así como a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establecen o procedemento e o formato da información que proporcionarán polas entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Así mesmo, todas as actuacións que se executen dentro do marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) deben cumprir o principio de «non causar prexuízo significativo» aos seguintes obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar investimentos sustentables (principio DNSH):

a) A mitigación do cambio climático.

b) A adaptación ao cambio climático.

c) O uso sustentable e a protección dos recursos hídricos e mariños.

d) A economía circular.

e) A prevención e control da contaminación.

f) A protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario/a e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), así como con axudas, subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outro fondo europeo, tales como o Feder, REACT-UE, FSE, Feader, Horizonte Europa, etc.

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e liña de subvención

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia, para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal (código de procedemento MT975J), e facer pública a súa convocatoria para o ano 2022.

2. Son liñas subvencionables as seguintes:

• Liña 1. Aceites: proxectos de implantación ou mellora da recollida separada de aceite de cociña usado xerado no ámbito doméstico, do comercio e servizos, para destinalo á valorización para a obtención de biocarburante.

• Liña 2. Téxtiles: proxectos de implantación ou mellora da recollida separada da fracción de residuos téxtiles dos residuos municipais para destinalos a preparación para a reutilización ou reciclaxe.

• Liña 3. Puntos limpos móbiles: proxectos destinados a favorecer a prevención, a recollida separada e a adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais a través da adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes para a reutilización ou reciclaxe na nosa comunidade autónoma.

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lles correspondan en materia de xestión de residuos. Se a entidade ten as competencias en materia de xestión de residuos delegadas noutra entidade, será esta última a que poderá solicitar estas axudas.

2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicará a cada un deles, que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como, en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poder ser beneficiarias destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e requisitos

1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan a seguir para cada liña de axuda.

a) Liña 1. Aceites: proxectos de implantación ou mellora da recollida separada de aceite de cociña usado xerado no ámbito doméstico, do comercio e servizos, para destinalo á valorización para a obtención de biocarburante.

Os proxectos deberán prever a devandita implantación nos fogares, mediante a instalación de bidóns para o depósito e almacenamento destes residuos en comunidades de veciños, edificios públicos ou privados ou na vía pública, así como a implantación da recollida separada de aceites de cociña a grandes produtores (p.e.: servizos de hostalaría e restauración, comedores escolares, empresas de cátering para hospitais e centros de día, etcétera) e/ou actividades económicas.

A entidade solicitante deberá identificar a planta ou instalación de valorización a que ten previsto destinar os aceites de cociña recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá tratarse dunha planta debidamente autorizada para a valorización deste residuo e con capacidade suficiente. En caso de que o destino dos residuos recollidos sexa un xestor intermedio deberá sinalar o destino final, e obrigatorio que o destino final sexa unha valorización para a obtención de biocarburantes.

A entidade que resulte beneficiaria para esta liña de subvención adquirirá o compromiso firme de implantar a recollida separada dos residuos de aceite de cociña segundo o proxecto presentado. Para os efectos de verificar a implantación efectiva da recollida separada do aceite de cociña, o órgano concedente da axuda poderá facer un seguimento mediante visitas de inspección.

O incumprimento do requisito de implantación no prazo sinalado será causa de reintegro da subvención outorgada de conformidade co establecido no artigo 25 destas bases reguladoras.

Non serán subvencionables, ao abeiro deste punto, os custos do servizo de recollida selectiva, o tratamento dos residuos, así como tampouco os custos de mantemento nin os alugamentos.

Serán subvencionables ao abeiro deste punto proxectos e actuacións que teñan por obxecto:

a) Adquisición de embudes adaptables para encher envases apropiados en fogares e centros de xeración.

b) Adquisición de bidóns de boca ancha con tapa ou contedores adecuados para o depósito e almacenamento deste residuo na comunidade de veciños, edificio público ou privado, ou na vía pública. O aceite deberase depositar nun envase convenientemente pechado dentro dun contedor, salvo que se xustifique unha proposta alternativa para o depósito do aceite directamente no contedor. En todo caso, o contedor deberá garantir a estanquidade para evitar perdas de líquidos e o seu derramamento, e evitar as mesturas con outros tipos de aceites. Identificarase cun adhesivo ou serigrafía que o bidón ou contedor está destinado exclusivamente á recollida de aceite de cociña usado.

c) Actuacións de difusión, comunicación, sensibilización e seguimento do proxecto: as actuacións de difusión, comunicación e sensibilización á poboación atendida no proxecto, así como a vixilancia e o control, deberán incluír un plan de traballo e a descrición das actuacións previstas convenientemente detalladas.

b) Liña 2. Téxtiles: proxectos de implantación ou mellora da recollida separada da fracción de residuos téxtiles dos residuos municipais para destinalos á preparación para a reutilización ou reciclaxe.

Os proxectos deberán prever a devandita implantación nos fogares, mediante a instalación de contedores para o depósito e almacenamento destes residuos na vía pública ou nos puntos limpos.

A entidade solicitante deberá identificar a planta ou a instalación de tratamento a que ten previsto destinar os residuos téxtiles recollidos de forma separada, tendo en conta que o seu destino final debe ser unha preparación para a reutilización ou unha reciclaxe.

A entidade que resulte beneficiaria para esta liña de subvención adquirirá o compromiso firme de implantar a recollida separada dos residuos téxtiles segundo o proxecto presentado.

O incumprimento do requisito de implantación no prazo sinalado será causa de reintegro da subvención outorgada de conformidade co establecido no artigo 25 destas bases reguladoras.

Non serán subvencionables, ao abeiro deste punto, os custos do servizo de recollida selectiva, o tratamento dos residuos, así como tampouco os custos de mantemento nin os alugamentos.

Serán subvencionables ao abeiro deste punto proxectos que teñan por obxecto:

a) Adquisición de contedores para a vía pública e para os puntos limpos. A resistencia dos contedores será a equivalente ao peso do contedor cheo de residuos téxtiles e estes deberán permitir a incorporación de sistemas de identificación e pesada. O contedor incluirá unha impresión permanente dos materiais que poden ser depositados no seu interior.

b) Adquisición de sacas reutilizables para a recollida de residuos téxtiles. Sacas reutilizables para fomentar a recollida separada e a achega dos residuos téxtiles en contedores da vía pública ou en sistemas de recollida porta a porta.

c) Actuacións de difusión, comunicación, sensibilización e seguimento do proxecto: as actuacións de difusión, comunicación e sensibilización á poboación atendida no proxecto, así como a vixilancia e o control, deberán incluír un plan de traballo e a descrición das actuacións previstas convenientemente detalladas.

c) Liña 3. Puntos limpos móbiles: proxectos destinados a favorecer a prevención, a recollida separada e a adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais a través da adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes para a reutilización ou reciclaxe na nosa comunidade autónoma.

Para os efectos da presente convocatoria, teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, medicamentos, etcétera).

En particular, serán subvencionables accións dirixidas á implantación de puntos limpos móbiles mediante:

a) Adquisición de puntos limpos móbiles, con diferentes compartimentos para a recollida de residuos, podendo ser os seguintes modelos:

• Contedor/caixa metálica de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado con equipamento de gancho para a súa carga e traslado).

• Remolque e contedor metálico de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado para a súa carga e traslado).

• Camión con caixa e chasis.

• Furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.

• Outros modelos do mercado, sempre que se xustifique que cumpren os obxectivos deste servizo.

b) Adquisición de equipamentos ou elementos complementarios para a función que prestan os puntos limpos móbiles (ganchos, guindastres, etc.).

c) Adquisición de básculas para pesada dos residuos recollidos.

d) Adquisición de ferramentas informáticas (incluído software) para o seguimento da rastrexabilidade dos residuos recolleitos.

e) Adquisición de elementos de información no propio punto limpo móbil sobre as condicións de entrega adecuada dos residuos, tales como carteis, paneis ou sinalización (máximo 1.000 €).

f) Formación para o persoal do punto limpo móbil en materia de preparación para a reutilización con obxecto de seleccionar adecuadamente aqueles residuos susceptibles de ser preparados para a reutilización.

2. Os proxectos que se presenten para optar á presente convocatoria deberán observar os seguintes requisitos:

a) Os proxectos de implantación presentados deberán prever a realización de campañas de difusión e sensibilización que teñan como obxectivo fomentar a participación cidadá nas actividades incluídas neles, considerándose gastos subvencionables ata un importe máximo de 2.000 € nas liñas 1 e 2.

b) Os proxectos presentados deberán incorporar elementos de compra pública verde ou ecolóxica. A prestación de servizos ou a compra de materiais, equipamentos ou medios de recollida e transporte deberán prever criterios ecolóxicos acordes cos obxectivos ambientais relacionados co cambio climático, a utilización dos recursos e a produción e o consumo sustentables (ecodeseño, emprego de materiais reciclados e/ou reciclables, eficiencia enerxética, redución de emisións, redución da pegada de carbono, economía circular, entre outros) que contribúan a reducir o seu impacto ambiental.

c) Para subvencionar a implantación de puntos limpos móbiles, a entidade local deberá acreditar o destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa autorizada ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. Por outra banda, a entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos destas instalacións, así como á inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo a actividade de xestión tipificada.

d) Aqueles proxectos que prevexan a repartición de materiais, adquiridos con cargo á subvención, deberán identificar o procedemento que empregarán para a selección dos destinatarios beneficiados, segundo os principios de concorrencia, idoneidade e publicidade.

e) Non se admitirán proxectos que prevexan unicamente a adquisición de contedores ou materiais complementarios, sen que o solicitante acredite que se dispón, ou disporá no momento da xustificación, do servizo de recollida selectiva específico tendo en conta a liña subvencionable en que se inseriría a actuación obxecto da subvención solicitada.

3. As entidades locais que así o desexen poderán concorrer a esta convocatoria ao abeiro das tres liñas subvencionables recollidas nestas bases reguladoras. Se concorren para actuacións que pertenzan a máis dunha liña subvencionable (liña 1, liña 2 ou liña 3) deberán presentar unha solicitude por cada liña (anexo I.a para a liña 1, anexo I.b para a liña 2 e anexo I.c para a liña 3), tendo en conta as contías máximas de axuda establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable e cumpran co establecido no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (en diante, Mecanismo).

2. En particular, non serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) O imposto sobre o valor engadido.

c) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

d) Os gastos de persoal.

e) Os premios ou agasallos non relacionados coa actuación e/ou innecesarios.

f) Os custos asociados aos servizos de recollida e o tratamento dos residuos municipais.

g) Respecto dos bens de equipamento de segunda man, estes serán subvencionables cando se cumpran os requisitos seguintes:

1º. Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e que estes non teñan sido obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

2º. O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares. Estes aspectos acreditaranse mediante certificación de taxador independente.

h) Os custos de alugamentos e pagamento de servizos a terceiros.

i) No caso de que o proxecto, ou determinados conceptos deste, afecte a fluxos de residuos cubertos pola responsabilidade ampliada do produtor, non será financiable a parte atribuíble á responsabilidade ampliada do produtor.

j) Non se valorarán factores enerxéticos.

k) Así como todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

3. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se é o caso, as entidades subcontratadas deberán comprometerse a cumprir cos estándares máis exixentes en relación coas normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, así como a respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no ambiente («DNSH» polas súas siglas en inglés «do no significant harm») na execución das actuacións levadas a cabo no marco de dito plan, así como a non incorrer en dobre financiamento e que, se e o caso, non lle conste risco de incompatibilidade co réxime de axudas de Estado. Para estes efectos, o cumprimento nestes termos acreditarase mediante declaración da subcontrata correspondente, no momento da xustificación (artigo 23.3.h), segundo o modelo incluído como anexo VII nesta orde.

4. O beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto de contrato menor con adxudicación directa.

Artigo 5. Crédito e contía das axudas

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse segundo se indica a seguir:

a) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2022 00035), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU: ata un máximo de dous millóns douscentos trece mil cincocentos oitenta e tres euros (2.213.583 €), coa seguinte distribución:

1º. Importe máximo para a liña 1, Aceites: proxectos de implantación ou mellora da recollida separada de aceite de cociña usado xerado no ámbito doméstico, do comercio e servizos, para destinalo á valorización para a obtención de biocarburante: 200.000 €.

2º. Importe máximo para a liña 2, Téxtiles: proxectos de implantación ou mellora da recollida separada da fracción de residuos téxtiles dos residuos municipais para destinalos á preparación para a reutilización ou reciclaxe: 536.276 €.

3º. Importe máximo para a liña 3, Puntos limpos móbiles: proxectos destinados a favorecer a prevención, a recollida separada e a adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais a través da adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes para a reutilización ou reciclaxe na nosa comunidade autónoma: 1.477.307 €.

2. O crédito máximo establecido nas liñas 1 e 2 da subvención poderá ser redistribuído dunha a outra se nalgunha delas as solicitudes beneficiarias non resultan suficientes para esgotar os fondos dispoñibles.

3. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante, será asumida polo/a beneficiario/a e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), cos seguintes importes máximos de subvención:

a) Liña 1, Aceites: proxectos de implantación ou mellora da recollida separada de aceite de cociña usado xerado no ámbito doméstico, do comercio e servizos, para destinalo á valorización para a obtención de biocarburante. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 15.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 1.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 20.000 €.

b) Liña 2, Téxtiles: proxectos de implantación ou mellora da recollida separada da fracción de residuos téxtiles dos residuos municipais para destinalos á preparación para a reutilización ou reciclaxe. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 20.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 5.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 40.000 €.

c) Liña 3, Puntos limpos móbiles: proxectos destinados a favorecer a prevención, a recollida separada e a adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais a través da adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes para a reutilización ou reciclaxe na nosa comunidade autónoma. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 70.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 5.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 100.000 €.

4. En aplicación do disposto nos artigos 67.1 e 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no que se recolle a tramitación anticipada de expedientes de gasto con cargo aos fondos do MRR, no caso de que os expedientes se tramiten con anterioridade á aprobación do proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma, o órgano xestor deberá emitir un informe en que se faga constar que existe crédito adecuado e suficiente para o gasto que se pretende efectuar. A concesión destas axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

5. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que procede. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975J). Este formulario xúntase como anexo I a estas bases.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderaas presentar individualmente un concello, no exercicio da competencia que ten asumida na materia, ou conxuntamente máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal que, pola súa vez, teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, no parágrafo destinado á identificación do solicitante, a referencia a «Agrupación de» seguida da identificación das entidades de que se trate.

4. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que desempeñen a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá xuntar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude.

5. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 15 de decembro de 2021 ata o 31 de xaneiro de 2022, ambos incluídos.

6. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requiriren máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo de correo electrónico: axudas.cmaot@xunta.gal

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a documentación que se sinala:

a) Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente en que conste a decisión da entidade ou entidades locais de solicitar a subvención ao abeiro destas bases reguladoras (anexo II).

c) No suposto de que a entidade local achegue fondos ao proxecto/actividade/actuación para o cal se solicita subvención, para os efectos do establecido en relación cos criterios de valoración, achegarase tamén declaración responsable en que se faga constar que se dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa banda.

d) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

e) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán achegar:

1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

2º. Identificar a relación de entidades locais participantes.

3º. Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

4º. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

5º. O importe de subvención que vai aplicar cada entidade membro da agrupación.

f) No caso de solicitudes relativas á liña 1, Aceites, deberán presentar:

1º. Anexo I.a debidamente cuberto.

2º. Memoria técnica liña 1, Aceites. Un único arquivo co contido establecido no punto 1.i) do artigo 7 das bases reguladoras.

3º. Identificación da instalación de destino dos aceites. Instalación ou centro de tratamento previsto para tratar os residuos procedentes de aceites de cociña, tendo en conta que deberá tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizado para a valorización destes residuos municipais e con capacidade suficiente. Se a planta de tratamento fixese unha valorización intermedia, debe identificar a planta de valorización final para a elaboración de biocarburantes a que se destinen os residuos.

4º. Declaración do grao de implantación da recollida separada de aceites. Declaración asinada polo representante da entidade solicitante en que conste o grao de implantación actual da recollida separa de aceite de cociña usado.

5º. Declaración, por parte da entidade solicitante, do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) no senso do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (anexo III).

6º. Documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2, para a liña 1, Aceites.

7º. Documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde para a liña 1, Aceites, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e relación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

g) No caso de solicitudes relativas á liña 2, Téxtiles, deberán presentar:

1º. Anexo I.b debidamente cuberto.

2º. Memoria técnica, liña 2, Téxtiles. Un único arquivo co contido establecido no punto 1.i) do artigo 7 das bases reguladoras.

3º. Identificación da instalación de destino dos residuos téxtiles. Instalación ou centro de tratamento previstos para tratar os residuos téxtiles recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizado para a valorización destes residuos municipais e con capacidade suficiente.

4º. Declaración do grao de implantación da recollida separada de residuos téxtiles. Declaración asinada polo representante da entidade solicitante en que conste o grao de implantación actual da recollida separa de residuos téxtiles.

5º. Declaración, por parte da entidade solicitante, do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) no senso do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (anexo III).

6º. Documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2, para a liña 2, Téxtiles.

7º. Documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde para a liña 2, Téxtiles, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e relación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

h) No caso de solicitudes relativas á liña 3, Puntos limpos móbiles, deberán presentar:

1º. Anexo I.c debidamente cuberto.

2º. Memoria técnica, liña 3, Puntos limpos móbiles. Un único arquivo co contido establecido no punto 1.i) do artigo 7 das bases reguladoras.

3º. Acreditación da instalación de destino dos residuos recollidos co punto limpo móbil. Acreditación do destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. Se é o caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.

4º. Compromiso de cumprimento da normativa sectorial para puntos limpos móbiles. Compromiso de cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos e de inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo a actividade de xestión tipificada.

5º. Declaración, por parte da entidade solicitante, do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) no senso do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (anexo III).

6º. Documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2, para a liña 3, Puntos limpos móbiles.

7º. Documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde para a liña 3, Puntos limpos móbiles, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e relación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

i) As memorias técnicas dos proxectos ou actuacións para as cales solicita a subvención deberán conter unha descrición clara das actividades que se van desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e a información requirida para o tipo de actuación ou actuacións para as cales se solicita a axuda e segundo o que se sinala a seguir.

A memoria do proxecto deberá incluír, como mínimo, os seguintes contidos:

1º. Tipoloxía e nome do proxecto.

2º. Breve descrición do proxecto presentado.

3º. Identificación e datos de contacto do responsable técnico.

4º. Introdución e diagnose da situación actual na materia do proxecto dentro do ámbito local de actuación.

5º. Obxectivos do proxecto e das súas actuacións (materiais necesarios -tipo e cantidade). Será preciso neste punto a referencia ás melloras ou beneficios ambientais que se procuran co proxecto.

6º. Descrición detallada do proxecto, ámbito de actuación, poboación atendida e sectores ou axentes implicados, obxectivos cuantitativos (estimación de cantidade de residuos que se van recoller e das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas) e cualitativos, así como a programación temporal (cronograma) para o desenvolvemento do proxecto en correspondencia coas previsións de gastos incluídos no orzamento que se remita e tendo en conta o previsto nestas bases reguladoras.

No caso de xa ter implantada a recollida selectiva de residuos de aceites de cociña ou residuos téxtiles no concello, deberán indicar na memoria o número de contedores instalados e características, o número de poboación atendida e o total dos investimentos feitos para estas implantacións.

7º. O plan de actuación deseñado deberá incluír unha xustificación pormenorizada dos materiais, actuacións e recursos propostos, de conformidade cos gastos subvencionables ao abeiro desta orde.

8º. En particular, sinalaranse as campañas de información e sensibilización previstas así como os seus custos estimados, de conformidade co requirido no artigo 3, número 2.

9º. Indicadores e medidas de seguimento.

10º. Resultados esperados (residuos recollidos, en quilogramos, por tipoloxía de residuos).

11º. O orzamento deberá identificar con detalle os conceptos polos que se concorre na convocatoria, chegando á desagregación a nivel de importes unitarios, se é o caso. No caso de agrupacións de entidades locais, no orzamento figurará que importe correspondería a cada unha delas.

Toda a documentación técnica debe ser presentada nun único documento, que se titule do seguinte xeito «Memoria_técnica_Liña1», «Memoria_técnica_Liña2» «Memoria_técnica_Liña3», en función da liña de axudas solicitada.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de interdiario de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6. Así mesmo, os proxectos que opten ás subvencións que se rexen polas presentes bases reguladoras deberán acompañarse da documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados de maneira electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Consulta doutras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia competitiva recollido no artigo 19, ordinal 1º, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Órganos competentes

A Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, mentres que corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditar a resolución da concesión.

Artigo 12. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que revisará todas as solicitudes recibidas e a documentación presentada.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o solicitante de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que, no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixer, se poderá considerar desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites, segundo resolución que se dite para o efecto.

Igualmente, o requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta realizada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda, e nestes casos o solicitante terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

6. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Comisión de Avaliación

1. As solicitudes completas xunto coa documentación requirida serán postas á disposición dunha Comisión de Avaliación para a súa valoración e informe, o cal incluirá unha relación coa puntuación que corresponde a cada unha das solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 14 desta orde.

2. A Comisión de Avaliación estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Residuos, ou persoa en quen delegue, integrarana dous funcionarios da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, co nivel mínimo de xefe/a de servizo, e actuará como secretario unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución (tendo en conta os criterios sinalados no artigo 14) en que identificarán, de xeito individualizado, os solicitantes que superaron a fase de avaliación mediante unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións, tanto administrativas como técnicas, establecidas nas bases reguladoras. Na proposta constarán tanto as entidades que acadaron a condición de beneficiarios, ao obter a puntuación requirida, como aquelas outras que non resultaron estimadas por quedar por debaixo da devandita puntuación ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria.

4. Unha vez elaborada a correspondente proposta, mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para a súa resolución.

Consonte o establecido no artigo 6.4 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as persoas que interveñan no proceso de selección dos beneficiarios ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións manifestarán, de forma expresa, a ausencia ou non de conflito de intereses a través dunha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI), de acordo co modelo establecido na devandita orde.

No caso de que concorra conflito de intereses, a persoa afectada concretará as solicitudes sobre as cales recae o dito conflito, debendo absterse de intervir na súa selección co fin de mitigar os riscos de materialización deste conflito.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación, a que se refire o artigo 13 desta orde, valorará e priorizará as solicitudes presentadas aplicando os criterios e puntuacións que a seguir se sinalan para cada un dos grupos de actuacións subvencionables.

2. Para avaliar as solicitudes presentadas para a liña 1, Aceites: proxectos de implantación ou mellora da recollida separada de aceite de cociña usado xerado no ámbito doméstico, do comercio e servizos, para destinalo á valorización para a obtención de biocarburante.

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 15 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 5 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e do planeamento de obxectivos en liña cos establecidos no PXRUG 2010-2022, ata 5 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados, ata 5 puntos.

b) Os proxectos que conten para o seu desenvolvemento coa implicación de centros especiais de emprego e/ou entidades de economía social obterán 20 puntos.

c) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

d) En función da poboación que se atenda, segundo sexa solicitude individual ou presentada conxuntamente, de forma proporcional, ata 15 puntos.

1º. Habitantes que se atendan (solicitude individual): de 1 ata 8 puntos.

2º. Habitantes que se atendan (solicitude conxunta): de 5 ata 15 puntos.

e) Achega económica da entidade local superior ao 10 % do orzamento total do proxecto, ata 10 puntos.

f) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 10 puntos, en virtude da puntuación que resulte coa seguinte desagregación:

1º. Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 5 puntos.

2º. Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención: 1 punto por concello ata un máximo de 5 puntos.

g) Os proxectos en municipios en que a entidade local non teña implantada a recollida separada de aceite de cociña usado previamente obterán unha puntuación de 10 puntos. Entenderase que a recollida separada de aceites de cociña está implantada nun concello cando atenda máis dun 30 % da poboación do propio concello.

3. Para avaliar as solicitudes presentadas para a liña 2, Téxtiles: proxectos de implantación ou mellora da recollida separada da fracción de residuos téxtiles dos residuos municipais para destinalos a preparación para a reutilización ou reciclaxe.

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 15 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 5 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e do planeamento de obxectivos en liña cos establecidos no PXRUG 2010-2022, ata 5 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados, ata 5 puntos.

b) Os proxectos que conten para o seu desenvolvemento coa implicación de centros especiais de emprego e/ou entidades de economía social obterán 20 puntos.

c) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

d) En función da poboación que se atenda, segundo sexa solicitude individual ou presentada conxuntamente, de forma proporcional, ata 15 puntos.

1º. Habitantes que se atendan (solicitude individual): de 1 ata 8 puntos.

2º. Habitantes que se atendan (solicitude conxunta): de 5 ata 15 puntos.

e) Achega económica da entidade local superior ao 10 % do orzamento total do proxecto, ata 10 puntos.

f) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 10 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 5 puntos.

2º. Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención: 1 punto por concello ata un máximo de 5 puntos.

g) Os proxectos que determinen que os residuos téxtiles recollidos separadamente se destinen a actuacións de preparación para reutilización obterán unha puntuación de 5 puntos.

h) Os proxectos en municipios en que a entidade local non teña implantada a recollida separada de residuos téxtiles obterán unha puntuación de 5 puntos.

Entenderase que a recollida separada de téxtiles está implantada nun concello cando atenda máis dun 30 % da poboación do propio concello.

4. Para avaliar as solicitudes presentadas para a liña 3, puntos limpos móbiles: proxectos destinados a favorecer a prevención, a recollida separada e a adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais a través da adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes para a reutilización ou reciclaxe na nosa comunidade autónoma.

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 35 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 15 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e do planeamento de obxectivos en liña cos establecidos no PXRUG 2010-2022, ata 10 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados, ata 10 puntos.

b) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

c) En función da poboación que se atenda, segundo sexa solicitude individual ou presentada conxuntamente, de forma proporcional:

1º. Habitantes que se atendan (solicitude individual): de 1 ata 8 puntos.

2º. Habitantes que se atendan (solicitude conxunta): de 5 ata 15 puntos.

d) Achega económica da entidade local superior ao 10 % do orzamento total do proxecto, ata 15 puntos.

e) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 10 puntos en virtude da puntuación que resulte coa seguinte desagregación:

1º. Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 5 puntos.

2º. Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención: 1 punto por concello adicional ata un máximo de 5 puntos.

f) Tratándose de proxectos que inclúan a prestación do servizo a concellos que carecen de punto limpo: 5 puntos.

5. A puntuación resultante será a suma da aplicación dos baremos indicados. Co obxectivo de acadar un nivel mínimo de calidade dos proxectos de investimento subvencionados, establécese un nivel mínimo de puntuación de 40 puntos, sobre os 100 que como máximo se poderían acadar, para poder optar á subvención. Aquelas solicitudes que non acaden esa puntuación mínima serán rexeitadas.

6. No caso de empate na baremación decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio establecido no primeiro lugar e así, de xeito sucesivo, co resto dos criterios previstos no caso de manterse o empate. De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

7. Á vista das solicitudes recibidas, a Comisión de Avaliación fixará unha relación ordenada de todas as solicitudes que, cumprindo coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario e de conformidade coa puntuación outorgada a cada unha delas, permita determinar tanto as que resulten beneficiarias como aqueloutras que non resultasen estimadas por non ter acadado a puntuación mínima requirida ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións dos actos administrativos, distintos da resolución de concesión, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución e publicación da resolución de concesión

1. O órgano instrutor ditará proposta de resolución, con base no documento elaborado pola Comisión de Avaliación, e elevaraa para a resolución por parte da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. Na resolución figurarán os seguintes aspectos:

a) A relación de entidades locais beneficiarias.

b) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os cales se fai o cálculo da contía ou porcentaxe de axuda resultante.

c) A contía da axuda.

d) Esta axuda está cofinanciada nun 90 % con cargo aos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece o Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Resultan de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas.

e) Prazo para a execución do servizo.

f) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa aplicable.

3. O prazo máximo para resolver os procedementos iniciados en virtude desta orde será de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender as súas pretensións desestimadas por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://sirga.xunta.gal/

5. De conformidade co Real decreto 130/2019, as subvencións concedidas serán incorporadas á Base de datos nacional de subvencións, con posibilidade de acceso da Administración e dos órganos mencionados no artigo 22 do MRR á información contida no Rexistro de titularidades reais creado pola Orde JUS/319/2018, ou o acceso a outras bases de datos da Administración que poidan subministrar os ditos datos sobre titularidades reais, así como de cesión de información entre estes sistemas e o sistema de fondos europeos, segundo as previsións recollidas na normativa europea e nacional aplicable.

Artigo 17. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución é expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles desde a súa notificación sen que a entidade beneficiaria comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, das demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, as seguintes:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

4. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concendente a través da Intervención Ambiental ou a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, así como ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e o Regulamento (UE, Euratrom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular, deberán autorizar a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo e, cando proceda, a Fiscalía Europea para exercitar os dereitos que recoñece o artigo 129, número 1, do referido Regulamento financeiro.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude «bandeiras vermellas»). Asegurar a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude, a corrupción e previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga do mantemento da documentación soporte. A achega da información realizarase nos termos que estableza o Ministerio de Facenda, de conformidade coa normativa nacional e da Unión Europea. Manteranse os requisitos de pista de auditoría de conformidade co antedito artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

10. Custodiar e conservar a documentación da actividade financiada polo Mecanismo de recuperación e resiliencia de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, durante un período de cinco anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do dito pagamento, da operación. Este período será de tres anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros.

11. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 15, número 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo IV destas bases; así mesmo, deben cumprir coas obrigas de información e publicidade que as autoridades competentes establezan relativas ao financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións que desenvolvan os investimentos (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios, insercións en prensa, certificados, etc., onde se fará mención da súa orixe e se velará por darlle visibilidade, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuada que indique «Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU» tal como se reflicte no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Todos os carteis e placas deberán colocarse nun lugar ben visible de acceso ao público.

12. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización, e facilitar a información que permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador establecido sobre o rendemento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, consonte o artigo 30 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, establecido co número 188, en relación coa Medida C12.I3, no anexo da proposta de Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España [SWD(2021) 147 final].

13. Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

14. Dispoñer das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade, así como, de ser o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable. A sinatura da solicitude leva consigo a realización da declaración relativa a esta disposición.

15. Someterse ás disposicións comunitarias sobre o Mecanismo de recuperación e resiliencia e ás actuacións da autoridade de control ou das entidades que actúen baixo a súa coordinación ou responsabilidade. En particular, no relativo á obrigación de aseguramento da regularidade do gasto subxacente e da adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento. Para tal efecto, establecerase un sistema eficaz e eficiente e recuperaranse os importes aboados baixo erro ou empregados de maneira incorrecta, no senso do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo, e da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

16. Respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» no senso do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

17. Asumir calquera outra obriga comunitaria ou nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

18. Contribuír ao correcto funcionamento da Base de datos nacional de subvencións (BDNS) en cumprimento do disposto na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, como ferramenta de consulta no procedemento de concesión de axudas, e lémbrase a necesidade de cumprir adecuadamente coas obrigacións de subministración de información a esta (Real decreto 130/2019, do 8 de marzo).

• Contribución á fiabilidade do sistema, en xeral, e do sistema de seguimento de indicadores do cumprimento de fitos e obxectivos e de seguimento do custo estimado, en particular.

• Requisitos de pista de auditoría de conformidade co antedito artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo.

• Obrigacións de comunicación sobre o financiamento das medidas incluídas nestas bases xa que se incluíron no Plan para a recuperación e resiliencia.

• Subministración de información dos datos sobre o perceptor final dos fondos, cando non sexa o mesmo, así como dos contratistas e subcontratistas no caso de que o perceptor final sexa un poder adxudicador.

Artigo 21. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2022, ambos incluídos, tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo.

2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e súa xustificación consonte o establecido no parágrafo seguinte.

4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de novembro de 2022.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar, no prazo máximo a que se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lle foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe concedido; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. A solicitude do pagamento será efectuada polo beneficiario a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite a que se refire o artigo 21, número 4, mediante a presentación do anexo V, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Á dita solicitude xuntarase a documentación xustificativa do investimento requirido. A Administración poderá, excepcionalmente, requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando, como resultado da comprobación, se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas, tendo neste caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo levará consigo a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá ao beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 23. Documentación xustificativa do investimento

As entidades beneficiarias terán de prazo para presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 30 de novembro de 2022.

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conterá a seguinte documentación:

1. Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo V que se xunta.

2. Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención que, de conformidade co contido requirido en fase de solicitude, identifique entre outras cuestións as actividades realizadas, e dos resultados obtidos en relación, de ser o caso, cos indicadores de seguimento e avaliación propostos, incluíndo unha estimación das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas e das toneladas de residuos que contribuirían ao cumprimento dos obxectivos nesta materia.

Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento, acompañarase de calquera outro material informativo (fotografías, publicacións, recensións en web, etc.) que se considere de interese.

3. Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

a) Tanto os xustificantes de gasto como os dos pagamentos deberán ter data comprendida dentro do período de subvencionabilidade previsto no artigo 21 destas bases.

b) A entidade beneficiaria achegará unha certificación que deberá estar expedida pola intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar como mínimo:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

c) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Tratándose de administracións públicas presentaranse facturas orixinais, ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

d) Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo), en que deberán constar, ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento, así como a data en que se efectuasen, a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) No caso de adquisición de bens de equipamento de segunda man, certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial e declaración do vendedor en que conste a orixe dos bens e que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

f) No caso que á hora de puntuar o proxecto obxecto de subvención se tivese considerado a achega económica da entidade local superior ao 10 % do orzamento total do proxecto, incluiranse os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios atendendo aos gastos que, ao abeiro destas bases reguladoras, teñen a consideración de subvencionables.

g) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, na cal se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga constar a aprobación por parte do órgano competente da conta xustificativa da subvención. Na dita certificación, se é o caso, deberá acreditarse o cumprimento por parte das entidades subcontratadas cos estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, así como a respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no ambiente («DNSH» polas súas siglas en inglés «do no significant harm») na execución das actuacións levadas a cabo no marco do dito plan, así como a non incorrer en dobre financiamento e que, se é o caso, non lle conste risco de incompatibilidade co réxime de axudas de Estado. Para estes efectos, o cumprimento nestes termos acreditarase segundo o modelo do anexo VII das presentes bases reguladoras, asinado polas subcontratas correspondentes.

i) Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

j) No caso das agrupacións de concellos, presentarase un documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda, no cal se recollan expresamente todos os termos dos aspectos requiridos nas presentes bases para as solicitudes presentadas de forma conxunta.

4. Documentación de ter realizado a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, tal como reflicte o artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, de 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e segundo o que se establece no anexo IV que se xunta ás presentes bases reguladoras.

5. Identificación da instalación ou centro de tratamento previsto para tratar os residuos recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizado para o tratamento dos residuos municipais e con capacidade suficiente. No caso de recollida separada de aceites de cociña, se a planta de tratamento destino dos residuos recollidos fose unha planta de valorización intermedia, deben identificar a planta de valorización final destino dos residuos recollidos.

Artigo 24. Pagamento da axuda

1. O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.

As entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado deberán manifestalo expresamente no prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo VI.

3. De non presentar a solicitude de pagamento anticipado enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso, o pagamento das axudas levarase a cabo unha vez o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

4. De conformidade co disposto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, as entidades locais están exoneradas de constituír garantía no caso de solicitar anticipos.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería concedente, antes de procederen ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, así como o cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no senso do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Os órganos competentes da consellería concedente poderán solicitarlle ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, advertíndolle que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá levar consigo a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

6. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

7. O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da subvención e procedemento de reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

Así mesmo, o non cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no senso do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, dará lugar á devolución total da subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Incorrerase en causa de non pagamento ou reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases de conformidade coa gradación seguinte:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicarlle ao órgano concedente desta axudas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a graduación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por esta das obrigas previstas na citada lei.

Artigo 27. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismo internacional, sempre que o importe total das axudas percibidas non supere o 100 % do investimento subvencionable do proxecto, coa excepción dos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), así como con axudas, subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outro fondo europeo, tales como o Feder, REACT-UE, FSE, Feader, Horizonte Europa, etc.

2. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, a axuda concedida no marco deste mecanismo sumarase á proporcionada consonte outros programas e instrumentos da Unión. As reformas e os proxectos de investimento poderán recibir axuda doutros programas e instrumentos da Unión, sempre que dita axuda non cubra o mesmo custo.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo.

4. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitarase á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

5. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 28. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Medidas antifraude

A detección de feitos, que poidan ter sido constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, serán comunicados ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para ao efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Nos termos establecidos na Comunicación 1/2017 do SNCA, do 6 de abril, sobre a forma en que poden proceder as persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea. A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente, tal como se establece no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 30. Réxime xurídico

Respecto de todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras, de procedente aplicación:

a) Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

b) Real decreto 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban as medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

i) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

j) Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19.

k) Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

l) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos, así como resto de normas da Unión Europea sobre a materia e estatais de desenvolvemento ou transposición destas.

m) Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

n) Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establecen o procedemento e o formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file