Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 2 de decembro de 2021 Páx. 58891

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2021 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, adscrita ao protectorado da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 9 de novembro de 2021 presentouse ante este protectorado a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, adoptado polo padroado o 6 de xullo de 2021.

Segundo. A Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia constituíuse en escritura pública outorga en Nigrán (Pontevedra) o 17 de novembro de 2015, ante o notario Víctor Manuel Vidal Pereiro, co número de protocolo 894, e foi clasificada de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico pola Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia e Administracións Públicas e Xustiza do 22 de marzo de 2016 (DOG núm. 67, do 8 de abril) e declarada de interese galego por Resolución da Consellería de Economía, Emprego e Industria (actualmente, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación) do 26 de abril de 2016 (DOG núm. 86, do 6 de maio). A devandita fundación figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2016/7.

Terceiro. Os obxectivos da fundación, segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, son a contribución ao fortalecemento, potenciación, crecemento e mellora da competitividade na industria das tecnoloxías aeroespaciais de Galicia mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. De maneira prioritaria, este obxecto concretarase na construción, dotación de recursos, posta en marcha e xestión do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia.

Cuarto. O padroado da fundación, na súa reunión do 6 de xullo de 2021, acordou a extinción da fundación por non poder realizar o fin fundacional.

Quinto. No expediente tramitado consta a seguinte documentación:

– Certificado do acordo de extinción adoptado polo padroado.

– Memoria xustificativa da causa da extinción.

– As contas da fundación na data de adopción do acordo.

– Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo padroado da fundación en virtude do disposto no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (en diante, Lei 12/2006).

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (en diante, Decreto 15/2009), corresponde á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza o protectorado.

Segundo. O artigo 44.1.c) e 3 da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece no número 6 que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, e foi aprobado por acordo do padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de Fundacións de Interese Galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación establecida nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, de 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego (en diante, Decreto 14/2009).

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, no Decreto 14/2009 e no Decreto 15/2009, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia adoptado polo padroado na súa reunión do 6 de xullo de 2021.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación
P.D. (Orde do 24.6.2021; DOG núm. 127, do 6 de xullo)
Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Segunda
e Consellería de Economía, Empresa e Innovación