A Orde do 22 de xullo de 2021, publicada no DOG do día 6 de agosto de 2021, modifica as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial, co fin de adaptalos á súa poboación escolar, á súa efectiva organización e á consecución dos seus obxectivos pedagóxicos.
A Orde do 26 de xullo de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 107/2021, do 1 de xullo, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional e se trasladan ensinanzas, sinala, entre outros aspectos, a efectividade do cesamento do persoal funcionario do corpo de mestres que se integra nun novo centro de destino.
O obxecto da presente orde é corrixir diversos erros advertidos na devandita orde de modificación das unidades e postos de traballo docentes, en particular nos anexos I e II, que afectan centros relacionados neles ou a composición resultante logo da modificación, e tamén no artigo 3, no cal se engade un novo número 3 relativo á integración da EEI de Fontelo, do concello de Coirós, na EEI de Coirós de Arriba do mesmo concello, sendo esta última integración de centros a que motiva a modificación da Orde do 26 de xullo de 2021 a que se refire o parágrafo anterior.
O Decreto 198/2020, do 20 de novembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, determina a competencia desta en materia de creación, supresión, transformación, clasificación, autorización e organización dos centros escolares.
Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da Orde do 22 de xullo de 2021
A Orde da Consellería de Cultura, Educación e Universidade do 22 de xullo de 2021 pola que se modifican as unidades e postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade queda modificada como segue:
Un. O anexo I substitúese integramente polo que se engade á presente orde.
Dous. No anexo II suprímese o colexio rural agrupado (CRA) de Rianxo.
Tres. Onde di: «Artigo 3. Situación do persoal docente», debe dicir: «Artigo 4. Situación do persoal docente».
Catro. Engádese un número 3 ao artigo 3, coa seguinte redacción:
«3. A EEI de Fontelo, do concello de Coirós, código 15024215, intégrase na EEI de Coirós de Arriba do mesmo concello, código 15022152».
Artigo 2. Modificación da Orde do 26 de xullo de 2021
O número 3 do artigo primeiro da Orde do 26 de xullo de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 107/2021, do 1 de xullo, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional e se trasladan ensinanzas, queda coa seguinte redacción:
«3. O persoal docente do corpo de mestres con destino definitivo no CEIP Plurilingüe de Pino de Val do concello de Mazaricos, no CEIP de Baamonde do concello de Begonte e na EEI de Fontelo do concello de Coirós cesa nestes centros con efectividade do 31 de agosto de 2021».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade