Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 1 de decembro de 2021 Páx. 58589

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 15 de novembro de 2021, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cervo para a ampliación do Museo do Mar en San Cibrao.

O día 20 de outubro de 2021 tivo entrada nesta consellería documentación correspondente ao expediente de referencia, remitida polo Concello de Cervo, para os efectos da súa aprobación definitiva. A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), establece no artigo 83.6 que as modificacións dos instrumentos de planeamento urbanístico se tramitarán segundo o procedemento establecido no artigo 60.

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O Concello de Cervo conta cunhas normas subsidiarias de planeamento (NSP) aprobadas definitivamente con data do 12.7.1978, e revisadas o 10.6.1994 para o núcleo de Cervo.

De acordo coa documentación remitida polo Concello, a tramitación incluíu:

• Borrador e documento ambiental estratéxico para a tramitación ambiental datado en novembro de 2018.

• Informe ambiental estratéxico do 22.5.2019.

• Informe previo á aprobación inicial da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas do 9.8.2019, e informe previo da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar do 28.10.2019.

• Informes técnico e xurídico da modificación puntual (MP) do 22.11.2019.

• Certificación de acordo de aprobación inicial polo Pleno do Concello, do 28.11.2019, do proxecto de MP, anuncios de exposición pública (publicación en La Voz de Galicia o 26.12.2019 e publicación no DOG o 26.12.2019).

• Informes sectoriais estatais emitidos por:

– Subdelegación do Goberno, Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do 19.2.2020.

– Ministerio de Asuntos Económico e Transformación Dixital, D.X. de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, do 23.7.2020.

• Informe do 26.5.2020, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre o resultado do trámite do artigo 60.7 da Lei do solo 2/2016, e informes autonómicos:

– Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 13.1.2020.

– Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 14.4.2020 (favorable condicionado).

– Axencia Galega de Infraestruturas, do 10.1.2020.

– Instituto de Estudos do Territorio, do 13.3.2020.

– D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Residuos, do 13.1.2020.

– Portos de Galicia, do 6.5.2020.

– Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre compatibilidade co POL, do 19.5.2020.

– Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, do 16.7.2020.

– Augas de Galicia, do 16.2.2021.

• Certificado de exposición pública e alegacións, do 14.4.2021.

• Informe dos servizos técnicos municipais sobre as alegacións, do 14.5.2021.

• Informes técnico (21.4.2021), xurídico (14.5.2021) e de intervención (20.5.2021) do proxecto para aprobación provisional da MP, do 22.11.2019.

• Certificación de acordo de aprobación provisional polo Pleno do Concello, do 1.6.2021.

• Informes posteriores á aprobación provisional da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas, do 19.7.2021, e da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, do 21.9.2021 (favorable condicionado).

• Informe do Instituto de Estudos do Territorio sobre as Directrices de Paisaxe de Galicia, do 5.11.2021.

II. Aspectos xerais. Contido.

A modificación ten por obxecto posibilitar a ampliación do actual Museo Provincial do Mar, equipamento público localizado no solo urbano de San Cibrao. A parcela onde se sitúa o museo (ref. catastral 5795005PJ2359N0001RB) conta cunha superficie de 1.101 m2 e atópase cualificada nas NSP coa ordenanza dotacional.

O ámbito acada unha superficie de 2.568 m2, xa que inclúe tamén a parcela situada no lindeiro noroeste da anterior (ref. catastral 5795006PJ2359N0001DB), dunha superficie de 1.467 m2, e que se atopa ocupada por unha vivenda unifamiliar illada.

A MP propón a recualificación da parcela residencial mixta para pasala á ordenanza dotacional establecida nas NSP, sen modificar as determinacións fixadas na dita ordenanza.

A modificación non supón reclasificación de solo nin cambio de categoría deste, nin afecta zonas verdes ou espazos públicos.

III. Análise e observacións.

III.1. O interese público da modificación atópase xustificado pola necesidade de ampliar un equipamento público existente que, ademais, está incluído no patrimonio cultural, e incorporar tamén terreo para desfrute público que proporcione unha función social e identitaria como centro de exhibición e difusión do patrimonio mariñeiro.

III.2. En canto ás observacións da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, no trámite de consultas ambientais foron tidas en conta e foron incluídas no proxecto de MP.

III.3. O informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural é favorable condicionado. Das condicións impostas non quedan recollidas no proxecto presentado as seguintes:

– No artigo 5 Catálogo de protección: haberá que indicar que os bens catalogados son as dúas edificacións existentes no ámbito da MP.

– No artigo 11. Nivel II. ...Feita a avaliación singular sobra a casa, considérase que esta non posúe ningún elemento salientable como para asignarlle nivel de protección estrutural. Con todo, considérase que o Museo si debería telo (en lugar do ambiental proposto) ao ser unha tipoloxía característica cuxa propia estrutura permite ler o seu uso orixinal como escola mixta.

– Tal e como se explicou no punto das ordenanzas, o Museo do Mar debería ter nivel de protección estrutural, polo que tamén deberían corrixirse as obras permitidas nel.

Tanto no Museo como na Casa corrixirase que «no caso de obras de ampliación» se realizarán en volume novo illado respecto dos bens protexidos (en lugar de contiguos a eles), e non poderán superar a altura destes.

Así mesmo, nas descricións dos dous bens incorporarase que a carpintaría exterior é en madeira pintada e que as cubertas están rematadas con lousa do país e con tella nas súas limas.

– No plano MP-13. Patrimonio cultural: haberá que incorporar os contornos de protección dos bens catalogados.

– Tanto na lenda do plano MP-13 como MP-15 corrixirase «bens etnográficos» por «bens catalogados ou protexidos» xa que, na súa maior parte, se trata de bens arquitectónicos.

III.4. O informe posterior á aprobación provisional da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar é favorable condicionado. Unha vez aprobado definitivamente, o documento remitirase de novo á dirección xeral para a súa comprobación e constancia das consideracións emitidas.

III.5. Deberase indicar o significado da nomenclatura que figura no plano de ordenación SN-SC-01 e SE-SC-01, así como que se trata dunha dotación pública, xa que non queda reflectida tal condición no proxecto aprobado provisionalmente.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cervo para a ampliación do Museo do Mar en San Cibrao, con suxeición ás observacións formuladas nos puntos III.3, III.4 e III.5 anteriores no documento que se remita para inscrición no Rexistro de Planeamento, documento que non pode conter datos persoais, segundo a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e polo artigo 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda