Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 30 de novembro de 2021 Páx. 58445

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de novembro de 2021 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal médico do Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos ditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CC.OO. de Galicia comunicou a convocatoria dunha folga no ámbito do persoal médico (facultativo especialista de área) do Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, que se desenvolverá os días 1, 10, 13, 21 e 29 de decembro de 2021, desde as 00.00 horas ata as 24.00 horas dos citados días.

Con base no que antecede e logo do acordo co Comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada comprende todo o persoal médico que desempeña o seu labor profesional no Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, e desenvolverase durante varias xornadas. En consecuencia, tivéronse en conta para determinar os servizos esenciais os seguintes factores: o risco para as persoas enfermas, a conseguinte afectación da folga á actividade asistencial e o volume de poboación atendida no citado servizo e ámbito, ademais do propio contexto en que se vai desenvolver a folga, por mor da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19 na Comunidade Autónoma. Por iso, deben manterse os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible ás persoas hospitalizadas, así como a atención que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. Ao mesmo tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, determinan que para fixar os servizos mínimos se adopten os seguintes criterios reitores:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizo de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención das persoas usuarias que requiran intervención cirúrxica inaprazable e derivada de procesos oncolóxicos.

Nas áreas sinaladas é imprescindible a cobertura do 100 % da asistencia urxente, dado que non é posible prever as necesidades ao non ser unha actividade programable e, posto que nestes casos é preciso dar unha resposta inmediata, ten que manterse a cobertura sanitaria establecida para os supostos de urxencia.

Por outra banda, a morbilidade e o prognóstico dos/das pacientes poderían agravarse de forma significativa no suposto de que se modificase a planificación cirúrxica realizada, e a historia natural de moitas enfermidades graves e oncolóxicas pode evitarse dando a resposta más áxil posible.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente dos/das doentes hospitalizados/as e as altas clínicas.

Os/as pacientes ingresados/as precisan do control axeitado que permita asegurar o seguimento da súa evolución e a supervisión do tratamento, para evitar estadías innecesarias que poidan modificar ou complicar a dita evolución. A hospitalización é necesaria nos casos en que a situación clínica do/da paciente o determina, e a súa prolongación excesiva pode ter implicacións clínicas prexudiciais.

3. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos/das pacientes hospitalizados/das que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou inaprazables no criterio do persoal facultativo especialista da área.

Dada a gran variedade de patoloxías que se atenden neste servizo, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia da persoa enferma. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria que debe prestarse aos/ás doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías.

4. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias que, segundo o criterio do persoal facultativo, resulten inaprazables.

Ao igual que no caso anterior, por mor da variedade das patoloxías que se atenden no servizo sanitario afectado pola folga, establécese como criterio de urxencia ou de determinación ineludible o do/da especialista responsable da asistencia ao/a enfermo/a. Os atrasos na realización destas probas poden comprometer a situación clínica da persoa doente.

Con base no exposto, o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga é o seguinte:

– 2 efectivos en quirófano.

– 1 efectivo en urxencias.

– 1 ou 2 efectivos, en función da organización das gardas médicas.

– 1 efectivo para hospitalizacións, consultas externas e probas.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e notificada aos profesionais designados/as.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de modo expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os preceptos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, así mesmo, nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade