Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 29 de novembro de 2021 Páx. 58164

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 25 de novembro de 2021 pola que se determinan os servizos mínimos, no ámbito da asistencia sanitaria, durante a folga de persoal das administracións públicas convocada para o día 30 de novembro de 2021.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións Co.bas (Comisiones de Base) e Solidaridad Obrera convocaron unha folga que se fará efectiva durante a xornada do 30 de novembro de 2021, desde as 0.00 horas ata as 24.00 horas do citado día, que afectará todo o persoal fixo e temporal de, entre outras, as administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e os organismos, axencias e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas ou dependentes de calquera delas.

No devandito eido territorial e administrativo, a presente folga resulta por completo idéntica á convocada hai apenas un mes polas mesmas organizacións sindicais e que se desenvolveu o pasado 28 de outubro, a cal motivou que esta consellería emitise unha orde de fixación de servizos mínimos, no ámbito da asistencia sanitaria, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 207, do mércores 27 de outubro de 2021, aplicable ás institucións sanitarias deste servizo de saúde e das entidades adscritas á Consellería de Sanidade, e na cal se tivo expresamente en conta a evolución da pandemia do coronavirus COVID-19 nesta comunidade autónoma.

De tal sorte que os criterios reitores e os servizos mínimos establecidos na antedita orde cohonestáronse coa salvagarda das medidas emprendidas nos centros e entidades do Sistema público de saúde de Galicia, nomeadamente naquelas áreas, servizos e unidades cuxa actividade garda unha maior relación coa crise sanitaria. Trátase de conciliar, en suma –consonte o explicitado na parte expositiva da citada orde–, o lexítimo exercicio do dereito de folga co elenco de actuacións que a Administración sanitaria ten implantado e que continúan vixentes na actualidade, co fin de dispoñer dos recursos humanos necesarios para facer fronte ao incremento e á natureza da carga asistencial motivados pola pandemia.

Atendendo a ese inmediato precedente, e ante o mantemento da situación sanitaria (mesmo cunha maior circulación detectada do virus fronte á existente durante a anterior folga), resulta procedente remitirse integramente aos termos da orde que determinou os servizos esenciais para a folga do pasado 28 de outubro. Circunstancia de que se lle deu traslado ao comité de folga.

Con base no que antecede,

DISPOÑO:

Artigo único.

A convocatoria de folga do día 30 de novembro de 2021, realizada polas organizacións Co.bas e Solidaridad Obrera, no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos esenciais que se establecen nesta orde.

Os cales, por remisión, serán os contidos na Orde desta consellería do 25 de outubro de 2021 pola que se determinan os servizos mínimos, no ámbito da asistencia sanitaria, durante a folga de persoal das administracións públicas convocada para o día 28 de outubro de 2021 (orde publicada no DOG núm. 207, do 27 de outubro, nas páxinas 52627 e seguintes).

Deste xeito, para determinar os servizos esenciais que se deberán respectar durante a folga do 30 de novembro de 2021 aplicarase integramente tanto o articulado da antedita orde como o seu documento anexo, no cal se recolle o número de presenzas mínimas acordado para cubrir a xornada de folga no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade