Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 26 de novembro de 2021 Páx. 57967

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 15 de novembro de 2021 pola que se notifica o acordo de inicio de expediente de caducidade de concesión administrativa no porto de Vilaxoán (Pontevedra).

Con data do 21 de outubro de 2021, a Presidencia de Portos de Galicia, ao abeiro das competencias conferidas polo artigo 12.3.j) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, emite resolución que acorda incoar expediente de caducidade da concesión administrativa con destino á construción de muro e recheo para ampliación de industria no porto de Vilaxoán titularidade da empresa Ameixa de Carril, S.L.

A instrución recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, con domicilio para os efectos do presente expediente en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, de Santiago de Compostela; o seu réxime de abstención e recusación é o consignado nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

O acordo de incoación emitido polo instrutor o 27 de outubro de 2021 foi rexeitado no sistema notifica-gal. Malia iso, intentouse a notificación postal no domicilio do administrador único da empresa que consta no expediente, onde tampouco foi posible a notificación polo que, de conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se notifica mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

O expediente incóase polo incumprimento das condicións 8ª e 11ª do título da concesión o que por aplicación da condición 12ª é causa imperativa de caducidade da concesión a causa de falla de pagamento das taxas debidas pola concesión e da existencia dunha cesión da instalación non autorizada.

Contra o acordo de incoación poderanse formular alegacións perante o instrutor designado no expediente, outorgándose para estes efectos un prazo máximo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do acordo no Boletín Oficial del Estado.

En aplicación do previsto no artigo 90.1.b) da Lei de portos de Galicia, o aboamento das cantidades debidas por taxas antes de ditarse resolución determinará o arquivamento do expediente no que atinxe a ese motivo en concreto.

Para o seu exame, o expediente atópase nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2021

Jesús Javier Fernández Barro
Instrutor