Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 23 de novembro de 2021 Páx. 57347

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, no concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 139 do Regulamento Xeral para o réxime da minaría, do 25 de agosto de 1978, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, no concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Ourense, 28 de outubro de 2021

Pablo Fernández Vila
Xefe territorial de Ourense

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, no concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Examinado o expediente da solicitude de declaración de utilidade pública e interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, no concello de Carballeda de Valdeorras, na provincia de Ourense, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 29 de outubro de 2020, Rogelio López Rodríguez, co DNI ***1430**, en condición de presidente do Consello de Administración da entidade Industrias de Rocas Ornamentales, S.A. (en diante, Irosa) e Pizarras Samaca, S.A. (en diante, Samaca), esta última pertencente ao grupo Irosa, presentou escrito dirixido á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en Ourense, polo cal solicitou a declaración de utilidade pública e interese social «dos establecementos de beneficio que conforman o conxunto de talleres de lousa, naves, accesos, instalacións eléctricas, de auga, de depuración e auxiliares, entulleiras que se comprenden e delimitan no plano anexo (...) dentro dos terreos propiedade da Comunidade Veciñal do Monte en Man Común número 1392 Montes Baixos de Portela e Trigal». Estes establecementos de beneficio foran autorizados a nome de Irosa e Samaca mediante a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 6 de novembro de 2017.

Segundo. Mediante o Anuncio do 19.11.2020, da Xefatura Territorial de Ourense, fíxose pública a solicitude da declaración de utilidade pública e interese social para o establecemento de beneficio e instalacións sitas, en parte, dentro do monte comunal de Portela e Trigal, no Concello de Carballeda de Valdeorras, provincia de Ourense (DOG núm. 244, do 3 de decembro).

Terceiro. O 26.11.2020, José Antonio Iglesias Franco, con DNI ***4970**, presentou na citada xefatura territorial un escrito asinado por Odilo Fernández Rodríguez, con DNI ***1178**, quen na súa condición de presidente da comunidade de monte veciñal de Portela e O Trigal o autoriza para recibir notificacións dese organismo.

Cuarto. O 27.11.2020, a Xefatura Territorial de Ourense deulle traslado á Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Portela e O Trigal da solicitude presentada pola mercantil Irosa, co fin de que no prazo de 20 días puidesen tomar vista do expediente e puidesen presentar as alegacións que considerasen oportunas.

Quinto. O 1.12.2020, compareceu José Antonio Iglesias Franco nas dependencias do Servizo de Enerxía e Minas, da Xefatura Territorial en Ourense, para solicitar copia completa do «expediente de expropiación sobre declaración de utilidade pública ou interese social dos establecementos de beneficio ou oficinas situadas no Trigal, instado por Irosa».

Sexto. O 28.12.2020, Odilo Fernández Rodríguez, na súa condición de presidente da comunidade de montes de Portela e O Trigal, e dentro do prazo concedido, presentou documento de alegacións, que en esencia versan sobre as importantes discrepancias existentes nas condicións económicas do arrendamento dos terreos, e na titularidade deles.

Sétimo. O 13.01.2021, unha vez finalizado o prazo de exposición pública, desde a Xefatura Territorial de Ourense remitíronse a Irosa as alegacións presentadas pola comunidade de montes.

Oitavo. O 25.1.2021, Irosa achegou contestación ás alegacións formuladas por Odilo Fernández Rodríguez, en calidade de presidente, onde rebate o seu contido e solicita que non sexan tidas en consideración.

Noveno. O 2.3.2021, a Xefatura Territorial de Ourense requiriulle a Irosa documentación complementaria para continuar coa tramitación da declaración de utilidade pública e interese social, concretamente a relación de predios dos cales a empresa afirma ter a titularidade e a orde de desafiuzamento que se prevía executar o 30 de marzo de 2021, logo de que o 10.5.2017 o Xulgado número 2 do Barco de Valdeorras declararase resolto por expiración do prazo o contrato do 23.1.2004 de arrendamento da parcela nel descrita, e esta sentenza adquirise firmeza polo Auto do 25.11.2020 do Tribunal Supremo.

Décimo. O 3.3.2021, Irosa achegou contestación ao requirimento a que se fai referencia no antecedente de feito anterior.

Décimo primeiro. O 18.3.2021, a Xefatura Territorial de Ourense solicitoulle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural a emisión de informe sobre a solicitude por parte de Irosa de declaración de utilidade pública e interese social para os establecementos de beneficio e instalacións sitas, en parte, dentro do monte comunal de Portela e O Trigal, ou ben a obtención da compatibilidade dos usos no monte.

Décimo segundo. O 5.4.2021, o Servizo de Montes de Ourense emite o informe solicitado en que manifesta que para a declaración de utilidade pública e interese social dos citados establecementos de beneficio non resulta preceptivo o informe do Servizo de Montes, sen prexuízo do procedemento de declaración de prevalencia que se produciría unha vez iniciado o procedemento de expropiación forzosa.

Décimo terceiro. O 4.5.2021, a mercantil Irosa presenta unha declaración responsable en que se recolle literalmente, entre outros aspectos, «Que os predios cuxa expropiación se instará unha vez obtida a declaración de utilidade pública son exclusivamente propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, Montes Baixos de Portela e O Trigal (...)». Acompaña de planos descritivos das superficies para declarar de utilidade pública, e das superficies sobre as cales se pretende instar a expropiación unha vez obtida a declaración de utilidade pública.

Décimo cuarto. O 18.5.2021 persoal técnico do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense asina un informe favorable sobre a necesidade de declaración de utilidade pública e interese social dos establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Pizarras Samaca, S.A.

Décimo quinto. O 29.6.2021, Rogelio López Rodríguez, en representación de Irosa presenta escrito acompañado de documentos relativos ás negociacións entre a mercantil e a CMVMC de Portela e Trigal, co obxecto de ampliar a información relativa ao expediente.

Décimo sexto. O 2.7.2021, o xefe territorial da VSCEEI en Ourense solicita informe da área xurídica do mesmo organismo sobre a procedencia de elevar a solicitude de declaración de utilidade pública ao Consello da Xunta de Galicia.

Décimo sétimo. O 8.7.2021, o xefe da Área Xurídica e Coordinación da Xefatura Territorial en Ourense emite informe favorable sobre a solicitude de declaración de interese social (...) e a remisión da citada declaración ao Consello da Xunta de Galicia.

Décimo oitavo. O 8.7.2021, a Xefatura Territorial de Ourense remite o informe xurídico xunto co expediente completo ao Servizo de Xestión Mineira dependente da Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

Décimo noveno. O 24.8.2021, o Servizo de Enerxía e Minas de Ourense remítelle á Subdirección Xeral de Recursos Minerais documentación adicional presentada pola mercantil Irosa, consistente en informe de experto independiente (Deloitte) en relación coa mercantil Irosa desde o punto de vista socioeconómico, e documentación económica e laboral proporcionada para a súa elaboración.

Vixésimo. O 3.9.2021, o xefe territorial remítelle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o expediente completo e ordenado, e propón continuar a súa tramitación para a adopción polo Consello da Xunta do acordo polo que se declare de utilidade pública e interese social os establecementos de beneficio, ao cumprirse os requisitos legais establecidos para elo.

Vixésimo primeiro. O 7.10.2021, o asesor xurídico de Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo emite informe segundo o cal: «considérase viable a aprobación da declaración de utilidade pública e interese social para os establecementos de beneficio do Grupo Irosa, no cal se inclúe Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, concello de Carballeda de Valdeorras, Ourense».

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia e no artigo 10 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Segunda. A Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, capítulo primeiro, regula os requisitos previos á expropiación forzosa, e dentro do procedemento xeral no artigo 9 da Lei establece que: «Para proceder á expropiación forzosa será indispensable a declaración previa de utilidade pública ou interese social (...)» e continúa o seu desenvolvemento ata o artigo 14.

Terceira. A Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, no artigo 113, e o Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, no artigo 139, recollan o seguinte: «Os titulares dos establecementos a que este título se refire poderán acollerse aos beneficios da Lei de expropiación forzosa, cando a súa importancia ou razóns de interese nacional o aconsellen, logo de declaración de utilidade pública (...)».

Entre estas razóns, ás cales se refire o artigo 139 do regulamento, resulta vital a importancia do interese social que implica a permanencia da entidade Irosa e as súas instalacións, xa que supoñen unha achega fundamental ao mantemento do emprego directo e indirecto, así como ao desenvolvemento industrial e económico en toda a comarca de Valdeorras. Isto supón a fixación de poboación na zona, que inflúe de forma beneficiosa noutros sectores de produción: primario, secundario e terciario, tal e como se pon de manifesto no informe de experto independente achegado pola mercantil.

Cuarta. A Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, no artigo 112 define os establecementos de beneficio como aqueles que se instalan para a preparación dos recursos comprendidos dentro do ámbito da presente lei, mediante os procesos que resulten necesarios ata a obtención do produto vendible. Así, todas as instalacións precisas para o desenvolvemento da actividade que supón a obtención de lousa susceptible de ser comercializada forman parte do que se denomina establecemento de beneficio, definido como tal na propia lei.

Cómpre subliñar que, tal e como se indica no antecedente de feito primeiro, as instalacións a que se fai referencia foron autorizadas mediante a Resolución do 6 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, como establecementos de beneficio.

Quinta. Considérase establecemento de beneficio toda instalación precisa para os labores mineiros de elaboración de lousa ata a súa transformación en material vendible, entre outras almacéns, comedores e oficinas, imprescindibles todas elas para o correcto desenvolvemento da actividade e pertencentes tanto a Irosa como a Pizarras Samaca, que á súa vez pertencente na súa totalidade á primeira.

Ademais, e tal e como se recolle no antecedente de feito décimo terceiro deste acordo, a declaración da utilidade pública e interese social para os establecementos de beneficio solicitada por Irosa afecta terreos dese grupo e terreos da CMVMC de Portela e O Trigal, sen que se valoren neste acordo as importantes discrepancias no relativo á titularidade dos terreos alegadas, e será na fase de levantamento de actas previas, dentro, de ser o caso, do procedemento expropiatorio, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais sobre eles.

Sexta. Para tratar de xustificar a necesidade da declaración de utilidade pública e do interese social, segundo o establecido, os establecementos de beneficio e instalacións compóñense de oito naves de elaboración de lousa, dous almacéns, talleres, vestiarios, comedores e oficinas. Teñen unha superficie total aproximada de 17.500 m2 construídos e proporciona emprego a 189 traballadores, dun total de 260 que conforman o persoal de todo o grupo Irosa, mentres o resto desenvolve labores mineiros nas distintas explotacións da empresa.

Esta declaración non sería necesaria no caso de alcanzar un acordo entre as partes. Porén, no expediente apréciase que as condicións propostas pola CMVMC supoñen un incremento superior ao 500 % respecto das anteriores condicións económicas.

Isto abocaría na supresión ou imposibilidade de continuar cos establecementos de beneficio, que, debido á súa importancia no proceso produtivo, suporía o peche da empresa, afectando á totalidade dos traballadores e as súas familias, residentes na zona, e en moitos casos, no propio concello de Carballeda de Valdeorras, cun censo de poboación de arredor dos 1.500 habitantes. A eliminación dos postos de traballo suporía a desaparición dun incentivo para a fixación da poboación no rural.

Sétima. Na documentación incorporada ao expediente, figuran os informes do Servizo de Enerxía e Minas (do 18.5.2021), da Área Xurídica e Coordinación da Xefatura Territorial (do 8.7.2021), e da Asesoría Xurídica de Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo (do 7.10.2021), que son favorables á declaración de utilidade pública e á remisión do expediente para a adopción do acordo polo Consello da Xunta de Galicia.

De acordo con todo o que antecede, e en exercicio das competencias que ten atribuídas, para os efectos previstos na Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de Minas, e demais lexislación de aplicación, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte acordo:

Declarar a utilidade pública e interese social dos establecementos de beneficio do grupo Irosa, no cal se inclúe Pizarras Samaca, S.A., sitos no Trigal, no concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia segundo o establecido no artigo 139 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, do 25 de agosto de 1978.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 28 de outubro de 2021. Pablo Fernández Vila, xefe territorial de Ourense.