Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 19 de novembro de 2021 Páx. 56747

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 156/2021, do 4 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Oleiros da franxa de dominio público viario na marxe dereita da AC-173, puntos quilómetricos (pp.qq.) 6+680 ao 6+930, agás beiravía e calzada.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Oleiros asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo a construción dunha senda peonil na marxe dereita da estrada autonómica AC-173, entre os pp.qq. 6+680 e 6+940 e entre os 0+000 e 0+040 da AC-181. Neste convenio, o concello comprométese a aceptar a titularidade, antes da licitación das obras, de todo o dominio público do treito da senda peonil resultante da execución das obras na marxe dereita da estrada AC-173, treito urbanización Rialta-Pazo de Arillo-Lourido, sen afectar as beiravías e a calzada.

O cambio de titularidade proposto no convenio garante a continuidade da rede autonómica, xa que non afecta a calzada e beiravías. Ademais, este dominio público ten unha funcionalidade esencialmente municipal e a súa cesión favorecerá as tarefas da Administración local con respecto ás necesidades dos usuarios. Así mesmo, o obxecto do convenio pretende dar continuidade ao itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da AC-173. A senda existente na actualidade é de titularidade autonómica, polo que co fin de acadar unha xestión eficiente a totalidade do itinerario peonil e ciclista debería ser de titularidade municipal.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da franxa de dominio público viario na marxe dereita da AC-173, pp.qq. 6+680 ao 6+930, agás beiravía e calzada, deslindada polo Servizo Provincial da AXI na Coruña, coa única finalidade de destinala á construción dunha senda peonil como elemento funcional do viario existente.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de novembro de dous mil vinte un,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Oleiros do dominio público viario do treito da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, agás calzada e beiravía, que se relaciona a seguir:

Estrada

p.q.i

Coordenadas UTM (ETRS89)

p.q.f

Coordenadas UTM (ETRS89)

Marxe

Lonxitude

AC-173

6+680

X=554.919

Y=4.800.963

6+930

X=554.796 Y=4.801.184

MD

250 m

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Oleiros, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da zona de dominio público transferida, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de novembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade