Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 19 de novembro de 2021 Páx. 56745

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 155/2021, do 4 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Actuacións de mellora do antigo trazado da estrada PO-400, de clave PO/20/007.10, no concello de Arbo.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 29 de abril de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 80) o Anuncio do 20 de abril de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción Actuacións de mellora do antigo trazado da estrada PO-400, de clave PO/20/007.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 26 de outubro de 2021 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción Actuacións de mellora do antigo trazado da estrada PO-400, de clave PO/20/007.10.

O obxecto do presente proxecto é a definición de diversas actuacións encamiñadas a mellorar o antigo trazado da estrada PO-400, para o cal se realizará a mellora do firme existente e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos, así como o acondicionamento da intersección inicial e final da estrada e a creación dunha glorieta na entorna do p.q. 24+000 da estrada actual, todo isto no concello de Arbo (Pontevedra).

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á Rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de novembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción Actuacións de mellora do antigo trazado da estrada PO-400, de clave PO/20/007.10.

Santiago de Compostela, catro de novembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade