Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 18 de novembro de 2021 Páx. 56701

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2021 pola que se acorda aprobar definitivamente a exclusión de determinados bens e dereitos do expediente expropiatorio para a execución dos polígonos un, dous e tres do solo residencial de San Paio de Navia (Vigo).

Antecedentes de feito:

I. Por Resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) do 18 de marzo de 2021 acórdase aprobar inicialmente e someter a información pública os proxectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución dos polígonos un, dous e tres do Plan parcial de San Paio de Navia (Vigo).

II. Dentro do ámbito do expediente expropiatorio atópanse os predios co número de orde 27, 29, 31, 32, 33, 34, 35, 48, 51, 54 e 55. As edificacións que se encontran sobre os referidos predios co número de orde indicado teñen, principalmente, uso residencial.

III. De conformidade coa modificación segunda do Plan parcial aprobado definitivamente polo Concello de Vigo con data do 29 de xullo de 2020, as referidas edificacións existentes poderán permanecer integrándose no parcelario resultante nas condicións determinadas na ordenación da citada modificación, tal e como se recolle no informe de compatibilidade subscrito polo técnico redactor do planeamento con data do 15 de xullo de 2021.

IV. Con data do 20 de xullo de 2021 o director xeral do IGVS ditou resolución pola que se acorda o inicio dos trámites de exclusión de determinados bens e dereitos do expediente expropiatorio para a execución dos polígonos un, dous e tres do solo residencial de San Paio de Navia (Vigo), que foi publicada no DOG número 141, do 26 de xullo de 2021 (Corrección de erros no DOG número 143, do 28 de xullo de 2021).

A referida resolución, en relación cos predios co número de orde 27, 29, 31, 32, 33, 34, 35, 48, 51, 54 e 55, notificouse ás persoas propietarias xunto coas condicións, termos e proporcións que a Administración propón para as respectivas exclusións, e concedéuselles en consecuencia, trámite de audiencia para que aleguen o que xulguen conveniente en defensa dos seus intereses.

V. Transcorrido o período de información pública dun mes establecido no artigo 295.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento da Lei 2/2016, foron obxecto do informe oportuno as alegacións presentadas.

VI. Conforme o establecido no punto terceiro do artigo 295 do Decreto 143/2006, o 22 de outubro de 2021, formalízase en documentos administrativos a aceptación dos propietarios mediante convenios de exclusión cos propietarios dos predios co número de orde 27, 32, 33, 35, 48 e 55. Nestes convenios establécense as condicións para as correspondentes exclusións parciais ou totais.

Consideracións legais:

Primeira. O procedemento do expediente expropiatorio para a execución dos polígonos un, dous e tres da modificación puntual segunda do Plan parcial de San Paio de Navia iníciase en virtude da aprobación definitiva do Pleno do Concello de Vigo do día 29 de xullo de 2020, promovida polo IGVS (DOG número 183, do 9 de setembro) e de conformidade cos artigos 117.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 290.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016.

Segunda. O IGVS goza de potestade expropiatoria forzosa, en virtude do artigo 4.2 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS.

Terceira. O artigo 119.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, establece que na aplicación do sistema de expropiación, o órgano expropiante poderá, de oficio ou por instancia de parte, excluír desta determinados bens e os terreos edificados compatibles co uso establecido polo plan que se executa, cando iso non dificulte os obxectivos da actuación e o propietario se comprometa a participar no proceso de execución nas condicións e termos que se fixen por acordo da Administración actuante.

Cuarta. O artigo 295.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento da Lei 2/201, establece que a resolución da exclusión deberá estar precedida dun período de información pública polo prazo dun mes, que se publicará no BOP ou no DOG, e se notificará aos propietarios afectados. A resolución fixará as condicións e termos en que o propietario excluído deberá vincularse á xestión urbanística e ás garantías para o seu cumprimento. A resolución aceptaraa o propietario en documento administrativo no prazo máximo dun mes, transcorrido o cal a exclusión quedará sen efecto.

Quinta. O órgano competente para a aprobación do procedemento de exclusión é o director xeral do IGVS, en virtude do establecido no artigo 119 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e das competencias conferidas polo artigo 12.2.k) do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.

Tendo en conta os antecedentes e fundamentos de dereito expostos e á vista da proposta da xefa da Área Provincial do IGVS en Pontevedra do 3 de novembro de 2021,

ACORDO:

Primeiro. Aprobar a exclusión parcial do expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta para a execución dos polígonos un, dou e tres do solo residencial de San Paio de Navia (Vigo) dos predios co número de orde 27, 32, 33, 48 e 55 propiedade de:

– Número de orde 27, con referencia catastral 0039886NG2703N0001TK: Antonio Vázquez García e María Rosa Mariño Rodríguez.

– Número de orde 32, con referencia catastral 0039853NG2703N0001LK: Carmen Alonso Costas.

– Número de orde 33, con referencia catastral 0039852NG2703N0001PK: Carlos Sobreira Fernández.

– Número de orde 48, con referencia catastral 0039883NG2703N0001QK: Antonio González Rodríguez e Josefa Alonso Rodríguez.

– Número de orde 55, con referencia catastral 0039884NG2703N0001PK: José Antonio Brenlla Gerpe e María Asunción Falque García.

As condicións, termos e proporcións son as establecidas nos convenios asinados o 22 de outubro de 2021, que figuran neste expediente e que foron oportunamente remitidos ás persoas propietarias.

Segundo. Aprobar a exclusión total do expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, para a execución dos polígonos un, dous e tres do solo residencial de San Paio de Navia, no concello de Vigo, do predio co número de orde 35 propiedade de:

– Número de orde 35, con referencia catastral 0039850NG2703N0001GK: María Jesús Pastoriza Alonso.

As condicións, termos e proporcións son as establecidas no convenio asinado o 22 de outubro de 2021, que figuran neste expediente e que foron oportunamente remitidas á persoa propietaria.

Terceiro. Desestimar o resto das alegacións presentadas contra a resolución inicial conforme os informes emitidos pola xefa da Área Provincial do IGVS en Pontevedra o 21 de setembro de 2021, que figuran neste expediente e serán oportunamente trasladados ás persoas interesadas coa resolución que se adopte.

Cuarto. Deixar sen efecto a exclusión respecto dos predios co número de orde 29, 31, 34, 51 e 54, xa que os seus propietarios non aceptaron as condicións e termos desta, e continuar, en consecuencia, co correspondente expediente expropiatorio dos seguintes predios:

– Número de orde 29, con referencia catastral 0039855NG2703N0001FK: José Antonio Bea Costas, María de los Ángeles Puentes Vilar.

– Número de orde 31, con referencia catastral 0039854NG2703N0001TK: Víctor Mariño Rodríguez, Matilde Armada Costas.

– Número de orde 34, con referencia catastral 0039851NG2703N0001QK: María del Carmen Armada Costas.

– Número de orde 51, con referencia catastral 0039819NG2703N0001TK: María Eugenia Agulla Grandal e Claudio di Nicola.

– Número de orde 54, con referencia catastral 0039822NG2703N0001TK: María del Carmen Blanco Rial, Florentina Blanco Rial, Serafín Blanco Rial, José Antonio Blanco Rial, Margarita Blanco Rial, Jesús Blanco Rial, Amparo Blanco Rial, Emilio Blanco Rial, Francisco Javier Blanco Rial, Jorge Juan Blanco Rial, María Belén Blanco San Román, María Isabel Blanco San Román, María José Blanco San Román e Manuel Blanco San Román.

Quinto. Publicar o contido desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Notificar esta resolución ás persoas propietarias que participaron neste procedemento.

Contra a presente resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo