Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 17 de novembro de 2021 Páx. 56460

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2021 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Bimba y Lola.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Bimba y Lola, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. O 1 de xullo de 2021, María Domínguez Rodríguez, na súa condición de presidenta do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Bimba y Lola constituíuna a entidade Bimba y Lola, S.L., representada polas súas administradoras solidarias María Domínguez Rodríguez e Uxía Domínguez Rodríguez, mediante escritura pública outorgada en Mos (Pontevedra) o 13 de abril de 2021, ante o notario Joaquín López Doval, co número de protocolo 788.

3. A Fundación, consonte o artigo 7 dos seus estatutos, ten os seguintes dous fins fundacionais:

– A promoción e realización de actividades de interese educativo, de formación, de desenvolvemento e de integración dos colectivos máis vulnerables e desfavorecidos, especialmente de nenos e mozos da Comunidade Autónoma de Galicia.

– A realización de actividades que promovan a sustentabilidade da industria da moda, tanto desde unha perspectiva social como ambiental, en todas as súas etapas da cadea de valor.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade do fundador, a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; o seu domicilio, obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado pola María Domínguez Rodríguez, como presidenta; Uxía Domínguez Rodríguez e José Manuel Martínez Gutiérrez como vogais, e Guillermo Zulueta Sánchez como secretario sen voto.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese educativo, social, asistencial e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia da Fundación Bimba y Lola atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

8. De conformidade con esta proposta, por Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 18 de outubro de 2021, clasificouse como de interese educativo, social, asistencial e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Bimba y Lola e adscribiuse á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, en relación co Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Bimba y Lola, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Bimba y Lola, polo que, á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas do 2 de novembro de 2021,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Bimba y Lola.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Contra esta resolución pódese interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo