Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 16 de novembro de 2021 Páx. 56353

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 153/2021, do 29 de outubro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de sendas na AC-433 (antiga traza), en Soesto e Serantes, no concello de Laxe (clave AC/19/129.06).

Antecedentes.

Primeiro. Con data do 30 de xuño de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 123 o Anuncio do 22 de xuño de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de sendas na AC-433 (antiga traza) en Soesto e Serantes, de clave AC/19/129.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto de referencia.

Segundo. Tras a análise dos informes, das alegacións e dos certificados presentados, o 14 de outubro de 2021 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción de sendas na AC-433 (antiga traza) en Soesto e Serantes, de clave AC/19/129.06.

O obxecto do presente proxecto consiste en acadar unha circulación segura dos viandantes e dotar os treitos dunha maior seguridade viaria.

A senda en Soesto proxéctase pola marxe esquerda da AC-433, que conta coa maior urbanización e se emprega para ir á praia de Soesto, entre os puntos quilométricos (pp.qq.) aproximados 10+240 ao 10+821. A senda de Serantes proxéctase entre os pp.qq. 11+390 ao 12+112, pola marxe dereita da estrada, coa finalidade de garantir un itinerario continuo e facilitar a comunicación coa igrexa de Santa María de Serantes e co cemiterio.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de outubro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de sendas na AC-433 (antiga traza) en Soesto e Serantes, de clave AC/19/129.06.

Santiago de Compostela, vinte e nove de outubro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade