Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 16 de novembro de 2021 Páx. 56355

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 154/2021, do 29 de outubro, polo que se aproba a adscrición do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) á Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O artigo 11.1 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificado por Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece que a adscrición mediante convenio a unha universidade pública de centros docentes de titularidade pública ou privada para impartir estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional requirirá a aprobación da Comunidade Autónoma, por proposta do Consello de Goberno da Universidade, logo de informe favorable do seu consello social.

Neste mesmo sentido se manifesta o artigo 22 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

O número 1 do artigo 23 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, especifica que é competencia do Consello da Xunta aprobar a adscrición ou desadscrición a unha universidade pública de centros docentes, de titularidade pública ou privada, para impartir títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. A aprobación terá lugar mediante decreto, por proposta do consello de goberno da universidade e logo dos informes favorables do consello social da universidade, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e do Consello Galego de Universidades.

O Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) está integrado na Axencia Turismo de Galicia, actualmente adscrita á Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, por Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

Na actualidade este centro está vinculado á Universidade de Santiago de Compostela mediante Convenio asinado o 15 de setembro de 1995, polo que se recoñece ao CSHG como centro vinculado a esa universidade, no cal se imparte o diploma superior en Xestión Hoteleira como título propio da USC.

Os estudos que se imparten no CSHG constitúen un elemento importante no proceso de formación de profesionais no sector da hostalaría, cubrindo a deficiencia na oferta formativa da Comunidade Autónoma de Galicia, que non ten na actualidade ningún título universitario oficial neste campo.

Tanto a USC como o CSHG identifican a necesidade, para o desenvolvemento social e económico da Comunidade Autónoma de Galicia, de impulsar estudos superiores no sector da hostalaría, como sería un título de grao oficial con validez en todo o territorio nacional, motivo que impulsa a formalización dun novo convenio de adscrición do CSHG á USC, asinado con data do vinte e cinco de xaneiro de dous mil vinte e un e aprobado en Consello de Goberno e no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

O obxecto deste convenio é regulamentar a adscrición do CSHG á USC nos termos establecidos na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro; na Lei 6/2013, do 13 de xuño; no Real decreto 640/2021, do 27 de xullo, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios e acreditación institucional de centros universitarios, e nos estatutos da USC, para a impartición dunha titulación de grao no ámbito da innovación gastronómica e a xestión hoteleira coa denominación con que finalmente se aprobe a titulación.

De acordo co establecido no artigo 23 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, a adscrición do CSHG á USC foi obxecto de informe favorable por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e foi sometida a acordo do Consello Galego de Universidades, segundo consta na certificación do día 16 de xuño de 2021.

No uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de outubro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da adscrición

Apróbase a adscrición do Centro Superior de Hostalaría de Galicia á Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 2. Posta en funcionamento

Autorizar a posta en funcionamento e o inicio de actividades de ensinanzas universitarias oficiais do CSHG como centro adscrito á Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 3. Inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT)

Dar traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Habilítase a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de outubro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade