Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 15 de novembro de 2021 Páx. 56160

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2018/476-4).

Feitos:

Primeiro. O 19 de decembro de 2018, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada recuamento LMTA, LMTS DC GON805-806 (Monteferro 5 e Nigrán 6).

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste en soterrar o dobre circuíto GON805-806. Para iso desmóntanse oito vans e substitúese o apoio 2 (2B/14) por un apoio C 7000/16 en que se realizarán dous PAS. As obras sitúanse na Ramallosa, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Segundo. O 2 de xaneiro de 2019, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. Non se emitiron condicionados.

Terceiro. O 11 de abril de 2019, esta xefatura territorial resolveu conceder a autorización administrativa e autorización administrativa de construción da instalación eléctrica recuamento LMTA, LMTS DC GON805-806 (Monteferro 5 e Nigrán 6). Esta resolución foi publicada no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOPPO), do 16 de maio de 2019, e no Diario Oficial de Galicia (DOG), do 21 de maio de 2019.

Cuarto. O 11 de novembro de 2020, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a declaración de utilidade por problemas de permiso nas obras de recuamento da LMTA a LMTS dobre circuíto GON805-806.

Quinto. Mediante escrito do 24 de febreiro de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Sexto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 24 de febreiro de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG do 24 de marzo de 2021.

BOPPO do 15 de marzo de 2021.

Xornal Faro de Vigo do 5 de marzo de 2021.

Taboleiro de anuncios do Concello de Nigrán do 27 de febreiro de 2021 ata o 29 de marzo de 2021, conforme certificado expedido polo propio concello.

Sétimo. Recibíronse as alegacións presentadas por José Manuel Álvarez Varela en que alega que, de acordo coa notificación, as superficies que figuran afectadas non se corresponden coas que se describen nos planos publicados.

Oitavo. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora que contestou que realmente había un erro na servidume. As afeccións son para o apoio 1,62 m2 do solo e 16,2 m2 de servidume de terras. Con respecto á canalización subterránea serían 5 ml e 6,96 m2 de paso. A promotora achega unha actualización da relación de bens e dereitos afectados.

Noveno. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas deste proxecto recuamento LMTA, LMTS DC GON805-806 (Monteferro 5 e Nigrán 6), para o cal UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita a autorización administrativa de construción, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, son:

LMT subterránea a 20 kV con condutor RHZ1 en tres actuacións. Primeira: 346 metros coa orixe na arqueta proxectada na GON8063072 e final na arqueta existente na GON8063058. Segunda: 875 metros coa orixe na arqueta proxectada na GON8052869 e final no apoio proxectado C-7000/16. Terceira: 392 metros coa orixe no centro de transformación existente Cabreira-GON806 e final no apoio proxectado C-7000/16. Retensado do van aéreo comprendido entre o apoio 2B/14 e o proxectado C-7000/16 (101 metros). As instalacións están situadas na zona da Ramallosa, Nigrán.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, cabe destacar que a promotora achegou unha modificación da relación de bens e dereitos afectados actualizando as afeccións da seguinte maneira:

Titular da parcela: José Manuel Álvarez Varela.

Afeccións: para apoio 1,62 m2 e 23,16 m2 para servidume.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada recuamento LMTA, LMTS DC GON805-806 (Monteferro 5 e Nigrán 6), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 21 de outubro de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra