Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 8 de novembro de 2021 Páx. 54359

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se dá publicidade do Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia do 21 de outubro, polo que se aproban as bases que rexen o concurso público para o outorgamento dunha licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico e titularidade privada, e se procede á súa convocatoria.

Unha vez aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do día 21 de outubro de 2021, o acordo polo que se aproban as bases que rexen o concurso público para o outorgamento dunha licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico e titularidade privada, e se procede á súa convocatoria. Para os efectos de darlle a publicidade debida,

RESOLVO:

Artigo único. Publicar no Diario Oficial de Galicia o texto do devandito acordo que figura como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021

Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios

ANEXO

Acordo do 21 de outubro de 2021, do Consello da Xunta de Galicia, polo que se aproban as bases que rexen o concurso público para o outorgamento dunha licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico e titularidade privada, e se procede á súa convocatoria

A Comunidade Autónoma de Galicia ten as competencias de desenvolvemento lexislativo e de execución do réxime de radiodifusión e da televisión, conforme o artigo 149.1.27 da Constitución e o artigo 34.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual, establece que cando os servizos se presten mediante ondas hertzianas terrestres necesitarán licenza previa outorgada mediante concurso, sendo o Consello da Xunta de Galicia, segundo o Decreto 81/2005, do 14 de abril, polo que se regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade Autónoma de Galicia, o órgano competente para resolver sobre o outorgamento do título xurídico necesario para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva, correspondéndolle igualmente convocar o concurso para o outorgamento das licenzas, así como aprobar o prego das bases.

O Real decreto 391/2019, do 21 de xuño, polo que se aproba o Plan técnico nacional da televisión dixital terrestre, regula determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital e reserva a cada unha das comunidades autónomas no seu correspondente ámbito territorial o múltiple dixital de cobertura autonómica MAUT especificado no dito Plan técnico nacional.

O Consello da Xunta de Galicia, o 22 de xullo de 2005, acordou outorgar unha adxudicación provisional da concesión do servizo público de televisión dixital de cobertura autonómica no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia a La Voz de Galicia, S.A. (DOG núm. 171, do 6 de setembro de 2005), que constituíu, para a súa xestión, a sociedade Medios Digitales de Galicia, S.A., recoñecida como titular da adxudicación provisional por Resolución do 15 de setembro de 2010.

Após da entrada en vigor da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual, mediante a disposición transitoria do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, transformouse a dita adxudicación provisional en licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva (DOG núm. 108, do 7 de xuño de 2012).

Medios Digitales de Galicia, S.A.U. solicitou a renuncia da licenza e o Consello da Xunta de Galicia aceptou a dita renuncia e declarou a extinción da licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico mediante Acordo do 19 de decembro de 2019 (DOG núm. 243, do 23 de decembro).

Polo tanto, tendo en conta que na actualidade está vacante a licenza e dispoñible a frecuencia para ser explotada mediante xestión indirecta, a través de persoas físicas ou xurídicas na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, procede convocar un novo concurso para outorgar esta licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico e titularidade privada.

En canto ao réxime xurídico da convocatoria do presente concurso, cómpre ter en conta a Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual; o Decreto 81/2005, do 14 de abril; a Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa lexislación de desenvolvemento, así como o Real decreto 391/2019, do 21 de xuño.

O artigo 28 da dita Lei 7/2010 establece que os concursos para a adxudicación das licenzas en réxime de concorrencia deberán ser resoltos no prazo máximo de seis meses, e nas bases da convocatoria deberase incluír a experiencia dos concorrentes, a súa solvencia e os medios con que contan para a explotación da licenza como criterios para ter en conta na adxudicación.

Segundo as bases que rexerán o concurso público para o outorgamento da licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico e titularidade privada, os criterios de valoración precisos que capacitan para prestar un servizo de comunicación audiovisual televisivo xirarán sobre unha proposta de programación que incide sobre os contidos das emisións, unha proposta económica que garanta a viabilidade económica e financeira do futuro servizo e unha proposta tecnolóxica que posibilite tecnicamente a súa posta en marcha e funcionamento, así como sobre a experiencia dos interesados, criterio este para ponderar de acordo co previsto no antedito artigo 28 da Lei 7/2010, do 31 de marzo.

A participación no concurso comportará a obriga de prestar unha garantía que, para o caso da persoa adxudicataria da licenza, lle será retida para responder do cumprimento dos requisitos previos á posta en funcionamento das emisións.

O outorgamento da licenza comporta o uso privativo do dominio público radioeléctrico de conformidade coa planificación establecida polo Estado.

Por outro lado, o outorgamento da licenza comporta a obriga de aboar unha taxa, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, por proposta da Secretaría Xeral de Medios e en virtude das atribucións outorgadas no Decreto 109/2021, do 15 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

ACORDO:

Primeiro. Aprobar as bases que rexerán o concurso público para o outorgamento dunha licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico e titularidade privada e que figuran como anexo I ao presente acordo.

Segundo. Convocar o concurso para a prestación de servizos de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico e titularidade privada.

Terceiro. Delegar na Secretaria Xeral de Medios, en virtude do disposto no artigo 9 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, a resolución dos recursos de reposición que se interpoñan contra o presente acordo.

Cuarto. Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente ante xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO DO ACORDO

Bases que rexen o concurso público para o outorgamento dunha licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico e titularidade privada na Comunidade Autónoma de Galicia

Primeira. Obxecto

As presentes bases teñen por obxecto establecer o réxime xurídico do concurso para o outorgamento dunha licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico e titularidade privada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos termos previstos na Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual a persoa adxudicataria da licenza poderá emitir comunicacións comerciais.

Quedan fóra do ámbito deste concurso os servizos de comunicación audiovisual televisiva comunitarios sen ánimo de lucro de acordo co previsto no artigo 32 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual.

Segunda. Licenza dispoñible

A licenza que se outorga neste concurso é para a comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico na Comunidade Autónoma de Galicia, programa 1 do múltiplex de cobertura autonómica (MAUT), segundo o planificado no artigo 13 do Real decreto 391/2019, do 21 de xuño, polo que se aproba o Plan técnico nacional da televisión dixital terrestre e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital.

Terceira. Réxime xurídico

O réxime xurídico desta licenza vén determinado polo ordenamento xurídico xeral e, especificamente, pola lexislación vixente en materia audiovisual de carácter estatal e autonómico, así como polas previsións contidas nas presentes bases e, en concreto, polas seguintes disposicións:

• Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual.

• Decreto 81/2005, do 14 de abril, polo que se regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade Autónoma de Galicia, en todo o que non se opoña á Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual.

• Capítulos III e IV do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administración públicas e a súa lexislación de desenvolvemento.

• Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa lexislación de desenvolvemento.

• Real decreto 391/2019, do 21 de xuño, polo que se aproba o Plan técnico nacional da televisión dixital terrestre e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital.

Cuarta. Principio de neutralidade tecnolóxica

Será de aplicación o principio de neutralidade tecnolóxica establecido no artigo 66 da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, consistente na posibilidade do emprego de calquera tecnoloxía para prestar servizos de comunicacións electrónicas, de conformidade co dereito de Unión Europea, polo que o outorgamento de licenzas para a prestación de servizos de comunicación audiovisual de titularidade privada, non limita os dereitos de persoas con licenza para poder explotar este con outra tecnoloxía sempre con sometemento ao disposto na normativa estatal vixente en cada momento.

Quinta. Órgano competente

1. O órgano competente para adxudicar a licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de titularidade privada é o Consello da Xunta de Galicia.

2. A Secretaría Xeral de Medios é o órgano competente para a tramitación deste procedemento administrativo.

Sexta. Duración e extinción

A licenza outorgarse por un prazo de quince anos, renovables nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 7/2010, do 31 de marzo. O cómputo do prazo efectuarase desde a publicación do acordo do Consello polo que se outorgue a licenza.

A licenza extinguirase polas causas previstas no artigo 30 da Lei 7/2010, do 31 de marzo.

Sétima. Réxime sancionador

O réxime sancionador para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva aplicarase de conformidade co previsto na Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual.

A prestación de servizos adicionais que teñan a condición de servizos de comunicacións electrónicas, estará sometida ao réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico.

Oitava. Condicións de prestación do servizo

A. Condicións de cobertura.

Segundo o Real decreto 391/2019, o múltiple autonómico de televisión dixital terrestre en Galicia será compartido polo prestadores do servizo público, acadando unha cobertura do 98 % da poboación correspondente á Comunidade Autónoma, e o resto das persoas con licenzas do múltiple.

Para as persoas con licenza do resto das modalidades de xestión, esta obriga de cobertura será polo menos do 90 % da poboación autonómica.

B. Obrigas da persoa titular da licenza.

a) Inspirar a prestación do servizo nos principios recollidos no artigo 2.2 do Decreto 81/2005, do 14 de abril.

b) Prestar directamente o servizo obxecto da licenza, sen prexuízo da posibilidade de realizar negocios xurídicos sobre ela con suxeición ao disposto no artigo 29 da Lei 7/2010, do 31 de marzo.

c) Prestar o servizo coas características técnicas da licenza segundo os parámetros técnicos autorizados.

d) Presentar no tempo e na forma os proxectos técnicos e solicitar as autorizacións de posta en servizo das obras contidos neles.

e) Dispoñer de estudios de produción propia no ámbito de cobertura da licenza cunha estrutura informativa de ámbito galego formada por profesionais da información.

f) Garantir a prestación continuada do servizo de televisión con suxeición ás condicións e compromisos asumidos pola persoa licitadora na súa solicitude que serviron de base ao outorgamento da licenza.

A prestación do servizo non poderá interromperse, agás en caso de forza maior, sen previa autorización da autoridade audiovisual competente.

g) Emitir 32 horas semanais de programas orixinais, como mínimo, fomentando a difusión de servizos televisivos de ámbito autonómico.

h) Empregar o idioma galego de xeito usual nas emisións de conformidade coa Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en todo caso o 50 % dos programas de produción propia deberán emitirse en galego.

i) Reservar a obras europeas a porcentaxe correspondente ao tempo de emisión anual da súa programación, de acordo co previsto no artigo 5.2 da Lei 7/2010, do 31 de marzo.

j) Contribuír ao financiamento anticipado de obra europea nos termos do artigo 5.3 da Lei 7/2010, do 31 de marzo.

k) Prestar os servizos da sociedade da información adicionais aos servizos de difusión, se así se obrigase na súa oferta, facilitando a posta en marcha de aplicacións que permitan a prestación de servizos interactivos e coas limitacións derivadas da normativa que lles sexa de aplicación.

l) Facilitar as comprobacións e inspeccións que teña que levar a cabo a Xunta de Galicia co fin de verificar o cumprimento das condicións da licenza.

m) Cumprir o disposto na Lei 7/2010, do 31 de marzo, en materia de comunicacións comerciais.

n) Dispoñer dun sitio web no que fagan constar os aspectos previstos no artigo 6.1 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, en relación co dereito a unha comunicación audiovisual transparente.

o) Subministrar a información necesaria para a elaboración e implantación da Guía electrónica de programación de conformidade co previsto no artigo 6.2 da Lei 7/2010, do 31 de marzo.

p) Arquivar durante un prazo de seis meses contado desde a data da súa primeira emisión, todos os programas emitidos, incluídas as comunicacións comerciais e rexistrar todos os datos relativos a tales programas, para efectos do previsto no artigo 61 da Lei 7/2010, do 31 de marzo.

q) Presentar anualmente ante a autoridade audiovisual competente unha memoria na que figure a situación económico-financeira da empresa e o resultado do último exercicio, no prazo máximo de catro meses desde a fin deste.

r) Presentar antes do 15 de decembro de cada ano o plan de programación do ano seguinte, con especificacións dos horarios de emisión e de programación propia e o proxecto de orzamentos para o exercicio próximo.

Así mesmo, están obrigadas ao cumprimento dos compromisos asumidos pola persoa interesada na súa proposta, así como ao aboamento en tempo e forma das taxas que legalmente se establezan.

De entre as anteriores terán a consideración de condicións esenciais as obrigas contidas nas alíneas a) á f).

O incumprimento das obrigas esenciais e, en particular dos compromisos asumidos pola persoa interesada na súa solicitude e que serviron de base para o outorgamento da licenza, poderá dar lugar á revogación desta, por considerarse as mesmas parte dos fins e modalidades do seu outorgamento.

A persoa titular da licenza virá obrigada a cumprir posibles modificacións nas porcentaxes ou obrigas establecidas nos puntos anteriores en virtude das posibles adaptacións destas efectuadas pola normativa en materia de comunicación audiovisual e telecomunicacións.

Novena. Requisitos para ser titular dunha licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva

A. Capacidade xeral segundo o artigo 25 da Lei 7/2010.

a) No caso de persoas físicas, ter a nacionalidade dun Estado membro do Espazo Económico Europeo ou a de calquera Estado que, de acordo coa súa normativa interna, recoñeza este dereito aos cidadáns españois.

b) No caso de persoas xurídicas, ter establecido o seu domicilio social nun Estado membro do Espazo Económico Europeo ou en calquera Estado que, de acordo coa súa normativa interna, recoñeza este dereito ás empresas españolas.

c) O titular debe ter un representante domiciliado en España para efectos de notificacións.

d) No caso de persoas xurídicas, a participación no seu capital social de persoas físicas ou xurídicas nacionais de países que non sexan membros do Espazo Económico Europeo deberá cumprir o principio de reciprocidade.

Ademais, a participación individual dunha persoa física ou xurídica nacional de países que non sexan membros do Espazo Económico Europeo non poderá superar directa ou indirectamente o 25 % do capital social. Así mesmo, o total das participacións nunha mesma persoa xurídica de diversas persoas físicas ou xurídicas de nacionais de países que non sexan membros do Espazo Económico Europeo deberá ser inferior ao 50 % do capital social.

B. Limitacións por razón de orde pública audiovisual segundo o artigo 26 da Lei 7/2010.

En ningún caso poderán ser titulares dunha licenza as persoas físicas ou xurídicas que se encontren nalgunha das circunstancias seguintes:

a) Aquelas que, tendo sido titulares dunha licenza ou efectuado unha comunicación previa para calquera ámbito de cobertura, fosen sancionadas coa súa revogación ou coa privación dos seus efectos nos dous últimos anos anteriores á solicitude mediante resolución administrativa firme.

b) Aquelas sociedades en cuxo capital social teñan unha participación significativa ou, de ser o caso, de control, directo ou indirecto, persoas que se encontren na situación anterior.

c) Aquelas que, tendo prestado servizos audiovisuais noutro Estado membro do Espazo Económico Europeo, visen prohibidas as súas actividades durante os dous últimos anos por atentaren contra os principios e valores do Convenio Europeo de Dereitos Humanos ou o disposto en materia de protección de menores na normativa europea e española.

d) Aquelas persoas incursas nalgunha das prohibicións para contratar previstas no artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

C. Limitacións por razón do pluralismo no mercado audiovisual televisivo segundo o artigo 36 da Lei 7/2010.

Ademais dos requisitos sinalados en epígrafes anteriores, o titular da licenza deberá respectar as limitacións por razón do pluralismo no mercado audiovisual televisivo establecidas no artigo 36 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual.

Décima. Xestor do múltiplex e acordo de compartición da canle

A xestión técnica do múltiplex dixital autonómico en Galicia correspóndelle ao prestador do servizo público de comunicación audiovisual televisiva de cobertura autonómica segundo o previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 391/2019, do 21 de xuño.

As persoas prestadoras establecerán de común acordo entre si a mellor xestión de todo o que afecta á canle múltiple no seu conxunto ou as regras para a dita finalidade de acordo co disposto na lexislación vixente (Orde ITC 2212/2007, do 12 de xullo, pola que se establecen obrigas e requisitos para os/as xestores dos múltiplex dixitais da televisión dixital terrestre de ámbito estatal, autonómico e local).

Os conflitos que xurdan pola xestión do múltiplex dixital terrestre serán dirimidos pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, segundo o disposto no Real decreto 391/2019.

O servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico leva aparellada a titularidade da concesión de dominio público radioeléctrico correspondente ás canles do múltiplex dixital autonómico na Comunidade Autónoma de Galicia que será compartida entre os prestadores da mesma canle múltiple.

Décimo primeira. Garantía

1. Para participar no concurso para o outorgamento desta licenza será requisito indispensable acreditar a constitución previa dunha garantía polo importe de 412.500 €.

2. A garantía responde do mantemento dos compromisos asumidos en cada solicitude ata o final do concurso, e, en caso de resultar adxudicatario, responderá do cumprimento dos requisitos previos á posta en funcionamento detallados nas cláusulas vixésimo cuarta e vixésimo sexta das presentes bases e así deberá constar de forma expresa na garantía presentada.

Poderán ser devoltas ás persoas solicitantes da licenza que non resulten adxudicatarias.

3. A garantía poderá ser constituída:

a) En metálico: que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos dependente da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

b) Mediante aval bancario depositado igualmente na Caixa Xeral de Depósitos.

A garantía pode constituírse empregando medios electrónicos segundo o disposto na Orde do 23 de maio de 2008, pola que se regulan os procedementos para a presentación de avais ante a Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia e para a súa devolución empregando medios electrónicos.

Duodécima. Presentación de solicitudes de participación

As proposicións serán secretas e a súa presentación supón a aceptación incondicional por parte do solicitante do contido das presentes bases.

As solicitudes presentaranse a través do Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia, en diante Silex (www.conselleriadefacenda.es/silex), asinada pola persoa interesada ou representante legalmente facultada xunto con toda a documentación que se especifica a continuación asinada electronicamente en forma PDF, de conformidade coa Lei 6/2020, do 11 de novembro, reguladora de determinados aspectos dos servizos electrónicos de confianza e que deberá permitir a copia do seu contido.

A sinatura electrónica dos ditos documentos deberá ser previa á incorporación dos mesmos ao Silex.

a) Sobre número 1. Documentación administrativa (co contido previsto na base décimo terceira).

b) Sobre número 2. Experiencia e propostas: programación, económica e tecnolóxica (co contido previsto na base décimo cuarta).

As persoas solicitantes aseguraranse, baixo a súa responsabilidade, de que toda a documentación relativa ao procedemento se envíe libre de códigos maliciosos o de calquera outro problema alleo á Administración que dificulte ou imposibilite a súa lectura.

Se a documentación que se aporte fora xerada por unha entidade ou organismo diferente do licitador, deberán incluír o código de verificación que permita por parte da Mesa de Avaliación a consulta electrónica directa do documento na sede electrónica ou portal da entidade ou organismo que xerou o dito documento.

O prazo de presentación de solicitudes é de trinta días hábiles a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproban as bases e se convoque o concurso de adxudicación da licenza. O prazo remata ás 14.00 horas do último día hábil.

Décimo terceira. Contido do sobre 1. Documentación administrativa

O sobre 1 conterá a seguinte documentación asinada electronicamente, mediante copias dixitais auténticas en formato PDF segundo as instrucións da cláusula anterior.

1. Documentos que acrediten a personalidade do/da solicitante:

a) Persoa física española:

• DNI do/da empresario/a individual no caso de opoñerse á súa consulta pola administración.

b) Persoa xurídica española:

• Escritura de constitución ou modificación inscrita, no seu caso, no Rexistro Mercantil, cando este requisito fose esixible conforme a lexislación mercantil que lle sexa aplicable. Se non o fose, escritura ou documento de constitución, estatutos ou acto fundacional no que consten as normas polas que se regule a súa actividade, inscritos, no seu caso, no correspondente rexistro oficial.

c) Persoa física con nacionalidade dun estado signatario do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo:

• Documento equivalente ao DNI ou pasaporte no caso de opoñerse á súa consulta pola administración.

• Documento que acredite a domiciliación en España.

d) Persoa xurídica con domicilio social nun Estado signatario do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo:

• Documento de constitución e acreditación de inscrición.

• Inscrición nun rexistro profesional ou comercial cando este requisito sexa exixido pola lexislación do estado respectivo.

e) Persoa física ou xurídica procedente dun Estado non membro da Unión Europea terá que presentar un informe da representación diplomática española no Estado de orixe conforme este admite a participación de persoas españolas na prestación de servizos de comunicación audiovisual.

2. Documento que acredite a representación: aquelas persoas que comparezan ou asinen solicitudes en nome doutras deberán presentar poder bastante para o efecto, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil. Deberá achegar tamén copia dixital auténtica do seu documento nacional de identidade, pasaporte ou documento equivalente, no caso de opoñerse á súa consulta pola administración.

3. Declaración responsable asinada electronicamente conforme o modelo do anexo I que conteña os seguintes termos:

a) Que a persoa solicitante cumpre cos requisitos de capacidade xeral establecidos no artigo 25 da Lei 7/2010, do 31 de marzo.

b) Que a persoa solicitante non está incursa nas limitacións que por razón de orde pública audiovisual establece o artigo 26 da Lei 7/2010, comprendendo expresamente a circunstancia de estar ao día coas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes, tamén de estar ao día do pagamento do IAE, ou autorización para a consulta destes datos pola Secretaría Xeral de Medios.

c) Que a persoa solicitante cumprirá a obriga de contratar polo menos un 2 por cento do total de persoas traballadoras con discapacidades ou ben adoptará medidas alternativas no caso de estar obrigada a facelo segundo o artigo 42.1 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidades e da súa inclusión social.

d) Que a persoa solicitante, en caso de estar obrigada, conta cun plan de igualdade conforme o disposto no artigo 45 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

e) Declaración de non estar incursa nas prohibicións que, en atención ao pluralismo no mercado audiovisual televisivo establece o artigo 36 da Lei 7/2010.

4. Certificación conforme o modelo que figura como anexo II das bases sobre a composición e estrutura do capital social así como unha declaración da súa participación ou non noutras empresas do ámbito da comunicación.

Para estes efectos deberán aportar o nome e apelidos ou, no seu caso, denominación ou razón social, incluíndo o número de identificación fiscal das persoas titulares de participacións significativas no capital social con indicación das porcentaxes correspondentes, tanto directa como indirectamente. Neste sentido entenderase por participación significativa o sinalado no artigo 33 da Lei 7/2010.

No caso de que no dito capital social participen persoas físicas ou xurídicas de países que non sexan membros do Espazo Único Europeo á certificación deberá xuntarse un informe da Misión Diplomática Permanente no estado correspondente, xustificativo de que o estado de procedencia admite á súa vez a participación de cidadáns de nacionalidade española e das persoas xurídicas que teñen por obxecto a prestación de servizos de comunicación audiovisual.

5. Documentación fiscal e/ou contable correspondente aos tres últimos exercicios, incluído o último exercicio económico para o que estea vencida a obriga de prestación, da que poida desprenderse unha cifra de negocios relacionada coa prestación de servizos audiovisuais e/ou produción propia ou a través de filiais de contidos audiovisuais. Neste último caso, sempre que sexa posible, acreditar que se dispón efectivamente dos medios económicos correspondentes á dita filial. A cifra de negocio de cada un dos tres últimos exercicios non poderá ser, en ningún caso inferior a 500.000 €.

6. Xustificación electrónica autenticada do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia de acordo co disposto na cláusula undécima das bases.

Se durante a tramitación do procedemento se producise algún cambio das circunstancias recollidas na documentación administrativa relacionada nesta epígrafe, a persoa interesada deberá comunicalo á Secretaría Xeral de Medios.

Décimo cuarta. Sobre 2. Experiencia e propostas: programación, económica e tecnolóxica

A documentación presentarase exclusivamente en formato PDF asinada electronicamente, de acordo co disposto na clausura duodécima, a sinatura electrónica dos ditos documentos deberá ser previa a incorporación dos mesmos ao Silex.

O documento que incluirá os contidos reflectidos nas seguintes epígrafes A, B, C e D terá una extensión máxima de 200 páxinas en total, foliadas, a dobre espazo cunha letra de corpo non inferior a 12 puntos nin superior a 14. O incumprimento deste requisito poderá ser causa de exclusión.

A documentación adicional, da especificada a continuación para este sobre 2, incluirase nun documento a parte en formato PDF, asinado electronicamente, co título: Documentación adicional.

A. Experiencia.

Describirase a experiencia e/ou capacidade da persoa solicitante e das persoas accionistas na prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva ou na xestión doutros servizos de comunicación audiovisual ou medios de comunicación en xeral.

B. Proposta de programación.

1. Organización e contidos da programación.

Descrición concisa dos obxectivos e principios da oferta televisiva e tipo de fórmula que se quere implantar. No caso de fórmula xeneralista, incluír referencia á porcentaxe de cada tipo de contido: informativos, deportivos, de entretemento, formación, divulgación, culturais, etc. No caso de ser unha fórmula temática, especificar o tipo.

Incluirase unha grella tipo con indicación dos programas que se emitirán, indicando se hai prevista algunha franxa horaria sen emisión así como os supostos de redifusión.

Acompañarase unha descrición de cada programa indicando:

• Nome.

• Tipo de programa.

• Duración.

• Obxectivo: audiencia á que se dirixe.

• Participación de axentes externos.

• Forma de publicidade prevista (anuncios, patrocinios).

• Titularidade da produción: propia ou externa.

Poderase facer referencia a estudos de mercado e análise de audiencias que teñan realizado e que fundamenten as súas propostas, demostrando que os contidos e programas propostos satisfarán as demandas e intereses do público galego.

2. Emprego do galego.

Sinalarase a porcentaxe de emisión en galego, respectando os límites establecidos pola lexislación vixente e os obxectivos para o cumprimento do previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, respectando os límites establecidos pola alínea h) da cláusula oitava B.

3. Fomento e defensa da cultura, os valores e intereses de Galicia.

Sinalarase o interese cultural, social ou educativo do proxecto para Galicia no marco do disposto no artigo 2.2 do Decreto 81/2005, do 14 de abril.

Poderase incluír o compromiso de creación dun arquivo onde se rexistrarán e conservarán as emisións para o seu posterior envío ao arquivo audiovisual do Consello da Cultura Galega que garantirá a súa conservación centralizada e posta en valor.

4. Porcentaxe de programación propia.

Indicar a porcentaxe de programación de produción propia.

5. Promoción do pluralismo informativo.

Achegarase unha declaración responsable indicando a participación que o solicitante ostente directa, ou indirectamente noutros prestadores de servizo de comunicación audiovisual, entendendo como tal calquera tipo de participación significativa segundo o disposto no artigo 33 da Lei 7/2010, a través doutras empresas ou grupos de empresas que ostenten licenzas para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva.

6. Programación de interese para a demarcación.

Detallarase o contido da programación adaptado aos intereses e particularidades da demarcación e ou seu ámbito de cobertura, en función dos colectivos aos que se dirixen e da participación de axentes externos.

A persoa interesada poderá facer referencia a estudos de mercado e análise de audiencia que teña realizado e que fundamenten a súa proposta, demostrando que os contidos e programas propostos satisfarán as demandas da demarcación.

7. Número de horas de emisión diarias.

Especificarase o horario de emisión proposto para o servizo.

8. Plan de accesibilidade de contidos.

Detallaranse as ferramentas empregadas (audio descrición, signado e subtitulado de contidos), así como os investimentos que ya que realizar na implementación e desenvolvemento destas ferramentas e outras melloras tecnolóxicas previstas.

C. Proposta económica.

A proposta económica contemplará o Plan de negocio necesario para valorar a viabilidade económica do proxecto no que se detallarán as seguintes epígrafes:

1. Caracterización do mercado. Plan financeiro. Ingresos, gastos e investimentos.

a) Caracterización do mercado.

Nesta epígrafe exporanse as características de audiencia potencial da zona de cobertura do programa.

Presentaranse proxeccións referidas ao final de cada ano, para todo o período de vixencia da licenza, con detalle do número de espectadores e a cota de mercado da emisora, previstos polo solicitante.

Estas proxeccións terán en conta a cobertura expresada na proposta tecnolóxica.

b) Plan financeiro.

Especificaranse as fontes de financiamento do solicitante para soportar as previsións do plan financeiro e de negocio, determinando claramente a capacidade e flexibilidade do seu financiamento, especialmente para iniciar a súa actividade.

c) Previsión de ingresos e gastos.

c1. Incluirase unha estimación de ingresos polo mercado publicitario, detallando todas as fontes de ingresos por cada tipo de programa, horario en relación cos distintos tipos de publicidade e promoción.

Tamén se deberá incluír unha estimación doutros ingresos previstos por calquera outra actividade.

Ademais fornecerase a información relativa ás tarifas previstas para a publicidade baixo as súas diferentes modalidades.

A información, referida a todo o período de vixencia da licenza, deberá incluír, por unha banda, os ingresos convenientemente desagregados (de acordo coa súa natureza e en función dos distintos conceptos involucrados), así como os fundamentos e as bases das hipóteses utilizadas no seu modelo de ingresos.

c2. Doutra banda, os gastos divididos segundo os diversos capítulos de custos para o desenvolvemento e explotación do servizo, chegando ao máximo nivel de detalle posible, con especial fincapé nos gastos de persoal, gastos correntes, amortización de infraestrutura que terán en conta os datos previstos nos apartados de programación e proposta tecnolóxica.

d) Previsión de investimentos.

Especificarase o plan de investimentos previsto no período de vixencia da licenza, analizándose en función do tipo de investimento considerado (infraestrutura, sistemas e equipos técnicos, contidos e provisión de programación).

Este plan de investimentos terá que ser coherente coa previsión de ingresos e gastos que figura no punto anterior, de forma que soamente se poderá valorar se é realista e atopa sustento na dita previsión.

2. Fomento do emprego e estrutura do cadro de persoal.

Nesta epígrafe, incluirase un cadro coa previsión do número de postos de traballo de carácter permanente que anualmente, e durante os anos de vixencia da licenza, se crearán na emisora, así como o número deles que se pretende cubrir con traballadores con discapacidade.

Non se terán en conta o emprego non contabilizado na epígrafe anterior.

Especificarase tamén a estrutura de persoal e a organización que a emisora irá tendo anualmente por áreas ou departamentos. Nese senso, especificaranse os perfís profesionais para cada posto especificando a formación académica e cualificación profesional requiridas. Ademais indicaranse explicitamente os postos de traballo que se cubrirán con novas contratacións e aqueloutros que se realizarán con persoal xa pertencente ao solicitante ou ao conxunto dos seus socios.

Tamén se sinalarán as accións encamiñadas á igualdade na participación de homes e mulleres e a conciliación da vida familiar e laboral, así como as medidas para favorecer a integración laboral das persoas con discapacidades.

Por último detallaranse as accións e os plans formativos previstos para o persoal da emisora. Neste senso, especificaranse os cursos ou as actuacións para realizar co seu nome, duración, contidos principais e calendario previsto. Ademais poderanse incluír convenios de formación con entidades especializadas dos que se poidan beneficiar os traballadores da emisora.

3. Estratexia comercial.

Nesta epígrafe detallaranse os contidos publicitarios previstos, indicando a súa estratexia polo que respecta a captación e fidelización dos anunciantes e en relación ao tipo de publicidade que se vai difundir (anuncios, patrocinios, publicidade asociada a servizos de tarificación adicional), así como os tempos que se prevén destinar a emisión de contidos publicitarios. No caso de que o solicitante non basee a súa estratexia comercial en publicidade senón noutro tipo de ingresos detallarán as fórmulas para obter as fontes de financiamento indicándoas na súa oferta.

4. Compromiso de non transmitir a licenza.

A persoa solicitante poderá presentar un compromiso de non transmitir a licenza por un prazo superior ao que establece o artigo 29 da Lei 7/2010. Neste documento concretará o número total de anos durante os cales non transmitirá a titularidade da licenza.

D) Proposta tecnolóxica.

1. Plan de infraestruturas tecnolóxicas.

a) Memoria explicativa e descritiva dos estudios de produción de contidos especificando a súa localización, superficie útil, as dimensións e o equipamento por áreas e salas para acadar os obxectivos da proposta de programación e contidos e de acordo coas previsións económicas e postos de traballo.

b) Infraestruturas para a prestación de servizo:

• Estudios de produción:

Realizarase unha descrición do equipamento técnico e do material co que se pretende dotar os estudios, facendo especial fincapé no relativo á realización e produción e indicando a localización prevista dos estudios.

A situación proposta será identificada por un enderezo postal ou, no seu defecto, por unhas coordenadas xeográficas indicando se está dispoñible ou suxeito a autorización.

Memoria na que se realizará unha descrición dos sistemas e equipos que se empregarán nos estudios. Describiranse as diferentes áreas e o equipamento por área.

Xuntaranse as características técnicas dos equipos e instalacións e o grao de dixitalización das mesmas.

Xuntaranse os planos básicos dos estudios. Así mesmo, realizarase unha descrición das posibles adaptacións necesarias para adecuar as instalacións ao seu uso como estudio de televisión.

• Unidades móbiles:

Indicaranse o número e a configuración das unidades móbiles de televisión no caso de que se doten.

• Enlace estudios-centro estación transmisora principal:

Detallaranse tecnicamente os sistemas de transporte do sinal de comunicación audiovisual televisiva desde os estudios á cabeceira de televisión, indicando a tecnoloxía empregada e o réxime de explotación, ben con medios propios ou a través de operadores de comunicacións electrónicas legalmente establecidos.

2. Plan de execución de obras e instalacións.

As persoas solicitantes achegarán un plan de execución das obras e instalacións necesarias e de despregamento do servizo con indicación expresa dos prazos previstos para o cumprimento dos trámites que sexan responsabilidade do/da prestador/a (presentación de proxectos técnicos, presentación de solicitudes/autorizacións necesarias, compromisos alcanzados con operadores de difusión, finalización de obras e instalacións e dotación doutros medios e recursos, inicio de emisións...).

O dito plan para o funcionamento do servizo de comunicación audiovisual televisiva incluirá un cronograma de forma que sexa posible ver a orde de execución das tarefas e a posibilidade de realizalas de forma simultánea.

O plan de execución de obras e instalacións incluirá:

• Rede de difusión: achegarase un mapa coa cobertura poboacional prevista, con indicación dos parámetros de simulación empregados e as localidades de máis de 500 habitantes cubertas. Indicarase a porcentaxe de poboación cuberta con respecto á totalidade da demarcación obxecto da licenza, tendo en conta o establecido na cláusula oitava, alínea A) das presentes bases.

Tamén se detallará o listado de estacións transmisoras da rede de difusión coas que se pretende acadar a obriga de cobertura da poboación autonómica, coa identificación do nome da estación, lugar onde se sitúan e as coordenadas UTM uso 29T, proxección ETRS89.

A información referente a esta epígrafe deberá ser respaldada mediante pre-acordo co xestor do múltiplex no que queden reflectidos os ditos datos.

3. Plan de calidade, continuidade e fiabilidade.

A persoa solicitante especificará as técnicas, instrumentos e ferramentas concretas que se empregarán no seu proxecto televisivo para garantir a calidade e a continuidade técnica do servizo, incluíndo a seguridade das instalacións. Tamén poderán aludir, de ser o caso, a acordos de calidade do servizo asinados coa entidade operadora de comunicacións electrónicas que llo vai prestar debendo, neste caso, incluír o seu alcance e detalle.

A persoa solicitante deberá achegar un plan de calidade do servizo que debe especificar os seguintes extremos:

a) Forma na que se propón prover un servizo de alta calidade para o servizo de comunicación audiovisual televisiva na zona de servizo, en relación coa que se presenta a oferta, mencionando os aspectos e parámetros concretos de calidade e funcionamento.

b) Procesos para garantir a fiabilidade e a continuidade do funcionamento do servizo mediante procedementos de redundancia dos equipamentos, mecanismos que garantan a continuidade e utilización de sistemas alternativos de emerxencia de subministración de enerxía, así como procedementos de reenvío de alarmas no caso de avarías concretas.

Detallaranse os parámetros de fiabilidade segundo os fabricantes dos elementos fundamentais do equipamento proposto para as condicións de temperatura e humidade de traballo.

c) Plans de mantemento das instalacións, tanto de carácter preventivo como correctivos, indicando os tempos de resposta.

4. Plan ambiental e protección da saúde.

Nesta epígrafe, o solicitante deberá proporcionar, detallada, a información seguinte:

a) Plan ambiental de tratamento e recollida de residuos, tanto na fase de execución de implantación das infraestruturas e execución das instalacións como no referente aos procesos de mantemento e reposición de equipos, así como do coidado do contorno arredor das instalacións. Tamén se detallarán os medios para a protección contra os efectos meteorolóxicos, especialmente contra o raio, así como a protección contra o lume do medio ambinte próximo.

b) Plans de protección da saúde do persoal traballador, tanto na fase de execución das instalacións como durante o funcionamento do servizo, incluíndo as tarefas de mantemento.

c) Plans de emprego de enerxías renovables no caso de que houbese.

d) Cualificación enerxética dos emprazamentos e o edificio onde están situados os estudios, segundo o establecido no Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios.

5. Plan de innovación tecnolóxica.

Nesta epígrafe a persoa solicitante deberá proporcionar o seu compromiso en canto ao plan de innovación tecnolóxica, detallando a seguinte información:

a) A relativa ás actuacións de promoción da sociedade da información e os investimentos na produción de servizos e contidos multimedia, no ámbito da demarcación para a que se presenta a oferta, incluíndo o compromiso en canto a melloras como o desenvolvemento dunha web da canle baixo tecnoloxía 2.0 que favoreza a participación cidadá e o acceso á información actualizada.

b) A relativa ás actuacións para a contribución ao desenvolvemento tecnolóxico e industrial da demarcación.

c) Grao de compromiso de emprego e utilización de sistemas avanzados, como poden ser aplicacións HbbTV, teletexto, vídeo baixo demanda, televisión á carta e, concretamente, a dixitalización completa, principio a fin, de todo o proceso de produción, almacenamento e difusión, con sinerxías entre servizos multiplataforma, televisión dixital, móbil, internet, etc. e a integración de plataformas tecnolóxicas innovadoras.

d) A implantación e a prestación de servizos de valor engadido complementarios.

e) Especificación daqueles aspectos que supoñan unha innovación tecnolóxica nos procesos produtivos e transaccionais dos programas e na rede de contribución.

Décimo quinta. Criterios de valoración

Experiencia (ata 10 puntos)

Valorarase a experiencia e/ou capacidade da persoa solicitante e dos seus accionistas na prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva ou na xestión doutros servizos de comunicación audiovisual ou medios de comunicación en xeral.

Non se terá en conta a solvencia económica ou técnica da oferta que xa é obxecto de valoración na proposta económica e tecnolóxica.

Ata 10 puntos

Proposta programación (ata 40 puntos)

Valorarase o carácter xeneralista da programación, entendendo como tal aquela que inclúa polo menos un 40 % de programas informativos, de opinión, culturais, deportivos e musicais.

Valorarase proporcionalmente o emprego do galego na produción propia de acordo co establecido na cláusula 8 B) h) das presentes bases

Terase en conta que a programación proposta supoña unha oferta diferenciada fronte a outras opcións existentes no mercado.

Avaliarase o esforzo do licitador á hora de desenvolver producións propias.

Avaliarase especialmente o esforzo da persoa licitadora á hora de incorporar á programación facilidades para o acceso de persoas con discapacidade por encima das obrigas legais.

Características da programación (ata 8 puntos)

Emprego do galego (ata 8 puntos)

Fomento e defensa da cultura, os valores e os intereses de Galicia (ata 7 puntos)

Promoción do pluralismo informativo (ata 7 puntos)

Porcentaxe de programación propia (ata 5 puntos)

Plan de accesibilidade de contidos (ata 5 puntos)

Proposta económica (ata 30 puntos)

Valorarase a coherencia dos plans descritos coa realidade do mercado audiovisual televisivo de referencia e coa propia previsión de ingresos e gastos.

Valorarase o coñecemento do mercado de referencia (audiencia e anunciantes) así como as achegas á economía galega, tendo e conta o volume de investimentos directos e indirectos que se efectúen, o desenvolvemento no sector audiovisual e o número e perfil dos postos de traballo que se xeren.

No compromiso de non transmitir a licenza valorarase proporcionalmente coa excepción dos dous primeiros anos obrigatorios segundo a lei.

Caracterización do mercado. Plan financeiro. Ingresos, gastos e investimentos (ata 10 puntos)

Fomento do emprego e estrutura do cadro de persoal (ata 10 puntos)

Estratexia comercial (ata 5 puntos)

Compromiso de non transmitir a licenza (ata 5 puntos)

Proposta tecnolóxica (ata 20 puntos)

Valoraranse con ata 20 puntos os plans descritos na proposta tecnolóxica, tendo en conta a claridade expositiva, a concreción, e a adecuación da oferta á prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico, considerando para estes efectos todos os elementos que deben incorporarse á citada proposta tecnolóxica.

Plan de infraestruturas tecnolóxicas (ata 4 puntos)

Plan de execución de obras e instalacións (ata 4 puntos)

Plan de calidade, continuidade e fiabilidade (ata 4 puntos)

Plan ambiental e protección da saúde (ata 4 puntos)

Plan de innovación tecnolóxica (ata 4 puntos)

Décimo sexta. Mesa de Avaliación

A Mesa de Avaliación estará integrada polas seguintes persoas:

Presidente: o subdirector xeral de Réxime Xurídico da Secretaría Xeral de Medios.

Vogais:

• Un representante da Asesoría Xurídica Xeral.

• O subdirector xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia da Secretaría Xeral de Medios.

• A xefa de Sección da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

• A funcionaria do grupo A2 da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

Secretario: actuará como secretario un funcionario da Secretaría Xeral de Medios que actuará con voz pero sen voto.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, as persoas integrantes da Mesa de Avaliación serán suplidas por un funcionario de igual rango ou superior.

A Mesa de Avaliación poderá solicitar á secretaria xeral de Medios a designación de persoas expertas, segundo considere. A mesa poderá solicitar de ditas persoas expertas informes sobre distintas materias para os efectos de facer a proposta correspondente e requirirlle a súa presenza con voz pero sen voto nas reunións segundo se considere oportuno, para dar conta dos informes elaborados e da información analizada.

As ditas persoas expertas informarán das materias correspondentes ás diferentes propostas presentadas polos solicitantes para os efectos de emitir informes sobre os criterios que a mesa valorará.

Décimo sétima. Apertura do sobre 1 (documentación administrativa)

1. A Mesa de Avaliación constituirase no prazo máximo dun mes desde a finalización do prazo de presentación de ofertas, salvo circunstancias de carácter extraordinario e procedera a cualificar os documentos presentados en tempo e forma. Para tal efecto o presidente ordenará a apertura do sobre 1. O dito acto non terá carácter público.

2. De observarse defectos ou omisións emendables na documentación presentada, comunicaráselles ás persoas interesadas a través de Notifica.gal (www.notifica.xunta.gal) concedéndose un prazo non superior a dez días hábiles para que as persoas interesadas os corrixan, baixo apercibimento de exclusión definitiva se no prazo concedido non procedese a emenda.

O sistema Notifica.gal remitiralles ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións segundo os datos indicados para o efecto da notificación no anexo I.

A documentación requirida para a emenda deberá entregarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia anexada ao formulario de presentación da solicitude xenérica (procedemento PR004A). Deberá especificarse no número de expediente C-TDT-A-2021. Na epígrafe de destinatario deberá seleccionar a Secretaría Xeral de Medios.

3. Posteriormente xuntarase de novo a Mesa de Avaliación para adoptar os oportunos acordos sobre a admisión definitiva das persoas solicitantes á vista das emendas recibidas.

4. Calquera modificación das circunstancias anteriores comunicarase a través da páxina web da Secretaría Xeral de Medios. Así mesmo, os acordos da Mesa de Avaliación serán obxecto de publicación na súa páxina web (https://medios.xunta.gal/portada).

Décimo oitava. Acto público de apertura do sobre 2 (experiencia e propostas: programación, económica e tecnolóxica)

Unha vez concluídos os traballos aos que se refire o cláusula anterior, na páxina web da Secretaría Xeral de Medios anunciarase cunha antelación mínima de setenta e dúas horas a data, lugar e hora na que terá lugar o acto público, así como a súa modalidade que poderá ser presencial ou telepresencial, para manifestar o resultado da admisión ou exclusión das solicitudes presentadas e proceder á apertura no Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (Silex) do sobre 2 das que non resultaran excluídas.

Décimo novena. Procedemento de valoración

A valoración das solicitudes realizarase de acordo co seguinte procedemento:

1. Todas as solicitudes serán clasificadas por orde de mellor a peor respecto de cada un dos criterios segundo a puntuación outorgada.

2. Obtida a puntuación de todas as ofertas respecto a cada un dos criterios, sumarase a puntuación total de cada un deles, resultando seleccionada a que obteña maior puntuación.

3. No caso de que dúas ou máis ofertas resulten igualadas na súa puntuación, a Mesa de Avaliación, proporá en primeiro lugar o outorgamento da licenza a favor da oferta que obteña unha maior puntuación nos criterios referentes á programación.

De seguir igualadas, proporase a favor da oferta que obteña unha maior puntuación nos criterios referentes á proposta económica e proposta tecnolóxica sucesivamente, ata desfacer o empate.

No caso de persistir aínda o empate, proporase a favor da persoa solicitante que resulte seleccionada por medio de sorteo realizado en acto público.

Vixésimo. Achega de documentación

Previamente á proposta de adxudicación requirirase dos participantes para que no prazo de 15 días hábiles acheguen unha declaración responsable conforme a que os datos incluídos na solicitude non experimentaron variación ou, no seu caso, actualización deles.

Vixésimo primeira. Proposta de adxudicación

Analizadas as ofertas e unha vez verificado que se cumpran os requisitos previos, a Mesa de Avaliación formulará a proposta de adxudicación e dará o seu traslado á secretaria xeral de Medios que a elevará ao Consello da Xunta de Galicia para o outorgamento da licenza.

A proposta da Mesa de Avaliación non creará ningún dereito a favor da persoa adxudicataria proposta.

Vixésimo segunda. Outorgamento da licenza

O Consello da Xunta acordará o outorgamento da licenza segundo os criterios de valoración sinalados nas presentes bases, podendo solicitar cantos informes técnicos considere pertinentes.

O dito acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia e notificado á persoa interesada para poder proceder cos trámites preceptivos previos ao inicio das emisións e conterá as condicións que teñen carácter de esenciais de acordo co artigo 27.3 da Lei 7/2010.

O concurso deberá ser resolto no prazo máximo de seis meses contado desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 21.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Transcorridos os ditos seis meses as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Poderá declararse deserto o concurso, cando se considere que ningunha oferta satisfai as necesidades do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico, de acordo cos criterios de valoración establecidos nestas bases, por non ter alcanzado ningunha a puntuación mínima exixible que se establece en 65 puntos.

Vixésimo terceira. Taxas

No prazo dun mes desde o outorgamento da licenza, a persoa titular dela deberá remitirlle a Secretaría Xeral de Medios o exemplar para a administración que xustifique ter realizado o correspondente pagamento da taxa 31.24.01 correspondente ao outorgamento, prórroga, renovación ou transmisión de licenzas para a prestación de servizos de comunicación audiovisual de acordo coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

O non pagamento da dita taxa é unha das causas de extinción da licenza segundo o previsto no artigo 30 da Lei 7/2010, do 31 de marzo.

Vixésimo cuarta. Presentación dos proxectos técnicos

De acordo co disposto no artigo 9.1 do Decreto 81/2005, do 14 de abril, no prazo de seis meses desde a notificación do acordo de outorgamento da licenza, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico de estudios.

b) Proxecto técnico de enlace entre os estudios e a rede de difusión.

c) Acordo de compartición do xestor do múltiple.

O proxecto técnico de estudios deberá seguir as instrucións para a súa redacción detalladas na cláusula vixésimo quinta das presentes bases e deberá presentarse ante a autoridade audiovisual competente para o seu informe e aprobación.

O acordo de compartición asinado co xestor do múltiple deberá especificar as condicións da compartición no prazo de vixencia da licenza, incluíndo os centros que garantan a cobertura do 90 % da poboación autonómica.

O proxecto técnico de enlace entre os estudios deberá cumprir coas características técnicas establecidas pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

O/a titular da licenza quedará exento da presentación do proxecto técnico da rede de enlace no caso de que acredite a conectividade entre os estudios e a rede de difusión a través dun acordo/contrato cunha entidade prestadora habilitada de servizos de comunicacións electrónicas que xa dispoña dunha rede que garanta a comunicación entre os ditos puntos ou que xustifique tecnicamente que non se require da súa tramitación ante a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

No suposto de denegación ou proposta de modificación dalgún proxecto, requirirase do titular da licenza para que presente ante a autoridade audiovisual competente un novo proxecto técnico no prazo de dous meses seguintes á notificación, de non facelo no prazo sinalado, requiriráselle novamente por un prazo de dez días para que se presente a dita modificación. O incumprimento desta obriga poderá dar lugar á revogación da licenza, de conformidade co disposto na base oitava do prego de bases.

Vixésimo quinta. Instrucións para a redacción do proxecto técnico de estudios

Os estudios de produción son o lugar onde se consolidan os contidos que constitúen a oferta televisiva e onde se perfecciona a licenza de comunicación audiovisual televisiva.

O proxecto técnico de estudios axustarase a estrutura e contidos que se establezan a continuación.

Deberá presentarse en formato electrónico e asinado por un enxeñeiro de Telecomunicacións, enxeñeiro técnico de Telecomunicacións ou enxeñeiro competente, cunha sinatura electrónica segundo o establecido no Lei 6/2020, do 11 de novembro, reguladora de determinados aspectos dos servizos electrónicos de confianza. No caso de que o proxecto non estivese visado electronicamente polo colexio profesional correspondente, deberá incluír unha declaración de competencia profesional do enxeñeiro autor.

As obras de arquitectura ou de obra civil, deberán ser contempladas en proxecto independente, que deberá presentar ante a administración local correspondente, para a tramitación da correspondente licenza de obras.

Non formarán parte nin serán tidos en conta no proxecto de estudios de produción os elementos de enlace entre os estudios de produción e a rede de difusión, que deberá ser presentada en proxecto independente á parte, coa excepción dos equipamentos de interface e interconexión para axustar o sinal que formará parte da rede de enlace coa rede de difusión.

O proxecto técnico de estudios deberá conter toda a información técnica e económica para a correcta comprensión e execución das instalacións de produción, coas capacidades e os requirimentos mínimos que permita cumprir coas obrigas da licenza e os compromisos da oferta, garantindo para os ditos contidos emitidos a súa seguridade, fiabilidade e continuidade.

O proxecto de estudios deberá estar estruturado como segue:

1. Folla resumo: conterá toda a información de identificación do proxecto:

a) Título do proxecto.

b) Promotor titular da licenza.

c) Situación dos estudios.

d) Enxeñeiro autor do proxecto.

e) Data e versión do proxecto no caso da existencia de máis dunha.

2. Memoria:

a) Descrición detallada da instalación e solución técnica proposta incluíndo os datos xerais do/a titular da licenza, localización dos estudios con indicación inequívoca da dirección e referencia catastral, así como as dimensións do espazo, a súa cualificación para uso como estudios.

b) Descrición da distribución dos espazos e áreas para cada unha das funcionalidades en relación cos estudios de produción (xestión, redacción, edición, control de realización, continuidade, ENG exteriores, estudio, elementos común).

c) Características xerais de toda a instalación dos estudios, distribución dos equipamentos, funcionalidades, cableado, conmutación/enrutamento, titulación/grafismo, audio, vídeo, iluminación e datos, etc.

d) Características de deseño, tecnoloxías, xestión, redacción, produción, emisión, continuidade, almacenamento dixital, rexistro e copia legal.

e) Equipos, descrición de marcas, modelos e funcionalidades.

f) Dimensionamento das redes de comunicación e conectividade entre as diferentes unidades, iluminación e consumos eléctricos, capacidades, almacenamento dixital e espazos electrónicos.

g) Sistemas de protección e seguridade.

h) Copia Legal: sistemas para garantir o arquivo das emisións, de conformidade co artigo 61.1 parágrafo segundo da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual.

3. Planos:

a) Incluiranse os planos detallados de localización exacta dos estudios e unha ortofoto coa súa sinalización.

b) Incluiranse os planos detallados debidamente acoutados, da distribución en planta coa repartición das superficies dedicadas a cada función.

c) Incluiranse aqueloutros planos que axuden á correcta comprensión das instalacións, a distribución dos equipamentos, canalizacións e tomas de conexión.

d) Incluiranse nesta epígrafe todos os esquemas e planos de conexións de equipamentos e gráficos descritivos da funcionalidade.

4. Prego de prescricións técnicas:

a) Incluirá toda a documentación técnica de equipos, materiais e demais elementos da instalación, descrición da marca, modelo, configuracións, características eléctricas e mecánicas coas follas de especificacións de cada equipamento e material.

b) Incorporará os certificados de declaración de conformidade e marcado CE de todos os equipamentos.

c) Incluirá a relación da normativa técnica aplicable.

5. Orzamento e medias: o orzamento de execución dos estudios, desagregando os diferentes sistemas e unidades, tanto dos materiais dos estudios, como o custo de man de obra, honorarios e impostos.

Vixésimo sexta. Execución das obras e instalación, inspección e autorización de posta en funcionamento e inicio das emisións

Aprobados o proxecto técnico de estudios e autorizado, de ser o caso, pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, a rede de enlace, o titular da licenza disporá dun prazo de doce meses para a execución das obras e instalacións e comunicación delas á autoridade audiovisual competente que procederá ao recoñecemento técnico para emitir informe sobre a súa adecuación ao proxecto técnico aprobado.

A partir da notificación da autorización de posta en funcionamento dos estudios de produción, comezará a transcorrer o prazo de doce meses para o comezo das emisións coas consecuencias previstas no artigo 30.2 da Lei 7/2010 de non facelo.

Transcorridos doce meses desde a aprobación do proxecto técnico de estudios, sen que se teñan executado e comunicado a fin das obras, requirirase ao titular para que no prazo de dez días realice o dito trámite. O incumprimento desta obriga poderá dar lugar á revogación da licenza, de conformidade co disposto na base oitava do prego de bases.

No caso de que o titular solicite a modificación do proxecto técnico de estudios aprobado, isto non modificará o prazo de doce meses de execución da obras que se se contará a partir da aprobación do proxecto técnico inicial.

Vixésimo sétima. Inscrición no rexistro

Procederase de oficio á inscrición da licenza no Rexistro Galego de Prestadores do servizo de comunicación audiovisual segundo o previsto no capítulo IV do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Vixésimo oitava. Formalización en documento administrativo

Logo da comunicación do inicio das emisións, quedará constancia dos datos da licenza nun documento administrativo que deberá incluír, como mínimo:

a) Os parámetros técnicos de prestación do servizo.

b) As características xerais do servizo e dos contidos.

c) O tempo mínimo de emisión diaria e semanal.

d) As porcentaxes para o cumprimento das obrigas con relación á normalización e á protección da lingua e a cultura galegas e as franxas horarias en que deberán aplicarse.

e) As porcentaxes de produción propia.

f) As demais obrigas que teñan asumido inicialmente de modo voluntario, en virtude de códigos deontolóxicos e normas de autorregulación.

g) As obrigas, de entre as recollidas na cláusula oitava consideradas como condicións esenciais para a prestación do servizo, segundo o previsto na propia convocatoria.

missing image file
missing image file
missing image file