Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 8 de novembro de 2021 Páx. 54396

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 150/2021, do 21 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Pazos de Borbén do treito antigo da estrada EP-2908 Arcade-Amoedo, puntos quilométricos 11+660 a 11+740 marxe dereita.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Pazos de Borbén solicitou o día 4.2.2021 á Deputación Provincial de Pontevedra a transferencia ao seu favor do treito antigo da estrada provincial EP-2908 Arcade-Amoedo. Trátase dun treito de 98 metros de lonxitude no lugar de Mogos, no municipio de Pazos de Borbén, que xa non forma parte do itinerario principal da estrada provincial EP-2908 Arcade-Amoedo de 12.123 metros de lonxitude total e que discorre polos concellos de Pazos de Borbén e Soutomaior.

O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra na sesión levada a cabo o 30.4.2021 aceptou o cambio de titularidade proposto.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, indica que a estrada EP-2908 cumpre co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do tramo que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de outubro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Pazos de Borbén de:

Clave

Denominación

Pqi

Pqf

Marxe

Treito antigo da EP-2908

Arcade-Amoedo

11+660

11+740

Dereita

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Pazos de Borbén deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Pazos de Borbén, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de outubro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade