Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 28 de outubro de 2021 Páx. 52843

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 144/2021, do 14 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Proxecto de acondicionamento de sendeiro no rego Pedrín e recuperación do seu contorno no concello de Ribeira, no termo municipal de Ribeira (A Coruña).

O Concello de Ribeira, en sesión celebrada o día 29 de marzo de 2021, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Proxecto de acondicionamento de sendeiro no rego Pedrín e recuperación do seu contorno no concello de Ribeira, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data do 16 de agosto de 2021 tivo entrada no rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do concello de Ribeira e o expediente. Con data do 20 de agosto de 2021 o concello achegou documentación complementaria a súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que a actuación consistente no acondicionamento dun sendeiro e a recuperación ambiental da contorna pretende restablecer a riqueza natural e cultural do rego Pedrín. O curso fluvial deste rego está dominado por especies invasoras que condicionan o desenvolvemento do bosque de ribeira e limitan a súa función ambiental. A eliminación destas especies invasoras permitirá a rexeneración do bosque de ribeira coa plantación de especies propias deste ecosistema. Así mesmo, aproveitarase a recuperación de elementos existentes para crear un hábitat propicio para a supervivencia de anfibios presentes na zona en perigo de desaparición.

A urxencia vén dada pola necesidade de acometer as obras de eliminación de especies invasoras e acondicionamento xeral da ribeira do rego Pedrín antes de que a temporada de máximas precipitacións inunde os terreos adxacentes ao curso fluvial o cal impediría o inicio dos traballos. O inicio dos traballos nesta época de máxima pluviosidade produciría arrastre de sedimentos cunha incidencia negativa nas condicións físico-químicas da auga e sobre a flora e fauna do rego. As obras tampouco se poden iniciar na primavera, xa que interferirían no hábitat na época de crecemento vexetativo e cría das especies animais que se pretenden recuperar neste espazo.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catorce de outubro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Proxecto de acondicionamento de sendeiro no rego Pedrín e recuperación do seu contorno no concello de Ribeira no termo municipal de Ribeira (A Coruña), debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo