Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 27 de outubro de 2021 Páx. 52542

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 18 de outubro de 2021 pola que se clasifica de interese educativo, social, asistencial e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Bimba y Lola.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Bimba y Lola, con domicilio no Parque Tecnolóxico e Loxístico D13, en Vigo (Pontevedra),

Feitos:

1. O 1 de xullo de 2021, María Domínguez Rodríguez, na súa condición de presidenta do padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Bimba y Lola constituíuna a entidade Bimba y Lola, S.L., representada polas súas administradoras solidarias María Domínguez Rodríguez e Uxía Domínguez Rodríguez, mediante escritura pública outorgada en Mos (Pontevedra) o 13 de abril de 2021, ante o notario Joaquín López Doval, co número de protocolo 788.

3. Segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, a fundación ten os seguintes dous fins fundacionais:

– A promoción e realización de actividades de interese educativo, de formación, de desenvolvemento e de integración dos colectivos máis vulnerables e desfavorecidos, especialmente de nenos e mozos da Comunidade Autónoma de Galicia.

– A realización de actividades que promovan a sustentabilidade da industria da moda, tanto desde unha perspectiva social como ambiental, en todas as súas etapas da cadea de valor.

4. O padroado inicial da fundación está formado por María Domínguez Rodríguez, como presidenta; Uxía Domínguez Rodríguez, como vogal, e Guillermo Zulueta Sánchez, como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo a proposta de clasificación como de interese educativo, social, asistencial e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia da Fundación Bimba y Lola, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo, social, asistencial e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia e a súa adscrición á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de outubro de 2021,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo, social, asistencial e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Bimba y Lola e adscribila ao protectorado da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pódese interpor previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo