Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 27 de outubro de 2021 Páx. 52491

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 15 de outubro de 2021 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal e como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, segundo a estrutura establecida no Decreto 214/2020, do 3 de decembro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra

TÍTULO I

Do Colexio de Graduados Sociais

Artigo 1

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra é unha corporación de dereito público, recoñecido pola Constitución e amparado polo ordenamento xurídico, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, con funcionamento e estrutura interna democrática.

2. Rexerase pola Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e por estes estatutos, sen prexuízo da lexislación básica do Estado. A representación do Colexio no ámbito nacional quedará integrada no Consello Xeral como órgano superior que representa e coordina todos os colexios de graduados sociais de España.

Artigo 2

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra estará integrado polas persoas que teñan os títulos de graduado social, graduado social diplomado, diplomado en Relacións Laborais ou os que, calquera que sexa a súa denominación, os substitúan ou se creen no futuro con alcance e nivel equivalentes, sempre que a lei atribúa a aqueles que estean en posesión destes o dereito de acceso á profesión de graduado social e reúnan os requisitos exixidos por estes estatutos e polas normas que lles sexan aplicables.

2. No exercicio profesional utilizarase exclusivamente a denominación de graduado social.

3. O acceso e exercicio á profesión de graduado social rexerase polo principio de igualdade de trato e non discriminación, en particular por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, nos termos da sección III do capítulo III do título II da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social.

Artigo 3

1. Constitúese o Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, con ámbito territorial na provincia de Pontevedra.

2. O domicilio do Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra fíxase na cidade de Vigo; rúa Alfonso X O Sabio, número 3, piso 1º.

Artigo 4

O Colexio de Graduados Sociais rexerase polas disposicións legais autonómicas ou estatais que o afecten, por estes estatutos, o do correspondente ao Consello de Colexios da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus estatutos particulares, e polos regulamentos e acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 5

1. Corresponde ao Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra o exercicio das seguintes funcións dentro do seu ámbito territorial:

a) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

b) Exercer a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, xulgados e tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais, e exercer o dereito de petición, conforme a lei.

c) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis e os estatutos profesionais, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

d) Promover a organización dun sistema de asistencia que permita contar cos servizos dun graduado social por parte dos que carezan de recursos económicos para sufragalos.

e) Emitir informe sobre os anteproxectos de disposicións de carácter xeral que se refiran ás condicións de exercicio da profesión, entre as cales figuran o ámbito, os títulos oficiais requiridos e o réxime de incompatibilidades con outras profesións.

f) Participar, cando así estea establecido por normas legais ou regulamentarias, nos consellos e órganos consultivos das distintas administracións públicas en materia de competencia da profesión do graduado social.

g) Estar representados nos padroados e consellos sociais universitarios radicados no ámbito territorial do Colexio sempre que así estea previsto na correspondente lexislación autonómica en materia de universidades.

h) Participar na elaboración dos plans de estudo e informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión de graduado social; manter contacto permanente con estes e preparar a información necesaria para facilitar o acceso ao exercicio profesional dos novos colexiados.

i) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencia e de previsión, e outros análogos; prover o sostemento económico cos medios necesarios e organizar, de ser o caso, cursos para a formación profesional dos posgraduados.

j) Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados impedindo a competencia desleal entre estes.

k) Exercer as accións que as leis establecen para a represión do intrusismo profesional.

l) Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

m) Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da profesión.

n) Servir de vía de participación orgánica nas tarefas de interese xeral de acordo coas leis.

ñ) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lle poidan ser encomendadas ou que acorde realizar por propia iniciativa.

o) Exercer a representación que establecen as leis para o cumprimento dos seus fins.

p) Facilitar aos xulgados e tribunais a relación dos colexiados que puideren ser requiridos ou designados para interviren como peritos en asuntos xudiciais.

q) Visar os traballos profesionais dos colexiados de conformidade co que dispoña, de ser o caso, a lexislación correspondente.

r) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

s) A protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos colexiados.

t) Atender, dentro do ámbito territorial, as solicitudes de información sobre os colexiados e sobre as sancións firmes impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na lei.

u) As demais que veñan establecidas pola lexislación estatal ou pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O disposto no punto anterior enténdese sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial.

3. Os acordos, decisións e recomendacións dos colexios de graduados sociais con transcendencia económica observarán os límites e adecuaranse, en todo caso, á Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

Artigo 6

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais terá o tratamento de ilustre, salvo que, por outras circunstancias, lle corresponda un distinto.

2. O presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais terá o tratamento de ilustrísimo/a señor/a, salvo que, por outras circunstancias, lle corresponda un distinto.

3. O presidente do Colexio de Graduados Sociais e os membros da Xunta de Goberno do Colexio de Graduados Sociais usarán toga, así como a medalla correspondente aos seus cargos, en audiencia pública e actos solemnes aos cales asistan no seu exercicio.

4. Nos restantes actos oficiais observaranse as normas de protocolo.

Artigo 7

A insignia profesional dos graduados sociais colexiados estará constituída pola balanza da xustiza, entre cuxos pratos hai dúas espigas de trigo que enmarcan unha roda dentada, símbolo do traballo, no pé do cal se lerá Iustitia Socialis, e terá como fondo uns raios dourados e fulgurantes. O deseño artístico será fixado polo Consello Xeral de entre os realizados por expertos.

Artigo 8

1. Nos actos oficiais solemnes, os membros da Xunta de Goberno de cada colexio levarán unha medalla que reproduce a insignia profesional, en cuxa base se lerá o título do Colexio, suxeita con cordón de seda verde esmeralda. A dita medalla será de ouro ou dourada para o presidente e de prata ou prateada para os restantes compoñentes da Xunta.

2. As citadas medallas, expresadas en miniatura de dous centímetros, poderanas levar sobre calquera traxe aqueles que desempeñen ou desempeñasen cargos na Xunta de Goberno do Colexio, así como os colexiados de honra.

TÍTULO II

Dos colexiados

CAPÍTULO I

Da incorporación

Artigo 9

No Colexio de Graduados Sociais existirán catro clases de colexiados:

a) Exercente libre da profesión por conta propia, ben de forma individual, ben de forma asociada ou colectiva.

b) Exercente da profesión por conta allea ao servizo dunha soa empresa mediante relación laboral con esta, e sempre que tal contratación sexa precisamente na súa calidade de graduado social e non inclúa o asesoramento a terceiros. Asimilaranse aos exercentes de empresa aqueles graduados sociais que presten os seus servizos en calidade de funcionarios de organismos oficiais do Estado, comunidade autónoma, provincia ou municipio, ou calquera outro en que ingresasen por razón do título de graduado social ou de diplomado en Relacións Laborais e lles fose exixido este para obteren o cargo, e sempre que a función que vaian realizar sexa a específica de graduado social.

c) Non exercente.

d) Emérito. Incluiranse nela os colexiados xubilados e as persoas que, atendendo a circunstancias excepcionais apreciadas pola Xunta de Goberno, merezan esta consideración.

Artigo 10

A incorporación ao Colexio de Graduados Sociais require o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e non estar incurso en causa de incapacidade.

b) Estar en posesión do título de graduado social, graduado social diplomado ou diplomado en Relacións Laborais ou do título estranxeiro homologado ou recoñecido en España como un dos anteriores.

c) Non estar inhabilitado ou suspendido para o exercicio da profesión en virtude de resolución xudicial ou corporativa firme.

d) Satisfacer a cota de ingreso e as demais achegas que teña establecidas o Colexio por acordo da Xunta ou Asemblea Xeral.

Artigo 11

1. Para o exercicio legal da profesión será requisito indispensable e suficiente estar incorporado, en calidade de colexiado exercente, ao colexio que se corresponda co domicilio profesional único ou principal do graduado social, e cumprir os requisitos legais e estatutarios exixidos para tal fin.

Os profesionais titulados vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da Administración á cal pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa administración.

2. A incorporación ao Colexio de Graduados Sociais como exercente requirirá, ademais de cumprir as condicións xerais expresadas no artigo anterior, non estar incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

Artigo 12

1. Son circunstancias determinantes de incapacidade para o exercicio da profesión de graduado social, sen prexuízo das que se establezan legalmente, as seguintes:

a) A inhabilitación ou suspensión expresa para o exercicio da profesión en virtude de resolución xudicial ou corporativa firme.

b) As sancións disciplinarias firmes que comporten a suspensión de exercicio profesional ou a expulsión de calquera colexio de graduados sociais.

c) A xubilación por idade como graduado social e a invalidez no grao de incapacidade permanente total para a profesión de graduado social.

d) A incapacitación civil.

2. As incapacidades desaparecerán cando cesen as causas que as motivasen ou se extinga a responsabilidade disciplinaria.

Artigo 13

1. A colexiación solicitarase mediante instancia dirixida ao presidente do Colexio, achegando a esta a documentación pertinente. O Colexio disporá de medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar por medios electrónicos a súa colexiación, nos termos previstos pola lexislación en vigor.

O secretario do Colexio examinará a instancia, así como os documentos unidos a ela, emitirá o correspondente informe e someterá a solicitude á decisión da Xunta de Goberno, que aceptará, denegará ou suspenderá a solicitude de incorporación, dentro do prazo de dous meses contados desde a presentación da solicitude, sen prexuízo de que, cando proceda, poida requirir, con suspensión do prazo para resolver, a emenda de defectos da solicitude ou a achega de documentos necesarios, na forma e cos efectos previstos no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A resolución será notificada ao interesado por escrito, co visto e prace do presidente do Colexio. A falta de resolución expresa da solicitude no prazo de seis meses legalmente establecido determinará que a incorporación ao Colexio se entenda autorizada por silencio administrativo positivo.

2. Os solicitantes non admitidos poderán interpoñer recurso de alzada contra o acordo denegatorio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación deste, ante a Xunta de Goberno do Colexio que deberá emitir informe sobre el. O órgano competente para resolver tales impugnacións será o correspondente consello autonómico, ou, na súa falta, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais.

Transcorridos tres meses desde a interposición do recurso sen que se dite resolución entenderase, desestimado.

A resolución do recurso de alzada esgota a vía administrativa e será directamente impugnable ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. Os solicitantes non admitidos poderán retirar a súa documentación, agás a instancia, que quedará arquivada na Secretaría do Colexio con expresión das causas da denegación, ben que desta poderán obter copia selada.

Artigo 14

1. Os novos colexiados quedarán inscritos no Rexistro Xeral do Colexio por orde de admisión de instancia.

2. Ademais do citado rexistro xeral, a Secretaría do Colexio terá ao seu cargo un rexistro especial de colexiados en exercicio, en que se indique os que exercen a profesión libremente, ou ao servizo de empresa ou corporación mediante relación especial, ou en réxime de asociacións.

3. A incorporación, xustificada mediante a certificación correspondente do Colexio, acredita o graduado social como tal, sen que sexa necesario ningunha designación ou nomeamento da Administración pública.

4. O secretario do Colexio remitirá, ao principio de cada ano, a todos os xulgados e tribunais do territorio, así como aos organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión, unha relación de todos os graduados sociais exercentes incorporados.

5. O rexistro será electrónico e incorporará non só os graduados sociais senón tamén as sociedades profesionais en cuxo obxecto se encontre o exercicio da profesión.

Artigo 15

Os aspirantes admitidos satisfarán as cotas de incorporación, derramas e demais achegas aprobadas polo Colexio, cuxa contía conxunta non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición, e entregaráselles o carné de colexiado e a insignia profesional.

Artigo 16

1. Os graduados sociais, antes de iniciaren o seu exercicio profesional, deberán prestar xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, e de fiel cumprimento dos deberes da profesión de graduado social.

2. O xuramento ou promesa prestarase ante a Xunta de Goberno do Colexio de Graduados Sociais, na forma que a propia Xunta dispoña, coa posibilidade de facelo por escrito de forma provisional.

3. No expediente persoal do colexiado deberá constar a prestación do xuramento ou promesa.

Artigo 17

1. O graduado social incorporado ao Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra poderá prestar os seus servizos profesionais libremente en todos os asuntos que lle sexan encomendados dentro do territorio do Estado español, no ámbito da Unión Europea e nos demais países, conforme a normativa vixente en cada caso.

2. Para o exercicio profesional por parte dos graduados sociais en territorios distintos ao propio da súa colexiación, os colexios de graduados sociais non poderán exixir comunicación nin habilitación ningunha, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial.

3. Nestes casos de exercicio profesional por parte dos graduados sociais en territorio distinto ao de colexiación, e para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao colexio do territorio en que se exerza a actividade de graduado social, en beneficio dos consumidores e usuarios, os colexios de graduados sociais deberán utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes, establecidos no capítulo VI da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, se é o caso, polo Colexio do territorio onde se exerza a actividade profesional producirán efectos en todo o territorio español.

4. No caso de desprazamento temporal a España dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea que pretenda o exercicio en España da profesión de graduado social, aplicarase o disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións, en especial o establecido no Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro de 2005, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro de 2006, relativas ao recoñecemento de cualificacións profesionais. Para exercer desta forma temporal, de acordo coa mencionada normativa, abondará coa comunicación á autoridade competente.

CAPÍTULO II

Da perda da condición de colexiado

Artigo 18

1. A condición de colexiado pérdese:

a) Por defunción ou declaración de falecemento.

b) Por baixa voluntaria, mediante comunicación dirixida ao presidente do Colexio.

c) Por reiterado incumprimento da obriga de satisfacer as cotas ordinarias e extraordinarias que fosen acordadas, así como as demais cargas colexiais a que estivese obrigado. Enténdese por reiterado incumprimento o atraso de tres meses no pagamento de forma sucesiva ou alterna no período dun ano.

d) Por condena firme que comporte a pena de inhabilitación para o exercicio da profesión de graduado social.

e) Por sanción firme de expulsión do Colexio, acordada en expediente disciplinario.

2. Corresponde á Xunta de Goberno do Colexio acordar, en resolución motivada, a perda da condición de colexiado nos supostos das letras c), d) e e).

3. As baixas serán comunicadas ao Consello Xeral e ao Consello de Colexios da Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso.

4. Anualmente, o secretario do Colexio porá en coñecemento dos xulgados e tribunais, e dos organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión, os colexiados que causasen baixa.

5. No suposto da letra c), os colexiados poderán rehabilitar os seus dereitos aboando o debido, os seus xuros legais e a cantidade que corresponda como nova incorporación.

Artigo 19

O graduado social que cause baixa no Colexio perderá todos os dereitos inherentes a tal condición e estará obrigado a devolver o carné de colexiado, sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer por uso indebido deste. En caso de incumprimento da referida obriga, o Colexio anulará de oficio o carné de colexiado.

CAPÍTULO III

Das incompatibilidades

Artigo 20

O exercicio profesional de graduado social terá as incompatibilidades establecidas por lei. Só mediante norma con rango de lei se poderá impoñer o exercicio de forma exclusiva dunha profesión ou limitar o exercicio conxunto de dúas ou máis profesións.

Artigo 21

1. O graduado social en quen concorra algunha das causas de incompatibilidade establecidas nas leis correspondentes deberá comunicalo á Xunta de Goberno do Colexio e cesar inmediatamente na situación de incompatibilidade. De non o facer así, a Xunta de Goberno do Colexio acordará a suspensión do graduado social no exercicio da profesión mentres subsista a incompatibilidade, e comunicarállelo aos xulgados e tribunais en que o graduado social exerza a súa profesión, así como aos organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión.

No caso de que se teña coñecemento de que un graduado social exerce a profesión malia estar incurso nunha causa de incompatibilidade establecida nas leis, o correspondente colexio deberá incoar un expediente sancionador, que pode ir precedido dunha información previa acerca da entidade dos feitos, no curso do cal, e con audiencia do interesado, poderá acordar a súa suspensión no exercicio da profesión.

2. Desaparecida a incompatibilidade, o graduado social, logo de xustificación da dita cuestión, poderá instar da Xunta de Goberno do Colexio o alzamento da suspensión.

3. O acordo polo que se dá de baixa o graduado social por causa de incompatibilidade pode ser obxecto de recurso de alzada ante a Xunta de Goberno do Consello de Colexios da Comunidade Autónoma de Galicia, ou do Consello Xeral se non existe esta, nos termos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A infracción do deber de cesar na situación de incompatibilidade, así como o seu exercicio con infracción das incompatibilidades, directamente ou por persoa interposta, constituirá falta moi grave, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

CAPÍTULO IV

Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 22

Os graduados sociais colexiados gozarán dos dereitos, honras, preferencias e consideracións recoñecidos polas leis á profesión.

Artigo 23º

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Permanecer no Colexio, salvo que incorran nalgunha das causas determinantes da perda da condición de colexiado recollidas nos estatutos.

b) Ser defendidos polo Colexio ante as autoridades, entidades e particulares no exercicio da profesión ou por motivo deste nas súas xustas reivindicacións.

c) Utilizar cantos servizos estableza o Colexio, entre eles, biblioteca, institucións de previsión social e benéficas, publicacións e cantos outros se poidan crear, salvo aqueles que correspondan exclusivamente a colexiados exercentes.

d) Ser representados e apoiados pola Xunta de Goberno nas súas xustas reclamacións e nas negociacións por diferenzas que poidan xurdir como consecuencia do exercicio profesional.

e) Coñecer e estar informado da marcha do Colexio.

f) Asistir a cantos actos de carácter corporativo celebre o Colexio.

g) Usar o carné de colexiado e a insignia correspondente.

h) Ser elixidos para os cargos da Xunta de Goberno do Colexio, do Consello da Comunidade Autónoma ou do Consello Xeral, sempre que se reúnan os requisitos establecidos.

i) Participar no labor cultural e formativo que realice o Colexio.

j) Usar a denominación de asesor laboral e fiscal como expresión específica do contido da profesión. A denominación de asesor laboral ou de asesor fiscal, e calquera outra, deberá ir sempre precedida da expresión graduado social.

k) Usar toga en audiencia pública e actos solemnes xudiciais.

Artigo 24

Os colexiados terán os seguintes deberes:

a) Exercer en todo momento a profesión co debido decoro e dignidade.

b) Cumprir fielmente estes estatutos, así como os propios de cada colexio onde actúen, e as normas vixentes que sexan de aplicación á profesión de graduado social.

c) Exercer a profesión aténdose ás normas establecidas no código deontolóxico que aprobe o Colexio, o correspondente consello autonómico ou o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España. Estes códigos deontolóxicos serán, en todo caso, conformes coas leis e accesibles por medios electrónicos, e precisarán as obrigas dos graduados sociais, incluídas as relativas a que as súas comunicacións comerciais sexan axustadas ao disposto na lei, coa finalidade de salvagardar a independencia e integridade da profesión, así como, de ser o caso, o segredo profesional.

d) Actuar profesionalmente en toda ocasión baixo o seu nome e apelidos, sen prexuízo do previsto nos artigo 34 e seguintes destes estatutos e do establecido na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

e) Participar á Secretaría do Colexio, dentro do prazo de trinta (30) días, os cambios de domicilio.

f) Satisfacer, dentro do prazo regulamentario, o pagamento das cotas a que están obrigados pola súa condición de colexiado, así como das derramas e das demais cargas sociais.

g) Asistir persoalmente, salvo imposibilidade xustificada, ás xuntas xerais que teñan lugar no Colexio, e participar nas eleccións que regulamentariamente se deban levar a cabo.

h) Comparecer ante a Xunta de Goberno ou ante calquera das comisións existentes cando sexan requiridos para iso.

i) Comunicar ao Colexio as suplencias nas funcións profesionais por motivo de enfermidade, ausencia ou calquera outra causa.

j) Gardar a consideración e o respecto debidos aos membros da Xunta de Goberno e das comisións do Colexio, e cumprir os acordos adoptados por estes.

k) Desempeñar con celo e eficacia os cargos para os cales fosen elixidos e participar nas comisións cando sexan requiridos para iso pola Xunta de Goberno.

l) Gardar o segredo profesional, entendendo este como a obriga e o dereito de non revelar ningún feito de que teñan coñecemento por razón do exercicio profesional.

m) Usar toga en audiencia pública e actos solemnes xudiciais.

n) Representar os litigantes que acrediten insuficiencia de recursos nos casos previstos pola lei.

CAPÍTULO V

Do exercicio da profesión de graduado social

Artigo 25

1. Graduado social é, para os efectos deste estatuto, o técnico en materias sociais e laborais, de seguridade social e saúde laboral que, en posesión do título oficial e obrigatoriamente colexiado en exercicio, se dedica de forma habitual e mediante retribución ao estudo, asesoramento, representación e xestión, sen necesidade de apoderamento especial, en todos cantos asuntos laborais, de seguridade social, sociais e de saúde laboral que, como propios da súa función profesional, lle fosen encomendados por ou ante o Estado, entidades territoriais ou autónomas e paraestatais, corporacións locais, consorcios, entidades, empresas e particulares.

2. O graduado social incorporado a calquera colexio de graduados sociais poderá prestar os seus servizos profesionais libremente en todos os asuntos que lle sexan encomendados dentro do territorio do Estado español, no ámbito da Unión Europea e nos demais países, conforme a normativa vixente en cada caso.

3. O graduado social poderá exercer as funcións que lle corresponden e que lle son propias, en réxime de profesión libre ou en réxime de relación administrativa, ou de dependencia laboral en entidades estatais ou privadas.

Artigo 26

Entenderase que existe exercicio profesional como graduado social cando concorran algunhas das circunstancias seguintes:

a) Aceptación, sinatura ou desempeño de actos propios da profesión.

b) Anuncio ou ofrecemento público de servizos profesionais, como informes, estudos, asesoramento, representación e xestións propias da actividade de graduado social.

c) Percepción de retribucións ou honorarios polos traballos enunciados na letra anterior.

d) Calquera manifestación ou feito que permita atribuír o propósito de exercer a profesión de graduado social.

Artigo 27

1. Cando un graduado social, ao encargarse da dirección de calquera asunto profesional ou despois de iniciado este, teña coñecemento de que antes lle fora encomendado a outro compañeiro, deberá gardar cara a este a oportuna consideración, informándoo da súa decisión e solicitándolle a venia por escrito ou por calquera outro medio que acredite a dita solicitude.

2. O graduado social a quen se solicite a venia só a poderá denegar cando non reciba o importe dos seus honorarios. Entenderase tacitamente concedida se transcorren cinco días desde a solicitude sen se ter recibido por escrito a negativa á súa concesión.

3. Todas as cuestións que se poidan suscitar en aplicación do disposto neste artigo serán resoltas pola Xunta de Goberno do Colexio.

Artigo 28

1. O exercicio da profesión de graduado social realizarase en réxime de libre competencia e, sen prexuízo da lexislación xeral e específica aplicable na ordenación substantiva propia da profesión, estará suxeito, en canto á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal.

2. Os graduados sociais en exercicio deberán realizar as funcións propias da profesión con dedicación e responsabilidade directa, sen prexuízo das peculiaridades establecidas para os despachos colectivos.

3. Os graduados sociais non poderán prestar o seu título nin se contratar como tales para figuraren á fronte dos servizos propios da súa competencia en despachos ou empresas dedicadas á prestación de servizos a terceiros.

4. Non obstante, poderán asesorar gremios, entidades, sindicatos, asociacións, corporacións, federacións e agrupacións, tanto de traballadores como empresarios, sempre e cando os seus servizos non llelos presten aos membros da entidade senón á súa xunta directiva para a súa mellor actuación colexiada en defensa dos intereses propios de toda asociación como tales membros.

Artigo 29

1. Os graduados sociais en exercicio libre da profesión poderán ser auxiliados por empregados contratados por estes, que estarán suxeitos aos dereitos e ás obrigas sinalados pola normativa vixente.

2. A condición de empregado de graduado social xustifícase mediante documento acreditativo de tal condición expedido polo Colexio por petición do colexiado, logo de xustificación de cumprimento de requisitos legais dimanantes da súa contratación laboral.

Artigo 30

1. Os colexiados en exercicio poderán establecer, ademais do despacho principal, outros despachos profesionais que deberán dirixir de xeito directo, asumindo todas as obrigas impostas nestes estatutos.

2. A apertura de tales despachos profesionais deberá poñer en coñecemento das xuntas de Goberno dos Colexios correspondentes ao ámbito territorial da actuación profesional, tanto do despacho principal coma das sucursais, con anterioridade ao inicio da actividade.

3. A Xunta de Goberno poderá denegar o establecemento dun novo despacho profesional se infrinxe as normas propias da profesión ou vulnera o previsto nas leis de defensa da competencia, de competencia desleal e xeral de publicidade.

Artigo 31

1. No exercicio da súa profesión, a publicidade dos graduados sociais colexiados rexerase polo disposto na Lei xeral de publicidade.

CAPÍTULO VI

Dos despachos colectivos

Artigo 32

1. Os graduados sociais poderán exercer a súa profesión colectivamente, mediante a súa agrupación baixo calquera das formas lícitas en dereito, incluídas as sociedades mercantís.

2. Os graduados sociais poderanse asociar en réxime de colaboración multiprofesional con outros profesionais titulados, sempre que a lei e a norma reguladora da respectiva profesión o permitan, sen limitación de número e sen que iso afecte a súa plena capacidade para o exercicio da profesión, para o cal poderán utilizar calquera forma lícita en dereito, incluídas as sociedades mercantís.

3. Os graduados sociais poderán, así mesmo, exercer a súa profesión constituíndose en sociedades profesionais conforme calquera das formas societarias previstas nas leis, sempre que cumpran os requisitos establecidos na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, incluídas as sociedades unipersoais.

4. Así mesmo, os graduados sociais poderán constituír sociedades multidisciplinares que poderán exercer varias actividades profesionais, sempre que o seu desempeño non se declarase incompatible por norma de rango legal ou regulamentario e sempre en concordancia coa Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

Artigo 33

Os despachos colectivos de graduados sociais e, en particular, as sociedades profesionais inscribiranse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio, indicando os nomes e as circunstancias dos graduados sociais que os integran e cumprindo coas obrigas de rexistro colexial que a cada un deles lle resulten aplicables segundo a lexislación vixente. As sociedades profesionais en cuxo obxecto se encontre o exercicio da profesión de graduado social serán titulares e estarán suxeitas aos mesmos dereitos e deberes que os graduados sociais.

Artigo 34

Todos os graduados sociais integrados nun despacho colectivo deberán estar incorporados individualmente ao colexio correspondente como exercentes.

Artigo 35

Os graduados sociais que formen parte dun despacho colectivo responderán pola súa responsabilidade, disciplinaria e patrimonial, nos termos establecidos na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, e demais normativa de aplicación.

Artigo 36

Non terá a consideración de despacho colectivo a agrupación de graduados sociais nun mesmo local con total independencia profesional.

TÍTULO III

Dos órganos do Colexio

CAPÍTULO I

Da Xunta de Goberno

Artigo 37

O goberno dos colexios corresponde:

a) Á Xunta Xeral de colexiados.

b) Á Xunta de Goberno.

c) Ao presidente.

Artigo 38

1. O Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra rexerase por unha Xunta de Goberno, que será o órgano de execución e xestión dos acordos da Xunta Xeral, desempeñará con carácter permanente a administración do Colexio e terá en todo momento a plena representación da corporación.

2. Ademais das que se establecen neste estatuto, serán atribucións da Xunta de Goberno:

A) En xeral:

1ª. Someter a votación nas xuntas xerais asuntos concretos de interese colexial, na forma que estableza a propia Xunta de Goberno.

2ª. Resolver sobre a admisión de titulados que soliciten incorporarse ao Colexio.

3ª. Velar para que os colexiados observen boa conduta nas súas relacións cos órganos xurisdicionais, cos seus compañeiros e cos seus clientes, así como para que no desempeño da súa función profesional despreguen a necesaria dilixencia e competencia.

4ª. Impedir o exercicio da profesión a aqueles que, sendo colexiados ou non, a exercesen en forma e baixo condicións contrarias á legalidade vixente.

5ª. Impedir o intrusismo e perseguir os infractores do regulado no número anterior, así como as persoas, naturais ou xurídicas, que faciliten o dito irregular exercicio profesional, exercendo fronte a estas cantas accións xurisdicionais sexan necesarias ou convenientes.

6ª. Propoñer á Xunta Xeral a adopción dos acordos que xulgue procedentes en canto á cantidade que deba satisfacer cada colexiado por dereitos de incorporación.

7ª. Propoñer á Xunta Xeral a determinación das cotas que deben pagar os colexiados exercentes, os exercentes de empresa e os non exercentes, para o sostemento das cargas e servizos colexiais.

8ª. Acordar, se o considera necesario, a imposición de cotas extraordinarias aos seus colexiados, con aprobación da Xunta Xeral.

9ª. Recadar o importe das cotas establecidas para o sostemento das cargas do Colexio, do Consello de Colexios da Comunidade Autónoma de Galicia, de ser é o caso, e do Consello Xeral.

10ª. Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno.

11ª. Convocar xuntas ordinarias e extraordinarias, sinalando a orde do día para cada unha.

12ª. Exercer as facultades disciplinarias respecto aos colexiados, de acordo co previsto nestes estatutos.

13ª. Propoñer á Xunta Xeral a aprobación dos regulamentos de orde interior que xulgue convenientes.

14ª. Nomear as comisións ou seccións de colexiados que sexan necesarias para o estudo das materias que poidan interesar aos fins da corporación e á defensa e promoción do colectivo profesional.

15ª. Velar para que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden ao graduado social, provendo o necesario ao abeiro daquelas.

16ª. Informar os colexiados con prontitude de cantas cuestións coñeza e poidan afectalos, xa sexa de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

B) Con relación aos órganos xurisdicionais:

1ª. Fomentar e estreitar as relacións de respectuosa cordialidade entre o Colexio e os seus colexiados coa maxistratura e os funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en xeral, e cos xulgados do social e os seus funcionarios en particular.

2ª. Promover a organización dun sistema de asistencia que permita contar cos servizos dun graduado social por parte daqueles que carezan de recursos económicos para sufragalos.

3ª. Velar para que no exercicio da función representativa que teñan os colexiados, de acordo coa Lei orgánica do poder xudicial, cumpran estes coas obrigas inherentes á súa función, de acordo co disposto no ordenamento xurídico profesional de aplicación.

4ª. Velar para que, nos mesmos casos, os graduados sociais fagan uso dos dereitos concedidos no artigo 187 da Lei orgánica do poder xudicial, e en audiencia pública, reunións dos órganos xurisdicionais en que proceda e actos solemnes xudiciais usen toga e en estrados, senten á mesma altura que as autoridades, funcionarios e profesionais mencionados no dito precepto.

5ª. Perseguir, nos mesmos casos, os comportamentos contrarios ao deber de gardar segredo dos asuntos que os colexiados coñezan por razón da súa actuación profesional, e impoñer as sancións disciplinarias pertinentes.

6ª. Amparar os colexiados que, nos mesmos supostos, vexan vulnerado o seu dereito a non ser obrigados a declarar sobre os feitos ou noticias de que coñezan por razón de calquera das modalidades da súa actuación profesional.

C) Con relación aos organismos oficiais:

1ª. Defender, cando o xulguen procedente e xusto, os colexiados no desempeño das funcións da profesión ou con ocasión destas.

2ª. Promover, ante o Goberno, as autoridades e cantos organismos oficiais cos cales teña relación a actividade de graduado social, canto se considere beneficioso para o interese común e para a recta e pronta Administración de xustiza.

3ª. Emitir informe, de palabra ou por escrito, en nome do Colexio, sobre cantos proxectos ou iniciativas o requiran.

D) Con relación aos recursos económicos do Colexio:

1ª. Recadar, distribuír e administrar os fondos do Colexio.

2ª. Redactar os orzamentos e render as contas anuais.

3ª. Propoñer á Xunta Xeral o investimento ou disposición do patrimonio colexial, de se tratar de inmobles.

3. Corresponde igualmente á Xunta de Goberno solicitar, de ser o caso, e para os efectos do número 2 do artigo 6 destes estatutos, a autorización singular prevista na Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

Artigo 39

1. A Xunta de Goberno estará composta por un presidente, cargo que deberá recaer necesariamente nun colexiado en exercicio e que deberá continuar séndoo durante todo o seu mandato, que a presidirá, e un máximo de doce vogais, dos cales dous deberán ser non exercentes.

Artigo 40

1. A Xunta Xeral elixirá o cargo de presidente por proclamación e mediante votación nominal expresa. Os cargos de vicepresidente, secretario, tesoureiro, interventor-contador e vicesecretario serán designados pola propia Xunta de Goberno de entre os vogais elixidos pola Xunta Xeral e por proposta do presidente.

2. Os cargos da Xunta de Goberno, agás o de presidente, terán unha duración de catro anos, renovanranse por metade cada dous e poderán ser reelixidos sen limitación.

3. O cargo de presidente terá unha duración de catro (4) anos e poderá ser reelixido por outro período de igual duración, sen que en ningún caso a permanencia no cargo supere os catro (4) mandatos.

Artigo 41

1. O exercicio dos cargos de presidente e vogal da Xunta de Goberno terá o carácter de obrigatorio, honorífico e gratuíto.

2. Poderán ser candidatos todos os colexiados pertencentes ao ámbito territorial do Colexio que estean de alta e ao día no pagamento das súas cotas colexiais, cun mínimo de dous anos de colexiación ininterrompida no período inmediatamente anterior á convocatoria electoral, na modalidade para a cal opta, e que, tendo a condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria.

3. Aos colexiados non exercentes que opten a unha vacante de vogal non exercente computaráselles como período de colexiación todo o que teñan como exercente libre ou de empresa.

4. Non poderán formar parte das xuntas de goberno os que non gocen plenamente dos seus dereitos civís e corporativos.

Artigo 42

1. Se, por calquera motivo, queda vacante algún ou algúns dos cargos da Xunta de Goberno antes da expiración do mandato regulamentario, o cargo vacante será provisto, mediante acordo da propia Xunta de Goberno, entre colexiados que reúnan as condicións de elixibilidade para o cargo de que se trate; os así designados deberanse someter a ratificación na primeira xunta xeral ordinaria que se realice ou ben extraordinaria que se poida convocar para o efecto e, en tal caso, exercerán o cargo polo período de mandato que lle reste ao substituído.

2. Exceptúase o presidente, que se substitúe regulamentariamente polo vicepresidente ata a primeira xunta xeral ordinaria que se realice ou a extraordinaria que se poida convocar para a súa elección.

3. Tamén se procederá á elección parcial de vogais cando non sexa posible cubrir as vacantes polo sistema previsto no punto 1.

4. Cando non for posible cubrir máis da metade das vacantes, o Consello de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia ou, na súa falta, o Consello Xeral, designará unha Xunta provisional entre o primeiro terzo dos colexiados máis antigos, a cal convocará eleccións no prazo de trinta días.

CAPÍTULO II

Da elección da Xunta de Goberno

Artigo 43

1. Todos os membros da Xunta de Goberno serán elixidos por votación axustada ao principio de libre e igual participación dos colexiados. O voto de cada colexiado exercente e de empresa terá dobre valor, mentres que o dos non exercentes e eméritos terá valor simple.

2. Figurarán como electores todos os inscritos no censo que estean no exercicio dos seus dereitos e ao día nos seus deberes colexiais. O censo será formado pola Xunta de Goberno ou, de ser o caso, pola Xunta provisional, constarán nel todos os colexiados incorporados ao Colexio cun mes de antelación á data de convocatoria das eleccións e incluirá todos os datos que fagan posible a elección. A propia Xunta de Goberno ou, de ser o caso, a Xunta provisional resolverá as reclamacións que se poidan suscitar, dentro dos tres días seguintes ao da súa presentación, que, en todo caso, se deberá producir non máis tarde do quinto día anterior ao da elección.

3. Poderán ser candidatos os colexiados que, gozando da condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria, conten polo menos coa antigüidade no Colexio que exixen estes estatutos e sexan proclamados de acordo coas normas e condicións estatutarias.

4. Tamén poderán ser candidatos os colexiados que, procedentes doutro colexio e gozando da condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria no colexio de procedencia, o cal procederá a certificar a alta colexial e a trasladar o expediente. Estes colexiados conservarán a antigüidade e modalidade colexial do Colexio de procedencia.

Artigo 44

1. A votación para a elección dos membros da Xunta de Goberno exercerase persoalmente en forma secreta ao realizarse a xunta xeral ordinaria de cada exercicio ou a extraordinaria que, para estes efectos, se deberá convocar nos casos de vacante do presidente ou da maioría dos vogais. A Xunta de Goberno poderá tamén convocar xunta extraordinaria co único obxecto de realizar separadamente a elección.

2. As votacións para esta elección de cargos vacantes da Xunta de Goberno serán sempre por papeleta editada polo Colexio e non serán válidas as designacións feitas por aclamación.

3. As papeletas serán azuis (voto dobre) para colexiados exercentes e de empresa, e brancos (voto simple) para os colexiados non exercentes e eméritos.

4. Poderase exercer o voto por correo, que se deberá realizar por correo certificado, en sobre dirixido á Secretaría do Colexio.

5. Para que o voto por correo sexa válido, deberá enviarse nun sobre que conteña fotocopia do carné de colexiado ou DNI e o sobre de votación coa papeleta dentro, co fin de identificar o colexiado que o envía, así como de garantir o segredo do voto.

Artigo 45

1. A convocatoria das eleccións faraa o vicepresidente en caso de elección unicamente do presidente e, nos demais casos, a Xunta de Goberno ou, de ser o caso, a Xunta provisional, cunha antelación, polo menos, de trinta días naturais, e terá que enviar con esta o calendario electoral en que se cumprirá o estipulado nestes estatutos.

2. As candidaturas deberanse presentar en horas de oficina na Secretaría do Colexio e con quince días naturais de antelación, como mínimo, ao da realización das eleccións. Poderán ser conxuntas ou individuais e deberán subscribilas só os candidatos. Deberán incluír na solicitude a clase de colexiación, estar en pleno desfrute dos seus dereitos colexiais, e conterán o compromiso previo de prestar xuramento ou promesa segundo o establecido no Real decreto 707/1979, do 5 de abril, así como obediencia ao ordenamento xurídico profesional contido nestes estatutos.

3. A proclamación de candidatos faraa a Xunta de Goberno ou, de ser o caso, a Xunta provisional, dentro dos dous días hábiles seguintes ao da finalización do prazo para presentar as candidaturas. Seguidamente, porao no taboleiro de anuncios e comunicarállelo aos interesados, sen prexuízo de que o Colexio poida remitir tamén comunicacións individuais aos seus membros. As impugnacións que se produzan, que se deberán interpoñer no prazo de dous días hábiles desde a notificación do acordo, serán resoltas pola mesma Xunta de Goberno antes da realización da votación.

Artigo 46

1. A mesa electoral estará integrada por tres membros designados pola propia Xunta de Goberno, excluídos os que sexan candidatos e os asociados ou parentes ata o terceiro grao incluido por consanguinidade ou afinidade dos candidatos.

Serán presidente e secretario da mesa os que o sexan da Xunta de Goberno, ou quen designe a Xunta de Goberno para substituílos.

A mesa electoral tomará os seus acordos por maioría de votos dos seus compoñentes.

2. Cando o número de candidatos proclamados resulte igual ou inferior ao dos vogais da Xunta que se van elixir, a proclamación equivalerá á elección, e esta, polo tanto, non se deberá efectuar. Produciranse as mesmas consecuencias cando se trate da elección só de presidente e se proclame un único candidato.

3. Os candidatos proclamados poderán efectuar, pola súa conta, as actividades de campaña electoral axustadas ao ordenamento xurídico. Non se poderán utilizar para tal efecto locais nin outros medios materiais ou persoais do Colexio, agás o dereito a que se lles facilite unha copia do censo electoral, así como os sobres e papeletas para a elección e, de ser o caso, xogos de etiquetas cos enderezos de todos os colexiados.

4. Cada candidatura conxunta ou cada candidato individual poderá designar outro colexiado que actúe como interventor na mesa electoral, e iso deberá comunicalo por escrito á Xunta de Goberno polo menos con cinco días de antelación ao da votación. A Xunta de Goberno facilitaralle ao designado un documento acreditativo.

Artigo 47

1. A votación levarase a cabo coincidindo co inicio da Xunta Xeral e terá unha duración mínima de dúas horas.

2. A votación realizarase en dúas urnas separadas, unha para colexiados exercentes e de empresa, e outra para non exercentes e eméritos. Os electores entregarán persoalmente a quen presida a mesa as súas papeletas de voto, introducidas en sobre oficial, e este introduciraas na urna correspondente e anotaraos na lista do censo. Votarán en último lugar os interventores, se os houber, e os membros da mesa. Finalmente, introduciranse nas urnas os votos recibidos por correo que cumpran os requisitos estatutarios.

3. Para os efectos de votación, sinalaranse cun X os candidatos que se desexe votar e fixarase como tope de votación por colexiado o número de vacantes motivo das eleccións.

4. Serán válidos unicamente as papeletas e os sobres oficiais entregados polo Colexio aos candidatos e electores, os que terán unhas e outros á súa disposición, na sede colexial, antes e durante a votación.

5. O escrutinio, realizado pola mesa electoral, será público e o secretario autorizará a correspondente acta, que subscribirán os interventores e os demais membros da mesa. Incluiranse as reclamacións que procederen, que serán imprescindibles para ulteriores recursos. Só se conservarán aquelas papeletas obxecto de impugnación.

6. Contra os acordos das Xunta de Goberno e mesa electoral relativos ás eleccións poderanse interpoñer os recursos, que non terán efectos suspensivos, establecidos con carácter xeral nestes estatutos.

Artigo 48

1. No prazo de cinco días desde a constitución da Xunta de Goberno comunicarase esta ao Consello Xeral e, de ser o caso, ao Consello de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia, e, a través destes, ao ministerio e á consellería autonómica correspondentes, informarase da súa composición e do cumprimento dos requisitos legais. Procederase de igual forma cando se produzan modificacións.

2. Os elixidos presidente e os demais membros da Xunta de Goberno, antes de tomaren posesión dos seus cargos, deberán prestar o xuramento ou promesa establecidos no Real decreto 707/1979, do 5 de abril, así como obediencia ao ordenamento xurídico profesional contido nestes estatutos.

3. O presidente tomará posesión no acto de ser elixido e os demais membros na primeira Xunta de Goberno.

CAPÍTULO III

Dos cargos e do funcionamento da Xunta de Goberno

Artigo 49

1. O presidente exercerá a representación oficial e legal do Colexio, tanto en xuízo como fóra del, e nas relacións cos poderes públicos e autoridades; será o executor dos acordos do Colexio; convocará e presidirá as sesións das xuntas xerais e das xuntas de goberno, así como das comisións de traballo ás cales asista; coordinará o labor dos distintos órganos colexiais, presidindo todos eles cando asista, e resolverá os empates co seu voto de calidade se aqueles subsisten durante dúas votacións sucesivas.

2. O presidente do Colexio asumirá igualmente por delegación todas as funcións do Colexio nos casos de urxencia que así o requiran, e poderá adoptar as resolucións e medidas pertinentes baixo a súa responsabilidade e coa reserva de sometelas ao coñecemento e validación da Xunta de Goberno.

3. O presidente do Colexio será o ordenador dos cobramentos e dos pagamentos, asinando a documentación colexial e autorizando co seu visto e prace as certificacións expedidas polo secretario e as actas da Xunta Xeral e da de Goberno. A ordenación de cobramentos e pagamentos poderá delegala con carácter xeral no tesoureiro; neste caso, o presidente autorizaraas co seu visto e prace.

4. Incúmbelle ao presidente do Colexio, en particular, fomentar e manter entre todos os colexiados relacións de compañeirismo e a tutela dos dereitos da profesión, do Colexio e dos seus integrantes, ademais de cantas atribucións determinen estes estatutos.

Artigo 50

1. O vicepresidente e, de ser o caso, os vicepresidentes pola súa orde, substituirán o presidente cando este non poida exercer as súas funcións e en todas aquelas comisións que lles encomende o presidente, con carácter permanente ou ocasional, e é necesario que este sexa informado do desenvolvemento dos labores daqueles.

2. Nos casos xustificados, o vicepresidente ou os vicepresidentes tamén poderán representar o Colexio para todos os efectos legais, e, no caso de imposibilidade do presidente, asistirán en lugar deste ás reunións do Consello Xeral con todos os seus dereitos e obrigas.

Artigo 51

1. Correspóndenlle ao secretario redactar as actas, correspondencia e comunicacións oficiais, dirixir os traballos administrativos do Colexio e levar o arquivo e a custodia da súa documentación.

2. O secretario terá tamén ao seu cargo a expedición de certificacións, co visto e prace do presidente, legalización de sinatura de colexiados e redacción da memoria anual do Colexio.

3. O control directo e inmediato de todos os servizos colexiais e das persoas afectas ao cadro de persoal destes corresponderalle ao secretario.

4. Por acordo da Xunta Xeral, os colexios poderán contratar un xerente, profesional na materia e non colexiado. A propia Xunta Xeral poderá establecer que a Xerencia a poida ocupar un graduado social colexiado. En todo caso, o nomeamento e a remoción corresponderá á Xunta de Goberno, e o xerente desempeñará as funcións de xestión administrativa propias de toda Xerencia, sen menoscabo das funcións estatutarias dos cargos electivos, salvo expresa delegación, para concretos casos que acorden o presidente, o secretario ou calquera membro da Xunta de Goberno, das súas facultades executivas estatutariamente recoñecidas a cada un.

Artigo 52

1. O tesoureiro materializará a recadación e custodia dos fondos do Colexio; dará a estes o investimento que corresponda segundo os acordos da Xunta de Goberno; levará inventario dos bens do Colexio, dos cales será administrador, e ingresará e retirará fondos das contas bancarias, conxuntamente co presidente.

2. Así mesmo, onde non haxa contador, o tesoureiro asumirá as funcións deste sinaladas no artigo seguinte.

Artigo 53

1. Ao interventor-contador correspóndelle a intervención de todos os documentos contables, así como a redacción, para a súa aprobación pola Xunta Xeral, de todos os balances, contas e orzamentos, e o seu control.

2. O tesoureiro e o interventor-contador, se o houber, substitúense reciprocamente en caso de vacante ou ausencia por calquera causa.

Artigo 54

Os cargos de vicepresidente segundo ou sucesivos ou de vicesecretario substituirán, respectivamente, o vicepresidente ou vicepresidentes, pola súa orde, e o secretario.

Artigo 55

1. As xuntas de goberno reuniranse, polo menos, unha vez ao mes, salvo o que cada colexio considere como período de vacacións, e, en todo caso, sempre que as convoque o presidente ou o soliciten a cuarta parte dos seus compoñentes.

2. A convocatoria acordaraa o presidente e incluirá a orde do día, sen prexuízo de tratarse aqueles asuntos que aquel declare urxentes, ben que neste caso non se poderán adoptar acordos sobre estes.

3. As xuntas de goberno quedarán validamente constituídas de concorreren a maioría dos seus compoñentes.

4. A asistencia ás sesións da Xunta de Goberno será obrigatoria para todos os seus membros. Será causa de cesamento e conseguinte substitución regulamentaria, acordados pola propia Xunta, a falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas no prazo dun ano.

5. A convocatoria e a realización das reunións da Xunta de Goberno poderanse levar a cabo de xeito presencial e a distancia, por medios electrónicos válidos, telefónicos ou audiovisuais que garantan a identidade dos asistentes, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen e a interactividade entre eles en tempo real.

Artigo 56

A Xunta de Goberno poderá nomear, de entre os seus membros, os compoñentes das comisións seguintes:

1. Comisión de Cultura, que terá por misión:

a) A organización de cursos, conferencias e coloquios que se crean convenientes para a formación e o perfeccionamento dos colexiados.

b) A organización, actualización e posta ao día da biblioteca do Colexio, que comprenderá, principalmente, obras e revistas de carácter profesional.

c) O servizo de información científica e técnica para os colexiados.

d) A edición da revista ou boletín que publique o Colexio para a información dos seus membros e dos organismos e entidades relacionadas co seu labor.

e) A organización e o desenvolvemento, con carácter permanente, de seminarios ou equipos de traballo dedicados a afondar nas materias sociais e laborais.

2. Comisión de Relacións Públicas: terá o labor de propoñer e informar a Xunta de Goberno sobre asuntos de interese para a corporación, asistencia a actos en que debe estar representado o Colexio; a planificación e o desenvolvemento de actos públicos; contactos cos medios de comunicación social e organización de campañas de prensa, así como participación dos colexiados en congresos e asembleas sobre problemas sociais e laborais.

3. Comisión de Ética: que deberá informar a Xunta sobre as actividades dos colexiados que non se axusten á ética e á honra profesional.

4. Comisión de Intrusismo: que velará porque persoas ou entidades alleas á profesión de graduado social non invadan a súa esfera de acción contravindo os preceptos vixentes sobre a materia, efectuando propostas, á Xunta de Goberno, dos correspondentes expedientes administrativos ou accións ante a xurisdición que proceda, unha vez practicada sucinta información das denuncias e documentos que se lles comuniquen.

5. Ademais das comisións que establecen os estatutos, a Xunta de Goberno poderá crear todas aquelas que xulgue oportunas, xa sexa con carácter permanente ou transitorio, e determinar as súas respectivas misións e labores e o réxime do seu funcionamento.

6. Todas as comisións e relatorios serán presididos polo presidente do Colexio, se asiste, ou polo membro da Xunta de Goberno que designe aquel. Os seus acordos terán o carácter de propostas, que deberán ser elevadas á Xunta de Goberno para a súa aprobación ou desestimación.

Artigo 57

A Xunta de Goberno poderá propoñer a designación de delegados en todas aquelas localidades a que alcance a súa xurisdición e nas demarcacións que se xulgue conveniente, e poderá suprimilas cando o considere oportuno.

CAPÍTULO IV

Das xuntas xerais

Artigo 58

As xuntas xerais do Colexio, que poden ser ordinarias ou extraordinarias, son o órgano supremo de decisión colexial. Intégranas a totalidade dos graduados sociais adscritos ao Colexio que se encontren no pleno desfrute dos seus dereitos.

Artigo 59

1. A xunta xeral ordinaria realizarase dentro do primeiro trimestre de cada ano para tratar, como mínimo, os asuntos seguintes:

1º. Lectura e aprobación, se é o caso, da acta da xunta anterior.

2º. Exame e aprobación, se é o caso, da memoria anual.

3º. Exame e votación do balance e contas anuais de ingresos e gastos e do orzamento para o exercicio.

4º. Exposición por parte do presidente da actuación e do desenvolvemento do Colexio durante o ano anterior, e do estado en que se encontran as xestións realizadas en defensa dos intereses dos colexiados.

5º. Proposicións da Xunta de Goberno.

6º. Proposicións, rogos e preguntas dos colexiados.

7º. Elección de cargos vacantes, cando proceda, e salvo que a Xunta de Goberno acordase convocar para iso xunta extraordinaria co único obxecto de realizala separadamente.

2. O Consello Xeral ou, de ser o caso, o Consello de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia poderá autorizar que a realización da xunta xeral ordinaria teña lugar durante o segundo trimestre do ano, se concorre causa bastante para iso e por petición da Xunta de Goberno respectiva.

Artigo 60

1. As proposicións dos colexiados ante a Xunta Xeral ordinaria deberán ser entregadas á Xunta de Goberno para que esta as examine e forme criterio sobre estas, cunha antelación mínima de cinco días hábiles respecto da data en que debe ter lugar a reunión, e deberán levar como mínimo a sinatura de dez colexiados, dos cales sete, como mínimo, serán exercentes. A Xunta Xeral acordará, despois da súa lectura, se procede ou non discutir as proposicións así formuladas.

2. Dos requisitos anteriores exceptúanse as proposicións incidentais e de orde que presenten durante a realización da xunta un ou varios asistentes, sobre a procedencia das cales resolverá o que presida.

Artigo 61

1. As convocatorias ás xuntas xerais ordinarias ou extraordinarias faranse sempre por escrito e enviaranse a cada un dos colexiados polos medios que habitualmente se utilicen no Colexio.

2. A convocatoria deberase cursar, polo menos, con oito días hábiles de antelación ao da súa realización. En caso de urxencia, ao xuízo da Xunta de Goberno ou do presidente, poderase reducirse este prazo a cinco días hábiles.

Artigo 62

1. As xuntas xerais extraordinarias convocaranse por iniciativa da Xunta de Goberno ou ben por solicitude por escrito dunha terceira parte dos colexiados, na cal expresarán as causas que xustifiquen a petición, dirixida á Xunta de Goberno e puntualizando os asuntos concretos que se deban estudar, con excepción de calquera outro.

2. A Xunta de Goberno só poderá denegar a convocatoria cando a petición que cumpra os requisitos expresados sexa contraria á lei ou allea aos fins colexiais. Noutro caso, iniciará os debates o primeiro asinante da petición.

3. A xunta xeral extraordinaria deberá ter lugar no prazo de trinta días naturais, computados desde o acordo da Xunta de Goberno ou desde a presentación da solicitude.

Artigo 63

1. As xuntas xerais ordinarias e extraordinarias terán lugar sempre no día e na hora sinalados, ben sexa en primeira convocatoria, se asistiren como mínimo a metade máis un dos colexiados, ou en segunda, trinta minutos despois, calquera que sexa o número dos asistentes.

2. O presidente dirixirá os debates, poderá conceder ou suspender o uso da palabra e chamará á orde os colexiados que se excedan na extensión ou alcance das súas discusións, non cinguíndose á materia discutida, ou falten ao respecto á súa autoridade, a algún compañeiro, á Xunta ou á Asemblea, e poderá expulsar do local a quen, chamado á orde dúas veces, o desobedeza.

3. Como regra xeral, nos temas que sexan obxecto de debate só se permitirán, como máximo, dúas quendas a favor e dúas en contra, salvo nos asuntos de excepcional interese ao criterio do presidente.

4. As xuntas xerais non se darán por rematadas mentres non se discutisen e se ditase acordo sobre todos os puntos da orde do día. Non obstante, salvo os casos de elección para cargos da Xunta de Goberno, poderán ser suspendidas por quen as presida cando as sesións se prolonguen máis de catro horas, e continuarán o mesmo día ou o seguinte hábil.

Artigo 64

1. As votacións realizadas nas xuntas xerais serán de tres clases: ordinaria, nominal e por papeleta. Entenderase que existe unanimidade nunha votación cando, ao preguntar o presidente se se aproba o asunto sometido a debate, ningún colexiado manifeste o contrario. En todo caso, o presidente poderá propoñer que se realice a votación.

2. A votación ordinaria verificarase levantándose primeiro os que aproben a cuestión que se debate, e despois os que a desaproben, e efectuarase sempre que a pida un colexiado.

3. A votación nominal realizarase dicindo cada colexiado asistente os seus dous apelidos, seguido da palabra «si», «non» ou abstención, e terá lugar cando o soliciten cinco colexiados como mínimo.

4. A votación por papeleta deberase realizar cando afecte cuestións persoais dun ou máis colexiados, cando a pida a terceira parte dos asistentes á xunta ou a propoña o presidente. As votacións para o nomeamento de cargos vacantes da Xunta de Goberno serán sempre por papeletas, e non serán válidas as designacións feitas por aclamación.

5. En toda votación, o sufraxio de cada colexiado en exercicio ou exercente de empresa terá o valor de dobre, mentres que o do non exercente será considerado simple.

6. Os colexiados, para o efecto de votación dos distintos puntos da orde do día, nas xuntas xerais poderán delegar o voto noutro colexiado.

Artigo 65

Sen prexuízo do establecido nestes estatutos para a elección de cargos vacantes da Xunta de Goberno, o secretario da corporación será o encargado de escrutar os votos emitidos nas xuntas xerais nos demais casos, a quen poderán auxiliar dous asistentes á reunión designados pola propia Xunta Xeral para interviren na dita función.

Artigo 66

1. Os colexiados poden exercer o dereito de censurar o presidente ou algún dos membros da Xunta de Goberno, ou esta en pleno.

2. A petición de moción de censura deberá vir subscrita por unha terceira parte dos compoñentes do Colexio e só se poderá adoptar en xunta xeral extraordinaria convocada expresamente con este único obxecto.

3. Para que se realice a Xunta Xeral será necesario que asistan a ela a maioría absoluta dos colexiados. A mesma maioría absoluta deberá votar favorablemente a censura para que esta prospere.

4. Cando prospere a moción de censura, proveranse os cargos vacantes de acordo co previsto para tal suposto nestes estatutos e darase coñecemento de todo iso ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia, de ser o caso.

TÍTULO IV

Do réxime económico do Colexio

Artigo 67

1. O sostemento económico do Colexio corresponderalles aos colexiados, mediante o pagamento das cotas de entrada e mensuais que serán fixadas pola respectiva xunta xeral, por proposta da Xunta de Goberno.

2. Ademais, formarán parte dos seus ingresos:

a) Os dereitos por recoñecemento ou legalización de sinatura dos colexiados, pola expedición de certificacións e por compulsa de documentos.

b) As subvencións, donativos e bens que reciban por calquera título.

c) Os importes das prestacións de servizos aos colexiados.

d) Cantos outros recursos, directos ou indirectos, poidan dispoñer ou crear logo de acordo de Xunta Xeral, incluídas as derramas extraordinarias.

Artigo 68

1. Os fondos e o patrimonio do Colexio investiranse exclusivamente nas atencións inherentes á súa existencia e competencias corporativas.

2. A Xunta de Goberno en pleno, agás aqueles vogais que salven expresamente o seu voto, serán responsables dos investimentos e do uso dos fondos e do patrimonio, así como dos prexuízos que a estes poidan sobrevir por incumprimento das disposicións legais, regulamentarias e estatutarias e dos acordos da Xunta Xeral, do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais e do Consello Xeral.

3. A corrección das contas e a realidade dos seus ingresos e gastos deberá ser auditada, mediante informe emitido por persoa externa ao colexio, debidamente habilitada, cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

4. En caso de disolución do Colexio, logo de cumprir todas as obrigas pendentes, o sobrante, se o houber, quedará á disposición do Consello Xeral ou do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais.

TÍTULO V

Do réxime de responsabilidade dos colexiados

CAPÍTULO I

Da responsabilidade penal

Artigo 69

Os graduados sociais están suxeitos a responsabilidade penal polos delitos que cometan no exercicio da súa profesión, nos termos previstos pola lexislación penal.

CAPÍTULO II

Da responsabilidade civil

Artigo 70

Os graduados sociais están suxeitos a responsabilidade civil cando, por dolo ou neglixencia, danen os intereses que teñan confiados no exercicio da súa profesión; esta responsabilidade será exixible conforme a lexislación ordinaria ante os tribunais de xustiza.

CAPÍTULO III

Da responsabilidade ante os órganos xurisdicionais

Artigo 71

Na súa actuación ante os órganos xurisdicionais, os graduados sociais están suxeitos ás correccións disciplinarias establecidas na Lei orgánica do poder xudicial e nas leis procesuais.

CAPÍTULO IV

Da responsabilidade disciplinaria

Sección 1ª Faltas e sancións

Artigo 72

As faltas cometidas polos graduados sociais poden ser moi graves, graves e leves.

Artigo 73

Son faltas moi graves:

a) Os actos e as omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión, ás regras éticas que a gobernan e aos deberes establecidos nestes estatutos.

b) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión.

c) A infracción ao réxime de incompatibilidades establecido legalmente.

d) O atentado contra a dignidade ou honra dos membros do Consello Xeral, do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia e da Xunta de Goberno, cando actúen no exercicio das súas funcións e contra os compañeiros no exercicio profesional.

e) A alteración maliciosa dos datos consignados en documentos que expidan ou outorguen.

f) Ter sido condenado pola realización de actos de competencia desleal.

g) A participación activa en actuacións constitutivas de intrusismo profesional, sempre que exista condena xurídica firme.

h) O exercicio das funcións profesionais sen estar dado de alta como exercente.

i) A reincidencia en falta grave.

k) A vulneración dos intereses dos consumidores e usuarios dos seus servizos profesionais.

Artigo 74

Son faltas graves:

a) A demora, a neglixencia ou os descoidos reiterados no cumprimento dos deberes profesionais e corporativos, que causen notorio prexuízo ou quebrantamento.

b) O incumprimento das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais no ámbito da súa competencia.

c) O reiterado incumprimento da obriga de atender ás cargas colexiais, salvo que constitúa falta de maior gravidade.

d) A falta de respecto, por acción ou omisión, aos membros do Consello Xeral, do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia e da Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións.

e) A desconsideración grave a autoridades, clientes ou compañeiros no exercicio da profesión.

f) A inasistencia inxustificada a unha citación do presidente do Consello Xeral, autonómico ou do Colexio cando iso cause grave prexuízo á corporación.

g) O incumprimento do deber de solicitar a venia nos termos establecidos nestes estatutos.

h) Os actos e omisións descritos nas letras a), b), c), d) e f) do artigo anterior cando non teñan entidade suficiente para seren considerados como moi graves.

Artigo 75

Son faltas leves:

a) A demora ou a neglixencia no desempeño das funcións profesionais que teñan encomendadas, sempre que non ocasione prexuízo ou quebrantamento notorio.

b) A falta de respecto aos membros do Consello Xeral, do Consello Autonómico e da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións, cando non constitúa falta grave ou moi grave.

c) Os actos enumerados no artigo anterior cando non teñan entidade suficiente para seren considerados como graves.

Artigo 76

As sancións que se poden impoñer son:

1. Por faltas moi graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por un prazo superior a seis meses sen exceder os dous anos.

b) Suspensión dos dereitos colexiais por un prazo superior a seis meses sen exceder os dous anos.

c) Expulsión do Colexio.

2. Por faltas graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por un prazo non superior a seis meses.

b) Suspensión dos dereitos colexiais por un prazo non superior a seis meses.

3. Por faltas leves:

a) Reprensión privada.

b) Apercibimento por escrito.

Sección 2ª. Procedemento

Artigo 77

1. Correspóndelle á Xunta de Goberno a incoación do expediente disciplinario e o nomeamento de instrutor na persoa da Xunta en quen se delegue e, de ser o caso, do secretario.

2. A imposición de sancións é da exclusiva competencia da Xunta de Goberno, que adoptará os seus acordos por maioría de votos emitidos secretamente entre os membros presentes en sesión convocada para o efecto, excluído o membro da Xunta de Goberno que realice a función de instrutor do expediente.

3. A sanción que se vaia impoñer por falta moi grave debe ser adoptada pola Xunta de Goberno mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos membros compoñentes dela. O membro da Xunta que, inxustificadamente, non concorra, deixará de pertencer ao órgano reitor do Colexio.

Artigo 78

1. As facultades disciplinarias en relación cos membros das xuntas de goberno do Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra correspóndelle ao Consello de Colexios de Galicia ou, noutro caso, ao Consello Xeral.

2. Contra os acordos do Consello de Colexios de Galicia ou do Consello Xeral, nos casos previstos nos parágrafos precedentes, caberá recurso de reposición, ante o propio Consello, como previo ao recurso contencioso-administrativo.

Artigo 79

Na imposición das sancións deberase gardar a debida proporción entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, e terá en consideración especialmente a existencia de intencionalidade ou reiteración e a natureza dos prexuízos causados como criterios para a gradación da sanción.

Artigo 80

1. As sancións disciplinarias executaranse unha vez que sexan firmes en vía administrativa.

2. As sancións que impliquen suspensión do exercicio da profesión ou expulsión dun colexio serán comunicadas ao Consello Xeral de Graduados Sociais conforme o establecido no artigo 94.2 do Real decreto 1415/2006, do 1 de decembro, polo que se aproban os estatutos xerais dos colexios oficiais de graduados sociais.

Artigo 81

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, a morte do colexiado, a prescrición da falta e a prescrición da sanción.

2. A baixa no Colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, senón que se dará por concluído o procedemento disciplinario e a sanción quedará en suspenso para ser cumprida se o colexiado causa novamente alta no Colexio.

Sección 3ª. Prescrición

Artigo 82

1. As faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves ao ano.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar desde o día en que a infracción se cometese ou desde que a Xunta de Goberno ou consello correspondente tivesen coñecemento da súa comisión.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do colexiado, do procedemento sancionador, e continuará de novo o prazo de prescrición se o expediente sancionador está paralizado durante máis de dous meses por causa non imputable ao colexiado inculpado.

Artigo 83

1. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano.

2. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impón a sanción.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do colexiado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer de novo o prazo se aquel está paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao colexiado sancionado.

4. O prazo de prescrición da sanción cando o colexiado sancionado quebranta o seu cumprimento comezará a contar desde a data do quebrantamento.

Sección 4ª. Anotación de correccións e sancións disciplinarias

Artigo 84

1. As correccións disciplinarias que lle impoñan os xulgados ou tribunais ao graduado social faranse constar no expediente persoal deste.

2. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar en todo caso no expediente persoal.

Sección 5ª. Cancelación de sancións disciplinarias

Artigo 85

1. A anotación das sancións de reprensión privada e apercibimento por escrito quedarán canceladas polo transcurso do prazo de seis meses desde que adquirise firmeza, se durante ese tempo non dese lugar o sancionado a outro procedemento disciplinario que remate coa imposición de sanción.

2. A anotación da sanción de suspensión poderase cancelar, por instancia do interesado, cando transcorresen, polo menos, dous ou catro anos desde a imposición firme da sanción, segundo se trate de falta grave ou moi grave, e durante este tempo non dese lugar o sancionado a novo procedemento disciplinario que remate coa imposición de sanción.

3. O colexiado sancionado coa expulsión do Colexio poderá solicitar da Xunta de Goberno a rehabilitación cando transcorresen, polo menos, seis anos desde a imposición firme da sanción. Para tal efecto, instruirase o oportuno expediente, con audiencia do interesado, que resolverá a Xunta de Goberno de forma motivada en votación secreta, para o cal será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos seus membros.

TÍTULO VI

Do réxime dos acordos e a súa impugnación

Artigo 86

Os acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno do Colexio, e as decisións do presidente e demais membros dos órganos colexiados, ditadas no exercicio das súas funcións, serán inmediatamente executivos, salvo que o propio acordo estableza outra cousa ou se refira ao réxime disciplinario dos colexiados.

Artigo 87

1. En cada Colexio levaranse obrigatoriamente dous libros de actas onde se transcribirán separadamente as correspondentes á Xunta Xeral e á Xunta de Goberno.

2. As actas serán asinadas polo presidente ou por quen o substitúa na presidencia e polo secretario ou por quen desempeñe as súas funcións.

Artigo 88

1. Contra os acordos ou as decisións do presidente e dos demais membros da Xunta de Goberno poderase recorrer ante esta no prazo de quince días, contados desde a súa publicación ou, de ser o caso, notificación aos colexiados ou persoas que afecte. A Xunta de Goberno deberá resolver de forma expresa a impugnación no prazo de quince días, e entenderase desestimada se transcorre o citado prazo sen se ditar resolución.

2. Contra a resolución expresa ou presunta do referido recurso caberá interpoñer recurso de alzada na forma prevista no artigo seguinte.

Artigo 89

1. Os acordos adoptados pola Xunta de Goberno do Colexio de Pontevedra poderán ser obxecto de recurso de alzada, ante o Consello de Colexios de Galicia, ou, de ser o caso, ante o Consello Xeral, dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, de ser o caso, notificación aos interesados.

2. O recurso presentarase ante a Xunta de Goberno que ditou o acordo, que deberá remitilo ao consello correspondente no prazo de dez días, co seu informe e cunha copia completa e ordenada do expediente.

3. A interposición do recurso deberá expresar:

a) O nome e os apelidos do recorrente, así como a identificación do medio e, de ser o caso, do lugar que se sinale para os efectos de notificacións.

b) O acto contra o cal se recorre e a razón da súa impugnación.

c) Lugar, data e identificación persoal do recorrente.

d) Órgano ao cal se dirixe.

e) As demais particularidades exixidas, de ser o caso, polas disposicións específicas.

4. O Consello Xeral, logo dos informes que xulgue convenientes, deberá ditar resolución expresa en que estime en todo ou en parte, ou desestime as pretensións formuladas nel, dentro dos tres meses seguintes a súa interposición. Entenderase que en caso de silencio queda denegado, salvo que o acto inicial impugnado se producise por silencio, caso en que o silencio no recurso de alzada terá carácter estimatorio.

Artigo 90

1. Os acordos da Xunta Xeral serán impugnables pola Xunta de Goberno ou por calquera colexiado con interese lexítimo, ante o Consello de Colexios de Galicia, ou, de ser o caso, ante o Consello Xeral, no prazo dun mes desde a súa adopción.

2. Se a Xunta de Goberno entende que o dito acordo é gravemente prexudicial para os intereses do Colexio ou contrario ao ordenamento xurídico, poderá, ao tempo de formular o recurso previsto no parágrafo anterior, suspender inmediatamente a execución daquel, que deberá ratificar ou deixar sen efecto o consello correspondente no prazo de dez días.

Artigo 91

1. Os actos dos órganos colexiais son nulos de pleno dereito nos casos seguintes:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por un órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos que se adquiran facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que se estableza expresamente nunha disposición de rango legal.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, mesmo a desviación de poder.

3. O defecto de forma só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para acadar o seu fin ou dea lugar á indefensión dos interesados.

4. A realización de actuacións fóra do tempo establecido para elas só implicará a anulabilidade do acto cando así o impoña a natureza do termo ou prazo.

Artigo 92

Os actos das xuntas xerais e da Xunta de Goberno do Colexio, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, son directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa, logo da comunicación ao órgano que ditou o acto impugnado.

Artigo 93

1. As notificacións dos acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, e as decisións do presidente e dos demais membros dos órganos colexiados efectuaranse na forma prevista na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os prazos expresados en días enténdese que son hábiles, e exclúense do cómputo os domingos e os declarados festivos.

3. En todo o non expresamente regulado rexe como supletoria a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

TÍTULO VII

Das relacións coas administracións

Artigo 94

1. Os colexios de graduados sociais relacionaranse coa Administración xeral do Estado a través do Consello Xeral e do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, así como coas administracións autonómicas segundo o seu ámbito territorial e o que dispoña a lexislación aplicable. Así mesmo, relacionaranse cos órganos xurisdicionais e gobernativos do poder xudicial no ámbito da actuación dos graduados sociais nas súas funcións de representación técnica das partes ante xulgados e tribunais.

2. As xestións de carácter corporativo que os colexios deban levar a cabo ante a Administración xeral do Estado serán efectuadas directamente por aqueles cando afecten cuestións da súa exclusiva competencia. Non obstante, cando as ditas xestións, por razón da súa materia, afecten a competencia propia do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España, realizaranse co seu coñecemento previo e na forma coordinada que este estableza.

TÍTULO VIII

Honras

Artigo 95

1. Créanse os títulos de presidente de honra e colexiado de honra, que poderán ser conferidos pola Xunta de Goberno en votación que precisará o acordo da maioría absoluta de todos os seus compoñentes, para premiar os méritos que, no exercicio da profesión, contraian os colexiados e os servizos relevantes que lles presten ás persoas ou colectividades alleas ao Colexio. Ambos os dous títulos terán carácter vitalicio.

2. Os expresidentes e as persoas que teñan o título de presidente de honra terán dereito, nos actos públicos do Colexio, a usar toga cos símbolos que distinguen o presidente e a ocupar neles un lugar preferente.

TÍTULO IX

Extinción e liquidación do Colexio

Artigo 96

A extinción do Colexio requirirá o acordo unánime dos seus membros, adoptado en Xunta Xeral convocada para o efecto e ratificado pola disposición legal correspondente. A liquidación levarase a cabo conforme as disposicións legais vixentes e prescricións contidas no acordo de disolución adoptado pola Xunta Xeral e segundo o establecido no artigo 64.4 destes estatutos.

TÍTULO X

Normas favorecedoras de libre acceso aos servizos de graduados sociais e o seu exercicio

Artigo 97

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, por si mesmo ou a través dos respectivos consellos autonómicos ou do Consello Xeral, disporá dunha páxina web e colaborará coas administracións públicas para que, a través do portelo único previsto na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa nun colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia, así como realizar o resto das actuacións previstas na citada lei.

2. Por medio do portelo único, os graduados sociais poderán, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluída a de colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teñan consideración de interesados e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non for posible por outros medios.

d) Recibir as convocatorias ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e a información sobre a actividade pública e privada do Colexio.

3. A través do citado portelo único ofrecerase, de forma clara e inequívoca, a seguinte información:

a) O procedemento a través de medios electrónicos de acceso gratuíto ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán os nomes e apelidos dos graduados sociais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, co contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que se poidan interpoñer no caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais dos graduados sociais se poidan dirixir para obteren asistencia.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

4. As corporacións colexiais, para o cumprimento do previsto neste artigo, incorporarán as tecnoloxías precisas e crearán e manterán as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, o Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, os consellos autonómicos e o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España poderán poñer marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, incluso coas corporacións doutras profesións.

5. O Colexio facilitará aos consellos autonómicos e ao Consello Xeral a información concernente ás altas, baixas e a calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais.

Artigo 98

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra estará suxeito ao principio de transparencia da súa xestión, para o cal elaborará unha memoria anual co contido exixido na Lei de colexios profesionais.

2. A citada memoria anual conterá, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, que inclúa os gastos de persoal suficientemente analizados e especifique as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables analizadas por conceptos e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que acadasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, se é o caso, de acordo coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, de ser o caso, os motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido do seu código deontolóxico.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros da Xunta de Goberno.

3. A memoria anual farase pública no primeiro semestre de cada ano a través da respectiva páxina web. O Consello Xeral fará pública, xunto coa súa propia memoria, a información estatística exixida pola citada Lei de colexios profesionais. Para este fin, o Consello Autonómico e o Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra facilitaranlle a aquel a información para elaborar a memoria anual.

Artigo 99

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra deberá atender ás queixas ou reclamacións presentadas polos graduados sociais colexiados.

2. Así mesmo, o Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra dispoñerán dun servizo de atención aos consumidores e usuarios que necesariamente tramitará e resolvera cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais dos seus colexiados, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, a través deste servizo de atención aos consumidores e usuarios, resolverá as queixas ou as reclamacións, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruíren os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, arquivándoos ou adoptando calquera outra decisión conforme dereito, segundo corresponda.

4. A regulación deste servizo deberá prever a posibilidade de presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Disposición adicional

Estes estatutos enténdense sen prexuízo do que, sobre esta materia, de acordo coa Constitución, a lexislación do Estado e a do Estatuto de autonomía, regule a Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria

A Xunta de Goberno deberá constituír o Rexistro de Sociedades Profesionais a que se refire o artigo 33.3 destes estatutos dentro do prazo establecido na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.