Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 26 de outubro de 2021 Páx. 52402

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2021 pola que se amplían o orzamento e os prazos máximos de execución dos proxectos e de presentación da xustificación e solicitude de cobramento da Resolución do 19 de decembro de 2018, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva, modificada pola Resolución do 6 de agosto de 2020 (código de procedemento IG408A).

No Diario Oficial de Galicia número 13, do 18 de xaneiro de 2019, publicouse a Resolución do 19 de decembro de 2018, pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva, que foi modificada pola Resolución do 6 de agosto de 2020 (DOG número 166, do 18 de agosto).

O artigo 1 da Resolución do 6 de agosto de 2020, que modifica o parágrafo segundo do resolvo quinto da Resolución do 19 de decembro de 2018, fixa no 31 de marzo de 2022 a data da que non pode exceder o prazo de execución dos proxectos que se estableza na resolución de concesión.

O artigo 2 da Resolución do 6 de agosto de 2020, que modifica o parágrafo sexto do resolvo quinto da Resolución do 19 de decembro de 2018, establece que o beneficiario deberá presentar a xustificación dos investimentos e a solicitude de cobramento no prazo máximo dun mes desde a data de finalización do prazo de execución fixada na resolución de concesión e, como máis tarde, o 13 de outubro de 2020 para a anualidade 2020, o 11 de outubro de 2021 para a anualidade 2021, e o 30 de abril de 2022 para a anualidade 2022. Os gastos executados a partir do 1 de novembro de 2020 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2021, e os executados a partir do 1 de novembro de 2021 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2022.

Así mesmo, o artigo 3 da Resolución do 6 de agosto de 2020, fixou a distribución plurianual dos créditos dispoñibles da convocatoria previstos no resolvo cuarto da Resolución do 19 de decembro de 2018 do seguinte xeito:

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

Ano 2022

09.A1.741A.7701

2.000.000 €

3.100.000 €

3.900.000 €

Tendo en conta a complexidade dalgúns dos proxectos subvencionados ao abeiro desta convocatoria e a situación actual de atraso na execución destes, motivada, por unha banda, pola propia crise da COVID-19 que retardou, con carácter xeral, a actividade empresarial e, por outra banda, pola falta actual de subministracións e escaseza de man de obra, resulta conveniente dispor da posibilidade de ampliar os prazos de execución establecidos nas correspondentes resolucións de concesión para as empresas a que lles poidan resultar insuficientes, así como outorgar aos beneficiarios, no caso das últimas solicitudes pendentes de resolución, un prazo de execución do proxecto suficiente desde a data da notificación da resolución de concesión. En consecuencia, considérase axeitado ampliar o prazo máximo de execución e, en consonancia, o de presentación da xustificación e solicitude de cobramento, fixados na citada convocatoria.

Así mesmo, o amplo número de solicitudes recibidas, xunto coa calidade destas, fixo insuficiente o crédito estimado para a convocatoria polo que, para posibilitar o apoio a un maior número de proxectos de investimento produtivo na Comunidade Autónoma de Galicia, se fai necesario incrementar o crédito orzamentario inicial en 1.200.000 €.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas e co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo primeiro.

Fixar no 30 de decembro de 2022 a data da que non pode exceder o prazo de execución dos proxectos que se estableza na resolución de concesión, establecida na Resolución do 6 de agosto de 2020, que modifica o parágrafo segundo do resolvo quinto da Resolución do 19 de decembro de 2018, pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo segundo.

O beneficiario deberá presentar a xustificación dos investimentos e a solicitude de cobramento no prazo máximo dun mes desde a data de finalización do prazo de execución fixada na resolución de concesión e, como máis tarde, o 11 de outubro de 2021 para a anualidade 2021, o 11 de outubro de 2022 para a anualidade 2022, e o 30 de xaneiro de 2023 para a anualidade 2023. Os gastos executados a partir do 1 de novembro de 2021 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2022, e os executados a partir do 1 de novembro de 2022 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2023.

Artigo terceiro.

Ampliar en 1.200.000 € o crédito dispoñible da convocatoria das axudas aos proxectos de investimento empresarial publicada mediante a nomeada Resolución do 19 de decembro de 2018 e modificada mediante Resolución do 6 de agosto de 2020.

Artigo cuarto.

Os créditos dispoñibles establecidos no resolvo cuarto da nomeada resolución, logo da ampliación prevista no artigo anterior, terán a seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

Ano 2022

Ano 2023

06.A1.741A.7701

2.000.000 €

3.100.000 €

3.100.000 €

2.000.000 €

Artigo quinto.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica