Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 21 de outubro de 2021 Páx. 51273

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Resolución do 11 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora e de subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego, na Comunidade Autónoma galega, das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á segunda convocatoria no ano 2021 (código de procedemento PR937A).

BDNS (Identif.): 590168.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.

2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das dúas liñas de subvencións dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma galega (código de procedemento PR937A):

– Liña 1 subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora: teñen por finalidade fomentar o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.

– Liña 2 subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego: destinadas a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia.

2. Así mesmo, ten por obxecto proceder á segunda convocatoria para conceder as ditas subvencións para o ano 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 11 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora e de subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego, na Comunidade Autónoma galega, das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á segunda convocatoria no ano 2021 (código de procedemento PR937A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas dúas liñas de subvencións destinarase un crédito de catrocentos cincuenta mil euros (450.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración