Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 18 de outubro de 2021 Páx. 50742

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 8 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a través dos bonos culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 e á apertura do prazo para a adhesión das entidades e dos establecementos culturais (códigos de procedemento CT500B e CT500C).

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de cultura, o artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, establece que lle corresponden á Secretaría Xeral de Cultura as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no marco dos acordos adoptados pola Comisión non permanente especial para o estudo sobre a reactivación social, económica e cultural de Galicia pola crise da COVID-19, e conforme as súas propostas de execución do Fondo Consenso, recollido nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2021, procede á convocatoria de concesión de axudas económicas dirixidas a propiciar a reactivación do sector cultural de Galicia, estimulando a demanda e reducindo o impacto económico negativo derivado do cesamento e das restricións da actividade cultural como consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

A axuda farase efectiva a través dos bonos culturais, que poderán ser utilizados nos establecementos culturais radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e adheridos ao programa.

Os usuarios dos ditos bonos culturais serán as persoas físicas maiores de idade que teñan a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, parte activa, fundamental e imprescindible para levar a cabo esta campaña de dinamización e reactivación económica da actividade cultural do seu contorno.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Cultura, Educación e Universidade en materia de cultura, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas a través dos bonos culturais e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT500B).

Así mesmo, por medio desta orde procédese á apertura do prazo de adhesión dos establecementos culturais interesados (código de procedemento CT500C).

Artigo 2. Finalidade

O obxectivo do programa Bono Cultura é incentivar a demanda cultural, axudando economicamente as persoas consumidoras, e fomentar o consumo nos establecementos culturais adheridos á campaña.

Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector cultural, dinamizar a actividade dos establecementos culturais, mellorar o fondo de manobra dos establecementos culturais; e reducir o impacto económico derivado do cesamento e das restricións da actividade de determinados establecementos culturais como consecuencia da situación ocasionada pola COVID-19.

Artigo 3. Orzamento

Para a concesión destas axudas destinaranse 1.950.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432B.480.0, proxecto 2021 00159, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Esta cantidade poderase incrementar en función da evolución do programa Bono Cultura co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento derive dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Entidade colaboradora

A entrega e distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 21 de setembro de 2021 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa Consenso, a través dos bonos culturais (código de procedemento CT500A) (DOG núm. 186, do 27 de setembro).

Artigo 5. Actividade subvencionable

Pola presente orde subvenciónase a través dos bonos culturais, nos establecementos de Galicia adheridos ao programa, a compra de produtos culturais, a adquisición de música gravada en formato CD, vinilo, etc., de material audiovisual en formato físico, de libros, de videoxogos, de entradas para salas de cine, para concertos de música e para espectáculos escénicos; de entradas para calquera tipo de institución cultural (museo, casa-museo, etc.), e para a adquisición de calquera outro tipo de ben cultural.

Quedan expresamente fóra do programa os produtos de papelaría, os equipamentos, software e consumibles de informática e electrónica, os xogos de calquera tipo e os libros de texto para o ámbito educativo non universitario.

As vendas subvencionadas serán as realizadas ata o 31 de decembro de 2021 e desde a data fixada no artigo 17 para o lanzamento dos bonos.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de 50 euros por usuario para as compras nos establecementos adheridos.

O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra, de acordo co seguinte criterio:

• Desconto do 50 % da compra realizada ata un máximo de desconto de 50 euros.

As contías enténdense co IVE incluído.

Artigo 6. Natureza das axudas

As axudas que se concedan no marco deste programa terán a consideración de subvencións a fondo perdido non reintegrables.

Artigo 7. Procedemento de concesión

O procedemento para a concesión das axudas reguladas nesta orde é de outorgamento de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde de solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto no artigo 3 desta orde.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións que fomenten o consumo, cumprindo os requisitos especificados nestas bases.

Artigo 8. Órgano responsable da xestión das axudas

O órgano administrativo responsable da xestión das subvencións será a Secretaría Xeral de Cultura, á cal lle corresponde desenvolver as actuacións de supervisión e control da correcta execución do programa.

A xestión dos fondos públicos asignados ao programa Bono Cultura levarase a cabo de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 9. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.

Artigo 10. Alta e requisitos dos establecementos culturais para a adhesión ao programa

1. Os establecementos culturais que desexen adherirse ao programa Bono Cultura deberán rexistrarse a través da web https://www.bonocultura.gal, á cal se poderá acceder desde a sede electrónica https://sede.xunta.gal/portada, e indicar a seguinte información:

• Nome e apelidos ou razón social.

• Establecemento en Galicia.

• NIF.

• Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.

• Nome comercial.

• IAE (incluído no anexo I).

• Enderezo do establecemento.

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

• IBAN da conta bancaria.

• Páxina web do establecemento.

2. O prazo para adherirse ao programa será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Poderanse adherir ao programa Bono Cultura os establecementos que cumpran, ademais, os seguintes requisitos:

a) Persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor/a de produtos e bens culturais.

b) Que desenvolvan a súa actividade en Galicia reunindo as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.

c) Centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural (salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións, etc.).

d) Museos, casa-museo ou asimilados, tanto de titularidade pública como privada.

e) Asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais.

f) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde, no caso de establecementos privados.

4. A alta e o uso da aplicación por parte dos establecementos suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informados convenientemente.

5. Os titulares dos establecementos deberán asinar dixitalmente a declaración responsable e manifestar o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigados a cumprir. A Secretaría Xeral de Cultura poderá comprobar ou, de ser o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

6. Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.

7. O nome comercial e a localización dos establecementos adheridos ao programa Bonos Cultura farase público na web https://www.bonocultura.gal

8. Os titulares dos establecementos adheridos ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento.

Artigo 11. Comprobación de datos dos titulares dos establecementos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos dos titulares dos establecementos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo e achegar os documentos.

2. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) De ser o caso, certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a entidade solicitante.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Presentación da solicitude dos bonos

1. Para a solicitude e obtención dos bonos, cada usuario deberá darse de alta na web https://www.bonocultura.gal, á cal se poderá acceder desde a sede electrónica
https://sede.xunta.gal/portada, e indicar a seguinte información:

a) Nome e apelidos.

b) Localidade de residencia en Galicia (código postal).

c) Maioría de idade.

d) DNI ou NIE.

e) Número de teléfono móbil.

f) Correo electrónico.

2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informados convenientemente.

3. Os usuarios deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Secretaría Xeral de Cultura poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

4. Así mesmo, os usuarios deberán declarar responsablemente que están ao día no cumprimento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e coa Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

5. Opcionalmente, o bono poderase solicitar presencialmente na Secretaría Xeral de Cultura e nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A persoa interesada, ou o seu representante, poderá autorizar expresamente os empregados públicos para a solicitude e obtención do bono en formato papel. Neste suposto, deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.

Artigo 13. Sistema de funcionamento dos bonos

1. A descarga do bono pola persoa usuaria realizarase na web https://www.bonocultura.gal e, nese momento, entenderase preconcedida a axuda. O bono terá formato dixital a través dun código QR e estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet.

2. Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos aos consumidores e usuarios, os titulares dos establecementos terán que descargar no seu móbil a APP correspondente.

3. No momento da compravenda, o titular do establecemento terá que introducir na APP o importe e o concepto da venda, e automaticamente aparecerá o importe a cobrar (unha vez aplicado o desconto). Pola súa banda, o usuario deberá mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.

Artigo 14. Obrigas dos establecementos adheridos ao programa

Os establecementos adheridos ao programa Bono Cultura adquirirán, a través da solicitude de adherencia, as seguintes obrigas:

a) Cumprir coas medidas de prevención de riscos sanitarios e laborais fronte á COVID-19.

b) Anunciar no exterior do establecemento, nun lugar visible, a adhesión ao programa mediante a colocación dos correspondentes materiais publicitarios coa imaxe corporativa do programa Bono Cultura.

c) Facer o desconto directo do bono no tícket ou factura de compra emitido, de xeito que o usuario non chegue a realizar, en ningún caso, o desembolso do importe descontado.

d) Especificar por escrito na zona de caixa, de forma visible, a política de devolución establecida no punto 6 do artigo 16.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia necesarias por parte da Secretaría Xeral de Cultura para verificar o adecuado funcionamento e xestión dos bonos e do programa en xeral.

f) Conservar durante un ano todos os tíckets de compra ou facturas xustificativas da aplicación dos bonos, en canto poidan ser obxecto de comprobación e control por parte da Secretaría Xeral de Cultura.

g) Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido e comprometerse a non llelas facilitar a outras persoas ou establecementos.

Artigo 15. Órganos competentes para a instrución e resolución

A Secretaría Xeral de Cultura será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución.

Corresponde á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ditar a resolución correspondente, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 16. Condicións de uso dos bonos

1. Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou en varios dos establecementos adheridos ao programa.

2. Cada bono terá un valor de 50 euros por usuario que se irá reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra realizada, de acordo co seguinte criterio:

• Desconto do 50 % da compra realizada ata un máximo de desconto de 50 euros.

Todas estas contías se entenden co IVE incluído.

3. O período de validez dos bonos será de ata o 31 de decembro de 2021 e desde a data fixada para o seu lanzamento no artigo 17, salvo esgotamento previo do seu saldo.

4. A través da plataforma tecnolóxica do programa, os titulares do establecemento terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das vendas, os bonos xa trocados, os aboamentos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.

5. O importe máximo de bonos que poderá trocar cada entidade colaboradora será de 20.000,00 euros (IVE incluído).

6. En caso de devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O comerciante non poderá aboar ao consumidor, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito.

7. Non será aplicable o cambio dos bonos para as compras en liña.

Artigo 17. Data de activación dos bonos

Os bonos estarán dispoñibles na web https://www.bonocultura.gal para a súa descarga polos usuarios a partir do 1 de novembro de 2021 e serán válidos ata o 31 de decembro de 2021.

Mediante orde da Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderase modificar a dita data se razóns organizativas, sanitarias ou doutra índole así o aconsellan, do cal se dará a oportuna publicidade.

Artigo 18. Vixencia do programa

O programa Bono Cultura estará vixente ata o 31 de decembro de 2021. Mediante orde da Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderase modificar a data indicada se razóns organizativas, sanitarias ou doutra índole así o aconsellan, do cal se dará a oportuna publicidade.

Se transcorridos os tres meses de vixencia dos bonos, e tras as correspondentes liquidacións, resulta crédito dispoñible, poderase activar unha nova campaña de lanzamento de bonos mediante a correspondente convocatoria.

Artigo 19. Instrución e resolución de concesión

Unha vez solicitado o bono na forma establecida no artigo 13, a axuda entenderase preconcedida.

A resolución de concesión das axudas publicarase na páxina web oficial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, con indicación das persoas beneficiarias e do importe das axudas concedidas.

Artigo 20. Xustificación e inspección

A Secretaría Xeral de Cultura, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar a posteriori e de forma aleatoria cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control xulgue oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa Bono Cultura.

No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos adheridos, a Secretaría Xeral de Cultura poderá cancelar a súa adhesión ao programa subvencional. Neste caso, comunicará a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir o troco e pagamento dos bonos ou solicitará, se é o caso, o reintegro dos fondos percibidos.

Os establecementos adheridos ao programa Bono Cultura están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Cultura e polos restantes órganos competentes no exercicio das súas funcións de control do destino das axudas.

Artigo 21. Compatibilidade con outras axudas

As axudas obtidas ao abeiro desta orde serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente doutras administracións públicas.

Artigo 22. Información básica en materia de protección de datos persoais

O responsable do tratamento é a Xunta de Galicia-Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a recollida dos datos está encomendada á entidade bancaria adxudicataria. Os datos serán tratados coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste bono.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, con base na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga), e no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Para a entrega do material coa imaxe corporativa do programa Bono Cultura aos establecementos adheridos, a información relativa ao nome comercial e enderezo postal, nome da persoa representante e teléfono móbil poderá ser comunicada a terceiros colaboradores.

Serán obxecto de publicación os nomes comerciais dos establecementos adheridos ao programa na páxina web https://www.bonocultura.gal

As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable, acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais ou no enderezo electrónico secretaria.xeral.cultura@xunta.gal

Así mesmo, poderán exercer os ditos dereitos no/s seguinte/s enderezo/s da entidade financeira colaboradora: Servizo de Privacidade de Abanca, na avenida García Barbón, 1-3, 36201 Vigo (Pontevedra) ou a través do correo privacidad@abanca.com, indicando o dereito a exercer e xuntando a documentación requirida, así como unha referencia ao bono cultura.

Pode consultar máis información e contactar co delegado de protección de datos (DPD) na páxina https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Información

Poderase obter información adicional a través da web https://www.bonocultura.gal. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderase facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12), así como en https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO I

Grupos e epígrafes do IAE:

659 Outro comercio polo miúdo

659.4 Com. polo miúdo de libros, xornais e revistas

962 Distribución pelíc. cinem. e vídeos

962.1 Distribución e venda de películas

962.2 Distribución e venda por xunto de películas

963 Exhibición pelíc. cinem. e vídeos

963.1 Exhibición de películas cinematográficas

963.2 Exhibición películas aire libre

963.3 Exhibición películas sen establecemento

963.4 Exhibición películas establec. distintos

965 Espectáculos (agás cine e deportes)

965.1 Espectáculos en salas e locais

965.2 Espectáculos ao aire libre

965.3 Espectáculos fóra establecemento

965.4 Empresas de espectáculos

966 Bibliot., arquiv., museos, xardíns e zoo

966.1 Bibliotecas e museos