O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro) regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.
Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.
Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:
– Somozas Valorización de Lodos-Biogás, S.L. (Sologas). Documento para revisión de AAI. Centro de tratamiento de residuos-As Somozas.
Para que calquera interesado poida consultalo e, se for o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que ache oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:
– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).
Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021
María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático
ANEXO I
Memoria resumo
Clave do expediente: 2020-IPPC-M-52.
Peticionaria: Somozas Valorización de Lodos-Biogás, S.L. (Sologas).
CIF: B70310008.
Domicilio social: Marván-Seixas, CP 7010, km 15, polígono industrial das Somozas, A Coruña.
Localización da instalación: Marván-Seixas, CP 7010, km 15, polígono industrial das Somozas, A Coruña.
Actividade: xestión de valorización de residuos perigosos e non perigosos.
Descrición: na instalación realízase a valorización de residuos, composta dos seguintes elementos:
– Estación depuradora de augas residuais industriais (EDARI): o método de tratamento incorpora procesos físicos, químicos e biolóxicos que permiten mediante a diferenciación dunha liña de auga, de lodos e biogás, o tratamento na instalación de residuos perigosos e non perigosos. As instalacións contan tamén cunha planta de evaporación de triplo efecto con circulación forzada, para o tratamento dalgúns tipos de residuos líquidos recibidos nas instalacións.
– Módulo de biometanización (biodigestor) e motor de coxeración en que se empregará como combustible o gas xerado pola produción de lodos, aproveitando a enerxía eléctrica producida para o consumo do resto das instalacións.
– Unidade de osmose como complemento do sistema de depuración existente e para asegurar a completa depuración da vertedura que se produce nas tempadas de alta pluviosidade prolongada, o que podería xerar arrastres nas vías e zonas sucias da instalación.
– Planta de compostaxe e de elaboración de solos artificiais: tratarase a materia orgánica co fin de elaborar compost destinado a uso agrícola e solos artificiais ou tecnosolos.
– Instalacións para a elaboración de produtos fertilizantes mediante a produción de adubo mineral en formato líquido pola mestura do digestato xerado nos biodixestores da EDARI con adubos minerais para a obtención dun adubo órgano-mineral.
As augas caídas sobre a cuberta dos edificios, após a súa captación, condúcense directamente ata o punto de vertedura sen tratamento previo. As augas pluviais ou aqueloutras susceptibles de resultar contaminadas polo arrastre de materiais son captadas e derivadas á EDARI para o seu tratamento e posterior vertedura ao Rego dos Miles.
Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recolleito na Decisión de execución (UE) 2018/1147 da Comisión, do 10 de agosto de 2018, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no tratamento de residuos, conforme a Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.