Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 13 de outubro de 2021 Páx. 50137

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de xullo de 2021, polo que se declara de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Aguas do Paraño, S.L.

En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de xullo de 2021, polo que se declara de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Aguas do Paraño, S.L., que se recolle como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de xullo de 2021, polo que se declara de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Aguas do Paraño, S.L.

Feitos:

1. O 29.11.2020 a empresa Aguas do Paraño, S.L. presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN) a solicitude de aprobación do proxecto sectorial para ampliación das súas instalacións, situadas no lugar do Regueiro de Abaixo, no concello de Boborás (Ourense), para os efectos de iniciar o procedemento de aprobación deste, previsto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, acompañando o proxecto sectorial. Segundo se desprende deste documento:

• Actualmente está en funcionamento a planta de extracción e embotellamento implantada co obxecto de aproveitar o manancial existente no lugar, sobre unha cesión de dereitos de superficie outorgada pola Comunidade de Montes en Man Común do Regueiro.

• A superficie do ámbito do proxecto sectorial é de 10.933,16 m2, cuxa clasificación urbanística é de solo rústico de protección forestal cunha superficie de 7.160,83 m2 e de protección de infraestruturas (N-541) cunha superficie de 3.772,33 m2.

• O obxecto do proxecto sectorial é regular a implantación e fixar as condicións urbanísticas de cara á ampliación das instalacións existentes, dado que a superficie actual resulta escasa para o nivel de envasado e distribución acadado.

2. O 11.12.2020 a DXPERN solicitou ao Igape, pola súa condición de axencia adscrita a esta consellería para o desenvolvemento económico de Galicia, informe sobre a procedencia de declarar o citado proxecto sectorial como de incidencia supramunicipal, segundo o disposto no Decreto 80/2000, do 23 de marzo.

3. O 29.12.2020 o Igape emitiu informe de valoración da contribución ao desenvolvemento económico de Galicia do referido proxecto sectorial, concluíndo o seguinte: «Pola importancia do sector primario nos programas e estratexias da Xunta de Galicia, e pola relevancia do sector para Galicia, ben que as expectativas de crecemento empresarial desta pequena empresa son moderadas, son sustentadas no tempo e sen dúbida o seu proxecto, a curto e medio prazo, contribuirá ao desenvolvemento económico e social de Galicia, cun impacto especial na contorna rural onde se desenvolve a actividade industrial, no concello interior de Boborás, ao que a empresa aporta un importante valor económico e social».

4. O 13.1.2021 a DXPERN solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (en adiante, DXOTU) o informe previo á declaración de incidencia supramunicipal do dito proxecto sectorial, exixido no artigo 13.1 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.

5. O 14.2.2021 entrou en vigor a Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (DOG nº 8, do 14 de xaneiro), que implica a derrogación da normativa anterior (Lei 10/1995, do 23 de novembro, e Decreto 80/2000, do 23 de marzo). De acordo con esta nova lei, os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal quedan substituídos polos proxectos de interese autonómico, cuxa regulación ven recollida na sección 4 (artigos 40 a 53) do capítulo II do título I da nova lei.

6. O 20.4.2021 a DXOTU emitiu o informe sobre a declaración de incidencia supramunicipal, de carácter favorable, advertindo que a tramitación do proxecto sectorial achegado debe reconducirse á dos proxectos de interese autonómico previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.

7. De acordo co disposto no artigo 42 da nova Lei de ordenación do territorio de Galicia, referente ao procedemento de declaración de interese autonómico (que substitúe a anterior declaración de incidencia supramunicipal), unha vez obtido o informe da DXOTU darase audiencia, por un prazo de 2 meses, aos concellos afectados e demais administracións públicas cuxas funcións puidesen verse afectadas. O informe da DXOTU indica que deberá incluírse entre as referidas administracións ás seguintes entidades: a Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (dada a especial incidencia na estrada nacional N-541) e a Consellería do Medio Rural (pola afección derivada do solo rústico de protección forestal).

En canto ao dito trámite de audiencia, o 26.4.2021 a DXPERN trasladou ás citadas entidades (Concello de Boborás, Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e Consellería do Medio Rural) o referido proxecto, para os efectos de que emitisen informe nun prazo máximo de 2 meses. Das entidades consultadas, só contestou a Consellería do Medio Rural, a través do Servizo de Montes da súa Xefatura Territorial, quen emitiu, con data do 13.5.2021, informe favorable pero advertindo que será necesario declarar a prevalencia da utilidade pública do MVMC afectado para poder expropiar ou ben chegar a un mutuo acordo para a súa disposición.

8. O 26.4.2021 a DXPERN requiriulle ao promotor a presentación do xustificante de pagamento da taxa administrativa correspondente á tramitación de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal (código: 32.70.01; importe: 4.516,03 €). O 4.5.2021 o promotor presentou o xustificante de pagamento da referida taxa.

9. O 15.7.2021 a DXPERN emitiu informe sobre a tramitación realizada, indicando que procede facer a proposta ao Consello da Xunta de Galicia para a declaración de interese autonómico do referido proxecto de ampliación das instalacións de Aguas do Paraño, S.L.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites do procedemento establecido na normativa de aplicación, conformada pola Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, e o Informe da DXOTU emitido con carácter previo á declaración de interese autonómico.

Tanto a Lei 10/1995, do 23 de novembro, como o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, xa non son de aplicación para este procedemento, por non terse formulado o Informe Ambiental Estratéxico con anterioridade á entrada en vigor da nova Lei de ordenación do territorio de Galicia (Lei 1/2021, do 8 de xaneiro), conforme o disposto na disposición transitoria primeira desta nova lei.

3. Informe da DXPERN, con data do 15.7.2021, indicando que procede facer a proposta ao Consello da Xunta de Galicia para a declaración de interese autonómico do referido proxecto, de conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.

De acordo con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte acordo:

1. Declarar de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Aguas do Paraño, S.L.

2. O órgano competente, por razón da materia, para a tramitación do expediente é a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, debendo esta consellería cumprir co procedemento legal establecido.

3. As determinacións contidas no referido proxecto, unha vez aprobado definitivamente por este consello, vincularán o planeamento do Concello de Boborás, na provincia de Ourense, que terá que adaptarse a elas dentro dos prazos que para tal efecto se determinen.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.