Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 13 de outubro de 2021 Páx. 50038

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 30 de setembro de 2021 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Ponteareas (Pontevedra).

O Concello de Ponteareas eleva para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), que habilita para continuar a tramitación a teor do disposto na LOUG nos PXOM aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor da LSG.

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. Planeamento municipal vixente.

As normas subsidiarias de planeamento do Concello de Ponteareas (NSP 95) foron aprobadas definitivamente o 11 de maio de 1995 e modificadas puntualmente o 25 de setembro de 1997 (MP núm. 1, 2, 3, 4 e 5) e o 11 de xaneiro de 1999 (MP núm. 6 e 10).

O Decreto 207/2002, do 20 de xuño, suspendeu esas NSP e estableceu unha ordenación urbanística provisional, que foi modificada polo Decreto 180/2004, do 29 de xuño; Decreto 319/2004, do 29 de decembro; e Decreto 267/2007, do 28 de decembro. Segundo o artigo único do Decreto 319/2004, mantense a vixencia dos seguintes instrumentos de desenvolvemento:

• Plan parcial de ordenación do solo apto para urbanizar de áreas de Canedo (AD 1.2.1999).

• Plan especial de desenvolvemento da unidade de execución número 13 Urbanización Lamazares (AD 7.9.1998).

• Plan especial para a implantación do campo de golf en Pías (AD 1.2.1999).

2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia en Ponteareas:

• Directrices de ordenación do territorio, aprobadas definitivamente polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro (DOG do 22.2.2011).

• Plan sectorial eólico de Galicia, primeira modificación (AD 5.12.2002, DOG do 3.1.2003).

• Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (AD 30.4.2014, DOG do 28.5.2014).

3. Tramitación.

1. Ao abeiro do establecido no artigo 85.1 da LOUG, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu con data do 15 de xuño de 2012 o preceptivo informe previo á aprobación inicial do documento.

2. Na sesión do 18 de xuño de 2013 o Concello en Pleno acordou aprobar inicialmente o PXOM, con correccións aprobadas na sesión do 9 de xullo de 2013. Este documento someteuse a información pública mediante anuncios nos diarios Atlántico e Faro de Vigo do 6 de agosto de 2013, así como no DOG do 2 de agosto de 2013. O prazo de exposición pública ampliouse mediante anuncios no DOG do 24 de setembro de 2013, e nos diarios Atlántico e Faro de Vigo do 19 de setembro de 2013.

3. Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Mondariz, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, O Porriño e Mos; e solicitáronse informes aos distintos organismos de carácter sectorial.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM do Concello de Ponteareas o 7 de xullo de 2015 (DOG do 27.7.2015).

5. O plan xeral foi aprobado provisionalmente polo Concello na sesión plenaria do 2 de febreiro de 2016 e a documentación relativa foi enviada a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

6. Conforme o previsto no artigo 85.7 da LOUG, e co fin de comprobar a integridade documental tanto do plan como do expediente e das actuacións administrativas realizadas polo concello, examinouse a documentación presentada e detectáronse unha serie de deficiencias, polo que en datas 8 de abril de 2016 e 12 de xullo de 2016 requiriuse o Concello de Ponteareas para emendalas.

7. En resposta a estes requirimentos, o Pleno do Concello aprobou un documento refundido do PXOM o 7 de outubro de 2016.

8. Mediante a Orde do 9 de febreiro de 2017 a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM de Ponteareas, sinalando as deficiencias que se deberán emendar.

9. O plan xeral foi sometido a nova aprobación plenaria polo Concello na sesión do 12 de agosto de 2019 e tivo entrada nesta consellería o 10 de setembro de 2019.

10. Coa finalidade de resolver unha serie de cuestións documentais detectadas, produciuse unha nova aprobación plenaria o 29 de outubro de 2019, con documentación que entrou nesta consellería o 13 de novembro de 2019.

11. O 5 de febreiro de 2020 a Alcaldía de Ponteareas solicitou a suspensión do prazo de resolución para revisar varios aspectos técnicos e xurídicos.

12. O 29 de xuño de 2021 o Pleno de Ponteareas, tras a emisión de novos informes xurídicos e técnicos, aprobou un documento reformado e acordou solicitar a aprobación definitiva do PXOM a esta consellería. A nova documentación entrou no rexistro o 11 de agosto de 2021.

II. Análise e consideracións.

1. Logo de analizar a documentación do PXOM de Ponteareas, elaborada por G.O.C., identificada con dilixencia de aprobación provisional do 29 de xuño de 2021, en relación coas observacións formuladas na Orde de non aprobación do PXOM do 9 de febreiro de 2017 e as modificacións operadas durante a súa posterior tramitación, púidose comprobar que se lles deu cumprimento.

2. Porén, cómpre formular as seguintes consideracións:

• Nos ámbitos SURBZ-08 e SURBZ-07, os equipamentos deben estar incluídos neles, independentemente de que a súa superficie non se teña en conta para os efectos do cómputo da edificabilidade, tal como se indica no artigo 46.6.b) da LOUG.

• A regulación de fóra de ordenación do artigo 40.3 debe respectar o establecido polo artigo 90 da Lei 2/2016, para o que se deberán eliminar os puntos 6 e 7.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

III. Resolución.

En consecuencia e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal de Ponteareas, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas no punto II.2 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ponteareas, 30 de setembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda